• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

ARANTXA PÉREZ: «A MIÑA MÚSICA NACE DESDE ESE XEITO APAIXONADO QUE TEÑO DE FACER AS COUSAS»

ARANTXA PÉREZ: «A MIÑA MÚSICA NACE DESDE ESE XEITO APAIXONADO QUE TEÑO DE FACER AS COUSAS»
9 OUTUBRO 2023

Algúns artistas descóbrense en karaokes, outros en concursos musicais... e outros en festivais de fin de curso. A principios dos 90, Arantxa Pérez subíase a un escenario por vez primeira; varios anos (e concursos) despois, a cantautora de Catoira pasou de facer versións de clásicos a compoñer as súas propias cancións acompañada da súa guitarra, que aprendeu tocar de xeito autodidacta.

Melodías pop con ritmos máis delicados tinguen unha voz que canta ao amor, e todo o que isto supón, como base universal da vida. As súas composicións cargadas de romanticismo enchen xa tres discos; Del cielo a Marte (2023) é o máis recente, publicado o 15 de setembro logo de varios meses de espera e adiantos. Con este álbum, Arantxa Pérez despega e alza o voo cara a un destino onde atopará «todo aquilo que lle fai sentir e dar valor e sentido á súa vida, aínda que lle rompa o corazón».

 

 

Fotos @ Adriana Pérez

 

Un festival de fin de curso foi o teu primeiro escenario, ao que subiches por casualidade cando unha profesora descubriu o teu talento a finais da década dos noventa. Pero como esta casualidade se tornou en carreira?

Arantxa Pérez: «Foi como descubrirme a min mesma, alén “do que hai que facer” cando es neno e estás nesa etapa da vida en que a formación académica é o primordial. Ese evento marcou para min a dirección de cales ían ser os meus pasos a partir de aí e, como por inercia e de maneira natural, xa estaba no camiño da música».

 

Fuches parte de varias orquestras de verbena como Triunfo, Limón, Metrópolis ou Passarela. Que supuxo para ti esta experiencia, tanto profesional como persoalmente?

Arantxa: «Quizais foi o xeito de facer o que tanto quería, cantar. En Galicia, con todo o contexto da verbena había moitas oportunidades e facíase moi fácil introducirse, pero logo, unha vez dentro, sentín desde o primeiro momento que non era o contexto máis apropiado para min e non atopaba o xeito de desenvolverme artisticamente.

Cada vez encaixaba menos en toda a contorna, así que logo de varios anos e formacións decidín desvincularme totalmente da verbena».

 

Como describiría Arantxa Pérez a súa música?

Arantxa: «Eu sinto que a miña música é “verdade” en todo o sentido da palabra, porque nace desde ese xeito apaixonado que teño de facer as cousas, onde antepoño sempre o meu presente; todo o mellor que podo dar neste preciso momento.

Aínda que entendo que podo non estar ao nivel profesional que me gustaría, sempre o abrazo como parte do proceso. Nunca me permito vivir ou desexar outro momento distinto ao actual; penso que é a única maneira de fluír, crecer, á vez que amosamos o noso lado máis xenuíno, máis brillante».

 

Musicalmente falando, tes algún referente ao que admires particularmente?

Arantxa: «En termos de referencias, máis que a artistas en concreto me traslado á miña infancia; á música coa que medrei e que me apaixonaba e chamaba a miña atención á vez.

A miña nai, de entre as poucas cintas orixinais que tiñamos na casa, escoitaba a Dyango, Roberto Carlos, Julio Iglesias, Sandro Giacobbe... e sendo nena e non podendo entrar na pel da mensaxe que podía haber nesas cancións, emocionábame moitísimo e facía un drama [risos]. Desde aquela quedei “atrapada” nese estilo de música nostálxica e romántica, que evoca un sentimento e toca a emoción».

 

 

 

 

Debutas discograficamente con Hay tanto camino por andar (2017) que, realmente, nacera como maqueta. Como chega a converterse en longo de dez cancións?

Arantxa: «Aos poucos de comezar a tocar a guitarra de maneira autodidacta, ese xeito que teño de existir non vendo as limitacións me fixo pensar na posibilidade de escribir cancións.

Así que unha mañá, nada máis levantarme da cama, escribín unha canción cos catro acordes que sabía. Foi como abrir unha porta a unha nova vida e na rutina dos meus días escribir cancións converteuse nunha necesidade; non podía parar. É nese non parar, esa forza incontrolada e desmedida de querer algo, que buscas a forma de facelo posible ata no imposible».

 

Cun título que semella abrir as portas á esperanza, as cancións deste álbum afirman, e confirman, que «onde alcanzan os soños, non chegan as limitacións». Foi este sentimento a única fonte de inspiración?

Arantxa: «Totalmente. Como comentaba anteriormente, esta frase acompañarame sempre porque define á perfección a razón de todos os meus logros ata o momento».

 

Fotos @ Adriana Pérez

 

“Tú VS Yo” era un dos sinxelos presentación de Hay tanto camino por andar, que presentabas acompañado dun videoclip rodado no antigo Hospital Xeral de Santiago de Compostela. Por que escoller esta localización en concreto para representar o duelo emocional que transmite a canción?

Arantxa: «Outra das miñas tolarías! Este disco foi un soño feito realidade e, unha vez que xa o tiña, durante os seguintes pasos soñaba con facer un vídeo á altura das miñas emocións.

Esta canción era, ademais, das favoritas do disco. Tiña moi claro na miña cabeza o que quería expresar —esa ruína emocional a través do lugar escénico— e o hospital de Galeras era un lugar que me estremecía desde sempre. Así que, aínda sabendo que era moi ostentoso gravar alí, non dubidei en dar os pasos necesarios para establecer o contacto e a vida sorprendeume nesta ocasión regalándome esta experiencia única».

 

 

Para o vídeo de “No hay remedio” contaches cun paisano teu: O Gato de Catoira, Sergio Álvarez, daquela porteiro do Real Club Celta. Como xurdiu este cameo e que recordas de tal especial gravación?

Arantxa: «Ao principio xorden estas ideas motivadas polo desexo de dar e facer o mellor polo que tanto loitaches e, neste caso, estabamos a falar do meu primeiro disco, algo impensable para min.

Dado que había unha historia de amor moi definida nesta canción, pensei desde o primeiro momento en Sergio como protagonista. Ademais de amigo e catoirán, é unha persoa que me inspira e coa que comparto e admiro os seus valores de constancia, superación, traballo... Pareceume incrible que me acompañase e escribir xunto a el estas liñas como parte da historia da miña música e do meu legado.

Aínda nos vexo como a eses nenos que creceron xuntos no colexio, os dous do ano 86, sempre á par. Lémbroo a el xunto ao meu irmán xogando ao fútbol e eu cantando. Dun xeito ou doutro, estas lembranzas e vivencias defínennos e dan un sentido á nosa existencia neste breve espazo de tempo que nos toca como é a vida».

 

 

 

 

Un par de anos máis tarde chegaba A salvo (2019) e, con el, 16 novos cortes de pop romántico. Como lembras a creación deste segundo disco?

Arantxa: «Foi unha etapa moi intensa porque sumaba retos e metas que requirían e supoñían todo o meu tempo, atención, esforzo e en momentos me sentín superada.

De súpeto estaba a facer un segundo disco con dous produtores que admiraba infinito e con catro colaboracións de artistas internacionais; fíxeno como se fose o meu último disco. Traballaba e facía unha vida por encima das miñas posibilidades en canto ao que a miña mente e corpo podían dar de si. Foi igual de duro que apaixonante».

 

Neste disco contas con varias colaboracións e, así, escoitamos a túa voz acompañada de varios artistas de América Latina —Pablo Dazán, Buena Fe, Parra e Guelo Deluxe—, como chegaches ata eles e que dirías que achegan (ademais da súa voz) ás cancións?

Arantxa: «Son artistas que forman parte da miña listaxe de favoritos en Spotify, que admiro e cos que comparto a condición de artista independente; algo que é de gran inspiración para min polo traballo tan profesional que están a facer, con producións dunha calidade á altura dos grandes da industria, pero sen os recursos e posibilidades desta.

Todos eles, na miña opinión, son xenuínos; teñen algo especial, ese matiz que marca a diferenza.

Chorei moitísimo facendo estas colaboracións. Foi das cousas máis bonitas e emocionantes que vivín coa música e ocupa un lugar especial no meu corazón».

 

 

E, xa que cruzamos o charco, é curioso como moitas das túas escoitas, e dos teus seguidores, son de fóra de España. Por que pensas que a túa música ten tanta acollida alén das nosas fronteiras? Lembremos que unha das cancións deste álbum, “De una vez”, se coou na banda sonora da película mexicana El mesero (Raúl Martínez, 2021)!

Arantxa: «Isto tamén me emociona especialmente, o feito de que a miña música tivese unha oportunidade no ámbito audiovisual e nun país que quero tanto como é México. Non sei, ás veces penso que non existen respostas certeiras sobre os motivos que levan a un artista para ser máis ou menos recoñecido.

Pero na miña experiencia, o que amosa o público ou oínte de Latinoamérica, neste caso, é que acollen a música de calquera artista, con independencia de se é máis ou menos coñecido ou teñen máis ou menos seguidores. É un público especial; se che queren, fano para sempre».

 

 

 

Vés de presentar Del cielo a Marte (2023), o teu novo (e tan agardado) disco logo de tres anos de intenso traballo. Cal é a idea tras el e de que xeito chega este soño a facerse realidade?

Arantxa: «Este disco levábao perseguindo desde 2018. O son e contexto desta produción era algo que me “obsesionaba” e, como aposta arriscada en canto ao económico, tiveron que pasar varios anos para facelo realidade. O esforzo foi titánico.

A resposta definitiva é que precisaba escoitar a miña música con este son».

 

 

Desta volta, o traballo de produción correu da man do italiano Bob Benozzo (Vanesa Martín, Cepeda, David DeMaría, India Martínez). Como foi crear este álbum xunto a el? Porque dis que o disco é tanto teu como seu!

Arantxa: «Foi moi emocionante... pero devastador. Ao final, cando estás tanto tempo poñendo toda a túa enerxía nunha mesma idea e proxecto, entras nun bucle que só fai dano.

A pandemia tampouco favoreceu avanzar como quixésemos. O tempo hoxe en día é o peor inimigo para un artista, sobre todo no momento actual da música, que avanza a un ritmo frenético e todo se manexa cos fíos da inmediatez. Todo o sistema baséase e réxese polo algoritmo, por tanto, non xerar contido é como non existir, e máis cando non tes apoio de plataformas, radio, prensa etc.

O disco é dos dous porque foi tratado con moita dedicación e agarimo; desde a elección dos temas ata o máis mínimo detalle de arranxos, gravacións e produción en xeral. Fixemos un traballo incrible xuntos!».

 

Fotos @ Adriana Pérez

 

A decena de temas que recolle o longo deixan ao descuberto emocións crúas, con letras que ispen sentimentos que, ás veces, ata dá medo verbalizar. Ao compoñer, canto vén do corazón e canto da cabeza?

Arantxa: «O corazón é fundamental na vida. Eu son das que pensa como sente e nunca ao revés.

Pero dentro deste sentir hai moita imaxinación. Neste último disco especialmente hai bastantes “canción invento”, como lle dicía a Bob por algunhas delas cando llas enviaba. Escribín máis sobre un ideal do que me gustaría vivir ou sentir que de como son os feitos en realidade.

E, a verdade, é unha das miñas grandes frustracións que cos anos vas sabendo. Poucas veces, por non dicir case nunca, as cousas son como a un lle gustaría; simplemente as cousas son como son».

 

 

Que, ou quen, inspira esas letras? Que intentas transmitir con elas?

Arantxa: «Como dicía, teño bastante imaxinación, definitivamente son soñadora.

Máis que intentar, é deixar fluír sentimentos ou sensacións de xeito que alguén máis poida sentirse identificado; como un convite a crer que na vida podemos chegar a sentir emocións e vivir historias como as que escoitamos nunha canción, vemos nunha película, lemos nun libro... aínda que aínda non as viviramos.

Penso que cando unha persoa se identifica ou conecta con algo a súa vida mellora».

 

Fotos @ Adriana Pérez

 

Dirías, pois, que a música para ti é como unha «venda» á hora de sandar emocións adversas?

Arantxa: «Si, a música é a miña maneira máis coherente de existir».

 

Un dos adiantos do disco era “Mi Capitán”, que definías como «a canción máis importante da miña vida e, á vez, a máis bonita y máis triste». Como afrontaches a súa composición?

Arantxa: «Inesperada totalmente, xamais pensei en escribir esta canción. Lembro perfectamente o día que pasou; era o 10 de abril de 2020, unha tarde preciosa de sol. Fixen unha melodía coa guitarra e gravei a idea. Logo pola noite abrín o proxecto de gravación e escoitando os primeiros acordes dixen, exactamente, as que agora son as primeiras frases da estrofa: “No entiendo solo se escuchan las alarmas de mis recuerdos, y me reclaman y por ti llaman, aunque no volverás...”e seguidamente dixen tamén no alto: “Papá”.

Chorei, non podía ser... Cando saín do meu home studio eran máis das 00:00 e na casa xa durmían. Envieille a canción a unha desas persoas coas que compartes cousas de músicos e chamoume por teléfono: “Que fixeches, Arantxa?”, díxome. E ambos quedamos en silencio».

 

 

Dis que Del cielo a Marte marca un novo antes e despois sobre ti, non só como artista, senón tamén como persoa. Por que?

Arantxa: «Porque me ensinou moitísimas cousas; fíxome loitar contra min mesma, coa frustración, desesperación, desilusión, desesperanza... Pasei por un dos momentos persoais máis complicados da miña vida, pero tamén sei que destas etapas sempre saes fortalecido, pois é o resultado de pasar por elas e finalmente superalas».

 

Fotos @ Adriana Pérez

 

A gran maioría dos vídeos que acompañan os sinxelos deste álbum están gravados por Mercedes Mariño, a túa nai, e editados por ti mesma; é dicir, que todo queda na casa. Como tomades a filosofía Do It Yourself (Faino Ti Mesmo), e máis sendo familia?

Arantxa: «O ser independente volveuse para min unha necesidade, é como o meu lema de vida.

É por iso que anos atrás comecei a realizar tamén a parte audiovisual dos meus traballos. Ao principio comecei realizando vídeos animados coas letras das miñas cancións, ata que me dixen, “por que non facer outro tipo de vídeo?”. Así que merquei o meu equipo fotográfico e, sen ningún plan deseñado en canto a contar con alguén para que me gravase, un bo día díxenlle á miña nai: “Mamá, mañá imos ir a gravar un vídeo”... E así comezamos. Aínda que a verdade é que a miña nai é unha persoa moi creativa, ninguén se pode imaxinar a de cousas que é capaz de facer».

 

Ao fío, que destacarías deste traballo en tándem en comparación aos teus vídeos anteriores, que contaban cun equipo bastante máis amplo?

Arantxa: «Ao final atopamos un xeito sinxelo de publicar as miñas cancións no que a plataformas de vídeo se refire, como pode ser YouTube etc., que é do que se trataba. O feito de ter o control absoluto de todo o relacionado en canto ao meu proxecto para min o vale todo. Tamén é cuestión de prioridades e, neste caso, o foco está posto na música, por iso restamos esa importancia á parte audiovisual en canto a medios técnicos, etc.».

 

 

Cando teremos a oportunidade de viaxar Del cielo a Marte ao vivo?

Arantxa: «Pregúntanmo moito e é moi motivador para min.

Non está nos meus plans facer concertos en formato acústico deste disco; é un traballo ao que lle teño moito respecto e agarimo e gustaríame levalo ao directo cunhas condicións e equipo técnico determinado. Espero compracer a todas esas persoas ás que lles gustaría ir a un concerto meu, e devolver a miña gratitude e agarimo recibido a todos os que dun xeito ou outra fan que a miña música estea presente na súa vida».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego recomendaríasnos? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Arantxa: «Encántame Baiuca! Se non o coñecedes, estou segura de que vai estar nos vosos favoritos en Spotify moi pronto».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Arantxa: «[Risos] Fixéstesme rir. Vale, acáboo de abrir e vexo en ‘Escoitas recentes’: Alice Wonder, Marlena, Natalia Lacunza, Canozan ⁠—si, escoito música turca [risos]— Banners, Dean Lewis».

 

 

  noticias