• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

ALEX SILVA: «TEÑO UNHAS CANTAS REGRAS QUE ÁS VECES TAMÉN PROCURO ROMPER»

ALEX SILVA: «TEÑO UNHAS CANTAS REGRAS QUE ÁS VECES TAMÉN PROCURO ROMPER»
16 OUTUBRO 2023

Compositor e artista sonoro, Alex Silva deu os seus primeiros pasos no mundo da música como parte de bandas de punk na súa cidade natal, A Coruña. Agora, a máis de 5.000 km (e un océano) de distancia, en Baltimore (EE.UU.), Silva segue a manter esa actitude punk dos seus comezos —«liberdade, intensidade, emoción, frescura, intuición»— nas súas composicións de electrónica experimental.

Alumno da Red Bull Music Academy (2013), das Converse Rubber Tracks; álter ego de Astroboyz, rexente da discográfica Canadian Duck Tapes... Alex Silva constrúe un imaxinario sonoro baseado na experimentación e na procura de melodías minimalistas contemporáneas, que combina coa hipnose rítmica de texturas dixitais e samples. Sons acústicos e electrónicos enchían a súa primeira referencia, Mind Pattern Explorer (Canadian Duck Tapes, 2017); seis anos máis tarde, o artista coruñés materializa unha nova aventura fronte á súa caixa modular e presenta Now Is A Wave (Canadian Duck Tapes, 2023), a súa segunda referencia.

 

 

 

Comezaches tocando en bandas punk na túa adolescencia, como foi o salto á electrónica? Como entraches en contacto cos sintetizadores modulares?

Alex Silva: «Si, os meus comezos coa música foron tocando a guitarra en bandas na Coruña. Eramos moi punkis e tocabamos moi rápido e con enerxía, pero eu sempre tiña un ollo noutros estilos e compoñía pezas musicais coa guitarra.

Cando cursei os meus estudios de Son en Vigo coñecín a xente á que lle gustaba a electrónica e, escoitando bandas como Prefuse 73, Boards of Canada, Lali Puna, etc., fíxenme cun ordenador e co Reason 2.5 e comecei a compoñer as miñas primeiras pezas electrónicas. Era a época do MySpace e, falando coa xente e co seu feedback, comecei a tomalo máis en serio: fundei o proxecto Astroboyz cara ao 2005, editei as miñas primeiras cancións en labels locais de Internet...

Tamén cómpre mencionar que, por aquel entón, xa estaba o colectivo Sinsal en Vigo, funcionando coa tenda de discos e facendo eventos no Wademecum Club; grazas a estas persoas coñecín moitísima música que cambiou a miña vida e o meu xeito de pensar na música como arte sonora.

Mudeime a Madrid e despois a Barcelona, onde cursei unha mestría en composición musical para bandas sonoras e editei o meu primeiro vinilo, Pianobatacazoo (2012), con Struments Records.

Coñecín os sintes modulares en 2017; fora cando me mudei a Baltimore e non tiña instrumentos, e pilleime o Mother 32 de Moog e comecei a medrar ao modular en base ao Moog».

 

 

 

Pasaches pola Red Bull Academy en 2013. Como chegaches a ela e como recordas a experiencia?

Alex: «En 2008 un amigo faloume da academia cando se fixera en Londres e pareceume interesante, pero non cubrín o formulario ata ese mesmo 2013, no que apartei dous/tres días do meu tempo para dedicarme a isto.

A experiencia cambiou a miña vida e o meu xeito de ver a música. Coñecín moitos artistas que son agora os meus amigos e a selección de profesores foi moi acertada (Four Tet, Flying Lotus, Thundercat, Morgan Geist, entre outros)».

 

 

Resides dende hai algúns anos en Baltimore. Por que Estados Unidos e por que Baltimore en concreto?

Alex: «Quería probar sorte fóra e Baltimore foi unha opción. Xa vivira en Madrid e en Barcelona e precisaba coñecer outro xeito de facer as cousas.

Cando fun á Red Bull Academy en Nova York coñecín a costa este dos EE.UU. e cando tiven a posibilidade me mudei para probar. Xa levo 8 anos!».

 

 

A idea que podemos ter de Baltimore é a de series como The Wire, pero tamén é o lugar onde naceron Billie Holliday ou Frank Zappa. Como é a escena musical de Baltimore?

Alex: «A escena musical é moi variada pero, a verdade, é que no conxunto global podes ver como moita da música feita en Baltimore —ou a que eu escoito ou quero fixarme— é moi humana, real.

Baltimore é unha cidade diferente do resto dos EE.UU. É especial. É unha cidade pequena abandonada polo goberno central e as empresas tras a recesión industrial; quedaron moitos obreiros sen traballo, o que a fai unha cidade pobre e deshabitada, pero a xente axúdase moito e penso que é moi humana. Está a universidade de arte máis grande do país e hai moitos artistas, así como bandas de cidades próximas que queren pagar menos de alugueiro de espazos, estudios ou vivenda».

 

 

 

Como Astroboyz comezaches facendo música de club, ata que en 2016 chegaba Exsamples (Canadian Duck Tapes, 2016), un disco que supuxo un cambio profundo: máis complexo e máis experimental, pero sen crear un abismo entre música e oínte. Que propiciou ese cambio?

Alex: «Basicamente que recuperei a noción de buscar o meu propio son, de facer música persoal; enfocar iso como a miña maior baza.

Penso que a evolución dun artista é importante. Eu quería ampliar a visión do proxecto e, en 2010, estiven a cursar uns estudos de composición para bandas sonoras en Barcelona que me abriron as portas á música orquestral. Encántame orquestrar e facer arranxos de composicións musicais, pero tamén estou moi interesado no son como elemento lírico, e máis en formas de composicións electrónicas ou experimentais».

 

 

Nese disco nós escoitamos ecos dos minimalistas americanos, sobre todo Philip Glass e Steve Reich. É cousa nosa ou influíron dalgún xeito?

Alex: «Steve Reich está no top 5 dos meus artistas favoritos e coñecer a súa obra cambioume a vida. Ambos influíron moitísimo na miña forma de facer arte.

Aínda que penso que a miña música non é minimalista, si penso que o seu “continuum” e o seu “pulso” teñen unha grande influencia nas miñas composicións».

 

 

Exsamples foi a primeira referencia do teu selo Canadian Duck Tapes. Como naceu a discográfica?

Alex: «Exsamples é o meu disco máis persoal ata a data e precisaba que estivese relacionado cun espazo onde non me sentise limitado artisticamente; á parte de que as miñas conexións eran maioritariamente no mundo do club e este disco é moi persoal. A industria musical global estaba a cambiar moito e estaba a comezar a era de Bandcamp e pensei que sería o máis natural facelo deste xeito —eu mesmo— e tomar ese camiño.

Canadian Duck Tapes naceu cando me mudei a Baltimore e tiña ese disco comigo. Pensei tamén que sería unha boa forma de darme a coñecer en EE.UU. e relacionarme con xente da música dun xeito construtivo».

 

O catálogo de Canadian Duck Tapes inclúe agora artistas de diversas partes do mundo, entre eles galegos como Artur M Puga e Aborigen (proxecto de José Vázquez). É unha forma de conectar dalgún xeito EE.UU. e Galicia?

Alex: «Si, dun xeito moi natural é a dirección que está a tomar este proxecto discográfico.

José Vázquez é un dos meus artistas favoritos agora mesmo en Galicia e teño moitas ganas de escoitar que fará no futuro!».

 

 

 

Xa co nome de Alex Silva publicas Mind Pattern Explorer (Canadian Duck Tapes, 2017). Nel a música vólvese máis enerxética e incorporas percusión acústica dun xeito que xa esbozaban algúns temas de Exsamples: “Audioframes”, “Dystopian Future”. O de incluír batería acústica foi unha cuestión de intensidade?

Alex: «Graciñas por escoitar! Si que é por unha cuestión de intensidade cando é necesario, pola cuestión tímbrica no son e, musicalmente, tamén engade un factor humano ás miñas partes rítmicas nas composicións que fago con máquinas ou con ordenador.

Estiven a traballar nestes dous discos ao mesmo tempo, entre 2014 e 2015, cando vivín durante un ano na casa onde me criei en Cambre (A Coruña), e penso que é natural que haxa un sentimento relacionado en ambos».

 

 

Nese disco inicias a colaboración con Marcos Pazo, un batería versátil que é quen de pasar de tocar death metal en Come Back From the Dead a acompañar a Sés, Budiño ou Brais Morán no seus concertos. Que cres que achega Marcos ás gravacións?

Alex: «Marcos é un dos mellores e máis completos baterías que coñezo. Lembro velo tocar en concertos cando eu era cativo e el tocaba en Use of Abuse, Icon e Ekkaia e flipar coa súa tocada e telo coma unha referencia. É moi doado traballar con el porque é moi profesional e entende ben o que quero, pero tamén ten un estilo propio co que conecto.

Cando fixen MPE el estaba como batería de sesión nos estudios La Cortina Roja (A Coruña) e puxémonos en contacto gracias a Mejuto; ensineille, e transcribimos as partituras das baterías e gravamos as baterías do disco no mesmo día. Foi incriblemente doado e natural o traballo que repetimos neste segundo disco.

Actualmente traballo con varias músicos e músicas (Paula Rego, Will Hicks, Patrick McMinn, Jess Hughes, Hugo Santeiro en EE.UU. e Galicia maioritariamente)».

 

 

Máis aló da percusión, que outras diferencias sinalarías entre Exsamples e Mind Pattern Explorer, entre Astroboyz e Alex Silva?

Alex: «Penso que a diferencia é máis estilística-temática que tímbrica ou compositiva.

Aínda está por ver o que pasa con estes dous proxectos, pero agora estou moito máis enfocado en facer cancións con Alex Silva, ademais de estar a introducir máis pezas con partes vocais».

 

Escoitando o disco é inevitable pensar noutro veciño de Baltimore, Dan Deacon que dixo do álbum que era unha das súas gravacións de electrónica favoritas dos últimos anos. Abriches a súa xira en 2021. Que significa Deacon para ti?

Alex: «Cando escoitei o seu primeiro disco me fixo querer facer nova música e me descubriu que podía facer todos os estilos que me gustan e atopar a miña voz.

Agora coñezo ben a Dan e traballo moito con el. A xira do 2021 axudoume para comezar a darme a coñecer máis en EE.UU.».

 

See.Hear.Now, un proxecto tamén vinculado a Red Bull, dedicábache un episodio da súa terceira temporada, no que tocabas “Cable Salad” e estreabas “Paralogized”. Como recordas a gravación?

Alex: «Fixemos a gravación cando fomos tocar ao Sónar 25 Aniversario en Barcelona e RedBull pediume gravar para este episodio. Xa estivera a tocar “Cable Salad” por un tempo, pero “Paralogize” aínda estaba nas primeiras fases».

 

 

 

 

Vés de estrear Now Is a Wave (Canadian Duck Tapes, 2023) do que o primeiro single foi “Paralogized”. O vídeo do tema dirixiuno o tamén veciño de Baltimore Corey Hughes, co que xa colaboraras poñendo música a “My Expanded View”, unha das curtas que constituían o delirante capítulo ‘Technology’ da serie Off the Air. Por que el?

Alex: «Corey, ademais de ser un gran fotógrafo, sempre está á procura de novas técnicas de gravación de vídeo e cine, e quería ese tratamento para esta peza».

 

Paralogizar é intentar persuadir con discursos falaces e razóns aparentes. O título ten que ver con este inquietante momento que vivimos de posverdades e noticias falsas (entre outras cousas...)?

Alex: «Totalmente, ademais das posverdades e noticias falsas está a hiperrealización (hyperrealization), que esta xa opera en masa».

 

 

Antes falabamos de Dan Deacon, pero que outros referentes sinalarías como influencias?

Alex: «Luis Buñuel, Picasso, Raymond Scott, Emeralds, Daniel Lopatin, Dan Deacon, Matmos».

 

Canto ao proceso creativo, como adoitan nacer e desenvolverse os temas?

Alex: «Teño unhas cantas regras que ás veces tamén procuro romper, pero son varias e moi variadas. Desde inspirarme nun son ou nunha melodía e logo desenvolvela con arranxos, ou deconstruír formas musicais, ou experimentación sonora, ou [desenvolvelas] como estruturas de canción popular...

Neste último disco, Now Is A Wave, moitas das cancións evolucionan e rematan como o seu tema de inicio ou orixe, pero sempre dun xeito renovado».

 

 

O segundo single foi “Dog”. Para o vídeo contaches desta volta cun director galego, Rapapawn (álter ego de Óscar Raña). Como foi traballar con el?

Alex: «Rapapawn son Cynthia Alfonso e Óscar Raña, de Vigo. Cheguei ao seu arte porque fixeron un vídeo que me gustou moito e me puxen en contacto; foi moi doado e cómodo traballar con eles.

“Dog” é quizais o tema máis enérxico de Now Is A Wave e penso que fixeron bo traballo na adaptación do compoñente visual coa música e estou moi contento co resultado do videoclip».

 

 

O deseño é algo ao que se lle presta especial atención no proxecto, desde os propios discos ata os carteis da xira; algo que podería dicirse tamén de Canadian Duck Tapes, que segue apostando por edicións físicas moi coidadas. Que importancia cres que ten este aspecto?

Alex: «Pois a verdade é que comecei a darlle máis importancia ultimamente. Toda a vida pensei que a música tería que falar por si mesma, e era onde enfocaba o 100% da miña enerxía. Pero agora, con Canadian Duck Tapes, quero que os produtos cheguen (ou polo menos non queden na sombra por culpa da imaxe). Simplemente é un traballo a maiores e hai que velo deste xeito».

 

 

A música electrónica é un concepto ben amplo. Alén de etiquetas, como definirías a túa música?

Alex: «Procuro que as etiquetas non limiten a miña arte e valoro aos artistas que mostran a súa personalidade en varios estilos e formas.

Hoxe en día a música electrónica xa non é completamente experimental (Pierre Boulez, Eliane Radige) ou de club (house, techno, etc.), senón que está en toda a música que se escoita.

Eu fago moita música moi diversa e interésame moito a electrónica experimental (como paleta sonora/timbre), pero con este proxecto (AS) as miñas pezas teñen un compoñente melódico/canción no que evolucionan, se transforman e, ás veces, volven ao seu estado principal. Pero cando me preguntan esta pregunta digo que fago pop electrónico independente, xa que é máis doado».

 

 

Que dirías que queda do punk dos teus inicios na túa música?

Alex: «A liberdade, a intensidade, a emoción, a frescura, a intuición e a procura de expresar novas sensacións».

 

Que pode esperar alguén que vaia a un concerto de Álex Silva?

Alex: «O meu directo é bastante variado musicalmente, pero basicamente virá a escoitar nova música independente, emoción, enerxía... e virá bailar e a pasalo ben nun espazo seguro para todo o mundo».

 

 

Podes describirnos o teu set en directo? Que hai nese sinte modular?

Alex: «Penso que o mellor é vir a velo e vivilo! Eu toco as miñas cancións (ás veces con músicos ao vivo) e procuro crear un espazo seguro e inclusivo para todo o mundo.

O meu instrumento de directo é o ordenador e modular. A caixa modular que levo rematei de deseñala en 2018 e quedou así desde entón. Penso que é un bo instrumento e o deseño encaixa ben co directo.

Teño o Moog Mother 32 como recibidor de datos (MIDI) do ordenador (melodías) que converto a cv e logo envío a diferentes filtros ou efectos. Tamén envío á parte un sinal (clock, tempo) ao modular no que divido ou multiplico, e reparto por todo o modular co rack de Make Noise».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Alex: «Aborigen, Fotocopia, Pantis...».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza

Alex: «‘Take On Me’ de Clay K Slider, ‘Remover’ de Container, ‘What I Feel’ de Daito Manabe, ‘Pleasewakeupalittlefaster please’ de Carlos Niño & Friends e ‘Drumming’ de Steve Reich».

 

  noticias