• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. OUTUBRO 2023

NOVOS LANZAMENTOS. OUTUBRO 2023
5 NOVEMBRO 2023

 

XXX Aniversario (1993-2023), Isidro Vidal

En maio lanzaba o seu primeiro longo, aquel Todo ou Nada (Edicións Bordón, 2023) que recollía 11 cancións daquel neno que, en setembro de 1993, collía a gaita por vez primeira e soñaba con ser gaiteiro. Agora, Isidro Vidal publica un traballo onde homenaxea eses 30 anos sendo gaiteiro. XXX Aniversario (1993-2023) (Edicións Bordón, 2023) é o novo do músico e compositor, quen celebra tres décadas nas que «todo mudou, todos mudamos, mais o instrumento que tantas alegrías me ten dado segue aí». Gravadas e mesturadas por Suso Feixón, para dúas das tres pezas que compoñen o EP, Vidal contou con Iván Blanco (tamboril) e Miguel Rivas (bombo). Por outros 30 máis!

 

 

 

 

 

Abrir el juego, Capital Voskov

Por fin, logo de meses de traballo man a man con Iago Blanco en Drum&Roll Studios, Capital Voskov publica Abrir el juego (2023). A banda muradá decidiu deixarse levar pola intuición e o bo facer co obxectivo de crear un disco libre de etiquetas. E acadárono. Composto por nove pistas, este primeiro longa duración entrega melodías pegañentas, riffs de guitarra cargados de intención e ritmos contundentes que bailan entre o indie e a electrónica. Abrir el juego explora a estética pop con influencias rock a través de numerosas capas e texturas; un cóctel explosivo que Capital Voskov traslada con potencia aos seus directos.

 

 

 

 

 

Quitar o aire, Caamaño&Ameixeiras

No primeiro «dábannolo», agora «quítannolo». Caamaño&Ameixeiras veñen de lanzar Quitar o aire (Raso, 2023), o seu novo traballo discográfico. Composta de nove cortes, esta segunda referencia está inspirada na ritoloxía popular galega, un riquísimo universo onde realidade, maxia e reflexión conflúen para buscar respostas, sandar e celebrar a vida. En pouco máis de media hora, o dúo rende homenaxe á nosa antropoloxía cultura, emocional e musical, o que converte o traballo nunha auténtica obra mestra do novo folclore ibérico. En Quitar o aire, Caamaño&Ameixeiras íspese emocional e musicalmente para conectarse coas súas raíces, mergullarse nun imaxinario onde visitar e recrean algúns dos seus lugares máis fermosos e suxestivos. Co violín e o acordeón como elemento principais, Sabela e Antía guíannos por sensacións que van desde a intimidade e a tristeza do loito á exaltación e a celebración pola cura dunha enfermidade. Sobre músicas tradicionais arranxadas por elas mesmas, excepto “Mortalla de morte, mortalla de amor” composta por Caamaño e “Xota de vente conmigo” por Ameixeiras, o novo dúo acóllese agora ao rito purificador, á palabra precisa, á sabedoría ancestral... ao caos e a renovación.

 

 

 

 

 

Back from the Edge, Loiros

Back from the Edge (2023) é o novo disco da banda viguesa de rock progresivo, segundo longo na súa discografía, que adiantaban a noite de San Xoán coa publicación do videoclip de “How Does It Feel”. A mediados de outubro tiñamos a oportunidade de escoitar os outros cinco temas que completan o álbum, despois dun longo proceso de composición, gravación e deseño que se dilatou durante tres anos. Logo de pechar con éxito unha campaña de micromecenado, o cuarteto de rock progresivo —formado por Héctor Agulla (batería), Virxilio da Silva (voz, guitarra), Felix Barth (voz, baixo) e Wilfried Wilde (guitarra)— presenta un álbum no que as cancións están «coidadosa e amorosamente compostas, executadas e gravadas» que agardan sexan escoitadas do mesmo xeito. Para Back From the Edge, Loiros contou, unha vez máis, coas experimentais técnicas de deseño sonoro de Hevi (Malandrómeda) no seu Laboratorio Soyuz. O deseño no que vén envolto o longo é o resultado da colaboración entre Héctor Agulla e o artista multidisciplinar Rafa Cáccamo; un envoltorio branco que agocha a portada no seu interior e que soamente se pode ver na edición física do disco.

 

 

 

 

 

Caldo Espírito, Xoel López

O seu anterior traballo, Si mi rayo te alcanzara (Esmerarte, 2020), centrábase en tres eixos: o cancioneiro, a creatividade e a capacidade de imaxinar himnos; o novo é un exercicio absoluto de liberdade creativa. Xoel López lanza Caldo Espírito (2023), o seu quinto álbum en solitario, completo e intimista; un álbum persoal, cru e visceral onde a voz do artista coruñés guía ao oínte por emocións profundas e letras que exploran reflexións íntimas. O longo marca un novo enfoque na súa carreira, que Xoel toma sen prexuízos, sen medo a volver explorar territorios musicais xa visitados previamente, pero coa curiosidade de cruzar novos campos sonoros. Así, Caldo Espírito é outra entrega da súa versatilidade e reflexo de todas as etapas que experimentou na súa traxectoria musical, con temas que van desde o puro Xoel cantautor ata o que nos descobre paisaxes sonoras de rock e raíces. Ademais das voces de Meritxell Neddermann, Marina e Teresa de Repion, tamén houbo colaboracións durante o proceso de gravación, con nomes como Domenico Lancellotti, Lucas Piedra Cueva, Leo Aldrey, Adrián Seijas e Carles Campi Campón, entre outros.

 

 

 

 

 

Old Fashioned, Gold & Colt

O último que escoitaramos deles foi un live, hai xa seis anos, pero Gol&Colt está agora de volta cun novo traballo de música de raíz norteamericana. Old Fashioned (2023) presenta cinco cancións que reflicten o carácter da nova formación da banda pontevedresa —Álvaro Vázquez (voz, guitarra), Roberto Fernández (guitarra, dobro), Juyma Estévez (contrabajo) e Noli Torres (batería)— máis country, apostando por sons máis anellos. No álbum, o cuarteto plasma as súas historias e sentimentos a ritmo de música americana de raíz, afondando nas orixes do xénero, pero executándoo con destreza contemporánea. Arranxos jazz, blues e rock ’n’ roll tinguen estruturas country e letras furiosas que se traducen tanto en temas melódicos e intimistas, como “My Own Shoes”, como noutros máis distendidos, “The Pool”, ou agresivos, “Not My Place”.

 

 

 

 

 

Ardora, Biko

Diego Malvar, a metade de Principia, se presenta en solitario. O produtor e compositor está detrás de Biko, un novo proxecto musical que nace da súa paixón polos sintetizadores, onde desata atmosferas capaces de transportar o oínte á marabillosa época dos anos oitenta. O seu primeiro traballo, Ardora (Soviett Records, 2023), é un EP de cinco pistas cargadas de sintes e melodías retro a partes iguais.

 

 

 

 

 

Torito Lucero, Iker

Lucense afincado en Madrid, Iker trata de encaixar producións electrónicas con outras máis experimentais, que revisten melodías pop nostálxicas e accesibles. A súa música bebe fundamentalmente do art pop e nace da necesidade de contar historias e cristalizar emocións a través de novos imaxinarios musicais; así, escoitamos letras baseadas nas emocións e vivencias propias que, ademais, integran experimentación, innovación e conceptualismo cos elementos máis frescos da cultura pop. O derradeiro venres de setembro, Iker debutaba con Torito Lucero (2023), un EP conceptual de seis cortes de pop alternativo onde o novo músico erixe un primeiro proxecto que vertebra, coa música e a poesía como eixos centrais, un imaxinario alternativo ao completo.

 

 

 

 

 

DOCE & QUENTE, Diego & ünder

Uns días antes da súa actuación no San Froilán 2023, Diego & ünder lanzaban un novo traballo, o cuarto no que vai de ano. Partindo do rap e derivados, DOCE & QUENTE (LaboratorioLAB, 2023) é un EP de catro cortes nos que o dúo lucense combina reguetón, Jersey club, R&B e mesmo mambo chileno. Unha vez máis, Diego & ünder fan entrega do imaxinario musical que están a construír, un onde a nostalxia, o amor ou o costumismo relocen entre pingas de electrónica e música tradicional.

 

 

 

 

 

Agora é o tempo, Francisco Castro

O primeiro disco de Francisco Castro, Agora é tempo (Awanta Producións, 2023), vía a luz a finais de setembro despois de 18 meses de traballo e anos de maduración. Producido por Federico Welicki (Oviravai) e gravado e mesturado en estudios de Os Ánxeles, Bos Aires, Seattle, Madrid e Galicia, o EP presenta media ducia de cancións que gravitan arredor de ritmos pegañentos e, sobre todo, letras intensas que reflicten a súa forza poética. En conxunto, Agora é tempo é un álbum para reivindicar a vida, pero tamén para pelexar contra dunha realidade que merece ser, cando menos, pensada.

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2023 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2023 cos discos completos!

 

  noticias