• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SR. SALVAJE: «SR. SALVAJE É UN EXERCICIO DE CANALLISMO, ROCK ‘N’ ROLL E IMPROVISACIÓN A PARTES IGUAIS»

SR. SALVAJE: «SR. SALVAJE É UN EXERCICIO DE CANALLISMO, ROCK ‘N’ ROLL E IMPROVISACIÓN A PARTES IGUAIS»
6 NOVEMBRO 2023

No verán de 2019 nacía Sr. Salvaje, daquela como proxecto persoal de Guillermo Vistoso (voz, guitarra) xunto a outros músicos habituais da escena galega. Fast forward catro anos e estamos ante unha banda que aposta por un rock ‘n’ roll coa mirada posta no máis alto da escena estatal do xénero. Composta na actualidade polo propio Vistoso, Antón Torroncho (baixo), Emilio Iniesta (batería) e Manuel Gómez (teclas), Sr. Salvaje entrega un son baseado no directo, construído sobre piares do rock clásico con matices de soul, country e demais sabores anellos característicos do xénero.

Tres anos despois do seu debut discográfico, III (2020), e logo de varios adiantos de agarda, Sr Salvaje lanza, por fin, o seu primeiro longa duración. Cargado de enerxía e actitude, Vuela (2023) é un exercicio impecable de como facer cancións para ser levadas ao escenario de xeito... salvaxe, nunca mellor dito.

 

Foto © Rubén Martínez

 

Hai catro veráns que Sr. Salvaje comezou ruxir en Santiago de Compostela, como xurdiu o grupo? E o nome, de onde vén?

Guillermo Vistoso: «Con bandas anteriores, moitas veces ao baixar do escenario dicíanme cousas do estilo “es un animal”, “vaia salvaxe”, “besta”, etc.; polo que á hora de pensar un nome para a banda tirei por aí. O de “señor” é por darlle un toque máis elegante e xogar con ese contraste. Vísceras, potencia, suor, electricidade, desenfreo... e, por outra banda, a elegancia e control dun señor en traxe».

Antón Torroncho: «E, ademais de todo iso, o de “señor” vén de que xa somos catro cans vellos da música e algo animaliños en escena».

 

Comezastes como power trio e, logo dalgúns cambios no banco, agora vos presentades como cuarteto. Afectaron estes cambios á evolución sonora da banda?

Guille: «Emilio leva case xa desde o inicio e Torroncho practicamente tamén, polo que atopamos esa consistencia sonora moi cedo; houbo pouco marxe de manobra desde a creación da banda ata que entraron eles dous.

Máis tarde, coa incorporación das teclas a cargo de Manu, gañamos moitos matices e posibilidades que antes non tiñamos. Agora podo “descansar” a guitarra un pouco nas seccións rítmicas e traballar con outras dinámicas distintas que, en power trio, non podes xogar. Non hai trampa se tocas a trío e sen bases electrónicas; é un son máis cru e, polo tanto, no directo hai que darlle candela todo o rato para que os temas non soen baleiros».

Torroncho: «Todo forma parte dunha evolución lóxica que fomos metendo a un estilo que naceu dun proxecto persoal, só de Guille; ao irnos incorporando, o son foi collendo outros matices de xeito natural. Entrou Lolo como unha necesidade que tiña a banda de incorporar as teclas».

 

Hai algún que outro nome de banda de rock estatal que se nos vén á cabeza cando escoitamos a Sr. Salvaje... A quen sinalariades vós como as vosas principais influencias?

Guille: «No eido de bandas e artistas internacionais do rock eu veño dos Black Crowes, AC/DC, Bad Company, Joe Cocker, Aerosmith... E das bandas da British Invasion, ademais dunha lista interminable de artistas con toques de guitarra acústica como Eric Clapton, Tom Petty, Buffalo Springfield, Crosby, Stills, Nash & Young, Simon and Garfunkel, Creedence Clearwater Revival; do country, Willie Nelson, Waylon Jennings, Hank Williams ou Johnny Cash, etc.

Tamén moito rock dos 60 e 70,sobre todo Jimi Hendrix, The Doors, Steppenwolf, e por suposto, do funk e do soul: James Brown, Stevie Wonder, Roy Orbison, Billy Joel, Marvin Gaye…

Se barremos máis cara ao rock estatal, sempre escoitei moito a Los Suaves, Revólver, Barricada, M Clan, Los Zigarros, Platero y Tú...

A verdade é que escoito moitísima música desde sempre e vou por tempadas; agora estou a full con Chris Stapleton».

 

Canto de «salvaxe» diriades que hai no voso rock? Como definiriades o voso son?

Guille: «Penso que ten bastante, sobre todo en directo. Á hora de plasmalo no estudio, grazas a Arturo e Iago, tamén se ve reflectida esa potencia, pero no escenario é cando máis se nota, xa que improvisamos bastante e non levamos os temas moi pechados; gústanos xogar e probar cousas, deixarnos levar.

Calquera que nos vira, sen dúbida puido darse de conta de que non paramos quietos en escena; de que, en moitos momentos do show, nos abstraemos case nun estado de “transo”. Desfrutamos do momento».

Torroncho: «Nós en realidade o que buscamos é un son de directo. No disco procuramos plasmar iso, aínda que é imposible, xa que no directo improvisamos moitísimo. Sr. Salvaje é un exercicio de canallismo, rock ’n’ roll e improvisación a partes iguais».

 

 

 

 

Tan só un ano despois da vosa creación lanzabades III (2020), o voso primeiro traballo que, segundo puidemos saber, foi composto en solitario por Guillermo Vistoso (voz, guitarras). Como foi, e que impulsou, este salto ao mercado discográfico?

Guille: «Este proxecto xa naceu cun espírito de saír canto antes ao mercado. O plan inicial tiña previsto xa a publicación dun disco e presentación ao vivo como primeiros movementos da banda.

Daquela non había apenas ningún grupo en Galicia que fixese este tipo de música e, polo tanto, era algo que nos pedía o corpo e que tamén pensamos que lle podía apetecer á xente. Case ante a necesidade de poder desfrutar deste tipo de son pola zona Noroeste».

 

Foi N.Y. 1969” titulada así polos disturbios que sucederon no Stonewall (Nova York) en xuño de 1969?

Guille: «Aínda que o nome da canción vén un pouco polo acontecido nese pub, efectivamente, realmente está inspirada en todo o movemento hippie e os cambios culturais que se acadaron na sociedade cando a xente seguía ese espírito.

Como sempre comento, a min gústame contar historias e, aínda que poida inspirarme en feitos reais ou persoas e vivencias da miña contorna, son iso: historias».

 

 

O EP foi lanzado xusto unha semana antes de que se decretase o estado de alarma e o seu concerto presentación foi un par de días antes. Que sensacións lembrades deses días? Que percorrido pensades que tería III de non ser pola situación na que se publicou?

Guille: «A verdade é que foi unha sorpresa, en xeral, todo. Estabamos tan centrados na gravación, publicación e presentación ao vivo que non tiñamos tempo de ler a prensa ou escoitar a radio, co cal non nos decatamos da grave situación mundial ata a mesma semana do concerto, cando nos comezaron a chegar mensaxes ás nosas redes sociais coa dúbida de se iamos facelo. A sensación dentro da Capitol era coma se fóra estivesen caendo bombas e nós estivésemos nun búnker a salvo, atopando todo devastado ao saír.

Se non ocorrera todo isto? As expectativas eran moi altas, tiñamos bastantes concertos pechados entre marzo e setembro do 2020 (arredor 25 concertos, se non lembro mal) e desde o primeiro momento espertamos moita expectación. Cando se calmaron as augas atopámonos cun cambio total no lineup e sen saber moi ben como reconducir o tema; fixemos algúns bolos e pouco máis.

Con “Miss Fortuna” comezamos o proxecto de novo, como se fose un reseteo do grupo; novo son, novas letras... e, ata agora que publicamos Vuela, é como se volvésemos comezar.

Realmente Sr. Salvaje comeza a súa andaina en setembro de 2023; o anterior foi quecemento [risos]».

Torroncho: «Como non estaba na banda non podo opinar moito, pero o que si podo dicir é que, en xeral, foi unha etapa súper convulsa a nivel musical. Ía ir a ese bolo de público e non fun porque non o vin claro. Foi como unha situación de moita incerteza, neste negocio non tiñas moi claro como ía ser o teu futuro... Unha loucura. O sector cultural tardou en recuperarse pero, por sorte, parece que a mellor».

 

 

 

En 2021 fostes parte do recompilatorio 25 Anos Ruxindo – Tributo a Ruxe Ruxe (2021), facendo vosa a canción orixinal da banda Terceira guerra. Como vos sumastes ao proxecto? De que xeito traballastes o tema ata levalo ao voso terreo?

Guille: «Torroncho pasou cinco anos en Ruxe Ruxe, co cal tiña moito senso que estivésemos aí. Entre moitos dos proxectos que colaboraron nesta homenaxe, ademais de amigos e amigas da banda, están tamén os proxectos actuais de antigos membros. Era case obrigado estar alí. Amor eterno aos RUXE!

Respecto ao traballo en estudio, pois aló fomos con Iago Pico, que xa fora produtor do tema orixinal, e así reinventamos o tema. Metémoslle máis zapatilla e claro, como eu canto moito máis agudo que o Vituco, queda como outro tema totalmente distinto... do que aproveitamos o riff, a letra e pouco máis, case. Quedamos moi contentos e foi unha experiencia moi guapa o de partillar coa familia do rock galego esta bonita homenaxe».

Torroncho: «Para min era moi importante. Eu si que lle pedín a banda si podiamos participar nisto e o resultado foi bastante guay. Como di Guille, eu pasei cinco anos marabillosos con eles e era algo como unha “débeda” de facer algo máis polo grupo.

Si que quería facer un tema que eu gravara con eles; escollemos este en conxunto e levámolo un pouco máis alá do que xa estaba feito e, a verdade, quedamos moi contentos».

 

 

Como naceron, e foron medrando, os temas que compoñen Vuela (2023)? Adoitades seguir algún procedemento á hora de compoñer? Tedes (e rompedes) algunhas regras...?

Guille: «O primeiro tema que rematei ao 100% foi “Gasolina”, casualmente o último single que publicamos. Cando escoitamos a maqueta tivemos claro que ía ser o tema máis potente do disco, o single. Pero dos demais, o primeiro que comecei foi “Nada personal”, durante o illamento. “Miss Fortuna” saíume do tirón coa guitarra acústica cando xa podiamos ter xuntanzas e abriron os bares; estaba cuns amigos nunha terraza e escribina enteira alí mesmo.

O procedemento que empregamos adoita ser: compoño o “esqueleto” da música e un primeiro borrador da letra con guitarra acústica. Despois maqueto na miña casa unha idea básica de arranxos de guitarra, baixo, batería e teclas que envío aos colegas para que saquen as súas propias ideas. Xuntámonos no local e probamos todo, a ver se funciona ou hai que cambiar cousas; regravamos o tema dun xeito básico por pistas e logo xa o levamos xunto de Iago para rematar arranxos e facer a produción artística, digamos. Así queda o tema ao 150% para gravalo posteriormente».

Torroncho: «Un pouco como conta el; Guille trae os temas e no local dámoslle cor. Eu lembro a canción de “Corre”, que non tiña moito que ver co que acabou saíndo nesa onda TexMex. A meirande parte das cancións van como as ten el na cabeza, pero cada un sempre achega a súa visión e ideas».

 

 

 

O primeiro adianto era Miss Fortuna”, un tema enérxico coa sorte como protagonista. Quen é Miss Fortuna e por que foi «ela» a elixida para abrir esta nova etapa?

Guille: «Esta é a pregunta que máis frecuentemente nos fai a xente! “Miss Fortuna” está inspirada en vivencias que pasei ou vin de preto, pero realmente falo da sorte dun músico; dos cambios anímicos e enerxéticos que hai ao longo do camiño, de saír adiante. Tamén está por aí o tema da noite, da roda” da vida nocturna dalgúns músicos, sen un can para comida pero que sempre teñen para unha cervexa. Algo así».

 

 

Leyenda” foi outro destes adiantos que, ademais, viña acompañado dun videoclip protagonizado por As Brigantias Roller Derby (A Coruña). Como lembrades a súa gravación (á parte de «sobre rodas»)?

Guille: «O tema fala, unha vez máis, do esforzo e de pasar por riba dos problemas. Así que, cando se fixo o brainstorming para o videoclip, tiñamos claro que se podía enfocar moi ben se traballabamos con algún equipo deportivo (apoiarse entre compañeiros, etc.) e pola casualidade chegou a nós este deporte: o roller derby.

É un deporte maioritariamente feminino que vén de EE.UU. e que cada vez ten máis deportistas e repercusión. Pareceunos perfecto para o noso enfoque da propia letra e, de casualidade, tiñamos un contacto nas Brigantias... E alá fomos ao frontón de Riazor a rodar.

Como sempre, houbo dificultades na produción por tema horarios e cadrar a todo o equipo humano, pero pasamos por riba de todo e aí está; un videoclip distinto e para motivar á peña».

 

 

Aínda que predominan os temas con riffs afiados de guitarra, coa personalidade da banda ben marcada, en Vuela tamén escoitamos algúns outros máis íntimos e evocadores, como Nada personal” ou Donde nos lleve el viento”, algo que non escoitabamos no primeiro. Como estades a navegar estes novos carreiros?

Guille: «O primeiro EP tiña letras máis arrevesadas e pesimistas, desde o meu punto de vista, cun son máis cru; está composto e gravado en tempo récord no prazo de dous meses e, ademais, non estaba afeito á escritura e ao rol de cantante. Así que, para Vuela quería facer un cambio total e tamén evolucionar o son; incorporar guitarras acústicas e teclas e meter outros matices. Tamén tiven moito máis tempo para escribir, puír as letras e mellorar moito os arranxos e estruturas, xa de base».

 

 

Que, ou quen, inspirou as letras do longo? Na vosa opinión, sodes de esperar pola Musa ou de saír buscala?

Guille: «Como xa mencionei anteriormente, gústame contar historias e indubidablemente o proceso creativo ten moito de persoal e de atopar “válvulas de escape”. Así que hai moita vivencia, moita inspiración e moita licencia poética”, por así dicilo.

Se o corpo me pide escribir e compoñer, aí imos. Moitas veces estás pola rúa e claro… non hai guitarra a man, así que teño o móbil cheo de notas de voz cantaruxando melodías ou chapurreando letras [risos]».

 

O último «guitarrazo» antes do lanzamento do disco foi Gasolina” que comeza cun enérxico duelo de guitarra e batería. Semella un tema ideal para abrir (ou pechar) un concerto... é esa a idea?

Guille: «Este tema estámolo a empregar cara ao final do set, efectivamente; é tan potente que é o seu sitio natural. Dura preto de dous minutos e medio e, de principio a fin, é un trallazo adrenalínico sen piedade».

Torroncho: «Pero si que non podemos descartalo para abrir os concertos, o que pasa é que ten moito power. Mola moitísimo para acabar, pero si que é certo que é un tema perigoso con ese son sureño guitarreiro… Arrancar con iso é poñer o listón xa moi alto de primeiras!».

 

 

Para a produción contastes con dúas colaboracións: Iago Pico aos mandos da produción artística e Arturo Vaquero como enxeñeiro de son. Ambos son nomes máis que recoñecidos na nosa escena musical, como foi traballar man a man con eles?

Guille: «Traballar con eles, de principio a fin foi como se levásemos toda a vida traballando xuntos.

O primeiro EP fixémolo integramente con Iago e nos entendemos desde o primeiro momento. Para o segundo disco, con Iago foi todo exactamente igual e, ademais, é unha peza clave no son de Sr. Salvaje. Ten unha mente musical e un xeito de traballar que saca o mellor dos músicos.

O grande Arturo Vaquero, aos mandos da nave espacial, exactamente igual: entendemento mutuo desde o primeiro momento e bo ambiente; nunca botei tantas risas gravando nun estudio, a verdade. Moi a gusto alí e enriba na montaña! Tamén contamos con dúas colaboracións que pasan moi desapercibidas grazas a él: un shaker xigante que tocou Walter Dixon e a colaboración da “Alemanita”. Pezas clave en varios temas do disco».

 

 

O longo vén envolto nunha portada algo curiosa, onde o protagonista non voa... senón que flota sobre un mar en calma. Que significado agocha?

Guille: «A palabra “vuela” pode ser, literalmente, alzar o voo, aínda que tamén ten o significado de soñar, pensar alto, fuxir, etc. Cada quen que saque as súas conclusións».

 

Só pasaron tres anos desde o voso debut, pero cantas cosas pasaron neses tres anos! Que diferencias, e similitudes, destacariades entre ambos traballos?

Guille: «De feito, o primeiro ensaio de Sr. Salvaje foi en outubro de 2020... partindo dunha idea ben definida e cun calendario que cumprir. O proxecto naquel momento era máis persoal, aínda que estivese agochado baixo nome de banda. Co tempo e os cambios que houbo, agora somos unha banda 100%; traballamos doutro xeito e, ademais, optimizamos moito mellor o tempo. Dedicamos só o estritamente necesario para sacar adiante o calendario e, se precisamos un ensaio en vez de dous, pois mellor que mellor. Coa experiencia se vai aprendendo e, agora mesmo, a máquina está máis engraxada que nunca».

Torroncho: «Eu, á parte das razóns obvias de xente nova, instrumentos novos e cousas así, penso que tamén se ve unha evolución lóxica dentro da banda. O primeiro disco pariuno Guille practicamente enteiro e ten un resaibo moi guay. Pero este disco é un disco máis feito entre todos, cun son moi buscado entre todos e, a verdade, é que son dous discos que amosan bastante o que é a evolución dunha banda: o primeiro máis cañeiro e máis sinxelo, por así dicilo, e o segundo con menos caña pero con moitos máis matices».

 

E, falando dun futuro non moi afastado, cara a onde vai Sr. Salvaje?

Guille: «Polo de agora estamos a cumprir os nosos obxectivos. Queriamos facer un bo disco, con bos temas e un bo son, presentalo ante o maior número de xente que puidésemos e tirar cara a adiante. A nosa intención é seguir a pelexar en 2024 e continuar a movernos a nivel estatal con concertos por toda a península e, se cadra, máis alá».

Torroncho: O obxectivo é chega alí onde nos queiran escoitar. Esperemos que o máis lonxe posible!».

 

Foto © Rubén Martínez

 

Estades a «voar» nunha xira presentación que xa vos levou por boa parte de Galicia, como está a ser a acollida do disco ao vivo? Que pode agardar o público dun concerto de Sr. Salvaje?

Guille: «A resposta está sendo brutal. Toda a xente que vén aos concertos nos está dando moi bo feedback e estamos a pasar unhas noites incribles.

Cando montas unha xira como esta, sen apenas apoio, é moi arriscado moverse e non saír perdendo, pero estamos moi sorprendidos. As salas vanse enchendo, compran discos e camisetas e desfrutan a tope da gran festa do rock ’n’ roll. Un soño.

Tamén quixera mencionar a grata resposta dos programadores e propietarios das salas que temos nesta xira. Están a darnos respostas moi boas e alentadoras, nos están a facer un oco na súa programación e, sen eles, non poderiamos chegar a tanta xente e lugares. Á vez notamos un crecente apoio dos medios de comunicación mediante entrevistas, “pinchar” os nosos temas na radio ou falar sobre nós no seu espazo. Grazas».

Torroncho: «Cada concerto está a funcionar moi ben; a xente está a responder súper guay. Estamos a ser un pouco beneficiarios dunha falta, en certo modo, de grupos do noso estilo en Galicia, segundo nos din; este rock ’n' roll cru desta maneira non hai ninguén [máis que o faga], ou iso pensamos e pensa a xente. Está a gustar moito, a verdade».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Guille: «O grupo Baluarte de Ferrol ou unha banda de recente creación que están comezando a dar cera: Killo Karallo; funk rock a tope».

Torroncho: «Eu non hai moito escoitei a alguén, penso que a Xurxo Souto, dicir que “a música galega a día de hoxe posiblemente estea a vivir o mellor momento da súa historia”; e estou bastante de acordo.

Pódoche recomendar corenta mil bandas, pero do último que escoitei podería dicir Arrhythmia de Lugo, que me parece que están a facer algo fantástico; e, ademais, un momento súper guay que está creando Alberto na súa canle de Twitch respecto á musica galega».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza

Guille: «Chris Stapleton, Corazones Eléctricos, Gallos, Playa Cuberris, Sexy Zebras, Los Zigarros, Tarque, Arde Bogotá, Ilegales, Deltonos, Divididos, Revólver, Guasones... Estou na procura de inspiración para o seguinte disco; semella que irá máis cañeiro... ou non?».

Torroncho: «Eu teño de todo: Bruce Springsteen, Slipknot, Dua Lipa, moito funk estilo Jamiroquai, Tarque, The Corrs, Iron Maiden e, por suposto, Kiss».

 

  noticias