• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

LOIROS: «NO PROCESO CREATIVO, O QUE PERFILA O PRODUTO FINAL SON AS RENUNCIAS OU AS ESCOLLAS»

LOIROS: «NO PROCESO CREATIVO, O QUE PERFILA O PRODUTO FINAL SON AS RENUNCIAS OU AS ESCOLLAS»
13 NOVEMBRO 2023

Loiros nacía hai sete anos como unha ponte entre a psicodelia e o rock alternativo da década dos noventa vista desde unha perspectiva jazzística. O cuarteto comezaba así a crear unha paisaxe sonora única onde o oínte pasaba por diferentes estados emocionais grazas a un son cru executado con delicadeza, cargado de arranxos coidados e melodías vocais tratadas con cariño. Hoxe manteñen esa influencia do jazz instrumental pero en menor medida, a banda segue a construír un imaxinario sonoro arredor de influencias posrock, shoegaze, grunge, cun «matiz onírico, paisaxístico, intimista...».

Héctor Agulla (batería), Virxilio Silva (voz, guitarra), Feliz Barth (voz, baixo) e Wilfried Wilde (guitarra) son Loiros e, logo da publicación dun EP e un longo, lanzan agora Back from the Edge (2023), un álbum no que as cancións están «coidadosa e amorosamente compostas, executadas e gravadas», que a banda agarda sexan escoitadas do mesmo xeito.

 

 

Foto © Borja Bernárdez

 

Dous galegos, un alemán e un francés entran nun bar e... como xorde Loiros?

Héctor Agulla: «Levaba un tempo pensando en armar un proxecto coa miña propia música e, no verán do 2016, comenteille a idea a Virxilio.

Comezamos a darlle forma ás cancións e á hora de completar a formación pensamos en amigos que tivesen un enfoque parecido ao noso e que se quixesen comprometer. Propuxémosllo a Wil, que daquela vivía nas Rías Baixas, e a Felix, que o coñecemos en Amsterdam, e resultou moi ben. Tanto, que aquí seguimos».

 

Ademais de «hippie friendly music, gluten free», como describiriades vós o son de Loiros? E a súa evolución ata chegar a el?

Héctor: «Como son bastante fan de inventarme etiquetas, o outro día ocorréuseme dicir que facíamos dream grunge. Non sei se alguén máis compartirá isto, pero a min encántame crer que as nosas canción teñen un matiz onírico. Tamén paisaxístico, intimista e algo lisérxico, aínda que cada vez menos.

Ao principio a influencia do jazz instrumental era moito maior; a ausencia de letra, as estruturas das cancións, os momentos para a improvisación... A intención era a de facer pseudojazz permeable a outras músicas que nos molan: post-rock, shoegaze, grunge, etc. Cando compuxemos “Rebirthmark” —a primeira canción propiamente dita, coa súa letra e o seu retrouso— tivemos clarísimo que esa era a dirección que queriamos tomar; foi un momento bastante espectacular».

 

Foto © Borja Bernárdez

 

Dicides que ese son é froito do imaxinario musical de cada un dos compoñentes do grupo... cal é, a grandes trazos, o imaxinario que achega cada un?

Héctor: «É difícil de definir. Cada un de nós estivo, e segue a estar, exposto a un montón de música e situacións musicais e extramusicais moi diferentes.

Segue a ser moi sorprendente para os outros cando algún de nós vén cunha idea nova. Un arranxo, unha melodía, algún cambio sutil... Seguir desfrutando desa frescura cando xa tes unha traxectoria é moi de agradecer».

 

Se vos preguntamos por influencias, a quen sinalariades? Quen tivo, ou ten, particular impacto no voso xeito de compoñer, e entender, a música?

Héctor: «Máis que bandas concretas, hai algunhas desas situacións musicais das que falaba antes que crean un grande impacto en ti e, unha vez interiorizadas, cristalizan e rematan por influírte dalgunha maneira. Pode ser un repertorio que soamente tocaches unha vez, un disco que escoitaches moitísimo de adolescente ou un concerto dun grupo que non coñecías.

Por poñer algúns exemplos, a min influíume moitísimo a música dos meus amigos Iago Fernández e Wilfried Wilde (guitarrista de Loiros) cos seus proxectos en solitario. Compartir banda durante quince anos cunha personalidade musical tan potente como Rubén Fernández en Why Go tamén foi determinante na miña percepción da música (e da vida).

Por suposto que hai certas bandas recoñecibles na nosa música: Jeff Buckley, Radiohead, Oceansize, Deftones... pero o feito de que nos expresemos utilizando códigos, linguaxe e estética propias do rock non significa que as nosas influencias veñan soamente de aí. Son tan importantes os grupos que citaba antes como o son Satie, Adrianne Lenker ou Brad Mehldau, por citar algúns».

 

 

 

Un par de anos despois da vosa creación chegaba Arp (2018), un primeiro traballo que recolle tres cortes gravados ao vivo. Dous son instrumentais cunha tendencia ao jazz máis clara, un deles titúlase precisamente “O noso son”. Foi unha especie de declaración de principios?

Héctor: «Pretendía selo, si. Foi a primeira canción que rematamos e coa que adoitabamos comezar os concertos. En realidade, o título fai referencia á Illa de Ons; musiquei un poema que escribira uns meses antes sobre determinadas lembranzas que teño dese espazo tan máxico. Está dividida en tres partes: terra, mar e aire».

 

 

O terceiro dos temas é “Rebirthmark”, que acadou o premio da Deputación de Pontevedra ao Mellor Traballo Musical en 2018. A súa letra está baseada no poema Love After Love (Derek Walcott, 1986), por que estes versos en concreto? Que significan para vós e por que decidistes collelos como inspiración para esta peza?

Héctor: «A letra está baseada na idea que me transmitiu ese poema, sen coller ningún verso en concreto. Nese tempo déuseme por traducir a Walcott ao galego porque non atopaba nada del na nosa lingua; atopeime con este poema e causoume unha enorme impresión. Esa sensación que todas vivimos algunha vez cando les algo que semella estar contando a túa propia experiencia vital».

 

 

 

“Rebirthmark” tamén está recollido na vosa segunda referencia, loiros (Metamovida, 2019), publicado logo de pechar con éxito unha campaña en Verkami, algo que tamén repetistes para o voso disco máis recente. Que vos empurrou a apostar polo micromecenado?

Héctor: «Virxilio e máis eu xa tiñamos experiencias positivas con outros proxectos. É duro dicilo, pero coa escusa do micromecenado permíteste certas licencias... como ser superinvasivo coas colegas, caer nunha chantaxe emocional sen precedentes ou directamente extorsionalas [risos]».

 

 

Loiros ten unha cara A con temas de fortes clarescuros (“Durmeduna” é un claro exemplo) con partes moi contundentes e descarnadas de grunge progresivo e psicodélico. Mentres que na cara B atenúanse e ata hai certas doses de optimismo en temas como “PDC” ou, sobre todo, “Fomos nenos”. Por que ese contraste entre ambas caras do disco? Cambio de ciclo?

Héctor: «É a representación do nacemento. Pasar da escuridade total á luz cegadora, nívea. Penso que a portada reflicte moi ben o contido dese primeiro disco. Foi tomada en decembro no sur de Islandia, onde os días son súper curtos e o amencer fúndese co ocaso.

Musicalmente, hai temas da época máis jazzy (“Durmeduna”, “Fomos nenos” e “A fin de algo fermoso”, un bonus track só para mecenas), e os primeiros temas con letra. Non sei como, pero partindo de algo un pouco heteroxéneo quedou un disco bastante redondo».

 

 

Estades a presentar Back from the Edge (2023), o voso último disco, publicado a mediados do mes pasado despois dun longo proceso de composición, gravación e deseño; en realidade, foron tres anos de traballo... pandemia mediante. Foi esta a única causa de dilación do álbum ou «só» foi unha delas?

Héctor: «Desta volta queriamos facer cancións máis arranxadas e deixar menos espazo para a libre interpretación. Foi un cambio de paradigma moi interesante que fixo que a composición se dilatase máis que no disco anterior, no que compuxemos todo bastante máis rápido.

Logo o que si se dilatou tolamente foi o tema do deseño e a orde dos temas; obsesioneime un montón, foi bastante enfermizo [risos]».

 

“How Does It Feel” foi o seu primeiro, e único, adianto. O tema veu acompañado dun moi orixinal lyric vídeo. Como xurdiu a idea?

Héctor: «Como sempre, dun presuposto limitado, por non dicir inexistente, xorden as mellores ideas.

Chamei ao meu querido cuñado Nelo (aka Pálida) porque me atopaba nun deses horribles bloqueos creativos. Falamos e, logo de tres minutos, xa estaba todo o concepto clarísimo. Aproveiteime da caridade e bo facer de Xan Campos e María Lalín e nun par de horas xa estaba todo listo. Foi un proceso moi bonito revisar a historia do grupo a través desas fotografías, coa canción falando da nosa relación e das nosas vivencias».

 

 

O título fai referencia a estar de volta dun «límite» e, a canción que lle dá nome, afonda nesta sensación de volta, agarda, esperanza... é este límite real ou metafórico?

Héctor: «En realidade o título do disco xurdiu nunha conversa entre Wilfried e máis eu. Falabamos de que, no proceso creativo, o que perfila o produto final son as renuncias ou as escollas. Ou a loita entre ambas. Chegamos a visualizar unha imaxe na que os milleiros de posibilidades (acordes, texturas, ritmo harmónico...) están dispostas ao borde do abismo da inexistencia e só unha desas posibilidades se salva cada vez. O proceso poderíase repetir case infinitamente ata que decides rematar a obra. Cada vez que escolles e renuncias estás a traer ó plano da eternidade algo que estivo a punto de non suceder. Pareceunos unha idea o suficientemente epiquísima como para rematar sendo o título do disco. Foi a gran escolla».

 

 

Ao longo do álbum escoitamos certo aire de nostalxia, melancolía... morriña quizais. E as letras continúan liñas temáticas moi introspectivas xa presentes en loiros. Unha delas podería ser a idea da necesidade de renacer e determinar un o propio destino. Cales diriades que son os temas centrais?

Héctor: «Si! Concretamente eses dous temas están presentes en loiros. En Back from the Edge seguimos nesa liña introspectiva e aínda máis persoal: crises existenciais, paternidade, encontros con extraterrestres... Aínda así, penso que son o suficientemente ambiguas como para, quen teña a ben tomarse o tempo de lelas, interpretalas ao seu xeito».

 

Canto á música, os temas asinádelos os catro. De que xeito nacen, e medran? Como os traballades?

Héctor: «Neste disco cada un de nós achegou un ou dous temas. O 60% de cada canción é persoal e o 40% restante xorde dun proceso colaborativo.

Houbo un momento no proceso de composición do primeiro disco onde a dirección e a estética quedaron moi ben definidas, foi como meter todo o que eramos como músicos e dar forma a un ente común, como un embude. En Back from the Edge só tiñamos que pensar en expandir o abano».

 

Foto © Borja Bernárdez

 

Curiosamente neste disco parece coller máis peso a parte vocal. Desaparecen os temas instrumentais e apostades por desenvolver harmonías nas voces dun xeito máis sistemático que en loiros, aínda que xa estaban presentes nese disco en temas como “PDC” ou “Fomos nenos”. Por que ese xiro?

Héctor: «Non foi algo premeditado. Cando compoñiamos Back from the Edge, faciámolo pensando nunha melodía vocal e non instrumental. Tratar de escribir letras sobre esas melodías é un proceso fascinante e que che permite expresar certas ideas de forma máis explícita».

 

 

Tedes antecedentes no jazz... Que papel ten a improvisación nos vosos directos?

Héctor: «O jazz segue moi presente nas nosas vidas. Todos estamos en proxectos que utilizan como medio de expresión a canle do jazz, os seus códigos, linguaxe, estruturas, etc.

Con Loiros está presente en como pensamos a música, no noso enfoque, pero non tanto na estética e cada vez menos na forma; cada vez hai menos momentos para a improvisación e os temas están máis pechados, o que nos permite estar máis enfocados en executar de xeito máis preciso os arranxos xa pactados».

 

Para Back from the Edge volvestes contar con Hevi (Malandrómeda, Fluzo), un dos grandes produtores galegos que estivo detrás de gravacións de moi diversos estilos (Ortiga, Grande Amore, Xan Campos Trío, Faia, etc.). Como é traballar con el? De que xeito se traducen esas «experimentais e sempre creisis ténicas de deseño sonoro» ao son do disco?

Héctor: «No noso caso non actuou tanto como produtor, xa que todas as cancións chegaron moi definidas ao estudio. Pero si que foi determinante á hora de que nos decatásemos de como queriamos sonar no disco: un son cru, non sobreproducido, con moita dinámica e que soase envolvente, tridimensional. Basicamente a idea era trasladar a sensación do directo ó disco».

 

A portada do disco é un deseño asinado por Héctor (arte e fotografía) en colaboración co artista multidisciplinar Rafa Cáccamo (deseño gráfico), quen xa participara no deseño do voso anterior traballo. Nela aparece un bebé durmindo, que parece remitir a “Fotografía” e tamén a esa idea do renacer. É así?

Héctor: «As fotografías ás que fago referencia non é a da portada, senón ás da edición coleccionista; unha edición limitada de trinta exemplares para mecenas.

A portada en principio ía ser unha montaxe de seis fotografías, unha representativa de cada canción, pero algo sumamente cósmico sucedeu. Unha artista cuxa personalidade real descoñezo púxose en contacto connosco vía mail ofrecéndose a facer a portada do novo disco porque lle flipara moito o primeiro. Pasounos algunhas da súas obras e flipamos co resultado, pero sobre todo coa idea que perfila o seu proceso creativo, no que se vale dun inventario de milleiros (literalmente) de obxectos que colecciona e utiliza segundo o que precise a obra. Para a portada de Back from the Edge utilizou, entre outras cousas, un gran número de ecografías para o debuxo, que é enorme; e, para as tintas, sangue menstrual e placenta. Pareceume unha interpretación e un xeito de levala a cabo tan punki, tan xenuíno e tan extremo... que foi irrexeitable.

No caso de Rafa, é o meu máis vello amigo e todo un referente a nivel artístico e vital. Contar coa súa sincera e acertada opinión dáme a seguridade de que o que temos entre mans é algo bo».

 

É curioso como vén presentada, agochada por un envoltorio branco baleiro que, ademais, só se pode ver na edición física do disco. Por que?

Héctor: «É unha reacción a todo este torrente de imaxes baleiras de contido a través de plataformas como Instagram ou Pinterest. No eido da música, concretamente, atopámonos nun momento crítico no que se valora máis como se presenta o contido que o contido mesmo. É absurdo.

Tamén queriamos que toda aquela persoa que merque o disco teña algo que non estea dispoñible no mundo dixital, soamente no físico. Como creadores, estamos en contra de poñer todo o noso arte dispoñible gratuitamente e, como consumidores, estamos encantados de pagar polos discos, merch e bolos doutras bandas pequenas e soster o tecido do arte underground. É que se non, resulta imposible...».

 

 

 

 

Con todo, en Bandcamp o disco ten unha portada de Peixe Nero (ilustración que tamén aparece nas camisetas) na que se observa unha especie de semente aberta que agocha un bebé dentro de cuxa cabeza brota unha pranta... O concepto ten moita relación coa portada da edición física, non é así?

Héctor: «Así é. Desde hai tempo que tiña moitísimas ganas de colaborar con Nero; encántame a súa visión do mundo e como a expresa nas súas creacións.

Ocorréuseme que podía facer unha ilustración para as camis que tivese relación coa idea da portada e veu con esa idea tan evocadora e nesa cor tan potente. Pareceume boa idea utilizala coma portada alternativa nas recesións, entrevistas e no Bandcamp».

 

E alén de Bandcamp, por que decidistes que ningún dos dous discos estea dispoñible noutras plataformas dixitais como Spotify?

Héctor: «Porque son uns putos explotadores.

Temos o disco en Bandcamp (coas escoitas limitadas) porque nos permite monetizalas e chegar a xente que doutro xeito sería moi difícil. Ademais, a filosofía da comunidade desta plataforma é moito máis sa e vencellada á nosa.

Tamén é unha posta en valor das creacións dos artistas underground. A maioría das bandas pequenas poñen a súa música gratis por pura presión dunha industria completamente desfigurada. Como consumidores estamos acostumados a ter á nosa disposición toda a información, o que fai que nin a valoremos, nin a xestionemos adecuadamente, nin a consumamos de maneira consciente e con pleno enfoque.

Como pequenos creadores temos a posibilidade de decidir que facer coa nosa música e optamos por vendela só en formato físico coa esperanza de que sexa escoitada coa carpeta das letras nas mans».

 

 

Foto © Borja Bernárdez 

 

Ademais de ser parte doutros (varios) proxectos, algúns de vós tamén sodes profes de música. Como vedes (e veñen) as novas xeracións?

Héctor: «En realidade os catro somos profes.

Vexo que o modo de consumo cambiou radicalmente; cando eu tiña 12, 13 anos gastaba a miña paga en tendas de discos de segunda man e escoitaba os discos de principio a fin co libreto nas mans, escudriñando as fotos ao máis mínimo detalle, aprendendo as letras e interesándome por quen mesturara, producira, etc. Agora escóitase a música a través de dispositivos cunha pésima calidade de reprodución, por singles ou listas de reprodución no mellor dos casos, cando non nun reel ou un short.

Iso canto ao consumo. Con respecto á creación, as novas xeracións están máis interesadas nos followers, no alcance que poida ter a súa música, que na música en si.

Así que o vexo bastante cru. Un reflexo do mundo no que vivimos».

 

 

Xa levades varios concertos presentación (Vigo, Cambados, León...), como está a ser a acollida do disco ao vivo?

Héctor: «Un pouco desigual en canto a afluencia de público, pero en todos os concertos creouse esa especie de comuñón brutal entre audiencia e banda. Coñecemos a xente moi riquiña e fixemos un par de bolos con Fajardo. Foi moi guay compartir tempo con el».

 

Para alguén que aínda non tivo a sorte de desfrutar da vosa música ao vivo, como describiriades un concerto de Loiros?

Héctor: «Para nós é algo moi transcendental. Tocamos moi pouco xuntos malia a moita enerxía e tempo que lle dedicamos ao grupo, entón, cando chega o momento do concerto estamos moi sensibles e abertos. Son bolos moi viscerais e crús. A verdade é que unha sensación que non temos tocando con outros proxectos; é algo moi especial».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Héctor: «Mólannos moito Trilitrate, CALDO, Caamaño&Ameixeiras, Holywater, Xan Campos, Iago Fernández, Noar, Malandrómeda...».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza

Héctor: «[Risos] O único un pouco guilty pleasure sería Creed... polo demais o último que teño é: Kalama’s Quartet, Larry Young, Sílvia Pérez Cruz, Deftones, Alice in Chains, Squid, King Krule, Lost in Tajikistan e o podcast Efecto Doppler».

 

 

  noticias