• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. NOVEMBRO 2023

NOVOS LANZAMENTOS. NOVEMBRO 2023
3 DECEMBRO 2023

Bedroom Folk, Sanny

Sanny despide novembro co lanzamento dun novo proxecto, convertido xa en EP, ao que propiamente titulou Bedroom Folk (2023); «propiamente» porque a cantautora viguesa gravou os tres cortes nunha habitación, con Denis Carballás aos mandos. Dos cancións coñecidas e unha inédita, “Tempest”, conforman un traballo impregnado de folk en acústico, con letras melódicas e certa nostalxia que, polo de agora, se pode desfrutar ao completo en Bandcamp.

 

 

 

 

Vidas cantadas, Leilía

Logo de 34 anos de traxectoria, Leilía despídese ao grande e por partida dobre. Ademais dos catro concertos da súa derradeira xira, ‘Anque me vou non me vou’, patrocinados pola Xunta de Galicia, o grupo lanzou tamén o seu sexto, e derradeiro, disco. Para Vidas cantadas (Altafonte, 2023), Leilía recuperou e reinterpretou cancións gravadas en 1992, daquela nunha cinta de casete distribuída por El Correo Gallego; agora o oínte terá a oportunidade de escoitalas e desfrutalas «cos pousos destes 34 anos».

 

 

 

 

 

Ailá de Nadal, Ailá

Nunha época onde toda felicitación de Nadal se converte —no mellor dos casos— nun copia-e-pega de mensaxes a través de redes sociais ou chats de mensaxería instantánea, Ailá bota a vista atrás e nos convida a felicitalo como nos tempo dos nosos avós. O grupo lanza Ailá de Nadal (2023), un álbum que recolle oito cancións de Nadal inspiradas en temas populares galegos para lembrar unha das nosas tradicións: a de reunirse para cantar e celebrar, visitando as casas de familiares e veciños. Aínda que o auxe tecnolóxico minguase o de ir cantando panxoliñas de casa en casa, sempre se pode compartir a ligazón coa mesma ilusión «para que parte dese pasado teña a oportunidade de viaxar ao noso presente».

 

 

 

 

Camiño aberto, Juan Carlos Cambas

Dous anos despois do seu último lanzamento, o piano de Juan Carlos Cambas volve soar nun álbum. Camiño aberto / Canto libre de Galicia e Latinoamérica (2023) é o novo proxecto do pianista arxentino afincado en Vilagarcía, unha recompilación de grandes temas da canción popular de ambas beiras do Atlántico na que traballou man a man xunto á cantante Rosa Leiro. Definido polo propio artista como «un disco intimista», o repertorio combina cancións clásicas reversionadas con outras inéditas, orixinalmente compostas para este traballo, onde destacan os coidados arranxos instrumentais. Gravado no Auditorio de Ribadumia, para Camiño aberto Cambas contou con varias colaboracións de artistas do talle de Uxía, Davide Salvado, Efraím Díaz, Cristian Silva e León Gieco, entre outros.

 

 

 

 

slowdance, RYMER

En abril lanzaban o primeiro adianto, “To Those Who Found and Had to Let Go”, un tema capaz de facer chorar de frustración ao oínte pero que, ao mesmo tempo, tamén ofrece o deathcore perfecto para desestresarse. Con aquela publicación, RYMER abría unha nova etapa na que procuraba consolidar o seu nome, ofrecendo un proposta sólida e cegadora; pouco máis de medio ano despois, arriscámonos a dicir que está a seguir o camiño correcto. O cuarteto metal estrea agora o seu primeiro traballo discográfico, slowdance (2023), un EP de sete cortes que amosan a potente fusión de metalcore agresivo e deathcore intenso que o grupo estivo a definir estes últimos meses, un traballazo do que «están moi orgullosos». E como para non estalo!

 

 

 

 

Pequeno Manual para Grandes Cambios I (Teoría e Práctica), Zavala

É un movemento constante; todo flúe da man de Carla Romalde (voz, frauta travesa), Ana Lage (baixo, piano, acordeón coros), Elena Zas (piano, viola, coros), Carlos ‘Kos’ Castro (programacións, bases, visuais) e Víctor Ledo (guitarra, coros). Zavala mestura os aspectos máis orgánicos e melódicos da música con capas e bases electrónicas nunha proposta innovadora, contemporánea e moderna que agora materializa por todo o alto no seu debut discográfico. Pequeno Manual para Grandes Cambios I (Teoría e Práctica) (Ferror Records, 2023) son 14 cancións de letras intimistas e persoais que colorean o amplo abano musical da banda, do máis acústico e sinxelo a pasaxes máis sintéticas. Alén de matices, produción e sonoridades, durante os case 45 minutos de duración do longo escoitamos como a canción en si mesma é protagonista; coidada de xeito particular, con letras que discorren a modo cinematográfico, conformando un micromundo cargado de imaxes e flashes sonoros.

 

 

 

 

La leyenda de Ermesinda, María Mendoza

Hai pouco máis dun ano que a estreaba en Mieres (Asturias), baixo a dirección de Antonio Cánovas e interpretada pola Banda Sinfónica do Ateneo de Mieres. María Mendoza asina La leyenda de Ermesinda, unha obra homenaxe a Ermesinda, descoñecida irmá de Don Paio sobre a que a pianista compuxo catro pezas «dentro das posibilidades que ofrecen as diferentes fontes sobre a súa figura». Agora publícase esa gravación ao vivo, La Leyenda de Ermesinda (2023), e os seus case 15 minutos de fabulación arredor duns feitos históricos aos que Mendoza engadiu drama e traxedia, «máis atractivos musicalmente», para dar vida a unha muller que tivo máis peso do que a historia lle atribúe. La leyenda de Ermesinda foi premiada no II Concurso Internacional para Banda Sinfónica María Teresa Prieto.

 

 

 

 

The Fear Frequency, Micro Moon

Aínda que o seu sinxelo máis recente data de marzo deste mesmo ano, Micro Moon volvía ás plataformas dixitais para despedir outubro co lanzamento de The Fear Frequency (2023), un novo EP. O dúo de electrónica coñecido pola súa fusión de sons e texturas presenta tres temas de ciencia ficción, vintage e cargados de sintes, que semellan sacados da banda sonora orixinal de calquera película de terror. Como curiosidade, o título fai referencia á frecuencia do medo, un «infrasón» de 19Hz (o de oído humano é 20Hz) que pode chegar a afectar o oínte física e mentalmente... e eles utilizárono en “The Lodge Mirror”.

 

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2023 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2023 cos discos completos!

 

  noticias