• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GOLD & COLT: «EN “OLD FASHIONED” INTENTAMOS APOIARNOS MÁIS EN ESTRUTURAS CLÁSICAS DE COUNTRY E BLUES, IRNOS MÁIS ÁS RAÍCES»

GOLD & COLT: «EN “OLD FASHIONED” INTENTAMOS APOIARNOS MÁIS EN ESTRUTURAS CLÁSICAS DE COUNTRY E BLUES, IRNOS MÁIS ÁS RAÍCES»
4 DECEMBRO 2023

Curtida enriba das táboas, Gold & Colt é unha banda que conquista desde o primeiro riff, engancha cun son propio —persoal e sentimental, que sae das entrañas— e traslada ao oínte ao corazón do Delta do Mississippi con ese folk americano de raíz brillantemente executado. Dun dúo creado hai case unha década polos músicos pontevedreses Roberto Fernández e Dany Moure, recentemente falecido, Gold & Colt é agora un cuarteto composto por Roberto (guitarra solista, dobro), Álvaro Vázquez (voz, guitarra rítmica), Juyma Estévez (contrabaixo) e Noli Torres (batería).

Logo dun debut discográfico homónimo e un longo gravado ao vivo, a banda está de volta cun novo álbum, Old Fashioned (2023); unha colección de cinco cancións que reflicten o carácter da nova formación, máis country, con estruturas e sons máis anellos.

 

 

Gold & Colt. Foto: © Beti Piñeiro 

O que comezou como dúo a principios dos anos 10 do século XXI é agora, máis dunha década despois, un cuarteto de referencia do American folk en Galicia. Como foron as orixes de Gold & Colt?

Roberto Fernández: «A orixe de Gold & Colt foi por necesidade musical e económica. Dany e máis eu levabamos anos tocando en distintas bandas (Tractor Troy, Mil Demos Blues Band, Os Fervellasverzas) e queriamos facer algo sinxelo, distinto, máis íntimo; algo que entrase nun Golf III vermello co que percorrer Galiza e, a poder ser, que axudara economicamente a pagar o alugamento do piso que ambos compartiamos en Pontevedra. E que mellor cousa que facer un dúo de blues!

Pero pasou ou de sempre... enléaste, emociónaste, acabas tomándoo en serio, compoñendo as túas propias cancións e, de súpeto, xa tes unha banda de rock and roll.

Hai que recalcar que o paso de dúo a banda, non foi idea de Dany ou miña, senón que foi de Michi Castro, técnico de son e o noso primeiro batería, que despois dun concerto díxonos que tiñamos que cambiar o formato porque vía que, como banda, o noso proxecto tiña futuro. Aos poucos días desa conversa xa estabamos ensaiando na súa casa de Bueu, con el na batería e Juyma Estévez ao contrabaixo, e con varias datas pechadas para presentarnos como grupo».

 

É imposible falar dos inicios da banda sen lembrarnos de Dany Moure, un dos seus fundadores. Que pegada deixou na banda? De que xeito a súa figura segue a estar presente en Gold & Colt?

Rober: «Pois a pegada de Dany é moi grande, xa que foi o instigador, o creador, o que iniciou este proxecto. A metade do noso repertorio son cancións súas e é o noso deber defendelas o 100%, seguir difundíndoas e mantelas vivas; esa é a mellor homenaxe que lle podemos facer.

A comezos do 2019 os nosos camiños musicais separáronse, e foi unha mágoa, pero nós sempre tivemos claro cal era a nosa orixe.

Ou seu pasamento foi duro —persoalmente afectoume moito— e colleunos a dez días de publicar este novo disco, o cal xa estaba editado, polo que sempre vaime quedar a pena de non dedicarlle unhas verbas nel. Pero o que é seguro é que Dany estará sempre presente en cada concerto, en cada canción e en cada nota que toquemos».

 

 

“Gold & Colt” podemos asocialo á febre do ouro no lonxano Oeste, con duelos de vaqueiros cos revólveres desenfundados... como vos decidistes por este nome tan western?

Rober: «Eramos un dúo e buscabamos un nome country, duro, rudo, como un golpe na mesa, e por iso xurdiu o nome de Gold & Colt».

 

Sen empregar ningunha etiqueta de estilo, como describirades vós o son de Gold & Colt?

Rober: «Sen etiquetas? É moi difícil, pero diría que o noso son sae das entrañas, é moi persoal e sentimental, pero tamén moi pensado, e no que a improvisación ten gran protagonismo».

 

Volvendo ás etiquetas, ese son que vos caracteriza, un folk americano con arranxos de xéneros varios de música de raíz americana (rock, blues, country) non é que estea precisamente arraigado aquí en Galicia, que vos chamou a atención destes estilos para cruzar o charco (sonoro) na procura de inspiración?

Rober: «Pois non sei que nos chama a atención de este estilo; a calidade das cancións, o gusto polo bo son, os pequenos detalles, as letras, as historias, os amplificadores vintage... O que está claro é que desde pequenos sentímonos moi influenciados por este estilo de música, e estamos moi orgullosos de poder tocalo, amosalo e transmitilo».

Álvaro Vázquez: «A realidade é mais simple: facemos este estilo porque é o que nos gusta e hai que ser fieis a un mesmo».

 

Roberto Fernández. Foto: © Julher Lemreh

 

John Lee Hooker, Johnny Cash ou Robert Johnson, entre outros, son algúns dos nomes que se nos veñen á cabeza cando vos escoitamos. Estamos no certo? Quen diriades que son as vosas principais influencias, musicalmente falando?

Rober: «Moi certo, pero creo que esqueces o que é a nosa grande influencia: J.J. Cale.

Logo somos catro na banda e catro formas de entender a música. Eu síntome moi influenciado polo propio J.J. Cale, por Tony Joe White, John Lee Hooker ou Anders Osborne».

Álvaro: «É difícil porque unha cousa é a música que me gusta e outra a música que me inflúe, pois moitas veces esas influencias son inconscientes. Diría que me inspiro en músicos como Johnny Cash, Hank Willians III ou Kenny Rogers».

Rober: «E logo, a nosa base rítmica, Juyma e Noli que están influenciados polos grandes músicos do jazz: Ben Wolfe, Miles Davis, Paul Chambers...».

 

Os primeiros anos da formación pasádelos de escenario en escenario, que peso diriades vós que tivo esta experiencia sobre as táboas no desenvolvemento do son do grupo?

Rober: «Non paramos! Os concertos foron constantes; durante varios anos seguidos superamos os 30 concertos ao ano, e pasamos por todos lados (Sala Karma, Fábrica de Chocolate, Aturuxo, Sala Son, Garufa, Clavicémbalo, Náutico) e por distintos festivais... e isto valeu para gañar moitas táboas e moita experiencia.

No directo é onde máis aprendes; e, sobre todo, nos directos en salas. Gústanos máis tocar en salas que en festivais; amámolo. O público das salas vai verte, fíxase en ti, no que fas, no bo e no malo, nos acertos e nos erros, e por iso nos locais existe esa conexión tan especial entre público e banda.

Con todo, o público dos festivais... iso xa é outra cousa. Moitos están de paso ou esperando o seu grupo preferido, como é lóxico, e non existe a mesma conexión (por favor que agora non nos veten nos festivais, que tamén nos gustan e temos o formato e a música perfecta para tocar nas tardiñas mentres se agocha o sol! [Risos])».

 

 

 

Media ducia de cancións recollía o voso debut discográfico, Gold & Colt (2015); despois da intensa experiencia en vivo, que significou para vós rexistrar os vosos temas nun primeiro álbum?

Rober: «Gravar aquel EP non foi significativo, xa que todos viñamos de distintos grupos nos que xa publicáramos varios LPs. Naquel momento non sentimos esa grande emoción do “primeiro disco”, pero ao proceso de gravación si que lle temos moito cariño xa que foi gravado por Michi entre a súa casa de Bueu, a casa de Juyma e o salón do piso que compartiamos en Pontevedra. Foron moitas horas de traballo pero moitas máis de risos!».

 

 

 

 

 

Para o voso seguinte disco, Live at Ancestral Studios (2017), colledes o puñado de temas do voso debut, engadides outra presa máis, e os gravades ao vivo. Por que adoptar este formato mixto de recompilatorio... estendido?

Rober: «Sabiamos que o primeiro EP tiña boas cancións que merecían estar nun disco de estudio, e por iso volvémolas tocar ao vivo para que quedasen rexistradas, xunto coas novas, en Live at Ancestral Studios.

O de gravar en directo foi por teima de Michi Castro, xa que el tiña moi claro que este grupo e este estilo de música tiñan que gravarse en directo. Dicíao tan convencido e con tanta paixón que lle fixemos caso, nos convenceu. O disco foi gravado por Isaac Millán, e quedou moi ben; gustounos, e gústanos, moito.

Ese disco quedaría mellor se o gravásemos por “pistas”? Pode ser, pero a esencia da música tamén está nos pequenos erros, nese axuste inconsciente do amplificador de guitarra, nese golpe de batería dado unhas décimas de segundo antes ou unhas décimas despois, nese ir oscilando da claqueta durante uns intres...».

 

 

 

 

O 2020 foi un ano convulso en xeral, e para vós tamén de transformación; cambiou a banda, o que resultou nun xiro no voso son sen perder a vosa esencia orixinal. Dicides as cinco pezas que recolle Old Fashioned (2023) reflicten o carácter da nova formación, como definiriades vós ese carácter e como acadades trasladalo ás cancións?

Rober: «Máis ben foi o 2019, cando Dany deixou a banda e o resto decidimos continuar, pero sen éxito. Naquel momento penso que non tiñamos as suficientes forzas para comezar de novo desde o principio, cun novo cantante, xa que iso significaba dedicarlle moito tempo e moitas horas de traballo, e o grupo practicamente diluíuse.

Ata que, logo dun ano parados, en 2020 chegou unha chamada de Álvaro Vázquez esixindo unha oportunidade, xa que “el tiña que ser o novo cantante de Gold & Colt!”, e ante tal ímpeto e tales esixencias non nos puidemos negar! Houbo que facerlle caso e concederlle esa proba á que se presentou con medio repertorio aprendido! O resto da historia xa a coñecedes...

Despois chegaría a marcha de Michi Castro por motivos laborais, pero neste caso o propio Michi recomendounos a Noli Torres, un batería sensacional, que aceptou o reto case de forma inmediata.

Penso que todo ese proceso —a marcha duns, a chegada doutros, a COVID, a imposibilidade de tocar ou ensaiar polas restricións, o comezar de novo— se pode ver reflectido neste novo disco, o cal poida que sexa un pouquiño máis “agresivo” a nivel de son, pero que, sen dúbida algunha, segue a manter a esencia do grupo».

 

 

Nós temos a sensación de que nesa amálgama de estilos de folk americano que é o voso son antes pesaba un chisquiño máis o blues e agora pesa un chisquiño máis o country. Védelo así?

Rober: «Si, pode ser, pero tamén hai que diferenciar que tipo de blues fai Gold & Colt. Como sabedes, existe ese blues de Chicago, moi orquestral, moi limpo e moi coidado, e logo está ese blues máis cru do Delta do Mississippi que é o que nos gusta facer e que ten moitas similitudes co country. En realidade, entre ambos son poucas as diferenzas, xa que estamos a falar de puro folk.

Logo tamén é importante diferenciar o estilo de country. Por desgraza, existe o estereotipo de que o country é un vaqueiro, con gorro, botas de punta, preparado para dar uns pasos de baile ou preparado para un duelo a morte... E non é así, esa é unha parte da cultura country. Hai grupos country que vos sorprenderían, que son puro rock and roll. Anímovos a escoitar algúns vellos, como Tony Joe White ou R.L Burnside, e outros máis actuais, como The Deslondes, North Mississippi Allstars, TK & The Holy Know-Nothings ou os canadienses The Sadies».

 

Ao fío, como foi o proceso de creación das cancións? De que xeito as fostes construíndo?

Rober: «O proceso é sempre o mesmo, o que levamos facendo dende os inicios.

Neste caso, as estruturas de dous dos temas xa eran vellas (“The Pool”, “Come Around”), mentres que para “Not My Place”, “On My Own Shoes” e “Earthqueake”, Álvaro trouxo a letra cunha liña de guitarra e os demais fomos achegándolle as características propias que temos como músicos; probando diferentes estruturas, diferentes breaks... pero sempre tendo en conta a onde queremos chegar e o que queremos facer.

O primeiro día hai catro opinións totalmente confrontadas, o segundo día imos achegando posturas, e o terceiro xa temos case case a canción pechada [risos]; nada que non pase no 80% dos grupos de música!».

 

Juyma Estévez. Foto: © Julher Lemreh

 

O disco foi gravado en directo en estudio, por que decidistes rexistralo deste xeito?

Rober: «Polo de sempre, por manter a esencia e porque, como dixen antes, Michi convenceunos tanto de facelo deste xeito que penso que o seguiremos facendo así no futuro [risos]».

 

Ademais de darlle nome ao mítico cóctel feito con bourbon, o termo “old fashioned” significa algo así como «á antiga usanza». Resume o título do disco a vosa filosofía?

Álvaro: «O título do disco significa “pasado de moda”. As modas musicais cambiaron moito, sempre cambiaron é seguirán cambiando. Os estilos de música que nos gustan a nós son estilos que distan bastante das modas actuais, así que o feito de que un estilo musical estea “pasado de moda” identificámolo como algo bo (para nós).

Neste novo disco intentamos apoiarnos máis en estruturas clásicas de country e blues, irnos máis ás raíces; e por iso optamos por este título, para reflectir esas raíces con orgullo, de facer música pasada de moda».

 

 

As letras semellan gardar algo de rancor, rabia, decepción quizais? Que, ou quen, vos serviu de inspiración?

Álvaro: «Steve Goodman dixo que unha boa canción country debería falar de emborracharse, de ir ao cárcere, da túa nai, da choiva, da morte, dunha camioneta ou dun tren. E máis tarde engadiu “ou dun can”.

Eu prefiro, por unha banda, botar man das miñas vivencias persoais, das cousas que me aflixen ou molestan e, por outra parte, contar historias; gústame moito contar historias, pero sempre historias que teñan unha mensaxe subxacente ou unha segunda lectura.

Aínda que ás veces fago caso a Steve Goodman e escribo sobre emborracharme ou sobre un tren. Aínda estou dándolle voltas ao do can!».

 

Álvaro Vázquez. Foto: © Julher Lemreh

 

Seguindo coas letras, todas en inglés —e desde sempre—, algunha vez pensastes en compoñer en galego ou en castelán?

Álvaro: «A verdade é que non. O inglés, o castelán e o galego teñen sonoridades diferentes debido á acentuación, aos sons predominantes, á lonxitude das palabras, etc. Cantar en castelán ou galego afástanos do son que buscamos. Non é unha cuestión de idioma, é unha cuestión de son.

Amamos a nosa lingua, pero como músicos consideramos que debemos optar polo idioma que se axuste mellor ao son que buscamos. É como escoller un tipo de instrumento ou outro, baixo eléctrico ou contrabaixo? Guitarra eléctrica ou dobro?».

 

 

Entre guitarra, contrabaixo e batería, destacan os característicos riffs do dobro (guitarra resoadora). Que pensades que achega esta guitarra en concreto ao son do grupo?

Rober: «Falar de dobro no folk americano é como falar da gaita na música celta. É parte da cultura. Ese son brillante que te dá o dobro, que pode ser doce e agresivo ao mesmo tempo, sobre todo a hora de tocar con slide (bottleneck), é algo inconfundible que podedes atopar en moitísimos discos de country e Delta blues. É algo moi característico.

Teño o dobro desde anos antes da formación do grupo e utiliceino noutras bandas, como en Tractor Troy, aínda que só en estudio; só atrevinme a sacalo ao vivo con Gold & Colt porque penso que é o instrumento perfecto para esta banda».

 

Sodes unha banda curtida nos directos, se tiverades que escoller, festi ou sala?

Rober: «Imposible renegar das nosas raíces. Gold & Cold xurdiu en Pontevedra e un dos piares importantes da banda sempre foi o poder tocar na Sala Karma e no festival Surfing the Lérez. Foi onde mellor o pasamos, onde vivimos as mellores experiencias e onde máis cómodos nos sentimos. Marcos Rivas sempre nos abriu a porta (ou portas!) da súa casa, e grazas a iso hoxe estamos aquí, tocando, presentando disco e facendo esta entrevista.

Non o lembro moi ben, pero posiblemente, ou case seguro, que as primeiras conversas para a formación de Gold & Colt producíronse nunha noite, e a horas intempestivas, na Sala Karma ou no xa extinto Pequeno Karma».

 

O pasado 25 de novembro subiades ao escenario do Bar O Diaño (Pontevedra) para presentar Old Fashioned ao vivo. Como o vivistes, que sensacións vos deixou o concerto?

Álvaro: «Si, tocamos no Diaño e o día seguinte na Cofradía Taberna Cultural (Vilanova de Arousa) e as sensacións foron moi boas. Levabamos sen tocar desde setembro e xa había ganas de mostrar de novo o que facemos, de amosar o noso American folk e penso que tamén había ganas, por parte do público, de escoitarnos».

 

Noli Torres. Foto: © Julher Lemreh

 

Cando, e onde, poderemos vervos proximamente?

Rober: «Polo de agora só temos dúas datas confirmadas, o 30 de decembro no Centro Cultural da Guarda e o 15 de xuño no Tronko Bar (Pontemuíños, Pontevedra). Tamén temos algúns locais e festivais xa pechados nos que soamente queda acordar a data e hora exacta... e seguimos na procura de máis concertos para 2024».

 

Aínda que na formación hai músicos doutros lugares, como vedes a escena local de Pontevedra?

Rober: «Pois a verdade é que estou un pouco desactualizado, pero sei que grupos veteranos seguen na brecha, traballando e publicando novos discos, e iso paréceme dun mérito enorme. Aí seguen os Dismal, Thee Blind Crows, Querido Extraño, Los Tónikash, GOG y las Hienas Telepáticas, Skirl, Malkeda, La Casa de los ingleses... que se xuntan cos grupos da nova onda como Faul, Nocturna, Pladür...

Tamén hai que destacar o labor de Gonzalo Maceira (Furious Monkey House) e o súa escola de artes Estudo Bonobo, onde ás xeracións máis novas da cidade amosáseslle a cultura musical.

A escena está asegurada, xa que Pontevedriña sempre será moi canalla e rockeira!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Rober: «Recomendaría a MOURA, o seu directo é brutal, e logo Malabesta, aos que aínda non vin en directo pero, polo que escoitei, paréceme que fan algo moi bo e interesante. Despois é importante destacar o regreso de bandas como Dismal ou MEU».

Álvaro: E, por suposto, animámosvos a coñecer as outras bandas das que formamos parte os membros de Gold & Colt, xa que Juyma ten o seu propio trío de jazz Juyma Estevez Trío, Rober forma parte do grupo post punk Nocturna, e eu que estou en Castro y Los Escoltas».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza

Gold & Colt: «Vergonza ningunha!».

Rober: «Jason Dea West, Sierra Ferrel, J.J. Cale, Luke Winslow-King, Tony Joe White».

Álvaro: «Willie Nelson, Kenny Rogers, Dead Bronco, Hank Willians, The Dead South».

Juyma Estévez: «Ben Wolfe, Paul Chambers, Óscar Pettiford, Thelonious Monk, Clifford Brown».

Noli Torres: «Silvio Rodríguez, Miles Davis, Keith Jarret Trío e, claro está, Gold & Colt».

 

  noticias