• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

FRANCISCO CASTRO: «A MÚSICA É UNHA FACETA MÁIS DA MIÑA CONDICIÓN DE CREADOR»

FRANCISCO CASTRO: «A MÚSICA É UNHA FACETA MÁIS DA MIÑA CONDICIÓN DE CREADOR»
11 DECEMBRO 2023

Logo de tres décadas dedicadas á literatura, Francisco Castro (Vigo, 1966) debuta como músico —«unha faceta máis da miña condición de creador»— facendo do seu soño unha realidade. Castro escribe así un novo capítulo na súa traxectoria profesional e, neste, as súas letras veñen acompañadas de acordes rock, funk e pop.

Agora é o tempo (Awanta Producións, 2023) é o seu primeiro traballo discográfico, un EP de seis cortes que gravitan arredor de ritmos pegadizos e, sobre todo, letras intensas que reflicten a súa forza poética.

 

 

 

Escritor, editor... e agora músico! Que leva a Francisco Castro a debutar na música logo de 30 anos dedicados á literatura? Por que agora era o tempo?

Francisco Castro: «O título do disco xa define ben o que penso sobre o que me preguntas. Que agora é o tempo para facer isto que fixen. Eu toda a vida vinme como músico. Sempre digo que a Literatura era o Plan B. E non me foi, non me vai, nada mal no Plan B; son feliz como escritor. Pero sobre todo eu sempre me sentín músico.

Compuxen moito na adolescencia e ata os vinte e poucos. Logo deixeino para concentrarme na miña carreira de escritor, pero sempre soñando cos escenarios, con tocar aí arriba. E sobre todo con compoñer, con contar doutro xeito. No fondo, a música é unha faceta máis da miña condición de creador.

Para min non hai un salto; entendo que poida sorprender a moita xente, pero para min é algo do máis natural».

 

Tocas a guitarra, pero antes deste debut, tiñas algunha experiencia previa no mundo da música? Cal, e como, lembras o teu primeiro contacto con esta disciplina artística?

Francisco: «Pois non, agás que lle fixen os coros, medio de casualidade, a unha das derradeiras gravacións de Suso Vaamonde, para unha canción titulada "O mozo Daniel" que publicou en 1986 con letra de Celso Emilio Ferreiro. Agás iso, nada de nada.

Debutei con 57 anos e un día, ao día seguinte do meu aniversario. Pero sentín, cando saín ao escenario, que era o momento para o que levaba preparándome toda a vida. De feito estaba como medio anoxado por non ter nervios. Póñome máis nervioso cando teño que presentar un novo libro!».

 

Foto © Carlos Gil

 

Es un melómano en xeral e un beatlemaníaco en particular; agora, como músico, quen dirías que ten, ou tivo, un particular impacto no teu xeito de ver, e entender, a música?

Francisco: «Obviamente os Beatles primeiro de todo. Escóitoos oito días á semana desde moi cativo. Perdín a conta das ducias de libros que lin sobre eles, mesmo publiquei un sobre eles que está tendo moi boa acollida e vén de publicarse tamén na Arxentina.

Pero hai moito máis. En xeral toda a música dos 60 e dos 70; eu que sei, Police, Queen, ABBA. Pero tamén os cantautores españois do tardofranquismo. Ou Cohen. A verdade é que escoito música de todo tipo. Ata reguetón».

 

Entre a música de cantautor e o rock, pasando polo funk e o pop, como describirías a música de Francisco Castro?

Francisco: «A música de Francisco Castro sobre todo gravita entre dous centros: unha música con bases no rock and roll e letras moi honestas. Nese abano, honestidade. As cancións son anacos de min. Non hai impostura nin falsidade; son eu en pelotas».

 

 

A túa obra como escritor é fundamentalmente narrativa en prosa, como afronta un narrador iso de escribir cancións?

Francisco: «Pois dunha maneira moi similar. Eu boto a canción sen me preocupar moito de asuntos de métrica ou de rima, aínda que, cando saen á primeira, é unha gozada.

Como coas novelas, o que quero é contar a historia. Logo, xa con máis calma, doulle voltas e voltas ata que di exactamente o que quero dicir e como o quero dicir. Quen escoitou o disco celebrou tamén moito o coidado das letras. Para min a mensaxe é fundamental».

 

Foto © Carlos Gil

 

Neste proxecto non estás só; quen é quen na Banda dos Borges e de que xeito complementan á túa faceta solista? Que pensas que achegan, ademais dos seus instrumentos, ao proxecto?

Francisco: «A Banda dos Borges son os que me acubillan, coidan, miman e fan que brille como cantante e como compositor. Son o ghicho máis afortunado do mundo por contar con estes musicazos que decidiron botar semanas e semanas de ensaio cun descoñecido coma min. Todos son uns fenómenos.

Comezaría sinalando a Federico Welicki, o director musical, o meu irmán, o baixista. El ten na cabeza como quere que soemos exactamente. El é o Von Karajan desta historia. Pero o resto son todos incribles. Paulo Silva, o noso percusionista, é o pulmón que toda banda necesita. Marca o ritmo, fainos vibrar. Logo están dous guitarristas incribles; por unha banda, Viktor Vega, un rapaz cun swing incrible, que vén do trash metal! e se leou nunha banda na que facemos baladas, ska e moito rock and roll ás veces clásico. Un fenómeno. E o outro guitarra é Daniel Figueroa, quen, como eu digo, ten vinte dedos en cada man, senón non se entende como pode facer os solos que fai e os sons que lle saca a guitarra. René Zerpa está nos teclados; as cancións con el vólvese grandes, collen corpo, levedan. E logo, as miñas dúas coristas: Verónica Santalices e Érika Welicki. Dalgunha maneira, canto para elas e elas son o colchón que me fai rebotar cara arriba envolto en sons perfectos.

Esa é a Banda dos Borges. Por iso son o ghicho máis afortunado do mundo».

 

 

 

Agora é o tempo (Awanta Producións, 2023) é o teu primeiro disco, publicado a finais de setembro logo de 18 meses de intenso traballo. Que destacarías dese ano e medio de labor desenvolvendo o álbum? Como pasa de ser algo abstracto a algo material?

Francisco: «Foi un proceso creativo marabilloso. Lembrábame dos Anthology dos Beatles que se publicaron en 1995 e que nos permitiu ver como mudaban as cancións desde que chegaban con elas ao estudio ata como quedaban logo dos cambios que os distintos músicos ían metendo, ou o traballo do produtor. Aquí pasou igual.

A canción fágoa eu na soidade da casa, logo traballo con Federico Welicki e decidimos: esta como vai ser, acelerámola?, a deixo así? E logo entran os músicos que coa súa profesionalidade lle dan esa feitura elegante final. Foi moita xente da música a que me dixo que era unha gravación impecable, unha produción perfecta. Iso é mérito de todos».

 

 

Como foi o proceso creativo deste disco? De que xeito fuches construíndo os temas ata chegar aos seis que escoitamos no disco?

Francisco: «Dalgún xeito xa o dixen na anterior resposta. A canción nace como algo moi básico: eu e unha guitarra acústica. Eu teño unha idea de por onde quero levala e, logo, no traballo con Fede, as cancións van engrandecendo e parecéndose ao que de verdade pretendo expresar tanto lírica como musicalmente».

 

Foto © Carlos Gil

 

É todo material novo ou tiraches de cancións xa escritas ao longo da túa vida?

Francisco: «Todo é material novo. Estiven uns trinta anos sen compoñer. O disco é todo material composto dende a pandemia en diante».

 

 

Nos coros, o soul planea sobre todo o álbum, pero tamén noutros detalles como nos arranxos de metais. Que é o que che atrae da música negra norteamericana para que o teu rock acabe tinguido dela?

Francisco: «O rock and roll inventárono os negros, pero quen se fixo famoso foi Elvis, porque era branco e os estadounidenses uns racistas.. Pero a alma do rock, do soul, do jazz, é negra, así que hai moito no disco dese espírito. Hai moitos metais tipo motown, sen dúbida…».

 

Foto © Carlos Gil

 

Por que Agora é o tempo”, o tema máis abertamente funky, acabou por dar título ao disco?

Francisco: «Polo que comentaba ao comezo desta entrevista. O disco nace, en parte, porque me decato de que xa non son un neno, teño 57, pero tamén porque agora, digamos, estou preparado; agora non teño medos, agora non me rompo a cabeza pensando, cantarei mal?, terei mala voz?, será un melindre isto que veño de escribir? Agora é o tempo de facer o que me pete. Por iso o disco se chama así, como a canción».

 

 

En conxunto, as letras do EP empurran o oínte a reivindicar a vida, a pelexar e reflexionar sobre a realidade que nos rodea. Na túa opinión, pode a música espertar conciencias?

Francisco: «A música leva espertando conciencias toda a vida. Mira “Imagine”, por exemplo. Ou a caña que lle metía o franquismo aos de Voces Ceibes cando cantaban o que cantaban en plena ditadura. Con todo o respecto, a min non me interesa a música que non ten mensaxe. Podo cantar e desfrutar nunha festa e berrar, “Aquí no hay playa”, pero non me vexo cantando esa clase de cousas».

 

Ao fío, que, ou quen, inspirou as letras? Ti es dos que agardan polas musas ou dos que van ao encontro delas?

Francisco: «Cada letra nace dun impulso distinto. As de temática máis social nacen claramente da actualidade; por exemplo, "Canción de guerra" naceu ao día seguinte da invasión da Ucraína. E logo hai moitas cancións de amor que teñen que ver coa miña situación sentimental actual.

E unhas nacen soas e outras non é que vaia por elas, pero si que digo: vou compoñer un soul, ou, vou por unha canción de mala leche. Esas cousas».

 

 

O disco foi gravado en Vigo, A Estrada, Madrid, Seattle, Los Ángeles e Bos Aires... como se xestou tal gravación transatlántica? O da loxística ben... non?

Francisco: «Aí o papel fundamental foi o de Federico Welicki, que sabía con quen había que gravar e onde para cada tema. Buscamos aos mellores alí onde estivesen. Eu tiña claro que non quería facer calquera cousa, que non quería gravar, digamos, dun xeito "correcto" sen máis. Quería un disco redondo. Intachable. Por iso houbo que moverse tanto».

 

Para a produción do álbum contaches con Federico Welicki, produtor e músico arxentino quen, ademais, tamén forma parte dos Borges. Como foi traballar con el no estudio?

Francisco: «Federico é como un irmán para min. De feito, el é o culpable de que eu fixese o disco. Foi o primeiro que escoitou as cancións, ademais de Inma López Silva, a miña parella, e foi el quen dixo que aí había bo material e que podiamos lanzarnos á aventura. Se el non crese en min, eu non tería dado ese paso.

Traballar con el é moi doado. É moi meticuloso, moito máis ca min. E moi metódico; antes de gravar, faiche traballar as maquetas e ensaiar tropecentalsmil veces. O obxectivo é entrar no estudo de gravación e optimizar o tempo. Todos temos claro o que temos que facer. El é o 50 por cento do éxito deste disco».

 

Foto © Carlos Gil

 

Desde a presentación de Agora é o tempo no mítico Teatro Salesianos de Vigo, xa levas subido a varios escenarios; esta semana mesmo tes concerto no Corte Inglés de Vigo. Como está a ser a súa acollida ao vivo? Que pode agardar o público dun concerto de Francisco Castro?

Francisco: «Esta semana serán tres concertos. O acústico de El Corte Inglés, ao día seguinte cun espectáculo máis pequeno con Fede e ao día seguinte irei eu só a tocar a Lugo.

A acollida está sendo espectacular. A verdade é que coido que a clave estivo no factor sorpresa. Probablemente o que todo o mundo esperaba de min era un rollito cantautor, con guitarra e cara de sufrimento, non un concerto tan decibélico, tan ben armado e con tantos estilos, porque hai rock, pero facemos un ska, calypso, balada, reggae! E a xente sae dos concertos dicindo, “ostras, pero isto que é?!”».

 

Nesa presentación tocaches temas que non están no EP, como Sete chorares” ou Unha canción para o meu pai”. Son descartes do álbum ou, pola contra, son candidatos a ser parte dun futuro traballo?

Francisco: «Formarán parte do seguinte disco con total seguridade, pero xa as incorporamos ao directo.

A de "Os sete chorares" naceu porque eu quería facer unha composición que só tivese percusión, sen ningunha outra clase de harmonía nin recurso musical. É un dos grandes momentos do concerto, porque todos os músicos se xuntan comigo e, con pequenos elementos de percusión, ou mesmo coas palmas das mans, me acompañan nunha canción moi intensa. E a que lle dediquei ao meu pai tamén é outro gran momento do concerto. Quedo só no escenario. Eu e a guitarra. E a memoria de todos os que se nos foron e botamos en falla todos os días».

 

Agora, co disco na man xa presentado, como estás a experimentar esta nova faceta artística?

Francisco: «Con pracer, con emoción, con moitísima alegría. Ademais, empecei cos concertos na mesma semana na que decidín marchar de Galaxia. Así que, mira, mel sobre filloas».

 

E Agora é o tempo de... ?

Francisco: «De vivir, de cantar, de rocanlorear, de saír de xira, de pasalo ben. Día a día. Non considero máis que o día a día. Xa teño idade dabondo e unha traxectoria sólida detrás na cultura galega como para que me preocupen moi poucas cousas».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Francisco: «Hai tantos!, así que vou tirar para casa: Os Weli Kings, grupo de Verónica Santalices e de Fede».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Francisco: «Pois unha lista moi heteroxénea na que hai de todo. Beatles, Queen, Police, pero tamén La Quinta Estación ou José Luis Perales».

 

  noticias