NOVOS LANZAMENTOS. DECEMBRO 2023
Pieces of Us, Cochambre
O seu death metal sen concesións repártese, desta volta, en 13 pistas: 11 temas propios, unha versión e unha intro. Cochambre remataba 2023 co lanzamento de Pieces of Us (2023), o seu novo traballo discográfico, tan só tres meses despois de pechar con éxito a campaña de micromecenado que fixo posible a súa edición física (entre outras cousas). O álbum, que marca a terceira referencia do grupo vigués, amosa a uns Cochambre que o deixaron todo no estudio de gravación para crear o seu traballo máis persoal, de aí o título do mesmo. Aínda que non se pode catalogar como disco conceptual, a maioría das súas letras están inspiradas en películas e personaxes de terror clásicas, como se pode apreciar, por exemplo, en “Tear Your Soul Apart”, clara homenaxe a Clive Barker e ao universo Hellraiser.
FunMe, FunMe
Logo da pandemia, Xurxo Esquío (Esquíos) presentaba o seu proxecto en solitario, Búfalo Vil, que nacía da necesidade de dar saída ás súas composicións propias sen compañeiros que o arroupasen. Diso hai xa case catro anos e, a finais de 2023, sorprendía cunha nova proposta musical, FunMe, e a súa primeira referencia. Como un bálsamo para o fastío da realidade cotiá, como unha fiestra de desconexión programada, FunMe (2023) recolle catro cortes «feitos con ganas, pouca paciencia e moita improvisación» nos que o oínte escoitará un rock composto baixo a bandeira da promiscuidade estilística e a diversión.
Flores de cardo, David Quinzán
Foi o «décimo» co que gañamos todos. David Quinzán escolleu o pasado 22 de decembro para lanzar o seu novo traballo discográfico, Flores de cardo (2023). El longo é unha recompilación de nove cancións publicabas entre 2022 e 2023 máis unha inédita, “Yerba Mate”, que, para sorpresa do seu autor, existía unha coherencia entre elas, un fío condutor que apareceu lendo entre liñas; «puíndo e regando ata que lle naceron flores bastardas que terminou por apreciar». Flores de cardo son 30 minutos de pop artesanal cos que Quinzán espera insuflar vida aos temas xa coñecidos e seducir con “Yerba Mate”, peza na que hai «pioneiros, cometas pipas de millo, colibrís; están Gala, Juan Marsé e Jacksonville».
O Profesor, Denis Carballás
Hai un par de anos que Paula Cermeño e Pablo Vázquez gañaron o Desafío Audiovisual Illas Cíes coa curtametraxe O Profesor (2022), un documental que amosa o arquipélago desde a perspectiva de José Carlos Cermeño, profesor de universidade xubilado, avó da directora e, desde hai cinco décadas, asiduo veraneante dese paraíso atlántico. A súa visión, bastante afastada do discurso turístico maioritario, vén bañada por unha banda sonora orixinal composta por Denis Carballás, dispoñible desde mediados do mes pasado en Spotify, además do “Academia” de Eladio y Los Seres Queridos.
Ven Forte, Ben Forte, Xackal
Logo de preestrear media ducia de temas, Xackal lanza Ven Forte, Ben Forte (2023) ao completo. O trío formado por Nano Suárez, Gael Alberto e Maefield debuta discograficamente cun longo que, segundo eles mesmos aconsellan, debe ser consumido como o menú degustación do chef máis arriscado. Nos seus máis de cincuenta minutos repartidos en 16 cortes, Xackal destapa unha gran variedade de xéneros, desde o house orgánico ata o indie pop pasando polo funk, o jazz ou a folktrónica. A publicación de Ven Forte, Ben Forte non fai máis que evidencia o longo percorrido que lle agarda a este novo proxecto; un camiño que atrae ás entrañas do underground, que afonda na raíz afro e latina, que engancha ao oínte ata transportalo a unha festa descoñecida, con especies descoñecidas e novas cores. As colaboracións de Pahua, Ruth Abramowicz e outros músicos internacionais fan que este álbum desprenda unha fresca e inusual riqueza sonora —case hipnótica?— «desde o aperitivo ata a perda da consciencia».
Sete, Susana Seivane
É o sétimo da súa carreira e foi propiamente lanzado o sétimo día do mes... de decembro. Susana Seivane publica Sete (2023), o seu novo disco e un paso máis no camiño cara a esa evolución sonora que leva experimentando nos últimos anos. A gaiteira galega sorprende cunha ducia de temas que presentou na cidade que a viu nacer, Barcelona, e que adiantaba con “Non é non”. Rachando prexuízos, posicionándose e dando voz en primeira persoa a todas aquelas mulleres que sofren violencia de xénero, Seivane utiliza a forza da gaita para berrar contra esta lacra incesante da nosa sociedade. O tema inclúe un pequeno fragmento de ‘Lieders’, artigo de Rosalía de Castro publicado por vez primeira en El Álbum del Miño (Vigo, 1858) e considerado como o primeiro manifesto feminista difundido en Galicia. Dirixido por Rubén Riós e rodado en Lobios (Ourense), o videoclip recrea as sombras das mulleres que padecen en silencio e os enfronta con momentos de lucidez e serenidade; para a mensaxe final, Susana contou coa colaboración de persoeiros galegos como Elena Ferro (Eferro), Iván Raña ou Carlos Blanco.
Tremendos Anos 20, Dios Ke Te Crew
Dios Ke Te Crew celebraba as súas décadas enriba dos escenarios cun emocionante aquelarre musical entre as táboas da Capitol e da Malatesta. Vinte anos de traxectoria profesional que, ademais, recollían nun disco-fanzine, Tremendos Anos 20 (2023). O longo ofrece 20 remixes de 20 cancións do grupo de hip-hop galego, arranxadas por 20 produtores e acompañadas de 20 ilustracións asinadas por 20 artistas gráficos. En formato A5, e con códigos QR incluídos para á súa escoita directa, o traballo está «musicado, ilustrado, maquetado e impreso» con todo o cariño para que os seus fans poidan ter unha lembranza física coa que seguir festexando a Dios Ke Te Crew, polo menos, por vinte anos máis.
Mientras dura el aplauso, Silvia Penide
Aínda que xa podiamos desfrutalo nun vinilo branco de edición limitada, a 250 copias numeradas a man, Mientras dura el aplauso (2023) está xa dispoñible para a súa escoita en Bandcamp e Spotify, entre outras plataformas. O último traballo de Silvia Penide recolle unha decena de cancións para os que a cantautora coruñesa contou con colaboracións de artistas como Eladio Santos, Guadi Galego, Víctor Manuel, Ugía Pedreira ou Andrés Suárez. Con el, e con eles, Penide celebra os seus vinte anos de traxectoria; dúas décadas enfrascadas nun repertorio que combina o presente co pasado, onde «en cada canción hai unha Silvia diferente».
Black & White, Mad Martin Trio
Logo dun verán, e parte do outono, cargado de directos, Mad Martin Trio volvía ao mercado discográfico con Black & White (2023), EP de catro cortes nos que o high energy rockabilly do que falan na súa biografía se escoita como nunca antes, máis maduro, auténtico e profundo. Pouco máis de 10 minutos de melodías frenéticas, rockabilly potente e ese rock ‘n’ roll primitivo, directo e clásico que leva caracterizando ao trío compostelán desde os seus comezos. Ademais de nas principais plataformas dixitais, Black & White está tamén dispoñible en vinilo 7”.