• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MILESIOS: «ÁS VECES BUSCAMOS MELODÍAS QUE TEÑAN UNHA SONORIDADE MÁIS SIMILAR Á TRADICIÓN; OUTRAS, EXPERIMENTAMOS»

MILESIOS: «ÁS VECES BUSCAMOS MELODÍAS QUE TEÑAN UNHA SONORIDADE MÁIS SIMILAR Á TRADICIÓN; OUTRAS, EXPERIMENTAMOS»
3 XUÑO 2024

Seguindo a lenda de que hai miles de anos os galegos, chamados milesios, viaxaron desde a nosa terra a Irlanda levando consigo a nosa música, Milesios nace en 2009 coa intención de recoller e reinterpretar melodías tradicionais galegas e irlandesas. Nos seus 15 anos de traxectoria, o grupo folk —composto por Maite Veiga, Marta Portela, Manuel María Veiga, Manuel do Moucheiro, Noelia Fersán, Paula Veiga e Senén Montero— leva tocando por centos de escenarios, algúns compartidos con artistas de renome como Berrogüetto, Kepa Junkera, Pepe Vaamonde Grupo ou Quempallou.

 

Logo de publicar dous álbums, alén mar (2013) e indoevindo (2017), Milesios está agora a presentar Cartografías (2024), un terceiro disco no que, de novo, convidan o oínte a unha viaxe sonora desde Galicia a Irlanda pasando, desta volta, por Italia e Bretaña.

 

 

Conta a lenda que os milesios partiron desde a cidade de Brigantia (A Coruña) cara á Irlanda, logo de que Ith, fillo de Breogán a descubrise... pero quen son Milesios? Como xorde o grupo hai xa 15 anos?

Milesios: «Milesios nace a comezos do verán de 2009. Un grupo de amigos reunímonos para participar no Penela Rock, unha cita anual da comarca monfortina. Uniunos o noso interese pola música tradicional galega e irlandesa».

 

Todos vós sodes orixinarios da Terra Cha, como inflúen as vosas raíces á hora de entender, e crear, a música? Como definiriades o espírito musical de Milesios?

Milesios: «O certo é que a Terra Cha foi historicamente un dos centros culturais máis importantes de Europa. Os achados arqueolóxicos demostran relacións con puntos moi distantes: tanto de Centroeuropa como de Próximo Oriente. E esa cultura foi difundida alén mar en Irlanda e Gran Bretaña. Este espírito cultural é o pretende transmitir a música de Milesios e as nosas viaxes musicais».

 

Levades desde os vosos inicios recollendo e reinterpretando música tradicional galega e irlandesa, que diferenzas, e similitudes, atopades entre ambas?

Milesios: «Parécense en que as dúas tradicións chegaron a nós con moita saúde, moitos intérpretes populares que souberon transmitir a tradición a pesar de seren silenciados. Parécense nalgúns dos ritmos. Diferéncianse en parte da súa instrumentación e en que en Irlanda hai máis conciencia xeral da tradición oral».

 

 

 

Debutades con Alén Mar (2013), un disco de 14 pezas que evocan a viaxe que fixeron, hai miles de anos, os milesios desde as costas de Galicia ata as de Irlanda. Como lembrades esta primeira gravación?

Milesios: «Moi longa, porque a fixemos no noso local de ensaio e bloqueamos o uso do comedor familiar durante meses...».

 

 

Neste traballo escoitamos as voces de Pilocha e Carolina Vázquez, por que elas? Que diriades que achegan, ademais da voz, a “Venceredes vós” e “Lourido” respectivamente?

Milesios: «Porque as coñecíamos doutros proxectos musicais e nos pareceu que podían achegar a súa experiencia vocal e musical ao noso primeiro traballo».

 

 

 

No voso segundo disco, indoevindo (2017) dobrades a aposta e escoitamos catro pezas con voz. Que propiciou o incluír máis cancións con letra no voso repertorio?

Milesios: «Despois de incluírmos cantantes convidadas no primeiro disco, vimos que este tipo de pezas eran do agrado do público e polo tanto decidimos incorporar voces permanentes ao grupo».

 

 

Tres destas pezas cantadas son arranxos de cantos tradicionais, como adoita ser este proceso de adaptación? Abordades de xeito diferente a adaptación dun tema tradicional e a creación dun orixinal?

Milesios: «Si. Nos temas tradicionais tentamos manter a esencia popular da peza e cada músico vai achegando a súa visión e interpretación do tema, por iso no disco Cartografías podedes escoitar partes con menos instrumentación e arranxos e outras máis ornamentadas».

 

 

A cuarta é “Anceio”, tema onde musicades o poema homónimo de Manuel María. Por que este en concreto?

Milesios: «Foi unha escolla entre varias propostas do grupo para homenaxear ao poeta no ano no que se lle dedicaban as Letras Galegas».

 

 

Ao fío, presentades o voso último lanzamento, do que falaremos agora, na Casa-Museo de Manuel María en Outeiro de Rei (Lugo). Que significa este poeta para vós?

Milesios: «É un poeta chairego e algúns dos membros tiñamos certa relación con el».

 

Daniel Díaz Trigo, quen se encargou tamén do deseño gráfico do voso primeiro disco, asina fotografías feitas con carrete desde o coche; imaxes desapercibidas do cotiá que son escenas que se repiten, pero sempre son distintas, conformando así coa música unha paisaxe sonora. Como nace esta idea? De que xeito diriades que se complementan ambas disciplinas artísticas en indoevindo?

Milesios: «Daniel Díaz Trigo é artista multidisciplinar, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, e confiamos na súa visión e interpretación do noso traballo musical á hora de elaborar o deseñoque acompaña a nosa música».

 

 

 

Estades a presentar o voso novo disco, Cartografías (2024), como se desenvolveu este traballo, tendo en conta que pasaron nove anos desde a vosa última publicación?

Milesios: «Foron só sete, pero o certo é que pareceron máis. Tiñamos prevista a publicación no 2020, pero sabemos que ese ano foi complicado e os seguintes foron cambiando as situacións persoais dos membros do grupo».

 

 

De novo, o repertorio está composto por composicións propias e outras que parten de melodías tradicionais. Respecto a estas últimas, como foi a súa selección? Que criterio seguistes para a súa escolla?

Milesios: «Non é un proceso formal, cada membro vai achegando as súas ideas e imos probando como quedan unha vez arranxadas».

 

 

Canto ás composicións asinadas por vós mesmos, como é o proceso creativo?

Milesios: «Este traballo deixámosllo ao noso Manuel María, ás veces buscamos melodías que teñan unha sonoridade máis similar á tradición e outras, experimentamos».

 

 

Sendo sete no grupo, como traballades os temas? Hai reparto de tarefas?

Milesios: «Non repartimos tarefas, imos probando en conxunto como quedan distintas posibilidades de arranxo».

 

Os títulos das cancións son topónimos de Galicia, Irlanda, Italia, Bretaña... seguen algunha orde en especial, é dicir, están ordenadas coa intención de conformar, literalmente un mapa, como ben indica o título, a banda sonora dunha viaxe...?

Milesios: «Non, non era mala idea, pero centrámonos máis nunha orde con sentido musical».

 

 

Pecha o disco “You Shall Overcome” versión do poema homónimo de Darío Xohán Cabana, (aínda que non podemos evitar que se nos veña á mente o “We Shall Overcome”, canción protesta convertida en himno do movemento polos dereitos civís en Estados Unidos). Por que escoller este poema musicado, que é o único que non é un topónimo, para pechar a viaxe?

Milesios: «O poema chámase así e en realidade recolle moitos topónimos e lugares de significación histórica de Galicia. Por outra banda é unha peza que leva moito tempo no noso repertorio e foi evolucionando connosco nestes anos, algo do que queríamos deixar constancia».

 

 

Para o deseño e fotografía deste longo volvestes contar con Daniel Díaz Trigo. Logo de tres álbums, e tantos anos, como é traballar con el? Desta vez, como foi o desenvolvemento da parte gráfica?

Milesios: «Dani ten absoluta liberdade para a interpretación artística da nosa música e, neste caso, inspirouse nun libro de viaxes publicado a finais do século XVIII».

 

Como vedes o panorama folk actual no que están a aparecer novos grupos, novas tendencias...?

Milesios: «Sempre é interesante ver os novos talentos e tendencias, que incorporan estilos musicais actuais».

 

Como comentabamos antes, este sábado 8 de xuño presentades Cartografías na Casa-Museo de Manuel María. Que pode agardar o público dun concerto de Milesios?

Milesios: «Unha viaxe musical na que poden participar bailando, escoitando e gozando».

 

 

Por onde, e cando, seguirá a viaxe de Milesios enriba dos escenarios? No San Froilán 2024 quizais...?

Milesios: «Aínda estamos pechando datas dos próximos concertos, que iremos publicando nas redes».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Milesios: «Non nos gustaría escoller, que sendo sete acabamos de dicir sete nomes distintos, e aínda así quedaría algún grupo moi recomendable fóra da listaxe. Recomendamos estar ao tanto das novas tendencias e desfrutar de cada estilo».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Milesios: «Depende moito de cada un: Mondra, Elisa, Ana Moura, A Quenlla, Silvio Rodríguez, Ortiga, Vetusta Morla, At First Light, Rodrigo Cuevas... e no de todos, Cartografías de Milesios».

 

  noticias