• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

TERROR ERÓTICO: «A RETRANCA É O MELLOR INVENTO GALEGO DA HISTORIA»

TERROR ERÓTICO: «A RETRANCA É O MELLOR INVENTO GALEGO DA HISTORIA»
10 XUÑO 2024

O nome ben podería ser o título dun filme de cinema B dos 70. De feito, as súas letras están maiormente inspiradas en «argumentos de películas malas de serie B; malas, pero cunha sinceridade e violencia moi divertida»; as súas melodías e ritmos machacóns beben da «música de baile, electrónica, DJs, raves, beats de bombo». Alejandro Varela (baixo), Daniel Arias (voz, guitarra, sintes) e Ángel Novoa (Ángel Novcad; bases, sintes) son Terror Erótico, banda lucense recoñecida pola súa fusión de pop con estilos como o techno, o punk ou o noise, e coa retranca por bandeira.

Logo de debutar hai uns anos con Freak Out (2019), un EP de electropop feito para as pistas de baile, Terror Erótico presenta agora o seu primeiro longo, Vorágine (Disctrl, 2024); unha homenaxe sonora ás noites vividas nestes dez anos de traxectoria como banda.

 

 

Foto © Ana Ortega

 

Hai máis de dez anos que Terror Erótico nace en Chantada (Lugo); daquela, como xorde o proxecto, tendo en conta que viñades dunha banda anterior?

Daniel Arias: «O proxecto Terror Erótico Adolescente, que daquela se chamaba así, xorde da necesidade despois de perder parte da formación nunha banda na que estabamos Alejandro, Isaac (Fábrica de Espejos) e máis eu.

Fóisenos o batería e decidimos pasarnos ás bases electrónicas; era o verán de 2013 e aproveitando os novos aparellos cambiamos o estilo cara a algo máis bailable e así decidimos tamén comezar algo totalmente novo».

 

Desde a súa creación ata a actualidade —composta por Alejandro Varela, Daniel Arias e Ángel Novoa (ÁngelNovCad)— Terror Erótico tivo algúns cambios no banco. De que xeito afectaron estes cambios na formación á evolución do voso son?

Terror Erótico: «Do punk garaxeiro pasamos a un technopop máis dos oitenta pola marcha do batería e a introdución dun sintetizador mítico como é o microKORG. Penso que esa primeira “fichaxe” foi clave. Uns meses despois acadamos captar a atención de Ángel, que nos viu tocar nalgún dos lamentables bolos deses comezos, pero por algunha razón caémoslle ben e chegou con toda a súa maquinaria electrónica, converténdose realmente na fichaxe estrela.

Anos máis tarde, en 2017, Isaac comezou Fábrica de Espejos e quedamos xa o trío actual».

 

 

Falando de cambios, ata o ano pasado erades coñecidos como Terror Erótico... Adolescente. De onde vén o nome e por que decidistes abandonar o de «adolescente», logo dunha década de traxectoria?

Terror Erótico: «Danos bastante vertixe pensar que levamos dez anos tocando xuntos, xa que aínda que fixemos bastantes bolos por toda Galicia, non saímos nunca dunha subescena moi reducida e concreta, polo que pensamos que un cambio de nome (que nos parece máis curto e menos cacofónico) non o notaría ninguén.

Tamén pensamos que non se nos abrían máis portas por ter o nome tan longo... (ironía)».

 

Foto © Ana Ortega

 

Baixos atenuantes, sintes agresivos ou guitarras distorcidas conforman o son de Terror Erótico. Como o describiriades vós?

Terror Erótico:«Disque post-punk, pop electrónico, technopop... sempre no linde entre guitarra e sintetizador».

 

Entre os vosos referentes atopamos a grupos tan míticos do panorama synthpop estatal como La Casa Azul ou Fangoria, pero tamén artistas galegos como Músculo!Rayotaser ou Carrero Bianco. De que xeito diriades que vos influencian? Hai algún outro máis que tivese, ou siga a ter, particular impacto?

Terror Erótico: «Todos eses que nomeas máis Joe Crepúsculo, El Columpio Asesino, Primal Scream, New Order, NIN.... E, en xeral, todo son de pop con sintetizadores dos 80 e 90».

 

 

 

 

“Fillo da droga”, “El parque” ou “Seres corrientes” foron os vosos primeiros temas, onde escoitabamos a un Terror Erótico punk pop con ecos da movida, un son que se materializou no voso primeiro EP, Freak Out (2019). Como lembrades a súa gravación?

Terror Erótico: «A gravación da maqueta foi durante unha fin de semana no estudio de Arturo Vaquero en Friol. Foi moi divertido e interesante; aprendemos moitísimo del e é toda unha experiencia pasar por un estudio profesional.

Comemos churrasco, bebemos licor café... Arturo trata moi ben ás visitas».

 

 

 

Vorágine (DISCTRL, 2024) é o voso último traballo. Como foi o seu desenvolvemento? Porque lemos que vos levou dous anos!

Terror Erótico: «Pois comezamos o traballo do álbum a comezos de 2022, cando gravamos as primeiras versións dalgúns temas. Sempre tivemos claro sacar oito cortes, que agás dous que xa levabamos tocando un tempo, eran totalmente novos desde cero.

Realmente, para o verán de 2023 tiñamos case todo o álbum agás algúns flocos, pero se nos prolongaron ao final os prazos, sobre todo por proxectos paralelos. E que non sexamos profesionais a tempo completo tampouco axuda».

 

Segundo a RAE, «vorágine» fai referencia a un «remuíño impetuoso» e á «paixón desenfreada ou mestura de sentimentos intensos». Como o interpretades vós?

Terror Erótico: «Define moi ben tanto a nosa música, como pasar unha noite de leria con nós. Vorágine é estar na lavadora como os Caimán do Río Tea, así vémolo nós».

 

 

Dicides que Vorágine é «unha homenaxe a todas as noites vividas estes 10 anos que levamos xuntos». Un recoñecemento que, segundo vós, engloba desde festas privadas a espectáculos gore e moito hedonismo. De que xeito trasladades estes conceptos ao longo do disco?

Terror Erótico: «A través das letras e de melodías e ritmos machacóns. Os tres temos os nosos gustos, pero coincidimos desde sempre en que nos gusta a música de baile, electrónica, DJs, raves, beats de bombo e perder o norte na pista.

Intentamos trasladar todo isto mediante o son e as letras, que adoitan tratar de festa, hedonismo e algo de violencia gratuíta (artística, sen odio algún). As letras inspíranse moitas veces en argumentos de películas malas de serie B; malas pero cunha sinceridade e violencia moi divertida, así proxectamos as letras».

 

Foto © Ana Ortega

 

Ao fío, foron estas noites que homenaxeades a única fonte de inspiración ao compoñer ou hai outras?

Terror Erótico: «Hai moita experiencia vital real e outra inventada. O malo de moitas das vivencias que intentamos relatar nas letras é que, como sempre está o factor alcohol e substancias, moitas veces non as lembramos ou temos unha versión distorcida; esa visión distorcida é a que utilizamos».

 

 

Oito cortes cargados de sintes e beats animados que desbordan personalidade tinguen letras compostas desde a crítica e o humor. Por que escoller compoñelas desde esta perspectiva?

Terror Erótico: «Porque somos uns retranqueiros que nos rimos de todo e a retranca é o mellor invento galego da historia. Poder rirse na faciana dun foráneo sen que se dea conta e mesmo pense que o estás adulando ou que es medio pampo é marabilloso.

Temos que facer a retranca galega patrimonio inmaterial da humanidade. Miguel Costas ou os Terbutalina estarían de acordo».

 

Foto © Ana Ortega

 

Escoitamos technopop dos 80 ou 90 en cortes como “Arte” ou “Es fenomenal”, punk rock en “Perra Santa” ou “Trozos de cristal”, de que xeito traballades estes estilos, aparentemente contrapostos, para acadar un son cohesionado?

Terror Erótico: «Porque non os vemos contrapostos desde a perspectiva que lle queremos dar. Si que nos saíron algúns temas máis melódicos ou máis dance e outros máis directos ou máis punk, iso é verdade. Tamén é certo que a coherencia do álbum nos preocupaba moito, tendo esas dúas almas».

 

 

En conxunto, como foi o proceso creativo? Como construístes as cancións de Vorágine?

Dani: «As ideas que se nos ocorren a algún de nós voulles dando forma nunha primeira versión no meu estudio. Logo envíolle a Ángel esa primeira versión con poucas pistas (basicamente guitarra e voz mal gravada para ver como evoluciona) e el aplícalle toda a maxia de sintetizadores e beats de ritmos; Alejandro mételle o baixo e logo entramos nunha dinámica de tira e afrouxa que moitas veces acaba violentamente. Cando estamos exhaustos de tanta discusión creativa é cando rematamos o tema, que adoitamos ensaiar xa rematado no local.

Todo o proceso creativo é no ordenador, cos nosos instrumentos e enviando, modificando e reenviando versións por Telegram».

 

Foto © Ana Ortega

 

Pecha o álbum “Fin de la era de la información”, unha crítica ás novas tecnoloxías e ás redes sociais que, curiosamente, foi o primeiro adianto. Canto a este tema, credes que as redes ou as plataformas dixitais inflúen á hora de crear música?

Terror Erótico: «Seremos uns millennials inadaptados ao mundo dixital, pero ata nós entendemos que as RRSS son supernecesarias e unha ferramenta sen a cal non gravásemos este álbum. Para nós, para a escena underground, para calquera proxecto, o ter contacto directo con promotores, salas, festivais e demais é fundamental e debémosllo ás redes sociais.

Pero iso non quita que tamén botemos de menos cousas que, ironicamente, nunca ou case nunca vivimos. Por exemplo, como sería ter unha banda nos 80, gravar en oito pistas, ler fanzines, devorar discos físicos e toda a parafernalia pre-Internet. Logo tamén está o perigo en forma de conspiranoias (que nos fascinan, pero xa se nos están indo das mans) e todo o tema dos boatos e o hate que hai na rede. Queríamos falar de todo iso e a conclusión á que chegamos é que sacrificaríamos todo e volveríamos ás cavernas se iso supón non ter que publicar unha Story nunca máis».

 

 

O LP foi gravado e editado por vós mesmos, a diferencia do primeiro EP gravado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios. Por que apostar polo DIY? Que destacariades deste proceso de autoedición fronte a traballar cun produtor nun estudio?

Ángel Novoa: «Sempre hai que pasar por un estudio; a min cambioume a vida, esa sensación fixo que me interesase máis por outros instrumentos e outros xeitos de compoñer de distintos estilos. Co tempo fixen o meu estudio caseiro e comprobei as vantaxes, podo estar un mes para gravar a voz ou a guitarra que quero ata acadar a versión que máis me gusta».

 

Con todo, a mestura e o mastering correron a cargo de Jahel Piñeiro de 8 Estudios. Por que non facela vós mesmos?

Terror Erótico: «Como din por aí, “cada un ao seu”, e fai falta que unha man inocente poña algo de orde. Neste caso contamos coa experiencia de Jahel Piñeiro (canto lle toleamos a cabeza!) para sacar o mellor son ás nosas composicións e quedamos encantados co seu traballo. Ademais é o noso técnico habitual nos directos».

 

Foto © Ribela Love&Nature

 

Ana Ortega, Leticia Iglesias ou Marta Varela son algunhas das colaboracións que se escoitan en Vorágine. En que momento do proceso xurdiron estas colaboracións? Que pensades que achegan ás pezas nas que vos acompañan?

Terror Erótico: «Fíxonos moita ilusión involucrar a amigos e amigas neste proceso. Son xente moi próxima a nós que nos acompañou en moitos bolos, sendo ás veces case ás únicas persoas que acudían. É agradecemento infinito e tamén amor polo seu talento».

  

O longo vén envolto nun deseño setenteiro, vistoso e colorido, de Santiago Paredes Cruz que ilustra (nunca mellor dito) á perfección o concepto de Vorágine. Como se desenvolveu este proceso? Désteslle algún tipo de indicación ou tivo total liberdade creativa?

Terror Erótico: «Somos fans do traballo de Santi e da roupa de Culebra desde que apareceu nas nosas vidas. Desde o comezo tivemos moi claro que el ía ser quen nos fixera o artwork e non nos equivocamos; captou ao momento o carácter do álbum e sabemos que a el tamén lle fixo moita ilusión».

 

Vorágine vén distribuído polo colectivo e label DISCTRL, do que formades parte desde case hai dous anos. Como está a ser a experiencia?

Terror Erótico: «Son xente que nos trata xenial; respecta e gústalles o noso traballo e, sendo moi profesionais no seu, non deixan de crear un ambiente ameno, divertido e desenfadado. É un selo pequeno pero que traballa moitísimo e ten unha colección de artistas variada e moi talentosa. Mahoney é asesor, consultor, pai, nai e o que faga falta; o que di vai a misa e punto pelota».

 

 

O Osa do Mar, FaCeLa Fest ou o FiCH, foron algúns dos festivais testemuñas do voso directo. Se tiverades que escoller, festi ou sala? Por que?

Terror Erótico: «Sala. Por proximidade, por profesionalidade, por ambiente cerrado, suorento, acolledor e escuro. Polas luces, polo fume e porque é un mundo en serio perigo. APOIADE AS SALAS, QUE FESTIS SACACUARTOS HAI MOITOS.

Tamén os festis pequenos, sen ánimo de lucro e feitos con agarimo como os que mencionas ou o Ribela e Esmorga en Sarria, e algún máis tamén que hai por aí, merecen todo o amor do mundo».

 

Que saibamos, o voso bolo máis recente foi no Scala Taboada (Lugo), cando, e onde, poderemos volver vervos enriba dun escenario? Que pode agardar o público dun concerto de Terror Erótico?

Terror Erótico: «Pois que terá no escenario a tres rapaces que van dar todo para que bailen, desfasen e esquezan un anaco as súas vidas terreais».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Terror Erótico: «Pladür, punk rock con guitarra moi fuzz e batería que son unha auténtica marabilla. E velos en directo!».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Dani: «Eu non teño prexuízo algún para a música. Na carpeta de favoritos hai moito 80 e 90, pero tamén moito Soto Asa, Chico Blanco, Bad Gyal ou o techno máis Tomorrowland».

 

 

  noticias