MUNDO PRESTIGIO: «FAREMOS MÚSICA IGUALMENTE, VIVINDO NUN PALACIO OU DEBAIXO DUNHA PONTE»
En 2019 nacía Mundo Prestigio en Vigo, pero os seus compoñentes eran xa caras coñecidas na escena underground galega desde bastante antes... Porque antes, Brais (samplers), Fer (sintetizadores), Julián (baixo) e Fiz (batería) eran Jay, grupo de noise rock que, impulsado por novas inquietudes musicais cimentadas sobre o sampling, fan borrón e conta nova reconverténdose en Mundo Prestigio. Neste novo proxecto, a medio camiño entre unha banda e un grupo de produtores, homenaxean ao sampler, trasladando a herdanza musical do século XX a un contexto moderno.
As súas «ansias por explorar novos territorios» levan a Mundo Prestigio a encher varios EP ata este mesmo ano, cando a banda viguesa se viste de longo por vez primeira. Eterna Constanza (Ernie Records, 2024) é o LP que, logo de tantos anos e tanto esforzo, consegue identificar e representar á banda, reflictindo o seu amor pola música.
Foto © Milena Vizoso
En 2019, Jay, un grupo de noise rock formado por Ju, Brais, Fiz e Fer disolvíase... para renacer como Mundo Prestigio. Por que este cambio de identidade? E por que con ese nome de «mundo prestigio»?
Julián «Ju» López: «Sempre tivemos diversas inquedanzas musicais que quizais non estabamos preparados para afrontar. Viñamos do punk e non estabamos seguros de poder tocar outra cousa máis elaborada, pero por intentalo... Tampouco é que crearamos MP dun día para outro; levounos case un ano de perder o tempo tocando cancións de Britney Spears e movidas así.
En canto ao nome, nunca fomos moi bos nomeando as cousas, así que pensamos un par deles e nos obrigamos a escoller rapidamente. Ao final aínda quedou guapo!».
Ademais do obvio —que sodes vós, os membros— queda algo de Jay en Mundo Prestigio?
Ju: «Seguro que si, polo menos as nosas ansias por explorar novos territorios e ter un son propio e diferenciado».
Foto © Milena Vizoso
Aparecestes nunha das edicións de Sesión de Control, playlist de novidades do pop español (ou en castelán) curada por Jenesaispop onde definían a vosa música como «a medio camiño entre o dub e o legado de Beastie Boys». Acertaron? Como a definiriades vós?
Ju: «Somos moi fans do dub máis clásico e dos Beastie Boys, pero esas etiquetas son cousas que vos molan máis aos periodistas. Eu toco o baixo, eu que sei...».
Do noise de Jay á «elegancia soul, pop dos 70 e hip hop old school», segundo Radio 3, de Mundo Prestigio, como describides a evolución do voso son?
Ju: «Como pasar do speed ao jaco».
Canto ás influencias, a quen sinalariades como referentes?
Ju: «Ao Hevi; referente sempre. Logo todo o demais».
Nos vosos dous primeiros EP, Mundo Prestigio EP (2019) e Los Vengadores (2020), combinabades paisaxes instrumentais con colaboracións estelares como as de GrandeAmore, Cibrán (Boyanka Kostova) ou Guilherme Zapata (Bifannah). Como xurdiron estas colaboracións e que pensades vós que achegan a cada tema?
Ju: «Todos son bos amigos da banda ademais de artistas que nos molan moito.
Tiñamos algún beat que pensabamos podía encaixar con eles, pero en realidade foron eles quen lle deron sentido á cousa e o converteron en canción. Currar con diferentes cantantes obríganos a ser unha banda diferente con cada un e iso mola mogollón».
Grande Amore pasa case a ser «o quinto Mundo Prestigio» no voso seguinte traballo, Nunomanía EP (Helsinkipro & Ernie Records, 2021). Que significa Nuno para Mundo Prestigio?
Ju: «Significa risas e lágrimas... e un pouco o noso punto de partida».
Estades a presentar Eterna Constanza (Ernie Records, 2024), o voso cuarto traballo... pero primeiro LP! Como xurdiu a idea de, desta volta, lanzar un longo?
Ju: «Tiñamos moitas ganas de facer un longo e, sobre todo, de que alguén editase a nosa música en físico. A min persoalmente os EP flípanme, pero entendo que son máis difíciles de vender».
Cáusanos curiosidade o título, dúas palabras que, ao noso parecer, evocan nostalxia, saudade... que relación conceptual teñen respecto ao disco?
Ju: «É un pouco homenaxe a nós mesmos. Faremos música igualmente vivindo nun palacio ou debaixo dunha ponte... pero bueno, escapando da meritocracia e toda esa merda.
Vai máis ben por facer o que te gusta sen importar o que poida pasar».
Eterna Constanza chega para culminar o voso esforzo por acadar unha obra que identifique e represente á banda. Como describiriades o camiño percorrido ata chegar ata aquí e de que xeito diriades que se traslada ao disco?
Ju: «O camiño foi ben fodido. Horas e horas de ensaio nun zulo en Candeán, pasando un frío que nin Cristo e con 4€ no peto entre todos; se isto se reflectise no disco sería metal... moi duro. Penso que o único reflexo é o noso amor pola música».
O día do seu lanzamento, o longo viña acompañado dunha, digamos, «filosófica» cita de JesúsSoto, un creador de contido que se autodefine como «apaixonado do desenvolvemento persoal». Considerando que no LP hai oco para a crítica «aos gurús de Internet e as frases motivadoras de ‘se queres, podes’»... non ten moito de ironía ou retranca presentalo así?
Ju: «Si, ten».
O LP recolle 13 temas nos que conflúen diversas influencias e referencias, resultando así nun repertorio do máis ecléctico. Como foi o seu proceso de creación?
Ju: «O proceso basicamente foi crear beats ata que case palmamos. Cando tiñamos trinta, fixemos un greatest hits e rematamos con esta colección. E bueno, tamén foi un gran traballo dos colaboradores, que converteron cousas que estaban un pouco en pelotas en boas cancións».
Foto © Milena Vizoso
Unha cita de Carl Sagan (1934-1996), recoñecido astrofísico e importante divulgador científico, introduce “Personas”; extractos de audio de vídeos de El Faliyo de San Roque, personaxe de Internet, escóitanse nos primeiros segundos de “Visionzs”... O de introducir samples é algo moi característico da vosa música, pero que é o que fai que algo se converta en sampleable e forme parte dun dos vosos temas?
Ju: «As caralladas son cousas coas que nos rimos bastante; pasamos demasiado tempo xuntos ás veces... En canto aos samplers musicais, son cousas que nos molan e podemos roubar para crear algo novo».
Escoitamos seis colaboracións dos que, segundo sabemos, son algúns dos vosos artistas favoritos do panorama nacional: Carlangas, Antía Van Weill, Kimberley Tell, Kiliki Frexko (Chill Mafia), Erik Urano e, novamente, Cibrán (Boyanka Kostova). Por que eles?
Ju: «Porque flipamos co que fan e con eles como persoas. A Erik non o coñeciamos persoalmente, pero vamos, que cando o coñecemos pasou o mesmo».
As vibes de “Sensaciones” transportan o oínte ao Benidorm dos 70. Cal foi a inspiración detrás deste tema?
Ju: «Jeanette».
Para a produción de Eterna Constanza volvestes confiar en Hevi (Malandrómeda, Fluzo), un dos grandes produtores do país que está detrás de gravacións de moi diversos estilos (Ortiga, Grande Amore, Xan Campos Trío, Faia...). Como foi traballar con el desta volta? Que pensades que achega ao son do disco?
Ju: «Hevi é unha peza fundamental para nós no estudio. Achega sinceridade, un exquisito oído e fainos mellores músicos. Ademais o pasamos que nin Dios con el, que é o máis importante».
Del dicides que «foi un pouco a persoa que nos axudou a dar forma ao proxecto cando non tiña un rumbo claro». De que xeito vos guiou, pois?
Ju: «Dicíndonos claramente que cousas eran unha puta merda».
Foto © Milena Vizoso
Eterna Constanza tamén se pode desfrutar en vinilo. Nun momento onde todo é dixital, por que seguir apostando (tamén) polo formato físico?
Ju: «Porque somos un pouco puretas e moi fans do vinilo. Ver as carpetas mentres o escoitas é das cousas máis guapas da música».
Sodes parte do roster de Ernie Records, discográfica galega coñecida por facer discos nun ambiente familiar onde a emoción potencie a profesionalidade. Como está a ser o camiño xunto a eles?
Ju: «Bueno, Repsol tamén di que é sostible e LGTBI friendly cando toca. Temos unha relación profesional e nada máis».
Durante este 2024 acompañades a Carlangas na súa xira polo «longo e ancho da península», pero baixo o nome de Los Cubatas. Tendo en conta que xa xirastes con el o ano pasado (aínda que non como Los Cubatas), como está a ser a experiencia desta volta?
Ju: «Pois unhas risas como sempre».
Con todo, a Mundo Prestigio presentando Eterna Constanza ao vivo só puidemos desfrutalo tres veces (Santiago, Vigo, Madrid). Cando, e onde, continuaredes a vosa xira? Porque o voso bolo máis recente, que saibamos, foi nos Conciertos de Radio 3 a primeiros de maio...
Ju: «Pois oxalá sabelo... Polas nosas gañas de tocar non é, desde logo, pero a este paso imos rematar fritindo polo no KFC».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Ju: «Mariagrep, a mellor do mundo».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Ju: «De todo, de verdade. Podemos escoitar “Mentirosa” de Ráfaga ou Vivaldi. Mólanos a música en xeral. Eu persoalmente estou agora mesmo bastante metido na música cubana; recomendo escoitar a Celina y Reutilio, ides flipar».