• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

FROJÁN: «A MIÑA FORMA DE TRATAR AS LETRAS SEMPRE É UNHA VÍA DE ESCAPE OU UN GOLPE DE REALIDADE»

FROJÁN: «A MIÑA FORMA DE TRATAR AS LETRAS SEMPRE É UNHA VÍA DE ESCAPE OU UN GOLPE DE REALIDADE»
30 SETEMBRO 2024

Cunha capacidade para transmitir historias a través de letras profundas e reflexivas, Froján mergulla o oínte nunha viaxe emocional onde a poesía autodestrutiva se entrelaza coa forza do rock alternativo. A banda, liderada por Miguel Froján (voz, guitarra) e xurdida durante aquel pandémico 2020 caracterízase pola fusión de elementos poéticos cun estilo musical que combina detalles barrocos e clásicos co son enérxico de bandas referentes do rock nacional.

Cun par de longos no mercado —o último deles, Reflejos (2023), presentado como unha aposta de rock máis cañero— Froján volve agora con “Vástago”, un single xunto a Ferrán Exceso (Exceso, El Niño de la Hipoteca) que «si, é un punto de inflexión, pero non é necesariamente un adianto do camiño que imos tomar».

 

 

 

Miguel, aínda que agora che coñecemos como líder de Froján, sabemos que este non é o teu primeiro rodeo. Cal foi, e como lembras, o teu primeiro contacto coa música?

Miguel Froján: «O meu primeiro contacto coa música foi moi de neno, cando comecei a tocar o violín con tres anos na Escola de Música de Caldas. Na miña casa sempre se escoitou moitísima música, pero a primeira lembranza lúcida que teño na memoria é no coche co meu pai escoitando o álbum The People Who Grinned Themselves to Death (1987) de The Housemartins».

 

Primeiro foi o violín, logo a guitarra, despois a trompa... a túa variada formación musical combina tanto escola municipal como conservatorio. Que cres ti que lle dá a un músico de rock unha formación clásica?

Miguel: «En primeiro lugar, dá unha base musical enorme para poder comezar a enfocar o xeito no que fas música. Sempre direi que o conservatorio profesional foi unha aprendizaxe que marca dunha forma moi clara a miña forma de entender e amar a música, aínda que é verdade que temos que avanzar moitísimo na educación musical neste país».

 

Fuches parte de grupos como Bourboom ou Cabina 402 antes de conformar Froján en 2020. Como xorde este proxecto, daquela en solitario? Que pensas que achegou a túa experiencia previa á este novo proxecto?

Miguel: «Froján é o cume de todos os anos que estiven estudando e formando parte de outras bandas. A idea principal xorde de facer un proxecto de cantautor coas miñas cancións, envorcando todo o que aprendín neses anos previos.

Ademais, Froján xorde dunha situación familiar complicada na que, en plena pandemia, dinme que o meu pai sofre unha enfermidade terminal; ese foi o motor principal do proxecto, poder ensinarlle ao meu pai un disco rematado e, aínda que non chegou a ver o formato físico, si que escoitou todas as cancións que formarían parte del. É algo do que me sinto moi orgulloso».

 

 

Con catro anos en activo, a banda pasou por varios cambios no banco, chegando a ter ata seis compoñentes (que saibamos!). Cal foi a súa evolución desde os seus inicios ata a actualidade? Como afectaron eses cambios ao grupo?

Miguel: «A formación de Froján sempre foi moi inestable, dado que varios dos compoñentes orixinais marcharon a estudiar fóra. Ao principio, eu só ía cantar, pero desde hai xa un par de anos tamén toco a guitarra e fomos evolucionando ata ser unha banda de catro persoas.

Todos os músicos que pasaron por Froján deixaron o seu legado na banda e así puidemos chegar a onde estamos agora».

 

O rock alternativo é un subxénero do rock tan amplo como heteroxéneo, así que, sen etiquetas, a que soa Froján? Como describirías a vosa música?

Miguel: «Nin sequera nós temos moi claro como definir o noso son, sobre todo porque non rexemos a nosa música por estilos nin etiquetas, aínda que si que podemos falar dun rock alternativo.

En Froján sempre facemos o que nos gusta e nos fai sentir cómodos, e iso significa tamén que, se nalgún momento facemos unha canción doutro estilo, será benvida dentro do repertorio da banda».

 

 

Deixando a un lado —polo de agora— os xéneros, falemos de influencias: quen dirías ti que é o teu referente, ou referentes, á hora de entender a música?

Miguel: «É indubidable que temos moitísimas influencias do rock nacional, comezando con Marea ou Extremoduro, Platero y Tú, Barricada ou Reincidentes, pero tamén estamos moi influenciados por bandas como Biffy Clyro, Foo Fighters, Pearl Jam, Led Zeppelin...

Ademais de todo o anterior, por suposto a formación clásica que acadamos no conservatorio fai que as nosas influencias pasen tamén por compositores como Beethoven, Mozart, Vivaldi, Haydn ou Chopin, entre moitos outros».

 

 

 

Debutades pouco tempo despois da vosa creación con Huir (2021), un longo dunha ducia de cortes que reflectían o que sentías daquela no teu interior logo de «vivir momentos moi duros a nivel familiar». Tomaches, pois, a creación deste traballo como vía de escape?

Miguel: «Como xa adiantei antes, Huir, o noso primeiro disco, veu impulsado por eses momentos moi duros a nivel familiar, así que si, foi unha vía de escape, pero non só con ese disco. A miña forma de tratar as letras sempre é unha vía de escape ou, en contraposición, un golpe de realidade para poder, dunha forma ou doutra, seguir para diante».

 

 

Por que abrir o LP cunha versión de “Libera me”, a sexta parte do Requiem en re menor, Op. 48 de Gabriel Fauré (1845-1924)? Que ten de especial para ti este réquiem?

Miguel: «No meu primeiro ano estudando conservatorio superior en Salamanca, cantamos este mesmo Requiem na materia de coro. Cando comecei a traballar no disco, e vendo que estaba tan motivado por temáticas como a morte ou o dó, non puiden evitar comezar o disco con el.

Ademais, a segunda canción do disco é unha homenaxe a un amigo dun amigo, que falecera hai uns anos; foi unha historia que, dun xeito ou doutro, marcoume enormemente».

 

Unha versión de “O Maio” na que colabora a túa familia pecha o disco, poema de Curros Enríquez que musicou Luis Emilio Batallán. De novo, por que escoller este tema en concreto como broche de ouro?

Miguel: «“O Maio” foi unha pequena homenaxe que quixemos facer na nosa familia para o meu avó, que faleceu meses antes que o meu pai. Polo día no que sería o seu aniversario, fixemos esta preciosa canción que el adoraba tanto con poemas da súa obra.

Cando, meses despois estabamos a argallar o disco, propuxen introducilo coma bonus track, como unha forma de manter o seu legado dentro da miña música».

 

 

Huir foi producido por Sergio Ariel, arxentino afincado en Caldas de Reis que, ademais, levou o álbum á outra beira do Atlántico presentándoo a algunhas categorías dos Premios Gardel. Como lembras traballar con el?

Miguel: «Sergio é un vello amigo, e traballar con el foi decisivo para que o disco vise a luz.

Xa non é só a súa experiencia e a forma de ver e tratar as cancións, senón que non é nada doado facer un disco en tan pouco tempo e cunha banda que tiña tan pouca experiencia gravando nun estudio. Foi un traballo excepcional polo que estamos moi agradecidos».

 

 

 

Un par de anos despois Reflejos (2023) vía a luz, longo que mestura poesía autodestrutiva con crús acordes de rock alternativo. Como xorde a idea deste disco?

Miguel: «Reflejos é a evolución natural do son da banda. Despois de Huir cambiamos de guitarrista, e a entrada de Dabelaii na banda foi un cambio de son que nos levou a facer un disco moito máis agresivo e elaborado.

Ademais, a experiencia do primeiro disco e de xa levar un par de anos como banda marcou a diferencia á hora de traballar o LP».

 

Os 13 temas que recolle o álbum conforman unha cadea de emocións que evocan unha batalla... cun mesmo. É así? Dirías que é ese o nexo de unión entre as cancións?

Miguel: «Sen dúbida o nexo que une todo o disco é a loita interna dunha persoa que contrapón os seus sentimentos negativos coas ganas de romper con todo e seguir cara a adiante. Ademais, é algo que tamén se ve reflectido na portada —deseñada pola artista Paula Andrade— na que tamén apreciamos a idea da aceptación deses sentimentos e de aprender a vivir con nós mesmos».

 

 

Como foi o proceso de creación de Reflejos? É dicir, como naceron e se foron desenvolvendo as cancións?

Miguel: «Cada canción é unha historia distinta. Reflejos foi un álbum que fixemos con tempo e, grazas a iso, as cancións maduraron moito dende as primeiras ideas. Aínda que cada canción xorde dunha persoa distinta, todos os músicos da banda traballamos os arranxos dos temas con paciencia e puxemos especial atención nos detalles, tanto na música como nas letras».

 

“Rosas rojas” é unha chamada á inspiración mentres agardas por ela; es, pois, dos que pensa que hai que agardar pola Musa ou prefires saír buscala?

Miguel: «Nunca sabería de que escribir se non vivise miles de experiencias, así que son de saír de casa a buscala. A Musa pode vir, pero se ti non viviches as cousas que cantas, nunca vas poder transmitir esa conexión que existe coas túas cancións».

 

 

Ao fío, en que, ou quen, están inspiradas as cancións?

Miguel: «Non adoito escribir sobre outras persoas, aínda que neste disco si que hai unha canción (“Calaveras”) na que o fago. Polo resto, sempre son cancións autodescritivas, que falan unicamente dos meus sentimentos e de como vivo a miña vida».

 

 

Como comentabamos antes, o álbum salta de emoción en emoción con versos que, aos poucos, converten o disco nun poemario; desde “Hay que recordar” ata “Mil caras”, pasando por “Aún hay esperanza”. Poderíase dicir que a combinación de poesía e rock é marca da casa, non?

Miguel: «Sempre concibín a música que escribo como unha mestura entre rock e poesía, dado que é a forma na que mellor sei expresarme. Todo o que fago sigue ese filtro, así que si, poderíamos dicir que é marca da casa».

 

O LP foi gravado nos Estudios R5 (Pamplona) con Kolibrí Díaz, guitarrista de Marea, como encargado da produción. Como foi o labor de produción desta volta? Como é Kolibrí Díaz como produtor?

Miguel: «Foi un pracer grandísimo poder traballar cunha persoa á que admiramos tanto. Kolibrí achegou sabedoría e bo facer en todo o respectivo á produción deste disco. Desde o primeiro momento o feedback foi xenial, e cando chegamos a Pamplona comprendemos o que é traballar nun estudo profesional e con persoas que levan toda a vida no primeiro plano do rock en español».

 

 

Kolibrí, The Eskarallas, Alberto Vilas... son algunhas das colaboracións que escoitamos neste disco. Como xurdiron e que dirías ti que achegan, ademais do obvio, ás cancións nas que participan?

Miguel: «Todas as colaboracións deste disco, que non son poucas, achegan cousas moi parecidas entre elas. Por suposto, cada artista que participa en Reflejos ten a miña admiración, pero sobre todo é xente coa que quixen forxar un vínculo non só musical. Todas as colaboracións do disco tiveron liberdade para facer o que eles pensaran oportuno, porque a miña ilusión era que puideran achegar algo máis que as súas interpretacións».

 

 

 

A principios de xullo de 2024 publicabades o voso sinxelo máis recente, “Vástago” xunto a Ferrán Exceso (Exceso, El Niño de la Hipoteca); un canto ao amor.... tóxico, que abre, aínda máis, o voso horizonte sonoro. É un punto de inflexión, este é o camiño que ides a seguir a partir de agora?

Miguel: «Si é un punto de inflexión, pero non é necesariamente un adianto do camiño que imos tomar.

Como dixen antes, Froján somos unha banda que nos caracterizamos por facer o que queremos, fuxindo das etiquetas. “Vástago” é o principio dunha evolución que, aos poucos, irá definindo cada vez máis o son que anhelamos, pero é só un comezo».

 

 

Podemos tomar este lanzamento como un adianto do voso vindeiro traballo? Sen ánimo de facer spoilers, tedes algo en preparación para o futuro próximo?

Miguel: «Si que podo dicir que nun tempo non temos pensado publicar ningún traballo de longa duración, pero iso non significa que non esteamos preparando nova música».

 

Seguides inmersos na xira presentación de Reflejos, como é un concerto de Froján? Cando, e onde, poderemos volver a desfrutarvos enriba do escenario?

Miguel: «Na miña opinión, os concertos de Froján son un convite a deixar saír as emocións. En parte son moi enérxicos, pero tamén hai lugar para a poesía, para contar algunha historia e deixarse levar pola música e os sentimentos.

Non temos moitos concertos á vista, pero si que podemos dicir que o sábado 26 de outubro estaremos tocando en Madrid, na sala Tempo Audiophile con Barro e Daryl Hockin».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Miguel: «A música emerxente en Galicia ten un nivel do que, por desgracia, non adoitamos ser moi conscientes. Bandas coma Liberad al Kraken, Visi, Freshkiños ou TNT Band son un piar fundamental do que augura o futuro da música no noso pobo».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Miguel: «Co móbil diante, os primeiros nomes que aparecen son El niño de la Hipoteca, Biffy Clyro, Robe, Fran Mariscal, Ferrán Exceso e Free City. Ademais, ultimamente teño unha pequena obsesión con bandas coma Eruca Sativa e The Warning, pero tamén é verdade que se indagas un pouco máis atoparás nomes coma Rozalén, O Funkillo, Vulfpeck ou Berri Txarrak, entre moitos outros.

Hai anos si que podía sentir máis vergoña por escoitar algúns grupos, pero aos poucos aprendín que o erro máis habitual na música é encerrarse nun só estilo de música. Eu tamén escoito bandas como Fresquito y Mango ou Cariño, que non teñen nada que ver co que eu fago, pero podo desfrutar e aprender moito deles».

 

  noticias