• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

DELEIBA: «O MUNDO ESTÁ A CONVERTERSE EN ALGO QUE INTENTAMOS ENTENDER, PERO QUE NON COMPARTIMOS»

DELEIBA: «O MUNDO ESTÁ A CONVERTERSE EN ALGO QUE INTENTAMOS ENTENDER, PERO QUE NON COMPARTIMOS»
10 FEBREIRO 2025

Hai case dez anos que Germán Mosqueira (voz), Alberto Romero (guitarra), Denís Lamela (guitarra), Jesús Saborido (baixo) e Mauro Gómez (batería) conformaron Deleiba en Boavista, Muros (A Coruña). Case unha década desde que a banda de rock apostou por riffs potentes, estrofas afiadas, retrousos directos e pegadizos... ata chegar a afondar en fórmulas con «máis elementos sonoros» e un son «máis complexo a nivel de estrutura».

Logo de publicar un par de EP, Deleiba vístese de longo no seu novo lanzamento, Ao revés do mundo (2025);un álbum de punk-rock melódico, fresco e elaborado, composto de dez cancións críticas, íntimas e de amor.

 

 

 

En 2017 nace Deleiba da man de Germán Mosqueira (voz), Alberto Romero (guitarra), Denís Lamela (guitarra), Jesús Saborido (baixo) e Mauro Gómez (batería). Cal foi o xermolo da banda?

Mauro Gómez: «Germán e Denís seguiron a facer música cando pararon as rotativas en Trapos Sucios; a eles uniuse Jesús, que xa coincidira con Denís en A Media Ghasta. Alberto e máis eu somos máis novos, pero xa estabamos vinculados a eles dun xeito ou doutro, así que fluíu de maneira moi natural».

 

Proviñades de diversas formacións locais, de que xeito diriades que conflúe a vosa experiencia previa á hora de conformar este novo proxecto?

Alberto Romero: «Penso que cada un achegou a súa visión e a súa experiencia previa en diversas formacións, pero sempre cunha idea común do que sería a proxecto.

Traballo e compromiso son uns dos piares fundamentais».

 

Non podemos negar que o termo «deleiba» soa moi galego, pero argallando no dicionario da RAG... non a damos atopado. Cal é o seu significado? Por que escollelo como nome do grupo?

Mauro: «“Deleiba” é unha palabra que se usa predominantemente en Muros e na súa contorna. Refírese a unha desfeita ou un desastre e témola escoitado en diversos contextos, sobre todo á xente maior.

A proposta do nome deuse ao recordar unha comida familiar moitos anos atrás na que coincidín con Denís (pois somos curmáns), e na que me dixo que a súa palabra preferida era “deleiba”».

 

 

Sen etiquetas, a que soa Deleiba? Como describiriades a vosa música?

Denís Lamela: «A min persoalmente sóame a unha evolución de todo o rock co que me criei, pero con máis elementos sonoros e máis complexo a nivel de estrutura».

Mauro: «É innegable que nos comezos a influencia do rock estatal estaba moi presente, pero penso que no conxunto do disco se dilúe e fixemos algo máis contemporáneo. Seguimos a ter esa base de punk-rock, pero máis melódico, máis elaborado e que bebe de diversas fontes; ás veces do indie, ás veces do metal, ás veces do post-rock...».

 

Pasando de xéneros a influencias, quen diriades vós que ten, ou tivo, un particular impacto no voso xeito de facer música?

Mauro: «Cadaquén ten as súas propias influencias e quedan patentes nas achegas individuais. Si que sempre tivemos a Foo Fighters como referencia común, pero tamén podemos falar de Rise Against [the Machine] ou Biffy Clyro, por exemplo».

Germán Mosqueira: «Eu crieime nos 80 e 90 e claramente estou e estarei influenciado polo punk e rock deses anos. A nivel estatal remarcar grupos como La Polla, Cicatriz, Platero, Alarma, Barricada, Tijuana in Blue, Kortatu, Heredeiros, os Suaves... entre moitos outros. A nivel internacional, sobre todo AC/DC, [Iron]Maiden, Foo Fighters, Police, Airbourne, entre outros».

Denís: «Eu creo que parte da responsabilidade de que sexa un rock máis moderno é de Alberto e Mauro, porque son musicalmente moi abertos e veñen dunha xeración onde xa se escoitan cousas que eu non vivín na miña xuventude».

 

 

 

Dous anos despois da vosa creación lanzades El último eslabón (2019), o voso primeiro traballo discográfico co que, ademais, fostes gañadores da edición dese ano da Batalla de Bandas de Cuac FM. Como lembrades o desenvolvemento deste primeiro EP?

Mauro: «Tiñamos claro que queriamos sacar música antes de tocar ao vivo. Fomos sobre a marcha; algúns temas autoproducímolos nós, outros mandámolos a mesturar a Carlos Arcay, e outros tres graváronse en Estudios Mafia con Chichi.

Non planificamos nada; simplemente improvisamos dentro das nosas posibilidades e a resposta foi boa, sobre todo nos directos, porque tocamos en lugares bastante grandes para ser o primeiro ano, como o Castelo Rock ou o Caudal Fest».

 

 

 

 

Estabades a preparar un novo álbum cando a COVID-19 apareceu... con todo o que isto supuxo. Con todo, lonxe de rendervos, lanzades MMXX (2020), un EP que recolle as tres pezas que xa tiñades gravadas. Como vos afectou a pandemia a vós como grupo e a todo o que rodeou este traballo?

Denís: «A COVID, como a todos os grupos, causounos moito dano, pois a música en directo perdeuse inicialmente e logo houbo que adaptar o formato. Tede en conta que somos un grupo que se financia co que gana tocando en salas e festivais. Non todo foron sombras, aliñáronse os astros para poder facer algún videoclip nun momento no que non podiamos case estar xuntos».

Mauro: «Foi unha parálise en todos os sentidos, tanto económica como creativa. A falta de obxectivos, como ter datas para directos e demais, atrasou un par de anos o que tería sido o a evolución natural da banda que tiña que desembocar nun disco. Polo menos, puidemos facer varios concertos “sentados” como o das Carrilanas de Esteiro e, como di Denís, seguimos sacando algún single».

 

 

Durante as derradeiras faíscas da pandemia lanzades “Erguerse”, un single que irrompía... como unha mensaxe de optimismo e esperanza en medio do caos?

Mauro: «“Erguerse” non é o que parece... é unha canción de desamor. Nun primeiro momento a letra era todo negatividade, ata que saíu un retrouso máis empoderante e adoptou ese significado nunha etapa que foi dura para moita xente no tocante á saúde mental».

Denís: «Penso que para o público agora é unha mensaxe de apoio a continuar e enfrontarse aos problemas. Esa mensaxe representa a Deleiba».

 

Este sinxelo marcaba o primeiro adianto do novo álbum e o inicio dunha campaña de lanzamentos que durou desde 2021 a 2024. O de espazar tanto a publicación dos singles foi por xerar expectación, márketing…

Denís: «Foi necesidade e tamén a forma de ir dándolle forma a un grupo que estaba a nacer».

Mauro: «Non tiñamos o disco concibido na súa totalidade, entón fomos sacando o material que rematabamos ano a ano á espera de ter un momento creativo e económico bo. Incluímos esas cancións no disco porque nos encaixaban no conxunto e criamos que merecían estar en formato físico».

 

 

 

 

Vides de publicar Ao revés do mundo (2025), a vosa terceira referencia... e primeiro longo! Como se xestou este traballo e como se foi desenvolvendo durante todo este tempo ata materializarse no disco que é hoxe?

Mauro: «Foi un proceso que se iniciou en 2020 e supón unha conxunción de diversos sinxelos. En cada sesión de gravación con Iago Pico gravabamos dúas cancións, e fomos sumando e gardando ata que podiamos mostrar un conxunto de dez cancións».

 

Por que Ao revés do mundo como título? De verdade os vedes tan a contracorrente?

Germán: «Ao revés do mundo é un título co que nos sentimos demasiado identificados, xa que neste mundo e nesta sociedade de consumismo, falsas aparencias e perda de valores, sentímonos fóra totalmente».

Denís: «O mundo está a converterse en algo que intentamos entender pero non compartimos».

 

 

As dez cancións do longo fan un percorrido por conflitos bélicos, crítica política e social, responsabilidade afectiva... Diriades que a temática social é o fío condutor das cancións do álbum?

Mauro: «Como boa banda de rock, non podemos deixar a crítica social de lado. Ata as cancións máis intimistas teñen unha tinguidura político-social, sobre todo no tocante a criticar o individualismo e a falta de responsabilidade afectiva».

Germán: «Necesitabamos soltar as nosas inquedanzas sobre o que nos está afectando. Os conflitos bélicos, as políticas autoritarias, o pouco afecto entre persoas, as falsas aparencias, a corrupción política, etc.».

Denís: «Non somos un grupo co obxectivo de facer só crítica social, pero non podemos calarnos en moitas cousas coas que non estamos de acordo e, en certa maneira, somos inconformistas; temos que expresar o noso malestar».

 

 

Con todo, tamén escoitamos temas íntimos que expresan o amor pola terra e pola xente. En que, ou quen, están inspirados?

Mauro: «Por exemplo, “Da mesma suor” está inspirada nunha frase dunha amiga miña que, mentres falabamos dos retos laborais das nosas amizades, dixo: “este vai ser o ano dos éxitos profesionais”. E non, non o foi! Mais si que me fixo reflexionar sobre o valor da amizade, de compartir os éxitos e de descargar a dor das derrotas».

Denís: «“A Coruña” leva un anaco de min cando tiven que ir a vivir á Coruña en 2006; nunca vira un semáforo nin un autobús urbano. Foi un cambio moi grande e sempre escapei para Muros cando podía. Dezanove anos despois, penso que A Coruña xa forma parte de min e é unha cidade á que lle debo moitas cousas tamén. Mauro axudoume a darlle ese sentido».

Germán: «Temos algún tema no que abordamos a importancia de coidarnos cada un de nós, e darnos a nós mesmos cariño, escapando da velocidade na que nos empurra o mundo. Só temos unha vida e hai que aproveitala».

 

En “Viento del Norte” explorades novos camiños, saídes da vosa zona de confort apostando por un son que mestura a potencia e paixón á que nos tiñades acostumados con partes máis, calmadas, digamos; algo que, por exemplo, tamén pasa en “A Coruña”. Podemos esperar temas máis deste estilo no futuro?

Mauro: «Si, “Viento del Norte” foi unha aposta moi experimental, moi post-rock. “A Coruña” xa naceu como unha canción nunha acústica pensada como balada clásica. Non estamos pechados a nada e a variedade do disco é proba diso!».

 

 

Ao serdes cinco na banda... como traballades as cancións? Hai reparto de tarefas?

Germán: «Na composición participa toda a banda. Un aparece cunha idea polo local ou envíaa previamente, despois poñémonos a traballar nela. Cada tema ten un pedaciño de cada integrante da banda».

Mauro: «Non temos unha fórmula escrita. Hai cancións nas que participamos os cinco, outras que saen máis dunha persoa soa, ou outras que son de dúas.

Nas tarefas si que procuramos dividir e que un se dedique máis ás redes e prensa, outro á preprodución ou ao merch, entre outros. Niso atopamos bastante equilibrio».

 

“Da mesma suor” foi o derradeiro sinxelo adianto, un tema que canta aos coidados e ás amizades que viña acompañado dun vídeo onde a vosa vila, Muros, é novamente protagonista. Que significa Muros, e a súa xente, para vós e a vosa música?

Germán: «É de ben nacido ser aghradesido e nós iso témolo moi presente. A nosa xente sempre está aí cando se necesita e bríndanos toda axuda. Por iso, cando temos a oportunidade de facer un videoclip, pensamos neles e intentamos agradecerllo e facelos partícipes.

Muros é a terra que nos veu nacer, a terra que nos deu a mellor infancia que se pode ter».

 

 

Ao fío, notamos como todos os vosos videoclips apostan claramente por un coidado traballo audiovisual. Na vosa opinión, que valor engadido lle dá esta parte visual á musical?

Denís: «Desde o meu punto de vista, tivemos a sorte de dar coas persoas adecuadas; foron capaces de ensinar a nosa música a través da imaxe».

Mauro: «A min flípame o cine, as series e os videoclips. A conxunción diso coa música para min é máxica. Cada vez que escoitas unha canción, venche unha imaxe á cabeza. Ademais, atopamos á xente da produtora El Membrillo, que xa son familia».

Germán: «Na actualidade non se pode ofrecer un produto que só se alimente co sentido do oído, senón que lle debemos xuntar tamén o da vista. Aquí tivemos a sorte de atopar á xente de El Membrillo que foron partícipes de todos os videoclips editados pola banda; un luxo para nós. Creo que poucos grupos poden dicir que para disco de dez cortes poidan aportar catro videoclips».

 

Da produción de Ao revés do mundo encargouse Iago Pico (Tanxugueiras, NAO), co que xa traballarades en “Erguerse”. Como é traballar con el? Como é Iago Pico como produtor?

Mauro: «Iago é, sobre todo, esixente. Unha xornada de gravación alí é unha experiencia dura pero moi gratificante. El pon toda a súa arte e quere que ti deas o máximo en cada canción. Ese nivel de compromiso coa música ten moito valor».

Germán: «Poder estar as ordes de Iago Pico é todo un regalo e un reto. En Pouland dámoslle unha visión completamente distinta aos traballos que levamos preparados.

Penso que hoxe en día podemos dicir que Iago é máis que un produtor, é un amigo».

 

 

Aos poucos, pasastes dun repertorio completamente en castelán nos vosos inicios a, neste disco, cantar máis da metade das cancións en galego. A que se debe este xiro no idioma?

Mauro: «Non houbo unha decisión como tal. Na banda hai membros que estaban máis cómodos compoñendo en castelán e outros en galego, dependendo das influencias e referentes de cada un. Somos todos galegofalantes e chegou un punto no que as cancións que nos saían eran en galego. Falamos de incorporar máis idiomas, como o asturianu, así que nunca se sabe o que virá!».

Denís: «Algúns viñamos de cantar en castelán, pero tamén de escoitar moita música en galego. De forma natural rematamos cantando no idioma que todos falamos».

 

En “Sere-bros destruídos” contastes coas colaboracións de Ula Mayo (Monoulious DOP). Por que eles? Como xurdiu este traballo conxunto?

Germán: «Non entendemos a música e a vida doutro xeito que non sexa rodearnos da xente que queremos e que nos achega confianza. Neste caso concreto, poder conseguir unha colaboración con Ula era algo que roldaba na miña cabeza xa hai moitos anos pero, por unha cousa ou por outra, nunca puidemos concretar nada. Xurdiu esta oportunidade e foi o máis fácil, rápido e natural do mundo, xa que a amizade que nos une é verdadeira e Ula é un artista total. Oxalá non sexa a última».

 

 

Ao revés do mundo está tamén dispoñible nun digipack limitado a 150 copias. O deseño correu a cargo de Miguel Duarte, quen tamén se encargou das portadas dos sinxelos. Que vos chamou a atención do seu traballo para contar con el? Seguiu algún criterio proposto por vós ou tivo total liberdade á hora traballar?

Mauro: «Miguel é unha persoa que ama a arte visual na música por riba de todo. Sabiamos que ten un estilo característico e que o produto final ía ser de gran calidade. Na súa maioría, traballou con total liberdade para plasmar aquilo que a nosa música lle transmitiu. O CD quedou espectacular e estamos moi contentos de ter contado con el».

 

The Rapants ou Capital Voskov son algunhas das bandas paisanas que ultimamente tamén están a levar Muros alén das súas «fronteiras». Como vedes vós a escena local muradá?

Mauro: «Eu véxoa moi forte, é un privilexio compartir espazo con tantas bandas: Lisdexia, Archivo Adxunto, Terbutalina, Kondusión Kolérika, Sonophobia, The Balayos, etc. Tamén hai moita música tradicional e agora comezan a agromar proxectos de músicas urbanas como 9Louro.

Nos anos que veñan gustaríanos ver novas músicas e músicos e que a Escola de Música e a Sala Nasmo sigan a ser espazos cruciais na cultura de Muros».

Denís: «Eu sinto un gran orgullo de que existan bandas tan variadas e coñecidas no pobo onde nacín. Faime feliz».

Germán: «Muros sempre foi unha terra de artistas. Para que hoxe en día se vexa esta explosión de creatividade, penso que debemos estar aghradesidos de amosar o camiño a outros moitos grupos da contorna e do propio concello. Xente como Chop Suey, Miúdos, Estampida, Macarróns, Trapos Sucios, A Media Ghasta... entre moitos outros grupos que seguro me quedan no tinteiro».

 

 

O vindeiro 7 de marzo é o día escollido para presentar o disco en Santiago de Compostela e unha semana máis tarde, o venres 14, na Coruña. Como levaredes Ao revés do mundo aos escenarios? Que pode agardar o público dun concerto de Deleiba

Germán: «Poder amosar un traballo tan elaborado e con tanto curro detrás vai ser unha liberación, e non vai ser indiferente para o público que queira asistir aos nosos directos. Uns directos cheos de enerxía, bo rollo, mala hostia e un son elaborado cuidadosamente».

 

 

Rozando a década de traxectoria musical, que levades no peto de estos anos e como vedes os vindeiros dez?

Mauro: «Levámonos o coñecer xente marabillosa, o estreitar lazos e compartir momentos moi especiais. Os vindeiros dez anos é moito falar! Iremos día a día, procurando desfrutar da música».

Germán: «O pracer de coñecer xente ghrasias á música e a alegría de que moita xente se sinta identificada coas nosas cancións. Creo que con iso xa temos o peito a rebordar».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Mauro: «Penso que falo por todos se menciono a APHONNIC. Son un exemplo de paixón e bo facer. Hai proxectos chulos como Acouga que son moi boa xente, e calquera das bandas de Muros que teñen un nivelazo».

Germán: «Sobre todo os grupos que seguen a facer música do noso pau, xente que non vai coa moda. Ao último traballo de Javi Maneiro é digno de darlle unhas cantas escoitas; APHONNIC é un de eses grupos que son fieis ás súas crenzas dende os seus comezos. Tamén RUXE RUXE, Zënzar, Heredeiros, O Caimán do Río Tea...

E grupos actuais como Archivo Adxunto».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Mauro: «Moito metalcore, moito post-hardcore e emo, bastante progresivo... e sempre hai espazo para os clásicos e para a música galega».

Denís: «Na miña hai de todo, moi diferente ao que fago. Gústame explorar, podo escoitar nun momento Daft Punk e ao segundo seguinte Charly García».

Germán: «Eu son fiel a os meus gustos, pero teño un fillo de 13 anos e nos tempos que vivimos pois...».

 

  noticias