ZOAR: «HAI DOUS TIPOS DE DIFICULTADE NESTA “IBERIA”: A COMPLEXIDADE MUSICAL E A DUREZA FÍSICA»

Medraron na procura dun estilo propio construído sobre a orixinalidade e o compromiso. Zoar leva 15 anos incorporando músicas actuais ou descoñecidas, colaborando con outros músicos ou cantantes e interaccionando con outras disciplinas artísticas. Composto por Joan Ibáñez (frauta), David Villa (óboe), Antonio Suárez (clarinete), Benxamín Iglesias (trompa) e Álex Salgueiro (fagot), o quinteto de vento destaca polo seu interés no descoñecido e a inquedanza de recuperar o patrimonio musical esquecido.
Así, o conxunto de cámara galego é famoso por recuperar e divulgar pezas do repertorio tradicional, obras firmadas por compositores galegos e mesmo españois, como é o caso do protagonista do seu último disco. En Iberia (2024), Zoar adapta a suite homónima para piano do virtuoso compositor catalán Isaac Albéniz (1860-1909).
Foto © Anabela Gilardone
Hai máis de quince anos que xorde Zoar, quince anos nos que medrastes como quinteto de vento na procura dun estilo propio. Pero cal foi o xermolo do ensemble? Como naceu Zoar?
David Villa: «Zoar naceu das ganas que tiñamos cinco mozos músicos de explorar a música para grupo pequeno, saíndo da nosa habitual actividade sinfónica e tendo un espazo de maior capacidade creativa».
Álex Salgueiro: «Con respecto a ese “apelido” de ensemble, dicir que a nosa idea orixinal foi crear unha formación baseada no quinteto pero con certa flexibilidade para atender todo tipo de repertorios; algo a medio camiño entre o quinteto de vento e un grupo de música contemporánea. Certo é que a nosa actividade na súa meirande parte está centrada no quinteto, mais tamén fixemos outros repertorios con diversas colaboracións externas».
Segundo a RAG, «zoar» significa «producir un ruído xordo de continuo». Por que escoller este termo para designar o quinteto?
Álex: «Ben, o ruído non deixa de ser un son, e “zoar” é unha palabra que case sempre fai referencia ao vento, así que nos pareceu moi acaído que un grupo de instrumentos de vento se chamase como o son que fai o vento cando sopra con forza.
É unha palabra chea de forza que define bastante ben o que facemos: soprar nuns instrumentos e sacarlles todo tipo de sons (ou ruídos!)».
Algúns de vós deixastes a vosa pegada en orquestas novas (JONDE, JONC, Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia...). Na vosa opinión, que papel pensades que teñen este tipo de agrupacións sinfónicas á hora de impulsar carreiras novas?
Antonio Suárez: «Desde o meu punto de vista teñen unha importancia capital, porque na idade ou franxa de idades nas que, en paralelo aos estudos oficiais, tomas parte dun proxecto como son as orquestras novas medras dun xeito integral; non só creativo, musical ou técnico. Vives o que poderíamos describir como experiencias vitais. É neste contexto no que se establecen determinadas relacións con compañeiros, mestres, etc., que impulsan a túa evolución e paixón pola música».
As 17 pezas do voso debut discográfico, No vento (2016), van da música antiga de Martín Códax ou Afonso X O Sabio ata outros que xa forman parte xa da cultura galega (de “Negra Sombra” de Xoán Montes a “A bruxa” de Antón Seoane) foron arranxadas e seleccionadas polo recoñecido compositor e pianista galego Juan Durán. Como xurdiu este traballo?
Álex: «Juan achegouse a nós co proxecto xa moi avanzado, moi ben formulado e pareceunos moi interesante implicarnos nel. Os seus arranxos resultaron ser interesantes paráfrases sobre unha boa escolma de cantigas e cancións galegas e escapaban da escritura habitual para quinteto dándolle un color especial e característico.
Despois das primeiras lecturas xa soubemos que non podiamos deixar pasar a oportunidade de gravalas nun cedé que tivo moi boa acollida desde o comezo».
Frauta, óboe, clarinete, trompa e fagot. É un quinteto de vento clásico e, polo tanto, existe moita música escrita especificamente para este tipo de formación. Pero en No vento optades por ampliar «as fronteiras da música tradicional e popular desde a perspectiva da creación contemporánea». Por que decantarse por adaptacións en lugar de pezas orixinais xa escritas para quinteto de vento?
David: «En 2013 vivimos un momento de reflexión como grupo, do cal saíu a necesidade de que Zoar achegase sempre algo novo e propio en cada unha das propostas que presentáramos. Desde ese momento incorporamos á nosa biografía as palabras orixinalidade e compromiso e tentamos ser fieis a iso. A adaptación de música orixinal para outra formación e traela ao quinteto de vento é unha boa forma de ampliar a riqueza do repertorio e polo tanto achegar un graniño de orixinalidade».
García-Picos: Obra completa para quinteto de vento (2018) é o voso segundo traballo; un longo que recolle 22 pezas deste compositor betanceiro quen, ao volver do exilio en Bos Aires, foi o impulsor da Asociación Galega de Compositores. Por que García-Picos?
Antonio: «Penso que era obrigado. Se seguimos o fío das palabras da nosa biografía como son “...orixinalidade, compromiso...” tiñamos que facer este proxecto; a pregunta podería ser, por que non o fixemos antes?
Picos foi unha figura dentro do mundo da composición na nosa comunidade de moita relevancia, nin que dicir ten. Poder contar coa inestimable axuda de Javier Ares Espiño e achegar tamén o noso gran de area a que máis xente puidese desfrutar, coñecer e descubrir a figura e a música García-Picos foi o mínimo que podiamos facer. O realmente emocionante foi aterrar en Bos Aires e representar alí a súa obra, incrible».
Detrás deste álbum hai un enorme traballo de documentación, xa que non só rescatastes e seleccionastes os manuscritos de García-Picos, senón que vós mesmos os dixitalizastes e editastes. Como describiriades todo este proceso? Algunha curiosidade que queirades destacar?
David: «Foi un proceso longo e tedioso. Despois de dixitalizar todo houbo que facer moitos ensaios para perfilar a edición e evitar as faltas ou os erros, e volver revisar os manuscritos.
A min gustaríame destacar a alegría da familia do compositor ao ver a súa música editada e dixitalizada e, doutra banda, o orgullo de ver que, grazas a este enorme traballo, posteriormente á publicación varios quintetos interpretaron a música de García-Picos».
Foto © Anabela Gilardone
Durante todo este proceso vos apoiastes na tese do doutorJavier Ares Espiño, experto en García-Picos. Como foi o labor de investigación xunto a el?
Álex: «Traballar con Javi foi moi enriquecedor desde o comezo. Axudounos a atopar os orixinais dos materiais, a interpretalos».
Benxamín Iglesias: «Certamente, logo de atopar o material manuscrito no Arquivo Municipal de Betanzos, contar coa axuda de Javier Ares foi importante para darlle forma, contextualizar ao autor e á obra, e comprender un pouco mellor a forma que tiña García-Picos á hora de plasmar toda esa información musical na partitura».
Este disco fíxose realidade, en parte, grazas a unha campaña de micromecenado vía Verkami que superastes con éxito. Contabades con tal apoio? Repetiriades a experiencia?
David: «Para nada. Foi unha sorpresa totalmente. Non pensabamos que un traballo tan concreto sobre a música para ventos de Carlos López García-Picos fóra a ter tanta demanda. Máis de 100 discos foron entregados aos mecenas o mesmo día que os tivemos nas mans. Sen dúbida, repetiríamos».
Tanto este traballo como o anterior están centrados na recuperación e divulgación de obras asinadas por compositores galegos, algo que tamén fan ou fixeron nalgún momento Alejo Amoedo, Paula Ríos, Samuel Diz ou Andrea González entre outros. Queda moito traballo por facer neste sentido, moito que recuperar, moito que reivindicar?
Álex: «Desde logo, aínda queda moito por facer. Nós temos moitas liñas de traballo abertas nese sentido, pero temos que ver se poderemos pechalas todas. Hai moitas músicas agochadas ás que hai que poñer en valor con gravacións e, sobre todo, interpretacións en directo».
Estades a presentar Iberia (2024), un novo traballo onde, desta volta, rendedes homenaxe á obra de Isaac Albéniz, virtuoso compositor catalán cunha obra pianística moi importante. Por que escoller a Albéniz, e Iberia, como protagonistas deste disco?
David: «Precisamente por querer levar máis aló eses acenos de identidade do quinteto das que falábamos anteriormente, a orixinalidade e o compromiso.
Sentimos que unha formación como a do quinteto de vento está collo en segundo que parcelas do repertorio, seguimos nutrindo a parcela de música galega, pero queríamos cubrir tamén a música española. E que mellor que unha obra colosal como a Suite Iberia, obra que na nosa opinión, o quinteto podía resolver en parte algo da súa complexidade, aproveitando as diferenzas dos cinco timbres do quinteto».
Adaptar unha obra pianística de primeiro orde como Iberia a un quinteto de vento semella un labor titánico. David Villa foi o encargado desta adaptación, cales dirías que foron os retos máis importantes á hora de abordala?
David: «Foi un proceso moi longo, con momentos próximos ao abandono, pola dificultade da música, e pola súa envergadura. Practicamente dez anos de traballo detrás desta adaptación. Quizais isto foi o que máis me facía sufrir; o feito de pensar que a versión finalizada da adaptación non sería unha música tocable, pensar que o resultado sería algo realmente inviable».
Albéniz deixou moitas indicacións nas partituras orixinais de Iberia, os catro cadernos tamén foron orquestrados nalgún momento por compositores diferentes... Servíronche de referencia dalgún xeito á hora de facer á adaptación? Como a abordaches?
David: «Malia coñecer a versión de Guerrero que no seu día gravou a Orquestra Sinfónica de Galicia, tentei partir de cero totalmente. Comprei a partitura de piano e cando atopaba o tempo, sentábame a escoitar diferentes versións pianísticas e a imaxinar e fantasiar con como me gustaría que iso soase con Zoar. Se hoxe ves a miña partitura da versión orixinal para piano, está completamente chea de anotacións, garabatos e ideas».
Foto © Anabela Gilardone
Das doce pezas que compoñen os catro cadernos de Iberia, cal dirías que foi a máis difícil de adaptar e por que?
David: «Pois vai soar a anécdota parva, pero realmente tiven problemas para descifrar os primeiros compases de “Lavapiés”. Era incapaz de seguir tanta complexidade musical incluso só coa partitura de piano. Non en balde, practicamente todo o inicio de “Lavapiés”, Albéniz necesitou tres pentagramas, no canto dos habituais dous, para poder escribir toda a música. “Lavapiés” foi ese momento incómodo que por pouco lévame a desistir no intento de completar toda a Suite».
E cal diriades que é a máis complicada de executar e por que?
David: «Penso que os cinco de Zoar estaremos de acordo en sinalar que hai dous tipos de dificultade nesta Iberia. Unha é a derivada da complexidade musical, e debido á cal hai que facer un profundo traballo de diferenciación de voces e de balance entre os distintos planos sonoros. Ese é o caso de “Lavapiés”, sen dúbida. Pero tamén podemos falar de dificultade debido á dureza física. Pezas longas como “Almería” ou “Xerez”, pero tamén “Eritaña”, son pezas difíciles porque demandan moito no apartado físico, xa que non é fácil atopar os momentos para deixar descansar de forma graduada aos cinco músicos do quinteto».
García-Picos, Albéniz... Sen ánimo de facer spoiler (ou si) xa tedes pensado quen será o vindeiro compositor que interpretaredes?
David: «Está na nosa identidade e tamén na nosa vontade seguir avanzando na publicación de todos aqueles encargos a creadores, especialmente de compositores e compositoras galegas. Moitos deles e elas artistas cos que xa colaboramos nos nosos primeiros 15 anos de vida. Pensamos que todo este patrimonio que foise creando e recompilando, aos poucos ten que ir vendo a luz. Por deixar algún nome, Fernando Buide, Federico Mosquera, Carme Rodríguez, Xesús Bal y Gay...».
Foto © Anabela Gilardone
Sobre adaptacións non podemos resistir a tentación de preguntarvos por unha de Benxamín Iglesias moi divertida, que parte dun tema de Mozart (o allegretto da Sonata para piano nº 11 en La Mayor) para derivar en jazz case a modo de pequena big band. Como xurdiu e como lle destes a forma final?
Benxa: «A peza xorde porque naquela época estabamos enfrascados nunha peza titulada Alevi Dedeler Raki Masasinda, do compositor e pianista turco Fazil Say.
Invitados pola Orquesta GAOS para tocar de solistas, elixiuse unha peza dun compositor romántico chamado Peter von Lindpaintner, e como todo solista que se prece, tiñamos preparado un bis para interpretar ao remate. A peza que preparamos foi Alla Turca Jazz para piano, do propio Fazil Say, e que nos pareceu moi apropiada para tender unha ponte entre ese estilo clásico mozartiano e ese son dixie tan recoñecible; un pouco de humor para acompañar ó autor romántico que acabamos de interpretar naquel momento. A sorpresa (moi agradable) foi a boa acollida que tivo dita peza.
Como anécdota: un ano máis tarde tivemos ocasión de traballar con Fazil Say en persoa, tivemos a ocasión de interpretarlla, e parece que quedou satisfeito coa adaptación para quinteto!».
Calquera diría que hoxe se escoita menos música clásica. Non obstante, dun lado hai compositores novos de éxito que se inspiran fortemente nela mesturándoa co pop e a electrónica como Nils Frahm, Olafur Arnalds ou Hania Rani. E logo, de entrada, un non agardaría atopar un grupo de electrónica como Tale of Us nunha discográfica como a Deutsche Grammophon... Como vedes vós o momento actual da música clásica?
Benxa: «Tiven ocasión de escoitar a Nils Frahm en 2023 en Santiago de Compostela, e pareceume sorprendente o uso do son en directo que acada: é unha procura constante de ambiente sonoro para facer unha experiencia única para o que está escoitando. Certamente salientable.
Desde o meu punto de vista, na música clásica existen correntes que están a favor dunha converxencia entre disciplinas, con afán exploratorio, case lúdico, pero que dá moi bos resultados —penso nese Cypress Hill coa London Symphony—, e outras máis conservadoras, onde o repertorio case “ordena” o que debe ser interpretado. Resúltame curioso que en case todos os xéneros musicais percibo a día de hoxe unha procura de sons máis heteroxéneos, mesturando instrumentacións e estilos multiculturais. E teño a impresión de que o intérprete de clásica e o compositor viven nunha decisión a veces dicotómica entre ser conservador ou transgresor.
Quizais faltan máis intérpretes creadores ou faltan máis compositores que interpreten. Os que creo que a min máis me inspiran son os que percibo como auténticos, os que teñen un xeito de expresar/crear/interpretar marcadamente persoal. E vense aproximacións renovadoras ao concerto “típico” de música clásica pero, na miña opinión, o camiño por andar aínda é largo».
Foto © Cris Andina
A maioría de vós, ademais de músicos, tamén sodes profesores no conservatorio. Como veñen as novas xeracións? Como as vedes vós?
Benxa: «Na miña opinión, o nivel do estudante de conservatorio vai subindo ano a ano. Segue a haber xente que ten moitas ganas de mellorar e coñecer pezas, estilos, etc., pero no mundo actual —e a diferencia de hai 20 anos— o acceso á información non supón un colo de botella neste crecemento».
Antonio: «Ao meu xeito de ver, estamos diante dunha xeración en Galicia que xa desde ben cedo acada unha maior preparación. A estimulación comeza antes, polo que acadan unha capacidade de manexo de ferramentas de aprendizaxe e de estudo moi altas. É ilusionante ser un observador de primeira liña de polo menos parte deste proceso».
Hai cousa dun mes que presentastes Iberia, aínda que xa levaba algún tempo no voso repertorio, como estades levando a suite aos escenarios? Cando, e onde, poderemos volver a desfrutar dela?
David: «Iberia xa foi presentada en catro escenarios emblemáticos de Galicia. A estrea absoluta foi no Festival Mindomúsica de Mondoñedo, posteriormente no Festival Bal y Gay en Ribadeo, no Círculo das Artes de Lugo baixo a programación da Sociedade Filarmónica de Lugo, e moi recentemente na tempada da Sociedade Filarmónica da Coruña, no Teatro Rosalía.
En próximas datas levaremos nosa Iberia a Monforte de Lemos e estamos en plena fase de difusión para chegar ao maior número de escenarios posibles».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
David: «Dúas propostas que ultimamente me emocionaron son, por unha banda, o dúo Caamaño&Ameixeiras e, doutra banda, a fagotista lucense María Losada co fantástico traballo que fai co seu quinteto Dianto Reed Quintet, malia ser un grupo residente en Ámsterdam».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
David: «Unha mestura moi estraña, con música de Pica-Pica, música lo-fi xaponesa, música pianística como Carlos Cipa, Sílvia Pérez Cruz ou a banda sonora de Vaiana 2».
Benxa: «Queens of the Stone Age, Vetusta Morla, Radiohead, María Dueñas, Belcea Quartet, Jacob Collier, Stevie Wonder, Frank Carter, Arctic Monkeys e Nick Cave».
Álex: «Eu son máis da mazanciña, pero tamén teño unha boa mestura: la playlist de Peppa Pig, Morning Glory de Oasis, Diluvio de Tanxugueiras, Motomami, un recompilatorio das mellores arias de Puccini, moita Mamá Cabra, os últimos de Rozalén...».
Antonio: «Na miña veriades desde Berrogüetto, Fiandola, ata os temas de Miraculous Ladybug, BTS, pasando por Dire Straits, Fania All Stars, WDR Big Band, Sinfonías de Beethoven...».