• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MARZO 2025

NOVOS LANZAMENTOS. MARZO 2025
5 ABRIL 2025

Pequeno manual para grandes cambios II (teoría e práctica), Zavala

Algo máis dun ano despois de entregar o primeiro volume, Zavala volve á escena co segundo. Pequeno manual para grandes cambios II (teoría e práctica) (Ferror Records, 2025) é unha colección de 14 cancións que chegan para completar o universo sonoro do seu predecesor; aínda que afonda na mesma liña temática e musical que a primeira entrega, este longo vén enriquecido coa inclusión das cantareiras Atalaias de Caión, a quen podemos escoitar en catro dos temas, ampliando e continuando esa procura de expresión estilística propia e persoal da banda. Neste segundo longo atopamos cancións comprometidas e conectadas coa sociedade actual, como ‘Neptuno’, ‘Agora’ ou ‘Mundo Clon’; temas máis tradicionais como ‘Santa Marta’ o ‘Retrouso do Barqueiro’; e composicións con texturas máis escuras, do tipo de ‘Funambulista caendo’ ou ‘Santa’. Pequeno manual para grandes cambios II (teoría e práctica) é outro exemplo da dualidade entre electrónico e tradicional, orgánico e sintético que de xeito tan magnífico practica Zavala.

 

 

 

 

Cenizas de invierno, ORZÁN

A finais do ano pasado, ORZÁN rexurdía das cinzas do BÚHØ e facíao ao grande, coa publicación do seu primeiro EP, Galaxia (2024); unha coidada colección de tres cancións con letras intimistas e melodías que tocaban a alma. Agora, o cuarteto formado por Héctor (voz, piano), Rubén (guitarra), Ale (baixo) e Bruno (batería) volven cun novo traballo discográfico, Cenizas de invierno (2025). Composto por catro cortes e un bonus track gravado en acústico en 2018, o álbum presenta un pop-rock de produción impecable e coidada que a banda traduce en directos cheos de enerxía, emoción e atmosferas envolventes.

 

 

 

 

How Deep Can a Tortoise Dig?, XABGZ

No Chicago de 1990 nacía Tortoise, unha das primeiras bandas norteamericanas en incorporar xéneros próximos ao krautrock, dub, minimal, electrónica e jazz á súa música, resultando un característico post-rock que dominou a escena durante a década dos noventa. Treinta e cinco anos despois, XABGZ lanza How Deep Can a Tortoise Dig? (2025), un álbum dedicado á banda no que o produtor e compositor galego se afasta do ambient experimental ao que nos ten acostumados para achegarse máis ao son dos de Chicago. Case un mes desde a publicación do primeiro, e único, adianto (‘Outono’), xa se pode desfrutar destes 38 minutos, repartidos en 7 cortes, de «baterías, baixos, pianos...» nun disco que soa «máis banda que ambient».

 

 

 

 

Cinco, Berta Franklin

Aínda que a súa última referencia data de hai un par de anos, non deixaron de compartir o seu son enriba de escenarios como o do Caudal Fest, o San Froilán ou o Festival Entrepontes. Berta Franklin está de volta cun novo disco, o quinto e propiamente titulado Cinco (2025), composto, tamén, por cinco cancións. Producimos por eles mesmos, con Paulo Arciniegas na gravación e mestura, o EP fai gala do pop delicado e escuro da banda lucense, cheíño de sintes, guitarras saturadas e ata tinguiduras de electrónica que evocan o pop dos oitenta. Unha vez máis, Berta Franklin chegan listos para facernos experimentar unha psicose auditiva... Conseguirano?

 

 

 

 

Trouble in Time, Zålomon Grass

No seu anterior LP, Space Opera (2023), consolidaban o seu estilo persoal, abordando sen complexos o amplo espectro do rock ‘n’ roll, desde as máis clásicas ata as máis vangardistas. Neste, afrontan o maior medo que sempre tivo a humanidade: o paso do tempo e a inevitabilidade e certeza da morte. Zålomon Grass lanza o seu novo e agardado longa duración, Trouble in Time (2025), no que o trío vigués leva o seu son e composición a un nivel completamente novo de rock ‘n’ roll psicodélico, traspasando os seus límites. Gravado ao vivo entre Guitartown Recording Studios (Cantabria) e Rodd Studio (Vigo), o disco recolle oito cortes maxistralmente elaborados que falan dun novo século cheo de loita social, capturando as dificultades nas alegorías da narración, descubrindo novos sons e expandindo as fronteiras da imaxinación da banda. Rock ‘n’ roll cru, psicodelia e blues cósmico tinguen historias de desesperación, meritocracia e empoderamento.

 

 

 

 

 

Sylphid and Gnome, Pálida

Ata o ano pasado, Pálida levaba publicando un disco por ano —e mesmo dous ou tres— nunha prolífica tradición que segue a manter na actualidade coa publicación de Sylphid and Gnome (Deep Different, 2025). O produtor vigués presenta un longo de oito cortes que «veñen do corazón», presentados nunha fusión de slow techno e marcado carácter hipnótico con atmósferas minimalistas, psicodélicas e experimentais.

 

 

 

 

Fillos da virasión, Mediarea

O primeiro venres de marzo Mediarea lanzaba novo disco, primeiro dos dous que ten previstos publicar este ano. Fillos da Virasión (2025) son catro cortes que entregan un imaxinario sonoro cargado de personalidade, pero con marca da terra. De composición propia, as cancións que recolle o EP combinan instrumentos tradicionais coa enerxía vibrante que caracteriza ao grupo, froito «da nosa ilusión e do noso amor pola música galega» sen seguir pauta ou límite algún. Como novidade, neste Fillos da Virasión, o cuarteto de folk galego inclúe letra e voz nun par de temas, como xa adiantaban con este ‘Suroeste’.

 

 

 

 

Escándalo no escuro, Amoebo

Amoebo lanza hoxe novo disco e faino, ademais, por partida dobre. Logo de varios meses poñéndonos a mel nos beizos, o cantante coruñés publica Escándalo no escuro (2025), un dobre álbum de 14 pistas cargadas de provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Ademais de explorar ritmos máis urbanos, mesturados con pop dos 2000 ou melodías máis roqueiras, Amoebo colle esa escuridade do título e non só baña con ela as letras do disco, senón que tamén a escoitamos en sons máis agresivos. Seis cortes e dous skits conforman cada cara de Escándalo no escuro; na cara A predominan os ritmos máis urbanos e a súa fusión co pop de divas como Madonna, Britney Spears, Dua Lipa ou Bad Gyal, mentres que a cara B está tinguida de sons máis roqueiros nos que se percibe o pasado metaleiro do artista.

 

 

 

 

III, Grande Amore

Grande Amore é o grupo máis ruidoso da súa xeración... E ruído e distorsión é o que entregan no seu novo álbum, terceiro na súa discografía, III (Ernie Records, 2025). Nuno Pico, Mariagrep e Clara Redondo acadan trasladar o son dos seus directos ao estudio; distorsión, ruído ansioso e rock ‘n’ roll extremo en 11 cortes nos que, desta volta, a electrónica comparte terreo de xogo con instrumentos tocados, «de feito, todas teñen guitarra e teclado». Gravado nun estudio en Cidade Lineal xunto a Jacobo Naya (ex-La M.O.D.A.) e Carles Campi Campón (Xoel López, Vetusta Morla, Jorge Drexler), o longo asenta ese ruído e alteración do son tan característicos dos concertos de Grande Amore, aínda que tamén deixan oco —minuto e medio— para o minimalismo; concretamente ‘Ti e máis eu’, canción a guitarra e voz que mestura galego e asturiano e para o que contaron coa colaboración de Nacho Vegas. Dinnos que de III se entra, pero nunca se sae, «un pogo perpetuidade» ao que estades convidados... baixo o voso propio risco!

 

 

 

 

 

Acclaim the Machine, Sickeeper

O primeiro xoves de marzo, Sickeeper rompía sete anos de silencio discográfico, e inauguraba nova etapa, co lanzamento do seu segundo álbum. Acclaim the Machine (2025) recolle nove cortes que reflicten as inquedanzas sobre o impacto que a tecnoloxía ten na nosa vida diaria. Case 45 minutos onde o cuarteto betanceiro de metal acada plasmar esa sensación de estar atrapados nun sistema que o sabe todo de nós, dun xeito mesmo claustrofóbico, e que aos poucos se vai apoderando das nosas decisións, emocións e privacidade.

 

 

 

 

Playa Marte, Luis Moro

Cinco anos pasaron desde que Luis Moro agasallábanos aquel Norteamericana aquí (Laboratorio azul, 2020), traballo no que revisaba e castelanizaba a artistas que el considera referentes (Calexico, Wilco, Devendra Banhart). Pero o cantautor coruñés está de volta e faio pechando febreiro coa publicación dun novo disco, Playa Marte (Milana Música/Laboratorio azul, 2025), que, como as súas anteriores referencias, amosa un momento histórico do estado vital do artista. Entre a luminosidade e o misterio, os oito temas que recolle o longo se deleitan na satisfacción polos pequenos praceres, pola vida con pouco, por tratar de vivir o aquí e o agora e pola xente que de verdade está cerca e fai que as cousas funcionen. As cancións asínaas Moro, aínda que o disco está completamente arranxado pola Tribeca’s Band (Jose García, Andrés Saavedra, Fran Borrego e Julio Seijal, coas colaboracións de Lucía Rolle e Keenan Elman), que sonoramente se centra no protagonismo da base rítmica e o uso de guitarras variadas sen que o resultado poida denominarse rock e mantendo a esencia da canción de autor. Do son e a produción do álbum encargouse Jose García, quen tamén o gravou e o mesturou ao longo do ano pasado entre os estudios El Cortello e Chispa de A Coruña.

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!

  noticias