• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SICKEEPER: «‘ACCLAIM THE MACHINE’ SUPÓN UN NOVO INICIO PARA NÓS, CUN ESTILO MÁIS METAL E NOVOS OBXECTIVOS»

SICKEEPER: «‘ACCLAIM THE MACHINE’ SUPÓN UN NOVO INICIO PARA NÓS, CUN ESTILO MÁIS METAL E NOVOS OBXECTIVOS»
16 XUÑO 2025

O seu rock metal retumba nos nosos oídos igual que as ondas rompen contra as rocas no seu Betanzos natal. Composta por Lucas Blanco (voz principal, guitarra), Iván Vázquez (baixo, coros), Jairo Moreno (batería) e Iván Pardo (teclados). Sickeeper xoga co binomio que agocha o seu nome: sick (enfermo) e keeper (gardián), que reflicte en letras de crítica á sociedade actual.

O pasado marzo, e logo de sete anos de silencio discográfico, a banda inauguraba nova etapa co lanzamento de Acclaim the Machine (2025), un segundo traballo no cuarteto betanceiro acada plasmar esa sensación de estar atrapados nun sistema que o sabe todo de nós, dun xeito mesmo claustrofóbico.

 

Sickeeper

 

Hai uns dez anos que Sickeeper nace en Betanzos da xuntanza de Lucas Blanco (voz, guitarra) e Martín Salamini (teclados, coros). Cal é o xermolo do grupo... e como foi evolucionando ata engadir baixo e batería?

Sickeeper: «Sickeeper nace en 2015, pero foi un proceso, non naceu sen máis. O antecesor de Sickeeper é Chicken Ass, o cal tiña unha formación diferente; eramos sete nos seus inicios e a partir de 2015 adoptamos a formación de catro integrantes: batería, baixo, teclado, guitarra e voz. Hai constancia de que o nome Sickeeper xa estaba activo en 2013, pódese ver en carteis de concertos e festivais nos que participamos, pero o punto de arranque do proxecto como tal é en 2015.

Lucas Blanco e Martín Salamini estiveron durante todo ese proceso evolutivo, ademais doutros músicos que foron pasando polo noso grupo. En todo momento contamos con baixo e batería, e ao principio contabamos con outra cantante, violoncello e outra guitarra.

É en 2015 cando nos reunimos para falar do novo futuro da banda e do cambio de formación, cuns novos obxectivos musicais e artísticos».

 

Sickeeper vén a significar algo así como «gardián do enfermo» ou «coidador», non? Por que utilizar este xogo de palabras para designar o proxecto?

Sickeeper: «Correcto, sickeeper é a mestura de dúas palabras inglesas: sick e keeper. O seu significado, como ben dis, é gardián dos enfermos ou dos tolos.

A idea deste nome ten moi en conta a figura do demiúrgo da filosofía platónica. Pero nós dámoslle a connotación, máis que dun creador, como a dun salvador ou protector do mesmo. Isto inflúe directamente nos temas das nosas cancións, xeralmente de crítica social; é como se ese gardián que todo o ve nos inspira para ver o mundo desde fóra e ver os problemas do mesmo».

 

 

Algúns cambios despois, a formación actual está composta por Lucas, Iván Vázquez (baixo, coros), Jairo Moreno (batería) e Iván Pardo (teclado). Diriades que estas variacións no banco afectaron á evolución da banda? De ser así, de que xeito?

Sickeeper: «Calquera persoa e músico vai afectar sempre a un grupo, dun xeito ou doutro; na creación musical, na execución en directo e na convivencia como grupo. Aínda que no proceso creativo son Lucas Blanco, Iván Vázquez e Martín Salamini, nesa orde, os responsables da composición e creación.

A pesar diso, sempre temos en conta as ideas e achegas dos nosos músicos. Por exemplo, aínda que cando creamos as cancións, creamos todo o arranxo sempre un instrumentista específico pode dar ideas de execución do seu instrumento; falamos xa de detalles instrumentais».

 

Lucas Blanco e Iván Vázquez

 

Segundo puidemos saber, algúns de vós tedes formación académica clásica. Que credes que achega este tipo de formación a un músico de rock ou de metal?

Sickeeper: «Si, Lucas Blanco ten o Grao Superior de Trombón e o Profesional de Guitarra Clásica, mentres que Martín Salamini ten o Grao Profesional de Piano. Por outra banda, Iván Vázquez ten moita experiencia musical en diferentes formacións. Isto axúdanos a facer temas máis creativos e a saber en todo momento o que facemos.

A nosa música sempre ten tinguiduras clásicas, en canto harmonía e estilo, tanto no primeiro álbum como no segundo».

 

Falando de son, o voso caería dentro do rock-metal, pero sen tirar de ningunha etiqueta... como o describiriades vós? A que soa Sickeeper?

Sickeeper: «Quizais con este segundo álbum o noso estilo estea máis centrado no metal. Podemos dicir que temos un estilo e personalidade propios, pero obviamente isto non parte da nada, é unha mestura das nosas influencias musicais».

 

 

Desde os primeiros ensaios abrístesvos a colaboracións pouco habituais no rock galego, con rapeiros como Wolflow ou cantautores como Aüdra. Era unha procura estilística, unha necesidade de romper moldes...?

Sickeeper: «Si, de feito Aüdra foi a vocalista principal na época temperá de Sickeeper. En canto á mestura co rap e á posibilidade de facer outras mesturas e colaboracións con outros estilos e outros artistas, sempre estamos abertos.

Gústanos probar e experimentar; a música é moi rica, e aínda que nós temos o noso estilo definido, gústanos abrir novos horizontes».

 

Lemos que Slipknot, Dream Theater ou Muse, por exemplo, son algúns dos grupos dos que bebe Sickeeper; a que outros referentes sinalariades? Quen diriades que ten, ou tivo, particular impacto no voso xeito de tocar ou compoñer?

Sickeeper: «A System of a Down e a Avenged Sevenfold sen dúbida. Quizais Lucas Blanco é o que máis guiou o proceso de creación e quen máis impactou na formación do noso estilo».

 

 

 

Debutades con Sickeeper (2018), un longo de 13 cortes gravados en Estudios Visue co produtor Nacho Varela. Como nace este primeiro traballo?

Sickeeper: «O noso primeiro traballo nace ante a necesidade e as ganas de gravar un álbum, xa tiñamos moitas cancións e quixemos levalas ao estudo. Foi un proceso bonito, no que aprendemos moito».

 

Entre o repertorio, “The Endless Road” e “Night is Waiting” semellan ter un ton máis introspectivo. Que queriades transmitir con ese enfoque máis reflexivo?

Sickeeper: «Hai moitos momentos diferentes durante o proceso creativo nos que aparecen gran cantidade de pensamentos e ideas, que dan lugar a sentimentos. Como seres humanos que somos, gústanos dotar á nosa música de personalidade; é quizais o que contribúa á definición do noso estilo musical. Nesas cancións tratamos temas como o inexorable paso do tempo e das cousas boas que aparecen polo camiño».

 

 

A finais de xaneiro deste ano, e tras un tempo de inactividade, publicabades en redes un «nova etapa, nova identidade», presentando tamén un novo logo. Que propiciou a volta? Que diferencia esta etapa da anterior?

Sickeeper: «Xa tiñamos a idea de gravar o segundo álbum antes da pandemia, de feito xa gravaramos algo no estudio. A pandemia freou todo o proceso, aínda que non o lamentamos. O ter ese tempo fixo que pensásemos moito mellor no segundo álbum e na súa creación. Nunca deixamos ao grupo de lado, simplemente estabamos a traballar en novo material.

Este disco supón un novo inicio para nós, cun estilo máis metal, como comentamos anteriormente, e cuns novos obxectivos musicais. O cambio de logo e de estética van tamén ligados a este cambio».

 

Ao fío, no seu momento, publicastes o vídeo de “The Sound of Hell”, tema incluído no primeiro disco, que xa non está dispoñible. Que vos levou a retiralo?

Sickeeper: «“The Sound of Hell” é o primeiro tema de Sickeeper e gravouse en estudio en dúas ocasións. A primeira foi previamente ao vídeo, obviamente. Nesta etapa aínda tiñamos a formación antiga de sete integrantes e por iso decidimos eliminalo, xa non eramos nós, esa etapa quedou atrás.

Posteriormente, coa gravación do primeiro álbum, regravamos a canción coa nova formación».

 

 

 

Meses despois, en marzo, lanzabades Acclaim the Machine (2025), o voso novo traballo discográfico. Sabemos que estivo a madurar anos nos espazos de ensaio de Bellavista, como afectou ese tempo de cocción a lume lento no resultado final?

Sickeeper: «Si, máis ben estabámolo a madurar nas nosas cabezas; o local de ensaio frecuentabámolo para ensaiar o repertorio para os concertos e para probar algunha das novas ideas do disco. Realmente, o proceso de creación faciámolo na casa, quedabamos e expoñiamos o que tiñamos cada un.

Facer as cousas amodo e con calma sempre axuda a pensalas mellor, a revisar as que non nos convencían e a elixir mellor».

 

O longo aborda os perigos da intelixencia artificial e o impacto da tecnoloxía na nosa vida diaria. Por que escoller este concepto como fío condutor do álbum?

Sickeeper: «A intelixencia artificial é un tema que está á orde do día, somos contemporáneos á súa creación. Obviamente ten as súas cousas boas, pero nós centrámonos nas malas. Ademais, afecta a diversos ámbitos, por iso elixímolo como tema condutor».

 

Lucas Blanco

 

Foi esta, a IA e a tecnoloxía, a única inspiración detrás das letras ou hai algunha outra narrativa?

Sickeeper: «Hai máis! En “Dominion”, por exemplo, falamos do dominio da máquina sobre o ser humano nun escenario futurista catastrófico, do mesmo xeito que facemos no tema “Acclaim the Machine”.

Por outra banda, no tema “Black Tide”, lembramos o fatal accidente do Prestige nas nosas costas galegas e tratamos de facer un símil coa intelixencia artificial, que aos poucos vai contaminándoo todo e que será moi difícil de solucionar. Tamén na canción “Lost”, tocamos o tema da soidade ante un mundo superconectado. En “Addiction”, como di o título, tratamos o problema da dependencia á intelixencia artificial.

Realmente, cada canción trata dun tema que convertemos, adaptamos e ligamos á intelixencia artificial».

 

 

Comentastes que chegastes a facer 30 temas, pero só nove acabaron entrando no disco. Como foi esa selección? Que teñen estes nove que non tivesen os demais?

Sickeeper: «Correcto, e temos aínda máis sen terminar. Simplemente, había temas que non encaixaban co concepto deste segundo álbum e outros que valían, pero que trataban do mesmo, entón eliximos os que máis nos gustaban.

Para a elección dos temas do disco fixemos unha votación conxunta e democrática, así foi como quedaron eses temas e non outros. Aínda que moitos non os descartamos para un futuro terceiro álbum».

 

Iván Vázquez

 

Adiantabades o LP con “Dominion”, un corte que xa deixaba entrever o salto cualitativo que destes dun traballo a outro. Por que escollelo como adianto?

Sickeeper: «Este tema elixímolo por unanimidade, todos consideramos que debía ser o tema que abrise o disco e o primeiro dos singles. É un tema con forza e quizais o máis comercial do álbum, canto á estrutura e duración. Ademais, resume moi ben a temática do álbum».

 

 

Polo de agora, “Dominion” é o único tema do disco que vén acompañado dun videoclip, unha experiencia visual escura que reflicte a intensidade da canción. Como lembrades a súa gravación?

Sickeeper: «Temos un bo recordo da gravación e estamos moi contentos co resultado. Gravámolo de noite, o que nos achegou a estética escura que lle queriamos dar ao videoclip. Pola noite gravamos todas as escenas de acting do vídeo e o día seguinte, pola tarde, gravamos as tomas do grupo tocando».

 

Jairo Moreno

 

A canción que dá nome ao disco (e a que o pecha), “Acclaim the Machine”, comeza cun bloque instrumental que para nada fai presaxiar como terminará a canción. Como naceu esta peza en concreto?

Sickeeper: «Foi Lucas quen trouxo a idea deste tema. Representa a chegada silandeira da intelixencia artificial e como, aos poucos, se vai apoderando de todo; a música vai ligada en canto a intensidade ao avance deste monstro que todo o sabe de nós».

 

 

O LP tamén está dispoñible en formato físico (vinilo e CD); nun momento no que o streaming é o xeito de escoita por defecto, e que o álbum lanza unha crítica ao avance tecnolóxico e á intelixencia artificial, por que seguir a apostar polo formato físico? É tamén unha forma de resistirse á lóxica dixital?

Sickeeper: «En parte si, un álbum para nós non é só a música, tamén o é o seu deseño. Nesta ocasión, a diferenza de como fixemos co primeiro disco no que só fixemos cedé, fixemos tamén vinilo que, por certo, volve estar de moda.

Para nós, un álbum que non ten soporte físico é como unha obra de arte inacabada, como un cadro ao que lle falta o marco ou un libro sen portada. Quizais sexamos un pouco nostálxicos».

 

Sete anos separan Aclaim the Machine do voso disco debut, que diferencias, ou similitudes, atopades entre ambos?

Sickeeper: «En canto ás similitudes, malia que o estilo está un pouco máis endurecido, segue sendo o noso, co noso toque clásico e a nosa forma de compoñer. Por outra banda, as diferenzas que percibimos son un estilo máis madurado e definido, un son máis potente e unha produción moi adaptada ao que tocamos.

Nesta ocasión gravamos con Yago Corral, quen captou desde o principio o noso son, pode axudar que xa fora o noso técnico de son en varias ocasións».

 

Iván Pardo

 

Como tedes pensado levar Acclaim the Machine aos escenarios? Como describiriades os concertos de Sickeeper?

Sickeeper: «Temos moitas ganas de empezar a xirar co novo disco. Pretendemos facer concertos cheos de forza, movemento e contacto co público».

 

Cando, e onde, poderemos desfrutar proximamente da vosa música ao vivo?

Sickeeper: «Agora mesmo non podemos dar moita información disto, xa que aínda estamos a traballar na promoción do disco. De todos os xeitos, xa comezamos a buscar datas e temos que confirmalas.

Imos facer arredor de cinco ou seis concertos en salas; serán datas non moi separadas no tempo e en diferentes lugares de Galicia e pretendemos tamén de España. O que máis buscamos agora mesmo é o acceso a festivais, son a nosa prioridade».

 

Sickeeper

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Sickeeper: «Non ten moito que ver co noso estilo, pero Leticia Rey, ten algo máxico. Por outra banda, grupos cos que compartimos escenario, como Strikeback, Overlook237 e Graxa. E por último, indo ao máis mainstream, as Tanxugueiras e Luar na Lubre».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Sickeeper: «Con todo o orgullo podemos dicir que o que escoitamos maiormente é música metal e rock, clásica e jazz. Logo hai ocasións e situacións para todo».

 

  noticias