• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

LUIS MERA LUCKY: «CADA CANCIÓN DE ‘SERENO Y AISLADO’ (EL VIAJE DEL PIRATA)’ TAMÉN TEN A SÚA PEQUENA VIAXE INTERIOR

LUIS MERA LUCKY: «CADA CANCIÓN DE ‘SERENO Y AISLADO’ (EL VIAJE DEL PIRATA)’ TAMÉN TEN A SÚA PEQUENA VIAXE INTERIOR
23 XUÑO 2025

Intérprete e compositor, Luis Mera Lucky foi un de entre tantos artistas que lle souberon sacar a súa parte positiva (e creativa) á pandemia; no seu caso, o confinamento fixo que o melómano «desempoase» a guitarra que levaba gardada durante vinte anos. Logo de formar parte de varios grupos afeccionados con amigos, o cantautor compostelán presentábase como artista en solitario cun proxecto que mestura influencias do rock dos 50, o pop dos 60 e a movida madrileña.

Tres referencias compoñen a súa discografía; a máis recente, Sereno y aislado (El viaje del pirata) (2025), unha colección de once cancións que bailan entre o rock e o pop en perfecto equilibrio mentres contan vivencias persoais o emocións universais que Mera ordenou de tal xeito que o oínte poida sentirse «un pirata no camiño da vida».

 

Foto © Cortesía de David Porto de Visualtec Producciones Audiovisuales

 

Compostelán de nacemento, ferrolán de adopción, Luis Mera xa tocaba e cantaba de novo, pero non foi ata hai uns cinco anos cando presentabas o teu proxecto artístico... logo de dúas décadas sen coller a guitarra! Como xorde, pois, Luis Mera Lucky?

Luis Mera Lucky: «Pois entrado xa nos corenta e pico anos, e despois dun tempo ensaiando de novo con un grupo de coñecidos (no que chegamos a dar un concerto) xorde a necesidade de querer facer as miñas propias cancións.

Tomeino como un desafío ante os que non crían que ía facer a miña propia música, e tamén como algo que estaba a xogar coas miñas entrañas ata facer que compoñer unha canción fora para elas unha medicina incrible».

 

A guitarra, tanto acústica como eléctrica, é o teu instrumento por excelencia. Como chegas a ela? Cal foi, e como lembras, o teu primeiro contacto coa música?

Luis: «Na adolescencia tiña unha guitarra española, e tamén unha eléctrica que me regalara un tío meu. Tamén tiña unha cinta con varios temas dos Beatles e un radiocasete dos que te permitían flutuar co son de esquerda a dereita; é dicir, que soaba a música ou as voces por separado. Así que quitaba as voces e cantaba eu por enriba, cun vello libro de acordes dos propios Beatles tamén, para aprender a levar a rítmica na guitarra e cantar o mesmo tempo.

Aínda así, non me considero instrumentista, non son un fanático do instrumento. Gústame a acústica para acompañar a voz, gústame ser o intérprete dos meus temas».

 

Foto © Cortesía de David Porto de Visualtec Producciones Audiovisuales

 

«Lucky» significa «afortunado» en inglés, por que escoller este termo como «segundo apelido» do teu nome artístico?

Luis: «Lucky non acude a Luis Mera polo significado. Os meus amigos da rúa Costa Vella en Santiago comezan chamarme así cando tiña máis ou menos 6 anos, e quedou para sempre; tamén no barrio de Monte Alto na Coruña ese era o meu alcume, xa que vivín entre as dúas cidades.

Así que despois de corenta e pico de anos xuntei o meu nome co meu alcume: Luis Mera Lucky. Quería diferenciar un pouco o típico nome dos solistas que poñen só o nome e o apelido. A súa pronunciación tampouco é anglosaxoa; son Luis Mera Lucky co “u”».

 

 

Na túa bio, lemos como bebes das fontes do rock ‘n’ roll dos 50, do pop dos 60 e da movida madrileña para crear un pop-rock de autor con nome propio. Deixando os estilos de lado, como definirías ti a túa música? A que soa Luis Mera Lucky?

Luis: «Cun segundo álbum de longa duración, como xa é o caso, creo que pode dicirse que alguén xa empeza a ter un estilo propio, un son. Non me gusta cualificarme nisto, déixovos a vós facelo, porque o concepto de pop ou rock, aínda que ten tinguiduras teóricas, para cada un é nós tamén tinguiduras singulares.

O que si podo dicir é que o que levo escoitando toda a vida, que é o que ti nomeas na pregunta, flutúa por dentro de un sen darse de conta e iso inflúe a hora de construír as cancións.

Probablemente, tamén na vosa pregunta esta esa resposta bastante acertada: pop rock (en español) de autor».

 

Canto a influencias concretas, a quen sinalarías? Quen dirías que tivo especial impacto non só no teu xeito de entender a música, senón tamén no teu xeito de compoñer?

Luis: «Buf, é inconsciente, non podo dicir nada en concreto. Sigo a ser fan incondicional de Jerry Lee Lewis, dos Beatles, dos Doors, de Duncan Dhu, de Miguel Ríos, e de moitas outras cousas dos 50, 60 ou 80 moito máis rebuscadas e menos coñecidas. É xusto dicir que tamén hai moita xente descoñecida que merecen moito, non podemos falar sempre dos grandes coñecidos. Aínda así eu creo que como compositor non teño lei ningunha, non quero mentir, é así. Cando vén a inspiración, hai que sacala de dentro.

E como oínte musical, teño que agradecer toda esa música que forma parte da miña vida. Á parte tamén hai épocas nas que “descobres” outras cousas que escoitas menos e que che poden influír nun futuro tema».

 

 

 

La hora de triunfar (2021) foi o teu debut discográfico, un álbum de once cancións que recollen influencias de sons clásicos e letras cheas de detalles. Como nace a idea deste álbum? É dicir, tiñas xa unha présa de cancións que decidiches xuntar, xurdiu a idea conforme ías compoñendo...?

Luis: «Tiña temas xa feitos e outros que foron xurdindo sobre a marcha. Estou moi orgulloso do meu primeiro álbum porque puiden dar renda solta a temáticas diferentes, achegando xa un son concreto.

A idea en si mesma foi simplemente facer o álbum —facer realidade o desafío interior— e contar cousas variadas sempre cun toque un pouco máis profundo».

 

 

O título berra optimismo, sobre todo para ser o nome dun primeiro disco! Tivo algo que ver ese sentimento no seu desenvolvemento?

Luis: «O título ía a ser: “Libración”, pero Alex Rodríguez, que me axudou como arranxista no primeiro proceso rematadas as composicións, me dixo medio de carallada: “tes que poñerlle ‘La hora de triunfar’, é máis impactante”. E como o espírito de este primeiro disco era máis libertino, pois así quedou.

Aínda que hei de dicir que o título é algo máis profundo do que parece, porque cos primeiros que debemos triunfar e estar en harmonía é con nós mesmos, para así poder estar mellor cos demais. Se a iso lle engades un dobre xogo na temática, estar mellor contigo e intentar conectar coa persoa con quen queres estar, e xuntas uns toques de blues e rock ‘n’ roll... pois xa tes tamén a canción que, como ves, dá título ao álbum».

 

 

Isabel de Valois foi unha raíña consorte española, terceira esposa do rei Filipe II de España... e protagonista do corte “Isabel de Valois”. Que che chamou a atención desta figura histórica como para «dedicarlle» unha canción?

Luis: «Nesa época ía moito a Madrid, e a tumba de Isabel está no mosteiro de San Lorenzo do Escorial. Estaba escoitando bastante a grupos rebuscados da movida madrileña e tiña ganas de facer unha canción un pouco satírica, cunha letra das de meterse con alguén con estilo.

Lera algo sobre como fora o matrimonio entre Felipe II e Isabel de Valois, pero fixen a miña propia versión da historia. Métome (sandamente) cun monarca que, entre outras cousas, interveu nas costas de Ferrol arrasando o pobo porque lle molestaba o libre comercio cos “inimigos ingleses”. Na letra digo máis cousas ao meu xeito; falo da irmá de Isabel, do fillo do rei... Escoitádea, é unha canción que tiña que soar no Rockola no ’82 [risos]».

 

 

Doutra banda escoitamos “Almanaque del 92”, unha oda a túa cidade natal, Santiago de Compostela.... pero por que ese ano en concreto?

Luis: «Ese ano foi a movida das filtracións nos exames da Selectividade. Toda a xeración que fixemos a Selectividade no ano 1992, tivemos que repetila por a torpeza de catro, o de sempre. Así que houbo manifestacións, balbordo, pero tamén solidariedade; unha solidariedade preciosa de xente que tiñamos 18 anos.

A canción é rock, pero ten unha carga emocional moi profunda para min. Compoño a canción meses despois de facer unha xuntanza do 25 aniversario con compañeiras e compañeiros do Instituto Rosalía de Castro de Santiago. É a miña homenaxe a elas, a eles, a aquel Santiago do 92. É a homenaxe ao bonito que é ser novo e solidario, teñas 18 ou teñas 50. Aínda que a canción tamén fala da inxenuidade que tiñamos neses tempos.

Por certo, o tema remata co son real das badaladas da Berenguela da catedral de Santiago».

 

 

Este disco foi composto, gravado e producido por ti, aínda que para a mestura contaches con Dani Abeledo. Por que apostar polo Do It Yourself? Repetirías a experiencia?

Luis: «Non cambiaría nada, gravei moito no home studio porque quería e porque había pandemia, pero o resto do proceso foi no estudio. Pero hoxe digo que o mellor é gravar todo nun estudio. E non me meto en se é mellor ou peor, a min gústame máis».

 

 

 

El estratega (canciones descatalogadas de la hora de triunfar) (2022) contén, como ben di o título, tres temas que non pasaron o corte para estar no repertorio de La hora de triunfar. Que fixo que non formasen parte do disco, pero si significasen o suficiente como para non deixalas no caixón e publicalas por separado?

Luis: «Probablemente a elaboración non quedara rematada do todo no primeiro proceso unha vez finalizou a composición.

Cando se publica La hora de triunfar había seis temas que non eran posteriores, senón coetáneos, e estaban case feitos. Hai tres que me parecían adecuados para facer algo distinto, e tamén no son eran algo diferentes. Así que tiven a idea de facer un EP de cancións “descatalogadas” dun disco, algo novo que non vira facer a ninguén».

 

 

 

 

Estás a presentar o teu novo traballo discográfico, Sereno y aislado (El viaje del pirata) (2025), un longo de once cortes orixinais de pop rock cargados de simbolismo. Musicalmente, ten máis de evolución ou de revolución comparado co disco anterior?

Luis: «Ten un desenvolvemento de produción musical máis ao uso. Teño as composicións, as maquetas das cancións e comezamos a traballar no estudio para a súa gravación. Participan máis músicos no proceso tamén!

É unha evolución fermosa, musicalmente a gravación mellora e tamén a nivel composición hai unha boa carga de revolución nas miñas entrañas».

 

O primeiro que escoitabamos de este novo longo eran “Pirata solitario” e “Única”, temas que recollías no dobre single, Pirata solitario (2025). Que teñen de especial estas dúas pezas para presentalas como previa do que estaba por vir?

Luis: «Son un resumo en dúas pezas dun novo son no disco, a evolución natural do meu pop rock. Segue a existir a mesma esencia que no traballo anterior, pero a arquitectura evoluciona.

“Pirata solitario” é un dos meus clásicos temas de rock pero cun traballo en estudio máis exquisito, e “Única” ten todas as tinguiduras dun novo son dentro da miña traxectoria».

 

 

O álbum preséntase como «unha travesía emocional; unha historia contada en once cancións». Que fai que o describas deste xeito?

Luis: «Cando remato de compoñer as cancións e decido cales se van gravar, descubro que, se ordenaba os temas dunha maneira, coincidían con cousas autobiográficas que vivira eu, ou que vira noutras persoas, ademais de haber reflexións máis profundas ordenadas no tempo.

Así que nesa orde dos temas tal e como están no disco atopei a viaxe dese pirata por uns anos da súa vida perfectamente encaixados; comeza cunha ruptura e cunha declaración de intencións nun punto de partida; segue a viaxar e fala sen rancor de certas circunstancias, faise eco das persoas que non son capaces de saír de certas situacións; homenaxea a outros personaxes concretos que existiron, xoga a falar de lugares ao mesmo tempo que parece que está a falar de relacións de amor. Xa no final da súa travesía declara un estado de ánimo que resume o traxecto e pon a cada un no seu sitio».

 

Ao fío, dirías, pois, que é un disco conceptual, é dicir, que esa viaxe do pirata do título é realmente o nexo común do álbum?

Luis: «Ten moitos matices de conceptual porque a viaxe sucede nesa orde de cancións; non diría que é conceptual ao uso. Así que pode dicirse neste senso que tamén hai como unha innovación musical no concepto, un disco de temáticas diferentes que descobres que están unidas no tempo e as podes ordenar nunha viaxe e cun protagonista.

E ollo! Tamén na parte dos estilos musicais das cancións do álbum, e non só nas letras, hai unha viaxe paralela (pop, rock, bossa, indie, etc.) sen perder a esencia do estilo de Luis Mera Lucky.

Aínda así, son dos que pensa que o bonito da música é que cada quen interprete as cancións da maneira que lle pete».

 

Foto © Cortesía de David Porto de Visualtec Producciones Audiovisuales

 

Por que elixir a figura do pirata para protagonizar o disco?

Luis: «Resumir como vén o protagonista do viaxe, no seu estado sereno e illado, non era doado; o resumo nunha palabra foi entón: pirata.

Pero hai moitos protagonistas no disco, o pirata é máis ben o narrador na profundidade de falar de maltratos, de desexos, de ironías, e tamén de amor, de esperanza, de xente ou lugares incribles... O amor sempre debe ser protagonista nas viaxes da vida e gústame rodear de amor cancións que poden ter algunha tinguidura crúa, pero esperanzadora».

 

As túas letras teñen un ton introspectivo e simbólico, cargadas de pequenos detalles, como se pode escoitar en “¿Dónde está el paraíso en el cielo?” ou “Canción de buen puerto (para el que aún no está muerto)”. Quen, ou que, as inspira?

Luis: «As letras é a parte que máis me atrae cando fago cancións. A espera e os paseos por Ares, que é onde vivo, son parte de “Canción de buen puerto”, que ademais ten unha carga emocional máis profunda que só iso. Musicalmente ten variacións moi interesantes, pero o importante, repito, é o que lle evoque o oínte.

“¿Dónde está el paraíso en el cielo?” é sobre unha muller que vive encadrada e que é xulgada polos demais, por dicilo dalgún xeito. Fíxate que hai partes da canción, que, aínda que canto e levo a narrativa eu, é a protagonista a que fala ás veces, como por exemplo en: “siento los retales de las gotas en mi cuerpo, lluvia silenciosa, aún estoy aquí”. Nesa parte exclama unha mensaxe esperanzadora que lle sae de dentro. Logo tamén está o “tren 14”, que é un tranvía que hai en Xenebra (Suiza), e no peirao de Ares hai unha figura dunha sirena que me inspirou para facer o tema.

Como ves, cada canción do disco tamén ten a súa pequena viaxe interior dentro dela».

 

 

Como é o teu proceso creativo? Á hora de compoñer, que dirías que ten máis peso para ti, as letras, a música, 50%-50%?

Luis: «Fíxate, xa había contestado antes sen saber que me iades facer esta pregunta!

A min gústame máis a parte das letras, pero a medida que fago cancións novas e que probo certas innovacións, podo dicir que a parte musical é fundamental. Para ser xustos e obviando o gusto persoal, digamos que nunha canción ten que confluír ese 50%-50% do que ti falas».

 

Foto © Cortesía de David Porto de Visualtec Producciones Audiovisuales

 

“Sereno y aislado” cierra o disco, canción na que tamén escoitamos a Tania Redondo (Sr. X). Por que contar con ela para esta peza? Porque é a única colaboración do disco!

Luis: «Non é a única, pero nos títulos de crédito das plataformas dixitais non sae todo. Neste caso só podía poñerse o da outra voz principal neste tema, que é a gran Tania.

No formato físico, no CD, está o resto de nomes da tripulación que colabora na viaxe do pirata, sexa na parte instrumental ou nos coros: Manu Milómanos, Pablo Leira, Rafa Pereira, Tony Ramírez, Carlos Mosquera Mos, Melo García, Danny Abeledo e Enrique Z. O meu agradecemento infinito a todos eles.

Animo a toda a xente a mercar os formatos físicos da música para non perderte os títulos de crédito completos, dedicatorias, gráficas, libreto de cancións, etc.».

 

O videoclip deste tema foi rodado integramente en Xenebra (Suíza), onde se ve como percorres as súas rúas e recunchos. Como xurdiu a idea de gravar alí? Como lembras a gravación?

Luis: «Os videoclips tamén son unha viaxe. “Pirata solitario” faise en Ares, que é onde vivo. “Sereno y aislado” en Xenebra, lugar onde vou moito e que ten bastante carga emocional nalgunha das composicións do álbum. Ademais é una cidade que ten eses recunchos fermosos, claro. A colaboración de María Pena nos videoclips foi fundamental, é parte do proxecto.

Aínda poderedes ver algún máis no que queda de ano!».

 

 

Sereno y aislado (El viaje del pirata) foi gravado e producido por Dani Abeledo e Melo García nos RRStudios de Ferrol. Dani xa mesturara o teu traballo anterior, como foi traballar con el desta volta?

Luis: «Dani resolve moi ben as dúbidas que poden xurdir en canto a como vai quedar un tema, ademais é gran arranxista, músico e produtor de estudio. Melo achega a súa calma, a súa guitarra nalgún dos temas, e os seus magníficos coñecementos tamén.

É un estudio que me fai sentir na casa, e os resultados son do máis profesional que podes atopar no norte de Galicia».

 

Ademais de en Galicia, tamén é habitual escoitarte nos escenarios de Suíza. Destacarías algunha diferencia, ou similitude, entre a acollida da túa música por un público e por outro?

Luis: «Que conste que prefiro aquí, quero moito a Galicia. En Suíza hai moito respecto por parte do público e o tema económico funciona ben.

Déixome levar polo que saia, non vivo preocupado de se teño concertos. Xurdiu que toco máis no país alpino e estou moi agradecido».

 

Foto © Cortesía de David Porto de Visualtec Producciones Audiovisuales

 

Como tes pensado levar Sereno y aislado (El viaje del pirata) aos escenarios? Cando, e onde, poderemos desfrutar do disco ao vivo?

Luis: «Xa estou a facer concertos en formato acústico con temas dos dous discos. A presentación do álbum foi en Ares, nun acto organizado polo concello, tamén estou moi agradecido. Tocar en acústico é un formato incrible que recomendo a xente que o desfrute. Na miña web (luismeralucky.com) saen datas.

En banda é máis complicado organizarse nun proxecto dun solista, como é o meu caso. Ademais, penso no proceso de que xurdan as cousas, é dicir, quen se sume, que sexa porque quere ensaiar as miñas cancións e dar concertos. Pero podo anunciarvos xa que comezouse a ensaiar neste formato banda con xente como Javi Gómez e Raúl Pérez, no local de ensaio do Concello de Ares, que é a nosa casa. E a falta dalgún membro, hai previsión de dar concertos a finais de ano, e de cara ao 2026 xa hai algúns apalabrados».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Luis: «Non vou nomear a ninguén en concreto, senón dicir que debemos empezar por apoiar a escena local, e podes facelo con cousas totalmente gratuítas como ser seguidor nas plataformas dixitais dos artistas da túa zona que non teñen a posibilidades de ser coñecidos por medio da industria pura e dura.

E a min mesmo dígome que agardo non perder nunca a ilusión de aprender deste mundo... e aprender tamén da propia vida».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Luis: «Unha escapada ás miñas orixes como oínte musical, son moi clásico. Aínda que de vez en cando senta ben escoitar algo novo; hai moita xente descoñecida que é boísima. E moita desa xente está aquí, na nosa terriña.

E tamén poñerse a un mesmo tampouco vén mal! Hai que escoitarse para avanzar...».

 

 

izq noticias