NOVOS LANZAMENTOS. NOVEMBRO 2025

"Nadando na Incerteza", SÉS
No seu novo traballo, Nadando na Incerteza (2025), SÉS aposta por un enfoque minimalista, afastado da produción excesiva e os recursos dixitais; unha renuncia coa que gaña inmediatez para ofrecer algo máis persoal e auténtico. Cada unha das 13 cancións que recolle o longo ten os acenos de identidade que veñen caracterizando a cantautora galega desde os seus inicios: reivindicación, honestidade e emoción como eixos centrais da súa música. Bebendo do rock, folk, blues e a música latinoamericana, Nadando na Incerteza presenta paisaxes sonoras que envolven letras de profunda carga social e crítica. Deste xeito, SÉS reafirma a súa identidade e o seu compromiso coa “canción en estado puro, sen adornos, cunha mensaxe directa e sincera”, a través dunha linguaxe que se mantén fiel ás súas raíces galegas e, ao mesmo tempo, dialoga con outras tradicións. Xunto ao disco, publícase Mentres quede corazón, un recompilatorio poético e musical que recolle toda a súa produción desde 2011. Este libro, que reflicte unha década de creación e amosa a súa traxectoria, permite explorar a súa obra alén da música, unha obra auténtica e comprometida coa nosa lingua.

"Revoluti8n", Sumrrá
Sumrrá pecha o ano do seu 25º aniversario botando a vista cara adiante co lanzamento dun novo traballo discográfico, o oitavo da súa carrera. O trío de jazz galego máis internacional presenta Revoluti8n (2025), un disco de sete pistas de jazz contemporáneo, vibrante e cheo desa maxia que levan compartindo enriba do escenario hai xa máis de dúas décadas. Xustamente, este novo álbum foi presentado no peche de xira que Sumrrá deu a finais de novembro en Santiago de Compostela, a cidade onde se atoparon e a cidade desde onde comezaron a ensinarlle o mundo “que outras músicas son posibles, son universais e son libres”. Revoluti8n é un peche simbólico do ciclo conmemorativo e, ao mesmo tempo, a apertura dunha etapa na que o grupo segue a reafirmar a súa vontade de experimentación.

"Discomotor", Leria
Uns días despois de lanzar “Vida de rockstar”, sinxelo que xa fora estreado ao vivo, Leira publicaba o EP ao completo. Discomotor (2025) é unha colección de cinco pistas do seu inconfundible indie pop brillante “con ese toque pícaro e case burbullante que se converteu en parte esencial da súa identidade”. Con todo, neste EP, a banda coruñesa composta por Andre, Hele, May e Itzi cruza a fronteira do indie pop para explorar novos terreos sonoros, experimentar novas texturas e ritmos máis arriscados. Desde os primeiros acordes, Discomotor convida a deixar atrás as formalidades, a moverse sen complexos e a mergullarse nun pequeno universo onde o cotián se transforma en unha experiencia onírica.

"Virando por avante", Mediarea
Comezaron o ano coa publicación de Fillos da virasión (2025), un EP de catro temas que marcaban a súa evolución cara a unha música potente e orientada ao escenario, e remátano coa publicación dun novo álbum. Mediarea presenta Virando por avante (2025), un disco que vén completar ese EP con cinco cortes adicionais nos que a banda confirma esa “virasión” cara a un son máis enérxico. O mar, a identidade do Morrazo e as festas populares son as principais fontes de inspiración para as composicións de Mediarea, que transmite ao público a súa proposta sonora baseada na liberdade creativa e na fidelidade á música e aos instrumentos tradicionais.
"Sombras", Nocturna
Leva desde o seu nacemento destilando un híbrido de darkwave, pospunk e noise no que conviven liñas de baixo furiosas, baterías devastadoras, guitarras afiadas e unha voz tratada como un instrumento máis. Logo dunha primeira etapa máis próxima ao stoner, Nocturna depurou o seu estilo cara a un son influenciado por The Cure, Sonic Youth ou Parálisis Permanente, algo evidente nas súas primeiras cancións, gravadas en 2023: “Tormento”, “Prometeo” e “Puñal”. Un par de anos máis tarde, o cuarteto pontevedrés lanza —por fin— o seu agardado primeiro disco, Sombras (Ferror Records, 2025). Gravado, mesturado e masterizado por Ibán Pérez en Estudio Terraforma, o longo afonda nas sonoridades máis escuras da banda, con sintes que engaden profundidade e unha pulsión rítmica que achega os temas tanto ao underground berlinés como ao kraut máis hipnótico. Entre os oito cortes que recolle o álbum, escoitamos unha nova versión de “Lejos”, en lembranza a Luis Vasquez de The Soft Moon, falecido en xaneiro do ano pasado. Ademais de nas principais plataformas dixitais, Sombras tamén está dispoñible en vinilo nunha edición limitada a 300 copias.
"Fairground Ballads", Miguel Moldes
Era o disco que, sen sabelo, estabamos agardando. Miguel Moldes presenta Fairground Ballads (Gaztelupeko Hotsak, 2025), o seu primeiro álbum; un traballo que mestura folk, blues e gypsy jazz cun son orgánico e fiel ás súas actuacións en directo. Acompañado de Sandra Gómez (Sanny), Anxo Paz e Alejandro Neira, o cantautor galego presenta oito temas cargados de melancolía, nos que a figura da feira se converte nunha metáfora do paso do tempo, a nostalxia e as desilusiós. O EP, gravado en Escusalla Sonora (Ourense) e producido por Javier Vicalo, destaca pola súa sonoridade minimalista, sen artificios, permitindo que as propias cancións sexan as protagonistas. Influenciado por artistas como John Fullbright e Nathaniel Rateliff, Moldes entrega un debut intimista e emocional, cunha sensibilidade que conecta facilmente co público. Fairground Ballads amosa a madurez do músico galego, que logra un equilibrio entre o crudo e o elegante, entregando un traballo que, sen ser pretencioso, afonda nas experiencias universais e nas emocións máis sinceras.

"A nena do pelo loiro", Donicelas
Con case trinta anos de traxectoria, Donicelas presenta o seu novo traballo discográfico, A nena do pelo loiro (2025), dispoñible nas principais plataformas dixitais desde o pasado 21 de novembro. Neste novo disco, recentemente presentando no seu Salceda de Caselas natal, o grupo continúa a explorar a música tradicional galega desde unha perspectiva respectuosa, emocional e contemporánea, a través dunha selección que combina pezas tradicionais con outras de composición propia. Nado como un proxecto de mulleres comprometidas coa transmisión da tradición oral galega, o grupo iniciou a súa andaina a principios dos anos 90 da man de Treixadura, e ao longo dos anos publicou discos como Que nunca foi abalada (2005) ou Donicelas (2015). A súa proposta sonora segue caracterizándose pola forza das voces, a percusión tradicional e a recuperación de repertorios de distintas comarcas galegas. “A nena do pelo loiro” reforza a súa proposta sonora, caracterizada pola forza das voces, a percusión tradicional e a recuperación de repertorios de distintas comarcas galegas.

"Imaginadores", Manu G. Sanz
O máis recente de Manu G. Sanz é unha banda sonora pero, desta volta, para un proxecto real e non para un ficticio como nos tiña acostumados con Orphan Tracks. Imaginadores. (Banda Sonora Original) (2025) é unha obra que explora a parte máis atmosférica e sensorial das súas composicións, creando así paisaxes íntimas e expansivas á vez que convidan á reflexión e á conexión emocional. As máis de dúas horas de duración do álbum acompañan as historias dos gamechangers españois cuxas innovacións foron xermolo dos grandes avances do século XX como, por exemplo, Ramón y Cajal, Ferran Adrià, Patricia González ou Teresa Perales. En Imaginadores, Manu G. Sanz ofrece un disco no que cada peza vai alén da ilustración musical, deixando espazo á imaxinación do oínte e facendo que, realmente, sexa el o “imaxinador”

"Mañana y Siempre", Nadadora
Nadadora está de volta. O grupo galego volve logo de quince anos de silencio discográfico; faino con Mañana y Siempre(Ernie Records, 2025),, un álbum que funciona máis como unha reafirmación que como unha volta nostálxica. Dous adiantos —‘1997’ e ‘Bailaremos’— adozaron unha espera que remataba o pasado día 15, cando puidemos escoitar as catro cancións máis que completaban o disco; canciones que destilan un indie pop maduro e luminoso nas que a banda reflexiona sobre o paso do tempo, as cicatrices, a beleza que podemos atopar na reconstrución ou a fe no porvir. O título do álbum, inspirado en Jon Fosse, e a simboloxía das cicatrices e feridas “reparadas” do kintsugi sintetizan esta idea de aceptar o pasado para afrontar o futuro con serenidade. Gravado en Estudio Uno xunto a Martí Perarnau IV e Pablo Pulido, Mañana y Siempre reflicte a inquedanza experimental da banda en moitas pasaxes, mantendo a súa esencia mentres exploran novas texturas sonoras. Pezas como ‘Valiente’, ‘Anillo’ ou ‘Flores’, esta última coa sutil colaboración de Xoel López, amosan esa mestura de vulnerabilidade e esperanza que percorre o disco, porque Mañana y Siempre non pretende recuperar o que foi, senón celebrar que segue vivo.

"Un instante de naufragio", Carlos Ordóñez
Logo dunha longa tempada afastado da escena musical, Carlos Ordóñez volvía en 2021 cun proxecto máis persoal baixo o seu propio nome e co que, ata a data, entregou xa varias xoias da electrónica. Agora, o produtor lanza Un instante de naufragio (Ferror Records, 2025), unha proposta arriscada e experimental que empurra os límites da electrónica galega. Dividido en dúas partes —unha máis ruidista e abstracta (Cara A) e outra máis melódica e emocional (Cara B)— o longo explora temas como a dor, a perda e a liberación nun traballo que el mesmo define como “áspero, por momentos duro, e noutros mesmo depresivo”. A través de sons pesados e densos, Ordóñez crea un espazo sonoro de profunda intensidade emocional, ao tempo que ofrece a súa visión máis introspectiva e madura, afastada de calquera tipo de convencionalismo. Esta obra da electrónica preséntase envolto nun deseño do artista gráfico Manuel Romero e inclúe delicadas pinturas asinadas por Seara. Con Un instante de naufragio, Carlos Ordóñez reafirma o seu posto como un dos nomes máis innovadores da electrónica experimental no panorama estatal, cun traballo que, lonxe de ser accesible, desafía ao escoitador a mergullarse nas súas profundidades.

"Repichoca", Tiruleque
Repichoca (2025) é o quinto disco de estudio da banda galega Tiruleque, que volve ás súas raíces para render homenaxe ao histórico local coruñés do mesmo nome, pechado en 2021, onde a banda comezou a súa carreira. Unha volta aos seus inicios nunha decena de temas que mesturan tradición e modernidade, coa forza das voces femininas e unha potente combinación de gaita e metal. En Repichoca, Tiruleque continúa a explorar a súa identidade a través de percusión tradicional e moderna, creando así un son único que invita á festa e á celebración da música galega en clave contemporánea. O disco, descrito como unha “chamada á festa, ao encontro e á memoria”, captura a esencia do Repichoca, un espazo clave para a música galega na cidade herculina.

"memoria nova", Pantis
Pantis está de volta. Pouco máis dun ano despois de subir a redes a banda sonora orixinal de A loba, filme de Iria Silvosa estreado en 2019, o produtor e creador audiovisual do Grove publica memoria nova (Prenom, 2025). Este segundo longo, gravado e mesturado por Ibán Pérez en Estudio Terraforma entre marzo de 2024 e agosto de 2025, debuxa unha paisaxe sonora que dialoga entre a electrónica, o pospunk e a psicodelia. Densos sintetizadores, baterías orgánicas e letras que funcionan como fragmentos de lembranza e reconstrución constrúen unha atmosfera emocional, unha experiencia sensorial na que o ruído e a melodía se equilibran cun coidado extremo pola textura e o detalle.
🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!
🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!

