• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XUÑO

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XUÑO
17 XUÑO 2022

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

 

What a Show, RUMIA

A través de Fluctua Records, Rumia presentaba “What a Show” como adianto do que será o seu terceiro álbum; un tema onde a artista galega afincada en Berlín bota una ollada inrospectiva cara a si mesma e as súas relacións pasadas, explorando como se sentía cando era adolescente, como eses sentimentos maduraron co paso do tempo e como se pode sentir nun futuro. “What a Show” é unha proposta fresca influenciada por xéneros dos noventa, como o trip hop, e o pop moderno de artistas como Taylor Swift o Gracie Abrams. Estas influencias foron lideradas pola paixón de Rumia polas letras e a coidada narración de “What a Show” trasládase tamén ao vídeo que acompaña a canción, dirixido por Georgina Pretto, e que conta a historia a través de tres mulleres, de 19, 30 e 50 anos, que exploran as relacións amorosas e de aceptación con elas mesmas.

 

 

 

Tierra de nadie, Carolina Rubirosa

Carolina Rubirosa saca a artillaría pesada... literalmente! Dirixido por Xaime Miranda e rodado integramente na zona louseira do Barco de Valdeorras (Ourense), o vídeo de Tierra de nadie representa a idea dun combate da cantautora contra si mesma, un enfrontamento de inseguridades que a autolimitan: «a superación de temores irracionais, de prexuízos que supoñen barreiras...». Cun filtro en branco e negro, esa loita interna refórzase coa figura do lobo, reflectindo un medo que resulta ameazante ata darse de conta de que non o é, «de que moitas veces, como na vida, os problemas non son tan xigantes como a nosa mente fainos crer».

 

 

 

Ti+Eu, Udra ft. High Paw

Logo de ir deixando faragulliñas varias durante un par de meses, Udra descubría o pastel enteiro en xaneiro. O trío groove formado por Álvaro Trillo, Maritxinha (Vudú) e Diego Negro, estrea “Ti+Eu”, tema orixinal para o que contaron coa colaboración da cantante de reggae High Paw. O vídeo, asinado por Seimeira Producións, plasma o día dunha parella... de tres; os planos interiores seguen aos protagonistas polas diferentes estancias da casa mentres realizan a súa rutina diaria (cepillar os dentes, almorzar, facer a cena), e a toma rodada en exterior amosa a Udra desfrutando da natureza, e do amor!

 

 

 

El hilo, Nastasia Zürcher

Conta unha lenda xaponesa que as persoas destinadas a coñecerse están conectas por un fío vermello que non desaparece, un que pode enredarse, tensarse ou desgastarse, pero nunca romperse. E, como todo o que a rodea, o fío de Nastasia Zürcher é fantasía pura. Para “El hilo”, incluída no seu novo disco But Life Is Beauty Full (2022), a cantante e compositora compartiu voz e talento co artista vigués Pablo Lesuit e, xuntos, crean unha explosión de vida e enerxía nun tema tan pegadizo como colorido. O carácter pop tropical da canción comeza na exquisita produción musical, a cargo de Adrián Saavedra, e remata no videoclip, dirixido por Jairo Moreno. Cunha fraga encantada como escenario, Zürcher e Lesuit déixanse levar por criaturas máxicas, entre imaxes florais calidoscópicas e ilustracións animadas, obra de Cova Canitrot. Como unha oda ao florecemento interno, á soberanía e á liberdade de ser, “El hilo” preséntase motivadora e alegre, unha canción que destila enerxía positiva de principio a fin

 

 

 

Ghost Rocker, Stormy Trucks

Co single clip presentación de Damn the Storm (Struck by Lightning, 2020) xa poñían enriba da mesa un rock cru e sen concesións, son que reafirman en “Ghost Rocker”, o segundo videoclip. Realizado e editado por David Padín (Vid Solo Creacións), o vídeo foi gravado entre TNT Tattoo (Milladoiro) e El Ajo de MR Motorcycles Rock ‘n’ Roll (Bertamiráns), localizacións que serviron de escenario para unha brutal actuación ao vivo do grupo... e unhas cañas entre Buitre e un coñecido roqueiro pantasma. Entre brrumm brrumms e riffs de guitarra, “Ghost Rocker” plasma a valentía necesaria para manter un compromiso vital e musical co rock ‘n’ roll nos tempos actuais, a través dunha historia de descenso aos infernos, de reafirmación e resistencia.

 

 

 

  noticias