• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. OUTUBRO 2022

NOVOS LANZAMENTOS. OUTUBRO 2022
6 NOVEMBRO 2022

 

 

Cambia o conto, Música Miúda

«Houbo unha vez un lobo feroz e unha nena asustada; unha avoa indefensa e unha madrastra malvada...». O primeiro libro-disco de Música Miúda, Cambia o conto (Galaxia, 2022), recolle 14 temas que lle dan a volta aos contos tradicionais, reinventando as súas personaxes e presentando outras novas, quen desafían toda imposición de xénero. Ilustrado por Xosé Tomás, neste traballo a banda convida aos máis pequenos a reflexionar sobre diferentes estereotipos e roles de xénero, tanto femininos como masculinos.

 

 

 

 

 

Proyecto Manhattan, Conde Varo

Comezou publicando cancións escritas anos atrás, totalmente autoproducidas —desde a composición ata a mestura e o mastering, pasando pola gravación dos instrumentos— nas que destaca a influencia de bandas americanas Tom Petty & The Heartbreakers) e británicas (The Beatles, Oasis). Logo dun par de anos lanzando sinxelos e construíndo así a súa presenza online, Conde Varo decide recoller estes temas tan especiais nun longo, o primeiro; Proyecto Manhattan (2022) chegaba ás principais plataformas dixitais a finais de outubro, un traballo onde, ademais dos nove sinxelos cos que xa estabamos familiarizados, o cantautor galego sorprende con “Versos” como bonus track.

 

 

 

 

 

Aquí, De Ninghures

Uns días antes do seu lanzamento oficial, presentárono ante unha abarrotada Sala Malatesta (Santiago de Compostela) nun concerto compartido xunto a OÎMA; un éxito que precedía —e predecía— a publicación do seu primeiro disco. De Ninghures debuta con Aquí (2022), unha coidada colección de 11 cancións que mestura temas de composición propia, como ‘Yalah’ o ‘Mazaroca’, con outros que parten de melodías e letras tradicionais e que eles mesmos arranxaron, ‘Rubién’ ou a súa xa coñecida ‘Ézaro’ son un par de exemplos deste parte do repertorio. Partindo da tradición galega, a banda conformou un traballo con claras influencias de músicas de otros pueblos de la Península Ibérica, América Latina ou o Magreb; así, escoitamos ecos latinos en ‘Xustillo’, ese merengue en ‘Mallao’ ou músicas magrebíes en ‘Yalah’ e o seu retrouso cíclico do que dificilmente se pode escapar. Gravado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios (Friol), Aquí é o resultado de dous anos de investigación, dedicación e esforzo que estas oito músicas e músicos puxeron en común para ensinar ao mundo o seu xeito de manter con vida a música tradicional en tempos de globalización. É «aquí», con De Ninghures, onde o público atoparase cun ambiente de foliada fresca e frenética.

 

 

 

 

 

Estados naturales, Moito!

Remataban setembro con ‘California’, o derradeiro adianto do seu novo disco... e estreaban outubro co lanzamento do disco enteiro. Logo de tres EPs que amosan unha ambiciosa evolución musical, Moito! acada o cumio sonoro coa publicación do seu primeiro longo, Estados naturales (2022). Baixo a produción do recoñecido Carlos Hernández Nombela, a cuarta referencia da banda galega continúa esa exploración cara un son máis americano, cun duelo protagonista entre guitarras shoegaze e sintetizadores, entre melodías e voces que envolven a distorsión das cordas dun xeito abraiante. Os seus case 40 minutos de duración repartidos en dez cortes fan de Estados naturales un traballo digno de, como eles mesmos cantan, «as bandas do mañá».

 

 

 

 

 

 

Visions of Johanna, Visions of Johanna

Aínda que naceu como dúo, grazas á unión de Jorge Lorenzo (Winter Project) e Paul Clarke, Visions of Johanna convertíase en banda un par de anos despois da súa creación coa incorporación de Mario Riobó ao baixo e Jose Calvo á batería; pero o verán de 2022 deixaría outra novidade máis, o lanzamento do seu primeiro disco, homónimo. Editado baixo o selo da discográfica madrileña Entrebotones, Visions of Johanna presenta unha colección de cancións que beben de influencias variadas, bailando entre a tradición americana e o pop británico con bandas como The Jayhawks, The Beatles ou Creedence Clearwater Revival como principais referentes.

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2022 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2022 cos discos completos!

  noticias