• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

DAVID VÁZQUEZ: «HAI UNHA ENERXÍA CANDENTE NA SENSACIÓN DE QUERER EXPERIMENTAR»

DAVID VÁZQUEZ: «HAI UNHA ENERXÍA CANDENTE NA SENSACIÓN DE QUERER EXPERIMENTAR»
22 ABRIL 2024

Compositor, produtor e músico, David Vázquez comezou a tocar a guitarra hai un par de décadas e, a partir de aí, a crear melodías e recompilar coñecementos. Aos poucos, Vázquez foi aproximándose ao terreo cinemático, un eido que, nos últimos anos «afectou á forma de compoñer e producir a nivel estético e estrutural». Así, escoitamos composicións de instrumentación profunda e texturas pesadas que reflicten «introspección, misterio, tensión; o non manifestado».

O seu novo disco, Moloch (2024), nace da necesidade que tivo o artista de plasmar as emocións e os sentimentos que supón realizar «un enorme sacrificio interno», concepto que agocha o disco e que el reparte en sete cortes que afondan no ambient, dark, tension e metal.

 

 

 

A túa carreira musical comezou tocando en bandas locais, como o dúo de electro rock LED ou a banda dream pop Primrose, pero que che empurrou a comezar o teu proxecto en solitario hai xa máis de dez anos?

David Vázquez: «Formar parte dunha banda é interesante en moitos aspectos, xorden ideas e prodúcese un resultado froito da química conxunta que é inalcanzable, no sentido combinativo, na música en solitario. Con todo, hai un compoñente extra que precisa ser satisfeito; non por diversión, senón por expresión. Algunha das demos de Shelter (2012) son previas a LED e Primrose».

 

Musicalmente, estes comezos distan das túas composicións actuais, dun corte máis experimental. De que xeito describirías esta evolución sonora?

David: «A nivel interno o proceso foi natural. Tan só un ano despois de Shelter, comecei a facer a banda sonora para Las Nocturnas, e o terreo cinemático atraeume aínda máis desde entón. Chegou un punto no que facer música para series e filmes se convertería nun grande obxectivo persoal, e estes últimos anos creando unha maior cantidade de production music afectaron á forma de compoñer e producir a nivel estético e estrutural».

 

Ao fío, como definirías, sen etiquetas, a música de David Vázquez?

David: «Seguramente sexa textural, escura e atmosférica. De feito, eses son algúns dos elementos que comparte a miña production music coa artist music. A profundidade, a textura do grave, a introspección, o misterio, a tensión, o non manifestado».

 

 

O teu instrumento de referencia é a guitarra, que comezaches tocar a principios dos anos 2000. Como chegaches á guitarra? E á electrónica?

David: «Comecei arredor do ano 2003-2004. A miña banda favorita na adolescencia era Limp Bizkit e fascinábanme (aínda o fan) as guitarras de Wes Borland; foi así como cheguei ao meu instrumento principal. Logo de probar unha pedaleira na casa dun compañeiro do instituto, souben que quería iso. Facer guitarras estrañas, xogar con delays, reverbs, distorsións... é o que máis me atrae, aínda a día de hoxe. Hai unha enerxía candente na sensación de querer experimentar e acadar cousas novas.

A electrónica chegou de forma máis gradual; descubrindo bandas, con 17 anos coñecín verdadeiramente a Nine Inch Nails cando comprei o álbum With Teeth (2005) en CD; ese feito expandiuno todo, levándome a terreos de electrónica, industrial, e máis aló».

 

Gran parte das túas composicións semellan crear unha atmosfera concreta, unha especie de imaxinario sonoro no que o oínte pode mergullarse durante a súa escoita. É así? Que paisaxes, digamos, pretendes construír sobre os teus acordes?

David: «Si, ese compoñente atmosférico, etéreo do que falabamos antes. A profundidade emocional, a introspección, a facilidade e inmediatez da música para transportar a lugares dentro dun mesmo. Todo iso quizais inflúa, aínda que non existe unha pretensión específica que vaia alén da propia expresión subxectiva».

 

 

Pasando de estilos a influencias, hai alguén que consideres que ten, ou tivo, particular impacto no teu xeito de entender a música?

David: «Antes mencionaba a Wes Borland, tamén a Nine Inch Nails. Penso que son os artistas que máis me influíron ao longo da miña vida. Tamén outros como Tool, PJ Harvey, Black Light Burns, Telefon Tel Aviv, Radiohead, as guitarras de Metallica e de John Frusciante, Fever Ray, James Blake e un longo etcétera marcaron a miña música de algún xeito.

Sen influencia de terceiros e sen os medios técnicos necesarios, a expresión sonora sería totalmente diferente; é moi posible que incluso nin acontecese».

 

Es coñecido tamén por poñerlle música a programas de televisión, películas ou mesmo anuncios. Como afrontas estes encargos? Na túa opinión, que dirías que che resulta máis complicado, compoñer sobre algo xa feito (película, serie, audiolibro...) ou partir desde cero?

David: «Poder poñer música a producións audiovisuais é extraordinario. Quizais eses elementos de atmosfera, textura e profundidade presentes na miña paleta sonora axuden a que o son cobre máis profundidade cando vai acompañado da imaxe axeitada, e viceversa.

Respecto ao grao de dificultade, penso que é máis complicado engadir música a algo xa feito; xa que acontece unha adaptación de tempos, de dinámica, de sincronización dos hits, relevancia das transicións e outros factores. Isto queda plasmado, por exemplo, na escena para a que fixen música nun concurso da HBO, para o show Westworld (2016-2022); é pouco tempo, pero hai unha gran cantidade de cambios e elementos a considerar. Isto non acontece en tal medida se se parte desde cero».

 

 

Neste eido cabe destacar a túa participación no concurso internacional Ponle música a las Estrellas, que gañas coa túa peza Las Nocturnas (2014), converténdose así en banda sonora do espectáculo planetario Las Nocturnas de inviernoda Cidade das Artes e as Ciencias de Valencia. Que supuxo este recoñecemento para a túa carreira en solitario, tendo en conta que estaba dando os seus primeiros pasos?

David: «Foi unha gran sorpresa. Era a primeira banda sonora que compoñía na miña vida, e non agardaba resultar gañador dun concurso internacional con artistas de múltiples países do mundo, incluíndo profesores de Berklee e máis profesionais da industria. Ir a Valencia a recibir o premio e escoitar a miña música no Hemisfèric foi inesquecible.

Ese feito animoume aínda máis a continuar algo que realmente era inevitable polo meu crecente interese polo cinemático. E así chegaron novas oportunidades, anos máis tarde, e poder dicir que a miña música soou en televisión en tres continentes é asombroso».

 

Tamén lemos o teu nome baixo os créditos de produtor, como por exemplo en Drowning Fire” de hydn. Como é traballar «ao outro lado da mesa»? Na túa opinión, como debería ser a relación músico-produtor?

David: «Traballar en “Drowning Fire” foi un proceso moi longo; foi o primeiro sinxelo de hydn, e atribuír un son inicial a un proxecto co tema que estrea o propio proxecto non é tarefa fácil. Neste caso particular, ao longo do proceso non só fixen de produtor, senón tamén de músico; por exemplo, as guitarras de “Drowning Fire” son miñas.

Respecto á relación músico-produtor, penso que é fundamental crer no proceso e ter confianza plena. Un produtor achega unha visión distintiva; o mesmo tema producido por diferentes persoas pode chegar a soar de maneira oposta. O produtor pode actuar como facilitador de ideas, expansor das mesmas, animar a probar cousas que non estaban sobre a mesa ou axudar a perfilar o tipo de son que pode marcar un álbum enteiro. Un exemplo sería o lendario álbum Blood Sugar Sex Magik (1991) dos Red Hot Chili Peppers; sen Rick Rubin, ese álbum tería sido completamente diferente.

A nivel persoal, destacaría a colaboración co grupo americano We Feed Alone, asociado con grandes bandas como Marilyn Manson ou Filter, para quen puiden producir tres sinxelos. Foi todo un reto resucitar un proxecto que levaba en pausa desde 2012; comezar desde cero, desenvolver cada capa do novo son de We Feed Alone desde a distancia, facendo videoconferencias entre Chicago e A Coruña coa diferenza horaria máis que notoria, mais o resultado foi moi satisfactorio e aínda a día de hoxe estanse a ver os resultados dese traballo conxunto».

 

David Vázquez e Yellow Belly no Gaiás

 

Para os singles Coming Home (2017), Still (2018) e Winter (The Solitude) (2019) contas coa voz da artista australiana afincada en Reino Unido Dominique Finnegan, alias Yellow Belly. Daquela, como xorde esta colaboración?

David: «Dominique mais eu coñecémonos a través da plataforma SoundCloud cando esta era unha vibrante comunidade de artistas emerxentes. Ambos tiñamos un tema chamado “Belong”, e a min gustoume moito o seu; a modo de broma, propuxemos mesturar as dúas “Belong”. A partir de aí, comezamos a compartir e traballar xuntos, e o que veu a posteriori foi excepcional.

Se na primeira conversa con Dominique nos din que soaríamos na BBC Radio, que a nosa música sería licenciada nun show da CBS en Australia e soaría tamén en Estados Unidos, Finlandia, Países Baixos, Irlanda, Nova Zelandia..., que tocaríamos xuntos no Gaiás ou na Sala Nautilus do Aquarium da Coruña, obviamente parecería irreal».

 

 

 

 

De feito, ambos asinades o EP Overthought (2018), un traballo de catro cortes onde o ambient pop, a música experimental e a electrónica conformaban cargadas texturas sonoras. Como lembras dar forma a este traballo xunto a ela?

David: «A pesar da distancia, o proceso para facer Overthought con Dominique foi moi doado. A preferencia de ambos polo atmosférico e etéreo influíu na produción do traballo, a cal non só foi sinxela, senón tamén rápida. Overthought foi feito en semanas, e o grao de entendemento e creatividade nese espazo temporal foi moi elevado, tal e como reflicten tamén os sinxelos Still (2018), Winter (The Solitude) (2019) ou, un tema que nunca chegou a saír, Lucky».

 

 

 

Ademais de Yellow Belly, en 2020 colaboraches con Lois na publicación conxunta The Transient (2020), un longo que mesturaba ambient con música orquestral. Como naceu este longo, tendo en conta esa mestura pouco convencional entre ambos xéneros?

David: «Rogelio G. Lois e eu somos colaboradores desde entón. Ademais de The Transient e dos temas de We Feed Alone nos que el participou, temos proxectos conxuntos que, agardamos, verán a luz algún día. Un deses proxectos é The Transient II, o cal continuará o ronsel do primeiro álbum.

En referencia ao mesmo e á propia pregunta, todo partiu de mesturar o compoñente melódico enraizado na música clásica que sempre predominou na música de Lois co que podería ser a súa némese, unha música textural, sen case melodía, como a miña. Facer un xénero híbrido como o orchestral ambient foi unha experiencia moi enriquecedora, xa que foi acompañada de moito aprendizaxe e un paso máis de cara á música cinemática para filmes».

 

 

 

 

En Concept City Pt 1 (2022) escoitabamos reminiscencias a Wes Borland nas guitarras e a Telefon Tel Aviv nas texturas sónicas da electrónica escura. É, en conxunto, un traballo bastante dark, tivo algo que ver que fose concibido pospandemia?

David: «O certo é que non tivo nada que ver coa pandemia. Concept City refírese máis a planos mentais que a planos físicos ou contextuais. Penso que a etiqueta dark podería aplicarse a unha porcentaxe moi elevada da miña discografía, mais todo oínte posúe a liberdade de interpretar cada peza ou paisaxe sonoro en relación aos seus propios procesos internos e á súa subxectividade».

 

Squeeze, The Ethereal Climax of Color (2023) é a banda sonora dunha exposición da artista valenciana Gemma Alpuente. Como é abordar un proxecto desas características, aparentemente tan distinto de facer música para un filme ou para un audiolibro nos que, como na música, hai unha progresión estruturada no tempo, cun principio e un final?

David: «Facer Squeeze con Gemma foi un desafío importante en varias frontes. Por unha banda, o feito de facer un álbum de piano; eu non son pianista, pero gústame moito o que achega o instrumento, e atreverme foi un paso significativo. A maiores, a composición dos cinco temas da banda sonora produciuse en cinco días, a un día por tema. Había que cumprir cos apertados tempos para que a banda sonora puidese estar lista para a inauguración na galería de arte.

Aínda por riba, a parte final do proceso, mestura e mastering, tiven que facelas lonxe do meu estudo, en Montreal (Canadá). Polo tanto, estou moi satisfeito do resultado e de como saíu todo, tendo en conta as circunstancias».

 

 

 

 

Estás a presentar o teu novo disco, Moloch (2024). O termo que dá título ao álbum aparece na biblia hebrea (tanaj), e designa, segundo a tradición rabínica, unha figura de bronce relacionada con sacrificios humanos, especialmente nenos. Por que escoller este concepto para titular o disco?

David: «Moloch representa, de forma figurativa, algo que require dun sacrificio moi custoso; un enorme sacrificio interno. Nada que ver con sacrificios humanos no sentido literal ou físico».

 

 

Existe algún fío condutor entre os sete cortes que compoñen o álbum? De ser así, de que xeito trasladas ese concepto aos temas?

David: «O concepto que entrelaza todos os temas é o do propio título do álbum. Non adoito a facer unha compilación de diferentes temas, escoller unha portada e chamarlle “álbum”. Ten que haber algún elemento de cohesión, un motivo de fondo polo que todos eses temas coexisten no mesmo hábitat. Neste caso, é moi claro; a nivel lírico, conceptual, mesmo sónico —malia os diferentes xéneros do álbum, desde ambient a metal— todos os temas forman, no seu conxunto, un todo holístico arredor de Moloch».

 

 

Canto á inspiración, que, ou quen, as inspirou?

David: «Ese sacrificio custoso, a transformación que supón e unha miríade de motivos persoais, internos, que levaron á necesidade de plasmar esas emocións e pensamentos en forma de son».

 

 

Como foi o proceso de creación de Moloch? De que xeito foron medrando as cancións desde a súa idea inicial?

David: «Non foi un proceso estándar ou típico. Para a creación do álbum propúxenme facer 31 demos en 31 días dun mes específico, contando co mesmo modelo, mesmos instrumentos, mesmo telón de fondo para achegar unha maior cohesión e homoxeneidade. Os sete temas de Moloch veñen desas 31 improvisacións ou demos feitas nun mes.

Logo de escoller os temas que serían parte do álbum, cada un deles medrou ao seu ritmo propio, pero sempre nese lenzo de homoxeneidade, con eses instrumentos e esas características sónicas. Algúns temas gañaron profundidade atmosférica, outros viron guitarras engadidas e, por suposto, as voces afogadas en reverb e o compoñente lírico asociado ás mesmas foi parte dese proceso de crecemento».

 

 

Que fixo que The Vulnerability of All Things” fose escollido como primeiro sinxelo?

David: «En realidade, o primeiro e único sinxelo é “Leaving Alaska”. “The Vulnerability of All Things” foi o primeiro vídeo de Moloch que saquei en YouTube tras probar a ferramenta de intelixencia artificial; gustoume a interacción coa mesma e o resultado, polo que decidín publicar o vídeo».

 

 

IV” abre o disco, foi esta peza especialmente composta para Moloch ou podería ser a continuación de El Desierto Blanco (2019), onde as pezas ían numeradas (I”, II” e III”)?

David: «É unha grande observación. Con todo, non teñen nada que ver. Tamén podería un cuestionarse se ten algo que ver cos temas “Victim I-III”, de (Un)fearful, mais a resposta é a mesma: “IV” simboliza e representa varios conceptos só aplicables a Moloch».

 

Os teus videoclips máis recentes —“Leaving Alaska”, Pool of Blood”, The Vulnerability of All Things”— están feitos con IA. Por que apoiarse nesta ferramenta? Na túa opinión, que impacto pensas que pode ter a utilización da IA á hora de crear contidos artísticos?

David: «Así é. Tamén cheguei a facer vídeos de temas como “Azure Neon” ou “Myrkur”, entre outros. Penso que a ferramenta é tremendamente poderosa a todos os niveis. O seu potencial é practicamente infinito e pode ser un complemento perfecto á creación artística, desde a creación de vídeos ou ideas de portadas ata certos plugins no propio proceso de produción e mestura.

O único impacto negativo que pode ter a IA na creación musical acontece cando deixa de ser un complemento e substitúe fases, procesos ou mesmo proxectos enteiros feitos por humanos. Un claro exemplo sería a industria na que eu mesmo traballo, a do sync licensing, na que afirman que a IA podería substituír a un 80% dos compositores e produtores. Desde Google MusicLM ata a infinidade de plataformas de xeración de música que xurdiron no último ano, todo apunta a que isto é tan só o comezo e haberá que adaptarse e transformarse cos cambios dunha tecnoloxía en continua evolución».

 

Obra gráfica de David Vázquez

 

As portadas dos teus traballos son, na súa maioría, imaxes nebulosas, inquietantes e cheas de misterio. De onde vén esta fixación pola abstracción?

David: «No eido artístico, o que máis me gusta facer, ademais de música, é experimentar con texturas visuais. Normalmente, emprego papel de acuarela e pinto con acrílico mesturado con auga. A partir de aí, emprego materiais que, ao igual que na miña música, conforman unha especie de lenzo atmosférico, etéreo e textural.

As portadas de Moloch, “Leaving Alaska” e Concept City foron feitas dese xeito. Ás veces, emprego fotografía en lugar de pintura para as portadas, como pode ser a de Wounds ou a de The Transient. Ademáis, tamén fixen portadas para outros artistas, como poden ser This Bridge Leads to Yourself e Berlin, de Lois. Teño ganas de continuar a facer traballos visuais».

 

 

 

Cando, e onde, poderemos ver a David Vázquez ao vivo? Que pode agardar o público dun concerto teu?

David: «Sinceramente, non o sei. A idea de actuar ao vivo atráeme moito, pero hai que ter en conta múltiples factores de configuración, loxísticos, se o faría eu só ou con alguén máis, o aspecto visual... É algo que quero facer no futuro, sen dúbida, mais non hai nada programado polo de agora.

Penso que se podería agardar unha experiencia envolvente, atmosférica, etérea e, por suposto, visual. Neste momento, non contemplaría un show sen visuais para o tipo de música que fago».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

David: «Sen dúbida, a música de Rogelio G. Lois. O material que ten en solitario en forma de cancións —cantadas— é dunha calidade superior. Con influencias de grandes artistas como Chris Cornell, Soundgarden, Jane’s Addiction, Alice in Chains ou Blind Melon, paréceme demasiado bo para non ser coñecido».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

David: «Desde bandas sonoras de películas e series ata os artistas que escoitaba de adolescente. Temos a Hans Zimmer, Rival Consoles, Holy Fuck, Nick Cave, Khushi, Darkside, Nils Frahm, Zeal & Ardor, Chelsea Wolfe, Massive Attack, Alice in Chains, Spirit in the Room, Soundgarden, The Smile... e, por suposto, clásicos persoais como Deftones, Marilyn Manson, Limp Bizkit ou Tool».

 

  noticias