DE VACAS: «APARECE UNHA ASOCIACIÓN PARVA, OU BRILLANTE, E DE REPENTE XA NON PODES ESCOITAR A CANCIÓN ORIXINAL SEN PENSAR NELA»
De Vacas leva unha década facendo do humor, a música e a retranca unha forma propia de entender o escenario. O que comezou como unha idea nacida entre tres amigas que compartían coro e unha paixón común polas Spice Girls acabou converténdose nun dos proxectos máis singulares e recoñecibles da música galega. Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández construíron un universo no que as harmonías vocais, a guitarra e a cultura popular conviven con naturalidade, sempre cunha boa dose de retranca.
Ao longo destes anos, De Vacas fixo da mutación unha linguaxe propia, rescatando cancións, retrousos e melodías para levalos ao seu terreo e demostrando que detrás da aparente diversión hai tamén un importante traballo musical, un discurso e unha poderosa posta en escena. Unha filosofía que acada agora unha nova dimensión coa Vacanal Sinfónica, un espectáculo de gran formato co que revisitan a súa traxectoria e celebran dez anos de historia desde unha nova perspectiva, a sinfónica.
Falamos con elas sobre os seus inicios, a evolución do grupo, o humor como ferramenta creativa, a relación coa música popular e esa particular maneira de transformar cancións coñecidas en algo completamente propio. Tamén sobre o reto de levar De Vacas ao universo sinfónico e sobre todo o que aconteceu ao longo desta primeira década da súa traxectoria.

Como Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández se converteron en Marela, Pinta, Morena e Rubia para dar vida a De Vacas?
Paula: Foi unha tarde alá polo 2015 na que Faia, Inés e mais eu ensaiabamos unhas cancións para unha actuación que tiñamos cun pequeno coro. Entre risas lembramos e cantamos cancións das Spice Girls; sorprendidas de que o recordo fora tan nítido, rememoramos todas aquelas coreografías e harmonías que tanto ben nos fixeran na adolescencia. Foi nese mesmo intre onde decidimos que había que facer algo con toda esa marabilla musical: un grupo tributo ás Spice Girls? Siii!. Así comezou todo.
Disque barallastes outras denominacións, pero por que «De Vacas» para nomear o proxecto?
Paula: Non foi doado poñerlle nome ao grupo. «Arriba los brillos» foi un dos nomes candidatos, tamén o foi «Pancho&The Chochas», ata que nunha tormenta de ideas saíu o nome de «Vacas». Aí todas pensamos que era un nome que cadraba moi ben co noso sentir. Ás vacas gústalles pacer, comer, estar xuntiñas, muar/cantar; as súas pelaxes encaixaban á perfección coas nosas (Marela, Pinta, Morena e Rubia), e como ben dicía Castelao: «a vaca é o símbolo da paz».
En 2015 publicabades un vídeo no que faciades vosa, nun dubidoso coreano, a celebérrima «Gangnam Style», que pouco despois aparecería nunha versión karaoke. Como xurdiu a idea de metamorfosear ese grande éxito de 2012?
Paula: En realidade fixemos a versión da versión. Escoitamos a un trío de mulleres coreanas que facían a súa propia versión do Gangnam Style e encantounos, así que o noso foi a versión da súa versión. Aprender mal o coreano non foi sinxelo, pero despois de asumir que facendo só cancións das Spice Girls iamos ter unha carreira moi pequena (teñen nada máis que tres discos no mercado); decidimos que si ou si iamos ampliar o repertorio comezando polo recoñecido «Gangnam Style» e o noso precario coreano do norte.
Ese tema naceu como algo puntual ou xa daquela tiñades na cabeza que era o primeiro de moitos e que iades continuar por esa vía?
Paula: Este era o primeiro tema que viu a luz, pero xa viña da man doutros temas de artistas que tiñamos claro que queriamos que formaran parte do noso repertorio vacuno: Spice Girls, Britney Spears, Backstreet Boys, Mónica Naranjo... músicas que nos marcaron e nos acompañaron durante a nosa adolescencia.
Cada un dos vosos temas ten máis de subversión ou reconversión que de versión en sentido estrito. Reelaboración? Reformulación? Como describiriades vós ese proceso de mutación que sofre un tema nas vosas mans tanto na música como, sobre todo, na propia letra?
Paula: Ás veces non sabemos moi ben como definir o que facemos porque somos conscientes de que as nosas cancións van máis alá da versión, así que chamarlle subversión, mutación ou reconversión encaixaría moito mellor. As cancións pasan por un proceso profundo de transformación que varía segundo o que nos suxire cada tema musical. Non hai unha pauta fixa, senón que cada tema pide facer unha creación ou outra a nivel de letra, música ou discurso.

Que elementos ten que ter unha canción para que lle poñades o ollo enriba? Como as elixides, xa o facedes cunha temática concreta na cabeza ou é a propia canción quen a inspira?
Paula: Normalmente é a propia canción a que inspira. Temos moitas cancións no noso imaxinario musical que temos a ilusión de transformar e cantar nos directos. É habitual nos ensaios que saian cancións que nos marcaron, ou cancións que nos inspiran moito e sentir a necesidade de crear algo novo sobre elas.
En 2017 se estreaba o vídeo de «Amodiño». Que buscabades dándolle unha volta (e a volta) ao tema de Luis Fonsi?
Paula: O xiro que lle demos ao «Amodiño» non respondeu unicamente a razóns lingüísticas. Enfrontámonos a unha realidade moi frecuente e preocupante no ámbito musical que é o contido machista das letras. Ante isto, optamos por reescribila e falar dunha relación sexual desde a nosa mirada.
«Amodiño» foi un grande éxito con moita repercusión. Como vivistes ese momento «viral»? Que significou para vós?
Faia: Vivímolo de maneira moi feliz e con sorpresa! Foi un impulso grande e axudou a dar a coñecer o proxecto.
A retranca é un ingrediente esencial do proxecto, pero por que escoller esa perspectiva? Permite o humor e a ironía falar con máis liberdade sobre temas que poden ser, digamos, incómodos desde outra óptica?
Faia: Non é só unha perspectiva que elixamos, é que está na nosa forma de ser, na maneira na que nos comunicamos entre nós. Tamén ten que ver cun posicionamento político e vital, ou artístico, claro, cremos que a través do humor contamos as cousas do mellor xeito. Pero ademais rímonos moito xuntas, e queremos facer á xente partícipe diso, rirnos con elas. Cada proxecto ten a súa natureza, neste caso o humor vai fiando o discurso de maneira orgánica, dita as súas leis e leva sendo así desde o primeiro día. Pero non creo que sexa unha perspectiva cómoda a da ironía, coloca ao público nun lugar bastante incómodo, porque non dá unha mensaxe pechada. Isto sentímolo máis cando saímos fóra de Galiza, ás veces tardan un par de temas en entrar.... e acaban entrando, obrigámolos!!! Pero si, pode que se non fose co filtro do humor a metade das cousas que dicimos non as puidéramos dicir tan directamente, seriamos censuradas dunha ou outra maneira.

Como un éxito de Marta Sánchez acaba por se converter nun himno á menstruación?
Faia: Pois... por que non? Iso foi na época na que ela fixera a letra do himno de España, unha letra espectacular, moi sentida... nós fixémoslle un himno a unha temática moi sentida tamén, que nos preocupaba bastante máis e da que se falaba moi pouco... pero non usamos a melodía do himno de España porque non había por onde collela. Usamos unha da propia Marta Sánchez que é un temazo («Soy yo»). En calquera caso todo isto vai de referencias coidadas, inspiración... cando ela falaba de rojo e amarillo no himno pois nós inmediatamente pensamos na cor dos fluídos vaxinais.
Os arranxos vocais son algo moi característico do voso son. Como os traballades? Sodes de darlles voltas e voltas ata que todo encaixa?
Faia: Dámoslle moitas voltas, si, e tamén levamos moitísimos anos cantando xuntas así que hai unha parte do traballo que está integrado, de empaste, de escoita... son horas e horas de canto compartido, non só riba do escenario. As voces construímolas e a veces non valen e facemos outras, e así imos probando e desfrutando moito porque a verdade, cantar a voces é a cousa máis fermosa e pracenteira que eu, persoalmente, coñezo... e con elas máis aínda, todo encaixa.
A escrita das letras é tamén, nunca mellor dito, un traballo coral? Como xorden?
Faia: Xorden dun proceso de traballo metódico e coidado que chamamos: esbardallar, baballar, latricar... ten varios sinónimos segundo a RAG. Baballar acabo de velo e encántame, penso que se axusta perfectamente. Ten que haber unha mesa con comida e bebida e teñen que darse as condicións de temperatura adecuadas. Despois consiste en deixarse levar, botar por fóra ata que a algunha lle dá moita risa e entón sabemos que funcionará. Cando a cousa colle forma escribimos e fixamos as letras. Ás veces dámoslle moitas voltas e outras veces vai á primeira, nunca se sabe.

En «Rexurdimente» (2019) facedes dialogar a dúas Rosalías, a nosa poeta do Rexurdimento e a célebre cantante catalá. Como abordastes esta canción partindo non da transformación da letra orixinal senón da súa substitución por un poema de Cantares Gallegos que, ao mesmo tempo, levabades ao terreo do flamenco?
Faia: Pois unha vez que temos claro que o imos facer, é como un xogo un pouco... que letra de Rosalía entra nunha canción de Rosalía? Imos probar... Probamos, modificamos algunhas cousas e logo creamos o arranxo musical, que xa tiña esa base de flamenco. Parecía que estaban un pouco feitas para cantar xuntas, nós facilitamos o encontro.
No vídeo da canción, cunha moi coidada posta en escena, aparecedes acompañadas de «avoas, nais, irmás, amigas…». Como lembrades a súa gravación?
Faia: Foi divertidísimo, a verdade. Tivemos colaboracións de xente moi querida, moitas amigas... nais, avoas, irmás... axudáronnos en todo e fixérono incrible. Alugamos algúns traxes e xuntamos roupa que tiñamos todas pola casa que remitise a esa época. Tivemos tamén a Lorena bailando, unha chulada. E todo isto na Unitaria, a casa de Fer e Gon que tamén foi dalgún xeito a nosa casa, o noso primeiro concerto fixémolo nese mesmo espazo o día que inauguraron a escola.
En 2019 con «El anillo pa’ cuando» poñedes ao día un tema de Jenifer López. É o machismo de moitas letras do actual mainstream unha continua fonte de inspiración?
Inés: Si, material desde logo non falta… O mainstream ten esa cousa marabillosa de que ás veces che vende como modernísimo algo que, se lle quitas a produción espectacular e o videoclip, ten unha mensaxe bastante antiga. E aí hai un terreo moi agradecido para nós. Gústanos coller esas cancións que todo o mundo coñece, darlles unha volta e facer que, de repente, escoites a letra doutra maneira. O humor permíteche sinalar cousas sen necesidade de dar un sermón. E ademais nós tamén nos rimos de nós mesmas e das contradicións nas que todas vivimos. Non se trata tanto de dicir «mirade que mal está isto» como de poñelo diante, retorcelo un pouquiño e deixar que fale por si só.
Nese 2019 facedes o deseño sonoro de Santa Inés un monólogo teatral escrito e dirixido por Lorena Conde e protagonizado precisamente por ti, Inés. Como resultou iso de facer algo tan diferente?
Inés: Foi moi especial, porque estar nos dous lados do proxecto, como actriz e como parte de De Vacas, permitiume entender perfectamente o que precisaba a peza e trasladarlles as ideas ás miñas compañeiras. E tamén foi unha oportunidade para explorar xuntas unha sonoridade moi distinta á que viñamos facendo: buscar outras atmosferas, só coas voces, máis solemnes, máis místicas, pero sen perder nunca a ironía. Porque o propio monólogo xogaba tamén nese lugar. Santa Inés era un espectáculo sobre a liberdade, a obediencia, a violencia, o inefable, a mística na contemporaneidade; sobre o que un mundo de lobos agarda de nós —as añas— e, sobre todo, sobre o que nós, as añas, agardamos de nós mesmas e do mundo. Vacas, lobos, añas…a miña vida vai de animais!
E para entrar nun territorio así, as miñas compañeiras de viaxe e de vida, das que tanto aprendo, tiñan que estar. Foi moi bonito descubrirnos tamén nese outro rexistro e comprobar ata onde podiamos chegar xuntas empregando practicamente só as voces. Para min foi perfecto. E esa música segue aí: está colgada en SoundCloud para quen queira achegarse a ela e escoitar esa outra cara de De Vacas.

«BEO BEO XACOBEO» (2022) amosa a cara menos amable do turismo ao fío da ampliación do Ano Santo por mor da pandemia. Tivo algo que ver ese choque entre o sagrado e o profano do orixinal de C. Tangana e Nathy Peluso o que vos levou a escollelo?
Inés: Totalmente. Ese contraste viña estupendamente para falar do Xacobeo, porque aí tamén conviven permanentemente o sagrado e o profano: a peregrinación e o negocio, a espiritualidade e o merchandising, o Camiño e a masificación. Había moito xogo aí. E coa ampliación do Ano Santo aquilo parecía xa unha especie de Xacobeo infinito. Interesábanos falar tamén da outra cara dese modelo turístico: que pasa coa xente que vive nos lugares cando estes se converten en produto, que pasa cos prezos, cos espazos, coa vida cotiá. E facelo cunha canción tan excesiva e tan intensa permitíanos levar esa contradición ao noso terreo.
«Titanic, nunca máis» (novembro 2022) conmemoraba o 20 aniversario do desastre do Prestige (que coincidiu co 25º aniversario da estrea de Titanic). Unha novidade foi a incorporación á instrumentación de cordas e a frauta de Budiño. Que tiña este tema que pedía incluír novos instrumentos para envolver o son da guitarra de Guillerme?
Inés: Había algo épico na propia idea que pedía medrar tamén musicalmente. Xuntar Titanic e o Prestige era poñer a dialogar dúas imaxes enormes, tráxicas e moi presentes na memoria colectiva, aínda que, evidentemente, por motivos ben distintos. Parecíanos que a canción pedía saír do formato habitual e gañar en dimensión. As cordas permitíannos levar esa épica cinematográfica ao noso terreo, e a frauta de Budiño, amigo noso e artista ao que admiramos moitísimo, achegaba xusto a sonoridade que buscabamos. E o porte no videoclip, obviamente! [risos]. Ademais, é unha persoa que conecta moi ben co noso humor e coa maneira que temos de facer as cousas. Ao final, máis que buscar simplemente novos instrumentos, estabamos a buscar unha orquestra feita de persoas coas que nos afundiriamos nun Titanic, coas que iriamos recoller chapapote e coas que, chegado o caso, prenderiamos lume dun xeito moi elegante a todo para que non pase Nunca Máis.
En «Cocido» (2026) reconvertedes un tema sobre o amor e o desexo de Karol G para describir o sufrimento de quen decide renunciar aos «praceres da carne». Como se vos ocorreu transformala na «canción do vegano»?
Inés: Porque os praceres da carne son demasiado bos como para deixalos pasar. Nós funcionamos moito así, aparece unha asociación parva, ou brillante, dependendo do día, e de repente xa non podes escoitar a canción orixinal sen pensar nela. «Que hubiera sido se antes comera un cosido»/ «vou presentarte coma o meu cochino». Neste caso gustábanos precisamente levar toda esa intensidade do amor, do desexo e da paixón a un drama completamente diferente: imaxinar un cocido en pleno verán e non poder comelo... desa idea nace a «canción do vegano», con toda a súa ironía. E o bonito é ver como se despraza cara a un lugar absurdo converténdose nunha Oda ao cocido, dedicada a todos os cochinos e cochinas que nos veñan ver.
Catro cadeiras nas que sentades, vestiario a xogo, algo de atrezzo… e aí comezaba a maxia. É unha formulación aparentemente sinxela. Pero máis aló desta última xira de aniversario (da que falaremos agora), canto de inspiración hai no teatro na ideación da posta en escena dos concertos?
Inés: Hai moito teatro, si. Penso que nunca foi só un grupo de música. Desde o principio foi un proxecto no que se mestura todo no escénico dunha maneira bastante natural, porque hai un discurso e, cando hai algo que contar, entran máis elementos en xogo. Os corpos, roupa, cadeiras, obxectos, instrumentos, e catro persoas dispostas a todo. Hai unha estrutura e pensamos moito a posta en escena, pero tamén deixamos moitísimo espazo á liberdade e á improvisación. Gústanos que o espectáculo estea vivo, reaccionar ao público, ao lugar e entre nós. Hai momentos nos que unha lanza algo e as outras van detrás sen saber moi ben onde vai acabar aquilo. Ás veces acaba ben. E cando non, normalmente é bastante máis divertido. E logo están esas catro señoras que se parecen sospeitosamente a nós pero teñen menos filtros, máis descaro e unha facilidade preocupante para virse arriba. Non sabemos moi ben onde rematamos nós e onde empezan elas, e tampouco temos moito interese en descubrilo. Ao final, o teatro permítenos levar máis lonxe o que queremos contar. E temos moita fantasía dentro como para montar un universo enteiro.

Agora estades en plena Vacanal Sinfónica, un novo enfoque do espectáculo no que vos acompañades dunha orquestra e un coro vocal amplo nunha xira que conmemora o voso décimo aniversario. Que buscabades con esta ambiciosa proposta, con este novo formato?
Inés: Tiñamos ganas de celebrar os dez anos facendo precisamente o contrario do que fixeramos durante moito tempo. Se unha das grazas do grupo sempre foi espir as cancións con catro voces, unha guitarra e relativamente poucos elementos, pensamos: E que pasa se agora botamos por fóra?. A Vacanal Sinfónica nace un pouco desa vontade de festa e de exceso. E sobre todo facelo coa xente querida, as músicas que compoñen a orquestra, a produción, a maquillaxe, a escenografía, as luces... e un elemento fundamental: o Coro da Ra. Alí foi onde nos coñecemos e desexabamos cantar con elas, bailar coreografías, compartir esta xira, celebrar e agradecer todos estes anos. Así foi, coller cancións que levamos anos cantando e escoitalas a través dos arranxos de Lucas Rey, cunha orquestra e cun coro detrás cambia completamente a experiencia. Hai temas que medran, outros que aparecen case como cancións novas e incluso nós temos que buscar outro sitio dentro delas. Pero tamén queriamos que toda esa dimensión sinfónica non nos fixese perder o que somos. E ese contraste entre unha música tratada con toda a grandiosidade posible e o universo vacuno foi incrible. É unha celebración destes dez anos, pero tamén unha maneira de dicir: chegamos ata aquí e queremos poder seguir experimentando ca música.
Hai algunha canción que quixerades transformar e que se vos resistise ata o punto de desbotar a idea? Se foi así, que tema é cales foron os atrancos insalvables?
Guille: Sempre hai cancións que ofrecen menos dificultade á hora de ser transformadas e outras que se resisten máis, pero tamén é certo que moitas veces as que mellor funcionaron ou das que máis satisfeitas quedamos foron aquelas nas que menos fe tiñamos. Levamos anos enfrontándonos a este reto e nunca chegamos á frustración de non ser quen de sacar adiante algún tema, aínda que por suposto unhas quedan mellor que outras e algunhas non pasan o noso propio filtro.
Sen ánimo de facer spoiler, tedes xa algúns temas en proxecto? En que estades a traballar?
Guille: Sempre temos algún tema rondándonos a cabeza. Probamos, cantamos, ás veces é preciso deixalas repousar... é cuestión de tempo que acaben aflorando. Outra cousa é preparar un espectáculo completo porque entón xa non só falamos de cancións, senón tamén de elementos escenográficos, de vestiario, do que queremos transmitir, dun discurso fiado, dun todo coherente en definitiva. Neste momento estamos precisamente nese proceso de poñer en común os diferentes ingredientes que nos sirvan para elaborar o menú que queremos dar a degustar ao público o antes posible.
Sabemos que é unha pregunta recorrente, pedimos desculpas, pero, e o disco, «pa’ cuando»?
Guille: Pois non está previsto, somos un grupo que naceu en redes e que sempre demos a coñecer o noso traballo a través delas, e polo de agora todo apunta a que vai seguir sendo así. Apostamos máis polos formatos alternativos que polos tradicionais, pero sempre foi algo natural, non temos nada en contra do físico, gústanos a inmediatez que supón gravar e publicar case a un tempo.

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Guille: Por sorte hai moita e moi variada oferta de música galega neste momento, sería complicado facer mencións sen arriscar a deixar a alguén atrás. Gústanos que se faga música en galego de todos os estilos e máis aló de gustos persoais (que aquí cada unha ten os seus) recomendamos escoitar todo tipo de propostas sen prexuízos (ou polo menos non con máis dos que se teñen cando se escoitan as que veñen de fóra do país) porque é a única maneira de ser consciente da cantidade de talento que circula pola nosa contorna.
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Guille: Non teño nada que ocultar aínda que recoñezo que o uso máis intensivo que fago das plataformas é o de recuperar discografías de grupos que nalgún momento chegaron a min (meu pai e algunhas amizades máis veteranas ca min foron provedores intensivos) e que doutro xeito hoxe serían difíciles de conseguir. Concretando, gústame o punk e postpunk británicos, The Jam, The Clash, The Specials ou Joe Jackson (aínda en activo), sempre presente está Tom Waits, interésame todo o que ten que ver co jazz e o blues clásico, encántame a música comercial da década dos 80 (flípanme grupos como Deacon Blue, Prefab Sprout ou The Blow Monkeys) e trato de estar ao día do que pasa no país escoitando música galega actual. E si, tamén teño unha playlist de cancións candidatas a formar parte do repertorio de De Vacas.

