
MOURA, do precelta “marwo” (morto), do grego “moira” (destino), do celta “mori” (mar), “mori-morwen” (serea), “mahra” (espírito).A partir de sons foráneos como a psicodelia e o rock progresivo, esta banda coruñesa reivindica a herdanza druídica da cultura galega, que bebe directamente das tradicións pagáns dos celtas, dos ritos e da mitoloxía da era precristiá. A súa adhesión á terriña perfílase en trazos contundentes sen renegar do folk, pero distanciándose dos referentes esotéricos que, dun tempo a esta parte, se convertiron en lugares comúns dentro do xénero.Nese sentido, a súa proposta musical inspírase no enfrontamento entre o novo e o vello, evocando lendas ancestrais que os sitúan nun territorio rural e inhóspito, lonxe das grandes urbes, da civilización e o seu dominio tecnolóxico.Unha contorna agreste dominada pola presenza da natureza como ameaza literal e metafórica, un lugar que alberga espíritos que asexan ao home, presenzas perigosas e indefinidas que poden ter ata unha orixe cósmica.A medio camiño entre as atmosferas feéricas de Arthur Machen e o lirismo de Eduardo Pondal, MOURA desprega un aquelarre eléctrico que aspira ao transo e nos convida a bailar arredor da cacharela. A petar nas portas dese mundo subterráneo sobre o cal camiñamos e temos esquecido. En certo modo, ofrécennos unha chave que nos achega ao que somos e non queremos ver.
Contratación
MouraDiego Veiga 646 902 188 mouraacidcoven@gmail.com