“Poucas cousas hai máis pop en toda Galicia que Alfonso Espiño”, Nico Vidal.A perseverancia e a experiencia avalan ao creador de cancións compostelán Alfonso Espiño, quen leva máis de media vida facturando música pop en combos de culto como Contrastes, Mega Purple Sex Toy Kit ou Los Chavales. En solitario desde 2016, Espiño segue a explorar as posibilidades do pop lisérxico, erixíndose en estandarte da neopsicodelia en Galicia e en galego, acuñando o termo galedelia.Acompaña a Espiño (voz, baixo) a banda composta por Ale González (teclados), Brais Sánchez (guitarras) e Fran Facal (batería). O grupo naceu alzándonse co 1º Premio do II Certame Galicia Creativa 2016, sendo tamén finalista dos Premios Martín Códax da Música en 2018, 2019 e 2021. Nas súas gravacións, Espiño é xeneroso co detalle e os arranxos instrumentais, que flúen en sintonía cunha lírica rica en personaxes fascinantes e lugares máxicos, inspirados pola paisaxe natural e a melancolía de Galicia.Sobre os palcos, a banda ofrece un enérxico directo que tamén conta con momentos puntuais para o recollemento e a emoción. O paso de Espiño por multitude de festivais manifesta o interese e o apoio do público e dos programadores polo músico santiagués, que traballa de cotío en novas melodías. Completan a proposta multidisciplinar de Espiño as súas facetas de DJ en clubes e festivais, e a de investigador musical e conferenciante, resultado da súa tese doutoral sobre a historia do pop en Santiago, publicada en 2020.
Contratación
A Reixa ProduciónsFran Villasenín 653 937 616 - 669 996 055 areixaproduccions@gmail.com