
Belém Tajes (Bos Aires, 1985)
Cantante, compositora e especialista en musicoterapia, comezou tocando e cantando en agrupacións tradicionais, aprendendo tamén das cantigas das súas avoas, naturais da aldea de Arou, Camariñas. Estudou violoncello no Conservatorio da Coruña e tamén gaita no Conservatorio de Carballo.
Vén de formar parte da xira “Cable a Tierra” de Vetusta Morla en Barcelona, Bilbao e Madrid, tocando con eles e con El Naán no estadio Metropolitano ante máis de 25.000 persoas. Xirou con Luar na Lubre durante case un ano e medio, e percorreu con eles os principais teatros da península, visitando tamén México, Francia, Bélxica, Portugal, Escocia e Reino Unido. Con Luar na Lubre e outros artistas gravou o CD-DVD “Ribeira Sacra” (2018).
Ten participado en varias formacións musicais como cantora e percusionista con: Xosé Lois Romero e Aliboria, MOURA, con Pesdelán, e no coro Sisters in the House de Carmen Rey, entre outros proxectos.
Foi a música elixida para representar a Galicia no proxecto ‘Tosta Cultural Cargo’ sobre linguas minorizadas do Atlántico Norte. Grazas a este proxecto escribiu o seu primeiro libro, “Cantos do mar de Irlanda”.
Creou o proxecto musical Vudú, galardoado cun Premio Martín Códax e cun Premio Opinión de Músicas de Raíz. Agora lanza o seu primeiro EP en castelán “Un mapa” (2022), inspirado na súa terra de nacemento, Bos Aires.
Contratación
Repica Acción cultural
Rubén Capelán
622 122 898
- 660 711 958
repica.cultural@gmail.com