• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

O IV SONIDOS MANS SUPERA O SEU RÉCORD DE PARTICIPACIÓN CON 377 INSCRITOS

O IV SONIDOS MANS SUPERA O SEU RÉCORD DE PARTICIPACIÓN CON 377 INSCRITOS
5 MAIO 2020

Sonidos Mans, o concurso de bandas emerxentes que anualmente organiza a Fundación Paideia Galiza e Estudios Mans coa colaboración da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) pechou as inscricións da súa cuarta edición cun total de 377 bandas de todo o panorama musical español. Con 86 grupos rexistrados, Galicia é a Comunidade con maior número de candidatos, seguida de Cataluña (85) e Madrid (57).

 

O obxectivo do Sonidos Mans é facilitar unha plataforma de difusión aos artistas e grupos que se atopen dando os primeiros pasos nas súas carreiras musicais —un dos requisitos é non ter editado nin distrubuído traballos de xeito comercial— ademais, nesta edición marcada pola crise da COVID-19, se presenta baixo o lema ‘#QuédateEnCasa con Sonidos Mans’, modificando as súas bases para, malia a actual situación de emerxencia sanitaria, garantir o premio aos oito grupos gañadores.

 

Profesionais de recoñecido prestixio como o produtor musical Paco Loco, a manager Keina García ou o xornalista musical Ángel Carmona foron os encargados de seleccionar as mellores 50 propostas de entre os proxectos musicais presentados. Os 10 mellor puntuados pasaron directamente á fase final e os 40 restantes a unha fase de votación popular que comeza hoxe, 5 de maio, a través da web www.sonidosmans.com, de onde sairán escollidos 15 novos finalistas.

 

Na presente edición, debido a situación de excepcionalidade provocada pola COVID-19, a organización do certame quere asegurar oito premios do seguinte xeito: seleccionaranse oito bandas para tocar nos festivais que se adhiran á plataforma e, no caso de que algunhas destas actuacións non se poidan levar a cabo, o gañador correspondente recibirá un bono para merchandising do grupo por un valor aproximado ao do custo da actuación. Como en edicións anteriores, os gañadores tamén poderán gravar en Estudios Mans tanto un single como un vídeo en falso directo.

 

🏆 A listaxe dos oito grupos gañadores publicarase o 28 de maio de 2020.

ETIQUETAS

  noticias