NOVIDADES CORENTUNES. VOL. III
Ei!, que para a música non hai franxa horaria! Canción a canción, estamos máis preto de volver xuntarnos (aínda que sexa nun pequeno tanto por cento!) para desfrutar da súa música en directo, pero mentres agardamos á seguinte fase… os nosos artistas e grupos seguen creando e cantando para o #QuédateEnCasa.
Abrazo de Melodía - Reynier Aldana
Xa que (polo de agora!) non podemos facelo en persoa, o músico e compositor cubano ofrece este abrazo virtual sonoro xunto aos seus compas Alejandro Vargas (piano, marimba), Max Gómez (batería) e Mauricio Caruso (guitarra).
Tuve que correr - César de Centi
En branco e negro, «coa guitarra en mano», o cantautor coruñés versiona a Antonio Vega no seu salón.
Cuando Todo Esto Acabe - Nítido
… que farás? onde irás? A banda viguesa recolle neste single-clip os «amigos e sitios que [lles] apetece visitar un montón».
Miña Nai - Tanxugueiras
Mashup de tres cancións populares galegas dedicadas ás nais que as Tanxugueiras compartiron co gallo do Día da Nai o pasado domingo 3 de maio.
Anduriña - Los Marcianos
Os vigueses recuperan o clásico de Juan Pardo durante o confinamento; producido, mesturado e masterizado polo seu produtor, Carlos Hernández, con vídeo de Tincho Fernán.
Ace of Aces - Carlos ‘Pájaro’ Arévalo
Drum cover caseira do ‘Ace of Aces’, orixinal de The Fearless Flyers.
Lo tienes o no - Radio Zapa!
Radio Zapa! «xuntouse», enténdase virtualmente, para gravar a Edición Confinamento 2020 do seu ‘Lo tienes o no’, coas colaboracións estelares de camaradas como Espiño o Jerry Noia.
O Tren - IGLOO ft. Cristian Silva
Co gallo da actuación de IGLOO en PortAmérica, os de Caldas puxeron en marcha a iniciativa ‘IGLOO e os ESQUIMOS do Barbanza y do Salnés’ xunto a músicos da zona de Caldas de Reis e arredores; estréana co clasicazo de Andrés do Barro «pasado polo seu filtro» e acompañado pola gaita de Silva.
No Éramos Dioses - Maldito Murphy
A canción coa que «todo comezou», hai xa tres anos!, revisada durante o confinamento.
Gala - Villanueva
Primeira sesión de gravación en estudio da canción favorita do músico e compositor vigués, cuarto corte do seu último traballo discográfico Cuarto de Invitados (Son Buenos, 2019), en solitario e para Spotify.
Sirenas - JHONANDER
Gravado en febreiro, «cando aínda nos sentíamos libres», no estudio do Náutico de San Vicente (O Grove), a banda pontevedresa lanza o seu trallazo máis recente cun videoclip… ao aire libre, si, ese que tanto botamos de menos!
Nai - Xoán Curiel
Musicalización dun poema de Carvalho Calero, que narra o reencontro entre o poeta e a súa nai, quen faleceu sendo el neno —incluído no seu libro Salterio de Fingoi (1961)— e que Curiel presenta baixo o título ‘Nai’.
Color Relámpago - Silvia Penide
Desta vez, a cantautora coruñesa regálanos unha versión de ‘Color Relámpago’, orixinal de Ari Magritte.
Septiembre - Polonio
Coa súa pequena como protagonista, Polonio lanza este clip low-fi rodado durante a cuarentena no interior do seu fogar; unha obra audiovisual que retrata os pequenos detalles da vida cotiá dunha nena nacida en setembro.
Todo Comezará - SERJ
Acompañado polos coros de Rebeca Rama, SERJ presenta un tema composto para animar e agradecer, tanto aos traballadores de primeira liña, como aos cidadáns que respetan as medidas impostas durante o confinamento «sacrificándose polo ben común».
Agárrate a mi mano - Mosquera Celtic Band
A banda folk-pop liderada polo gaiteiro Fernando Mosquera lanza este single-clip dedicado a todos aqueles que sofren a crise sanitaria e económica provocada pola COVID-19, un canto ao futuro cheo de esperanza… tamén coa súa versión en inglés!
Morra o conto - Brais Morán
Versión a guitarra e voz do tema das súas compañeiras A banda da Loba, incluído no seu último álbum Fábrica de Luz (Seispés Producións Creativas, 2019).
Joana - Xoel López
Crúa, sinxela e, a diferencia da súa orixinal… con acordes de guitarra!
Amor e Sangue en Chiapas - García Mc & Nación Quilombo
Traballando na distancia e con fame de palcos, García Mc e a súa banda revisan o clásico de Lois Pereiro, versión Estado de Alarma.