• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MR. RIVER: JAZZ FUSIÓN Á BEIRA DO LÉREZ

MR. RIVER: JAZZ FUSIÓN Á BEIRA DO LÉREZ
25 MAIO 2020

Novo, con talento, único… el é MR. RIVER. Detrás dun son americano pero moi Made in Galicia, atópase este grupo con base en Pontevedra e formado por Miguel del Río (guitarra, composicións), Santi Mar San (baixo) e Marcos Corbacho (batería), que nace a finais de 2017 «cunha chamada a Miguel e unha proposta musical en forma de trío sen máis aspiracións que tocar e desarrollar música propia», lembra Santi.

 

Xuntos crean un estilo particular, con nome propio e de cabaleiro: River [Style], resultado dunha fusión entre o jazz, o blues, o funk, o flamenco e a música tradicional galega, unha mestura que recollen en dúas EP’ s, o último deles, On The Dock (2020), publicado o pasado mes de febreiro.

 

Enriba das táboas, entre as catro paredes de local de ensaio, do estudio, MR. RIVER é guitarra (Miguel del Río), baixo (Santi Mar San) e batería (Marcos Corbacho), foron sempre estes os vosos instrumentos de referencia? Cal foi o xermolo de MR. RIVER?

Miguel: «Si, no meu caso levo desde os 9 ou 10 anos tocando a guitarra».

Santi: «Bueno, eu comencei coa guitarra… pero máis tarde collín o baixo por traballo e ata o día de hoxe».

Marcos: «No meu caso comecei aos 10 anos de idade coa batería e a percusión».

 

Sodes orgullosos fundadores do River Style, resultado dunha fusión entre o jazz, o blues, o funk, o flamenco e a música tradicional galega. Como foi o desenvolvemento ata definir este son tan característico? Como se acoplan as cordas da guitarra e o baixo a percusión da batería?

Miguel: «Para chegar a este son tan característico tiveron que pasar máis de 30 anos, nos que as miñas vivencias iban paralelas a miña traxectoria musical.

Marcos: «A idea estaba clara desde o principio. Na actualidade identifícase o jazz co sonido e características do be-bop, pero as nosas influencias e a nosa idea era facer jazz desde un punto de vista mais ‘americano’ seguindo o estilo das nosas referencias musicais, por eso noso sonido é máis contundente, mesturando o son do baixo eléctrico, con guitarras con moita distorsión e efectos, e unhas baterías contundentes».

 

En quen, ou que, se inspira MR. RIVER á hora de compoñer? Algún referente en particular?

Miguel: «A inspiración pódeme vir de moitos sitios, hai temas inspirados en viaxes, en familiares, en amigos, sentimentos… Como un referente concreto, dicirche que me encantaba a música das series americanas de televisión dos anos 80».

 

Joe Satriani, Steve Vai, Andy Timmons, Scott Henderson, Pat Metheny, Chick Corea, John Scofield, Larry Carlton, Jaco Pastorius, Marcus Miller, Victor Wooten, Dave Weckl, The Aristocrats... son, ademais, algúns dos músicos e bandas que inspiran ese River Style e do que MR. RIVER fai gala en cada un dos catro cortes que compoñen o seu debut discográfico, Mr. River (DistroKid, 2019), EP onde o trío nos convida a unha viaxe que comeza no río Lérez (Pontevedra) e termina no río Hudson (Nova York).

 

 

 

Debutades con Mr. River (2019), gravado, mesturado e masterizado en LITIUM Records (Pontevedra), traballo composto por catro temas que xiran arredor dos sentimentos e experiencias vividas por Miguel del Río (guitarra, composición). De que xeito pasa o intanxible, por exemplo unha vivencia, á tanxible, unha serie de acordes no pentagrama?

Miguel: «Gústame moito que me fagas esta pregunta, porque creo que [é] algo moi subxectivo. No meu caso, creo que aínda que teñas moitos coñecementos musicais que che axuden a compoñer —como por exemplo J. S. Bach que chegou a empregar fórmulas matemáticas para compoñer en algunhas das suas obras— esa idea ou inspiración nace con un e, precisamente iso, é o que fai que a música teña a túa seña de identidade».

 

En Mr. River escoitamos ‘Octopussy in the Galician Style’, unha peza que semella rock a ritmo de pandeirada. Como xurdiu esa idea de combinar rock e ritmos de música tradicional?

Miguel: «A clave de esta idea está en como traducían nun restaurante de Mallorca ‘polbo á galega’ por ‘Octopussy in the Galician style’ esa mistura do noso polbiño escrito en plan yanqui fíxome tanta gracia que levoume a compoñer este tema misturando a música tradicional galega co rock».

 

 

 

MR. RIVER desemboca nas principais salas galegas, como a Bazaar (Pontevedra), La Iguana (Vigo), Salason (Cangas do Morrazo) ou a Sala Moon (Santiago de Compostela), forxando un directo que, meses máis tarde, enchería a Praza do Teucro na xornada inaugural do XXVII Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. Un ano e pouco despois da publicación daquel primeiro EP, a banda pontevedresa lanza On The Dock (2020), un novo curto gravado, mesturado e masterizado en Zoilo  Unreal Studios que recolle catro temas de composición propia de corte  blues-rock e jazz fusion.

 

Xusto un ano e quince días despois do voso debut discográfico, o pasado febreiro, publicabades On The Dock (2020), EP con catro novas pezas orixinais. Como describiriades o proceso creativo?

Marcos: «Os catro temas que soan neste novo EP sufriron un proceso de evolución desde que Miguel creou os temas ata o resultado final. Unha vez no local de ensaio, tanto Santi coma eu aportamos as nosas ideas e de aí sae o que logo se escoita no disco. Ademáis, facemos exactamente os temas como no directo salvo no caso do tema ‘Sexy Gypsy Girl’, un tema inspirado na música flamenca onde se engadiron guitarras españolas e percusións para conseguir unha versión perfectamente recoñecible en estilo e carácter, con solos de guitarra e de baixo magnificamente interpretados polos meus compañeiros. Así é como traballamos, Miguel compón a idea orixinal e logo Santi e máis eu engadimos os nosos coñecementos para acadar este resultado».

 

Con On The Dock desfrutamos dun primeiro single, homónimo, e o seu correspondente videoclip oficial, gravado en exteriores a diferencia dos anteriores single-clips, gravados ao vivo en LITIUM Records. Como foi esta evolución tanto a nivel musical como visual?

Santi: «Nos primeiros traballos a intención era mostrar a banda tocando xuntos, ao vivo, dunha tacada [risos]… de arriba a abaixo. Este último xa foi grabado por pistas nos estudios de ZOILO UNREAL ,con máis mimo se cabe e pensando que logo tería un escenario concreto cunhas imaxes elixidas por nós para o vídeo».

 

 

 

On The Dock foi presentado no Local de Música de Pontevedra, un centro sociocultural público dedicado á música que ofrece servizos de ensaio, formación e gravación de balde. De que xeito credes que afecta este tipo de iniciativas á escena musical da cidade?

Santi: «Paréceme moi acertado todo o que implique axudar a rapaces máis novos na formación das súas bandas en todo o que supón ensaios, redes sociais, gravación… Ademais, creo que é algo moi positivo para calquera cidade apostar pola cultura no ámbito que sexa».

 

‘MacLeod (The Druid)’, ‘Blaky’, ‘Sexy Gypsy Girl’, ‘Blues For Lidia’ son algunhas das vosas cancións; polos títulos, diriades que están inspiradas en alguén en concreto?

Miguel: «Todas! [Risos] Excepto ‘Sexy Gypsy Girl’, que está inspirada na música e na beleza das mulleres flamencas, que sempre me chamou a atención».

 

 

 

O gran afluente de MR. RIVER, como adiantabamos, foi a súa participación no que Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, unha actuación na que, ademais de contaxiar ao público a súa paixón pola música fusión, o trío contou coa colaboración de Adrián Solla nos teclados.

 

O pasado xullo inaugurabades o XXVII Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. Como foi a experiencia de tocar fronte a unha Praza do Teucro abarrotada? E compartir cartel con artistas de renome internacional? Como levastes o de ser profeta na terra que viu nacer a MR. RIVER?

Miguel: «Foi realmente apaixonante; eu fun moitas veces a Praza do Teucro aos concertos de Jazz e Blues e nunca vin a Praza con tanto público. Ao principio, a sensación é de moita responsabilidade, pero a medida que vai avanzando o concerto e ves como o público te aplaude, e incluso tararea algunha melodía dos teus temas… iso queda ahí na memoria para sempre».

Marcos: «Para min a palabra é responsabilidade. Tempo atrás falamos entre nós do que nos encantaría tocar na nosa cidade, nun festival tan importante como é o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra; sabiamos que había que traballar moito e de forma moi seria e profesional para chegar ahí. E eso mesmo ocorreu, os nosos concertos sempre os realizamos coa maior seriedade e profesionalidade que se espera dun grupo de músicos que viven por e para a música, polo que ese traballo e seriedade nos levou a poder tocar neste festival. Como é lóxico, non queríamos defraudar e, sobre todo, sendo a agrupación que abría o festival. Persoalmente, desfrutei ese concerto como un neno pequeno e me consta que os meus compañeiros o desfrutaron igualmente».

Santi: «Para min foi unha gran sorpresa que contaran con nós para un festival tan importante xa que, aínda levando toda a vida traballando na música por separado, levábamos pouco tempo como banda e foi un recoñecemento moi agradecido pola nosa parte, tocando na nosa cidade».

 

 

 

Ante o actual estado de emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19, sen compromiso e con todo o noso agarimo, como estades a afrontar a situación? Que vos parece a iniciativa de trasladar os concertos ás redes sociais?

Marcos: «MR. RIVER non para, xa que desde o 14 de marzo a nosa consigna é: ‘cando podamos volver aos ensaios, ten que ser como se esta situación non existira’, e podo decir que cada vez que nos conectamos telematicamente, os temas saen mellor que cando empezou o estado de alarma.

A iniciativa de trasladar os concertos ás redes sociais vai ser algo temporal xa que temos un público moi fiel e o seu principal comentario é: ‘os discos están moi ben, pero nada que ver co directo’. A partir de agora sabemos que os concertos en directo van ser diferentes en canto ás medidas de distanciamento social, pero o punto forte de MR. RIVER é o directo, polo que aproveito para invitar a todos aqueles que escoiten a nosa música e se sintan atraídos polo noso estilo a aprecialo en directo».

 

Coas recomendacións dos seus grupos e artistas Made in Galicia favoritos e a súa selección en Spotify, despedímonos de MR. RIVER, ata o vindeiro directo!

 

Na actualidade, que artista o grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Miguel: «Bluestime, auténtico blues-rock feito en Ourense».

Santi: «Sumrrá e Broken Peach son dúas bandas moi diferentes, a primeira veterana e dun estilo jazzístico e a segunda, máis nova, facendo versións pop-rock cun grandísimo talento».

Marcos: «Persoalmente gústanme as cousas que está a facer Tom Risco, Israel Arranz, que ademais de amigos son colegas de profesión e, por suposto, Miguel Lamas, batería galego que está triunfando fóra das nosas fronteiras».

 

Se abrísemos as vosas contas de Spotify, que escoitariamos? 100 % Sinceridade – 0 % Vergoña.

Miguel: «Agora mesmo, MR. RIVER, Scott Henderson, Henrik Freischlader, The Dereck Trucks Band, Robben Ford, Mike Stern e Oz Noy.

Santi: «Richie Kotzen, Dirty Honey (recen[mente] descuberta), e outros que nunca faltan coma Sting ou Joe Satriani».

Marcos: «No meu caso escoito case de todos estilos musicais, desde a música clásica, latina, ata jazz, rock, etc. Realmente son máis de ver concertos en vídeo seguindo aos meus músicos favoritos, interesándome por como acompañan, o sonido que utilizan, etc.».

 

 

  noticias