LA IGUANA CLUB. DIRECTOS XACOBEO’21, VOL. 4
¡Novos concertos de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.
LA IGUANA CLUB
A finais de 1990, The Devil Dogs inauguraban nun concerto explosivo La Iguana Club, e cun comezo tan épico non é de estrañar o que veu despois: Green Day, Siniestro Total, Andrés Calamaro… mais na Iguana non esquecen ás bandas emerxentes ás que, por suposto, tamén lles tenden a man. Este local, situado no enclave estratéxico da noite viguesa, Churruca, non tardou en converterse nunha meca do rock e da boa música en xeral. Grazas ao seu cartel e ás excelentes condicións técnicas que presenta, cunha acústica coidada e unha estética que, xunto co seu gran ambiente, che somerxen na época dourada do rock 'n' roll.
Dirección: Churruca, 14, 36201 Vigo (Pontevedra)
Facebook: https://www.facebook.com/laiguanaclub/
The Soul Jacket
Esta banda emerxeu dun soto alá polo 2004, cando un grupo de músicos decidiron facerse escoitar polo mundo para predicar as súas letras, inspiradas no rock dos 70. Actualmente, Guillermo Gagliardi (guitarra), Jann Zerega (baixo Fender), Jorge Mizer (guitarra), Mauro Comesaña (batería), Toño López (voz) e Xabier Viéitez (teclas), compoñen as súas filas. É precisamente a característica voz de Toño a que dota de sutís pinceladas de soul as composicións da banda que, xunto co rock ‘n' roll e o R&B, dotan dunha personalidade propia á formación. Agora, pese a ter unha morea de traballos discográficos publicados nestes máis de quince anos de bagaxe, o grupo non para de reinventar as súas fórmulas, logrando sorprender á crítica e ao público a partes iguais.
Ortiga
Nunca unha ortiga picou tan ben! O santiagués Manuel González embarcouse neste proxecto en solitario contando xa cunha boa bagaxe, que actualmente compaxina coa súa participación no grupo Boyanka Kostova. Gusta de fusionar estilos a priori imposibles para logo crear obras mestras onde os sons verbeneiros se mesturan coa música urbana ou o autotune, creando toda unha viaxe sensorial que funciona de marabilla. Demostrouno no seu primeiro disco, Chicho & sus Chichas (Ernie Records, 2019), e desde entón non parou de sacar temazos e percorrer a xeografía española de festival en festival, e mesmo actuando tamén nalgún internacional, como por exemplo, o ¡Vamos!, festival celebrado en Inglaterra.
Santi Araújo
Este músico orixinario de Ponteareas decídese a iniciar a súa carreira en solitario en 2018, cando publica o EP Catedral (Ernie Producciones, 2018), un traballo musical no que expón a súa dor máis íntima e, á vez, amosa optimismo e entende a música como unha forma de reconstrución persoal, un lugar onde expresar todo o que tiña adentro, de liberarse. E faino a través dunhas cancións con sonoridades que van desde o folk rock de corte americano ata o britpop ou mesmo o indie de autor. Somos sabedores de que o seu segundo proxecto sairá á luz este ano… e non podemos estar máis ansiosos!
ISIUS
Isius comeza con José e Nuria, unha parella de músicos que lanza en 2019 o seu primer traballo discográfico como dúo, Songs From Everywhere (Ernie Records, 2019), no que predomina o indie rock con matices folk; o seu paso por diversas cidades e as súas vivencias persoais tiveron gran influencia nas letras das cancións deste primeiro álbum. Despois do lanzamento, decidiron ampliar a banda reclutando a Alberto Iglesias (batería), Carlos Gil (guitarra), Edu Romero (baixo) e Roberto Cibeira (sintes). A conexión xurdiu e o grupo publica en 2020 un novo traballo, Fox & Castle (Ernie Records, 2020), onde volven entroncar un indie intimista e coidado cun rock alternativo nunhas composicións cheas de sentimentos que logran contaxiar unha sensación de serenidade.
The Bo Derek’s
A receita deste grupo foi xuntar os seguintes ingredientes: Óscar Avendaño (guitarra, voz) e os irmáns Jorge Lorre (baixo, coros) e Rufus “El Guarro” (batería, coros)… vaia tres pés para un banco! Cunha ampla traxectoria dos seus integrantes no rock ’n’ roll en castelán, o grupo xúntase para debatirse entre o old school rock ’n’ roll e, como eles din, o pubrock, cunhas letras que tratan desde historias de noites de esmorga ata críticas contra a artificialidade das redes sociais. Polo de agora, levan un LP, 10 (Family Spree Recordings, 2019), e un EP, Al carajo! (Family Spree Recordings, 2020), nos cales berran: rock ’n' roll en castelán para divertirse, beber e bailar!
Inerttes
Este cuarteto vigués nace a finais de 2004 e, en 2008, presentan o seu primeiro traballo. Pero xa o di o refrán, amodo e boa letra… e vaia se tiveron bo resultado! Ese mesmo ano alzáronse co Premio Maketón de Estrella Galicia e acadaron o posto de finalistas en diversos concursos. Tempo despois volveron a agasallarnos con outros proxectos e, na actualidade, atópanse preparando novidades. A súa actitude sincera e uns directos bestiais son marca da casa dun grupo caracterizado, tamén, pola súa música rock que chega a alcanzar ás veces o metal.