NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2021

Bellezza - Xackal (feat. Ruth Abramowicz)
Bellezza (2021), pop italiano dos 60 con arranxos á brasileira, só podía ser el, Xackal. O seu prolífico 2021, esta é xa a quinta entrega do ano, convídanos a desfrutar dunhas secuencias de imaxes sonoras onde a beleza se crea para volver destruírse, polo que se queda só na lembranza de quen a admira. A golpe de guitarra e voz, Bellezza foi producida lenta e coidadosamente durante estes dous últimos anos, e é que esa feliz sinerxia de pop con electrónica orgánica e froito dun traballo meticuloso onde a sinxeleza estrutural choca de cheo coa complexidade harmoniosa, tanto en sons como en arranxos. Xunto a Xackal, a voz da cantante bonaerense Ruth Abramowicz axuda a Bellezza a atopar ese nexo sonoro entre España e Italia.
«Sen cancelas musicais e parido tras vivir moita ansiedade, presións e cambios na miña vida»; deste xeito describe Pauliña o seu novo traballo discográfico, Testemuñas (Xonix Records, 2021). Pouco máis dun ano despois da súa última entrega, Pauliña sorprende cun álbum que pecha unha etapa cargada de cambios, ganas, emoción e moito traballo e así o reflicte na decena de temas que o compoñen; a mestura de ritmos bailables con toques blues musican letras sobre «problemas que xa tiñamos esquecidos e dos que nos estabamos a esquecer». E non o fai soa! Para as súas Testemuñas, Pauliña contou coas colaboracións de grandes da cultura galega como Leo de Matamá, Hight Paw, Nee Barroso ou Fosi Labazada, ademais de cruzar a fronteira e aliarse coas músicas do mundo do grupo portugués Kumpania Algazarra. A portada, obra de Pruden e Lúa, mestura o tradicional co contemporáneo nun colorido deseño que fai alusión a todas as cancións do disco: referencias a Urbano Lugrís, a Cambados, á loita das mulleres sen medo e decididas, ao demo e aos cruceiros, ás tabernas e aos furanchos que desde ben nova frecuentou… En galego, porque todos os “Remordementos” sexan os do single clip, o novo de Pauliña vén forte e combativo, como ela mesma.
Maleza - Bala
Logo de catro sinxelos deixándonos a mel nos beizos, por fin podemos morder o novo de BALA ao completo. Xa dispoñible en CD e vinilo, ademais de nas principais plataformas dixitais, Maleza (Century Media Records, 2021) é a continuación daquel LUME (Matapadre, 2017) que, como o seu propio nome indica, nos quedou gravado a lume na memoria. O dúo pontevedrés de metal extremo volve cun longo de produción impoluta, con nove cortes peculiares e singulares á vez, que manteñen ese contido potente, ritmo combativo e actitude irreverente que Anxela e Violeta levan ofrecendo desde hai máis de cinco anos. Gravado, mesturado e masterizado en Ultramarinos (Barcelona), Maleza móvese entre o grunge dos noventa e o punk e stoner de renome, unha mestura de «paisaxes sonoras» interxeracional onde BALA rende homenaxe a grandes como Nirvana, Melvins, Fu Manchu ou L7. Morden, instigadoras e cautelosas; descortizan cada nota ata deixarnos sen alento como as fieis «depredadoras» que son.
Daquela morte froiteira, hai xa cinco longos anos, Trilitrate pasa agora a celebrar... as hortalizas! O grupo, composto por Elena Vázquez (violín), Marcos Padrón (acordeón), Rubén Abad (guitarra, oud) e Montse Piñeiro (visuais, deseño), veñen de lanzar o seu terceiro longa duración, Está de grelo (Ropeadope/Gandula, 2021), unha original colección de 13 temas que abrangue folk, jazz, música clásica, contemporánea e, mesmo, a improvisación libre. Gravado e mesturado por Javier Ortiz en Estudios Brazil (Madrid), coas voces dos colaboradores rexistradas por Ibán Pérez en Estudio Terraforma (O Hío) a causa da pandemia, o LP convida a entrar nun paraíso sonoro sen limitacións, donde las líneas do folklore otomán, o celta, o romanés ou o africano converxen no destino final: «un océano de esplendor, beleza e luminescencia».
Detrás del espejo. Variaciones y ecos - Triangulo de Amor Bizarro
O seu último álbum —curiosamente homónimo, como o primeiro— saía xusto cando o país se paralizaba pola pandemia, o 20 de marzo de 2020. Durante o confinamento, sen posibilidade algunha de presentalo ao vivo, Triángulo de Amor Bizarro puxo en bandexa as súas cancións a outros artistas para que as modificasen ao seu gusto, con total liberdade... tal experimento converteuse nun novo disco. Para Detrás del espejo: Variaciones y ecos (2021), dispoñible nas principais plataformas dixitais e en vinilo, TAB contou con artistas que non fosen moito do seu estilo «non versións respetuosas, senón todo o contrario», e do seu noise rock e post punk orixinal pasamos a escoitar noise extremo, trap, pop ou ambient grazas as colaboracións de Erik Urano, Soleá Morente, Sr. Chinarro, Carolina Durante, Boyanka Kostova, Aries ou J (Los Planetas), entre otros.
Embruxo - Baiuca
Ás súas facetas de produtor e compositor, agora hai que engadirlle a de «bruxo». Convertido xa en alquimista de sons, Baiuca lanza Embruxo (Raso, 2021), álbum onde volve conectar o folclore popular galego coa electrónica. Composto por unha decena de pezas, este novo LP é un traballo conceptual sobre o misticismo galego, bebendo de coplas populares e poemas de autores como Luis Amado Carballo ou Curros Enríquez. Ao longo do disco non só escoitamos como Baiuca trae códigos tradicionales a un marco contemporáneo, senón que, grazas a esa electrónica de club a nosa cultura ancestral semella… futurible? Inspirado nas cantigas e os mitos de Galicia de séculos pasados, como meigas, bruxería ou a Santa Compaña, para Embruxo, Baiuca montou un aquelarre de colaboracións xunto a Rodrigo Cuevas, Lilaina, Cristian Silva e Xosé Lois Romero.
Con «b» de Búfalo Vil, así lanza Búfalo Vil o seu último traballo discográfico. Nin un ano tardou Xurxo Esquío en entregarnos, de novo, o seu salvaxe indie rock irreverente. Composto por catro temas orixinais, máis unha versión de “Mucha policía, poca diversión” en clave synth, Rebolución (2021) sobe un chanzo, musicalmente falando, grazas ao peso que gañan baixo e teclados, protagonistas, deixando ás guitarras nun segundo plano. Os cinco cortes do EP están, ademais, unidos por un nexo lírico común: os diferentes xeitos de rebelión abordadas desde varios puntos de vista. "Runner" é o segundo single, un tema que canta á presión que exerce a sociedade capitalista ao esixir, cada vez máis, unha carreira competitiva sen fin.
Dez violentas maquetas - Ataque Escampe
O último de Ataque Escampe é toda unha viaxe sonora polo baúl das lembrazas, Dez violentas maquetas (2021) recolle, na mesma orde que no disco orixinal, as dez maquetas preparatorias que, máis tarde resultarían en Violentos anos dez (2011), disco que naceu «da precariedade (a nosa, a da época)», pero a súa sinceridade, estraña e fráxil, acabou converténdoo no seu traballo máis coñecido da década. A decena de demos foi concibida para escoita interna, pero, igual que co que «irmán xemelgo», o que era un agasallo de última hora para celebrar o décimo aniversario de Violentos, se converteu nun novo traballo que, segundo a súa nostálxica descrición: «o seu interese musical é escaso pero cremos que nesas letras a media cocción, nese concurso de a ver quen desafina máis, no metrónomo de fondo, na urxencia das cancións cantadas por teléfono, latexa ese pouso de tenrura e inocencia que ás veces aparece cando se intenta construír algo especial. Ti nunca deberías escoitar este disco, pero nós queremos que exista».
🎧 Sigue a nosa lista de novidades en Spotify!