• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

CRNDS: «A MESTURA ENTRE ELECTRÓNICA E MÚSICA TRADICIONAL DEUSE DUNHA FORMA BASTANTE CASUAL»

CRNDS: «A MESTURA ENTRE ELECTRÓNICA E MÚSICA TRADICIONAL DEUSE DUNHA FORMA BASTANTE CASUAL»
7 XUÑO 2021

Compositor e produtor, crnds é un artista de música electrónica formado na Escola Superior de Música de Catalunya e no SAE Institute Barcelona, fundador, ademais, do selo Lindisfarne; entre as súas colaboracións como produtor destacan Cibrán Seixo, Fran Barcia e Sandra Monfort, entre outros.

Do confinamento provocado pola COVID-19 xurdiu o seu debut en solitario, o single Inerte (2020), e pouco máis dun ano despois, crnds sorprende co seu primeiro álbum, CERNADAS (2021), unha colección de nove cancións na que o compositor e produtor galego dialoga coa electrónica máis experimental e a música tradicional galega, desde a contextualización e incorporación da linguaxe rítmica ata o sampleo de material sonoro de arquivo.

 

 

Foto: Aida Cuevas

 

Formácheste como guitarrista na ESMUC (Escola Superior de Música de Catalunya) e no SAE Institute Barcelona, cando e como deches o salto aos teclados e á electrónica?

crnds: «Durante todos os anos de formación, a miña relación coa música estivo marcada polo meu instrumento. Practicamente todo estaba supeditado a adquirir habilidades técnicas e a perfeccionar sen límite a miña práctica. Sempre había algo de ter que telo todo controlado e ensaiado antes de atreverme a facer e a amosarme; para min era súper necesario romper iso canto antes.

Nese sentido, o contacto coa electrónica axudoume moitísimo; supuxo un cambio radical nas regras de xogo e iso levoume a encarar os procesos creativos dunha forma súper libre. Supoño que iso facilitou que empezase a poñer o foco nas ideas que perseguía e non tanto na execución».

 

O paso pola ESMUC permitiuche entrar en contacto con diferentes músicos, entre eles o violinista Cibrán Seixo co que tes traballado estreitamente en diferentes proxectos. Como conectastes? Que vos levou a traballar xuntos?

crnds: «Coñecémonos nos botellóns da ESMUC. Sempre acababamos tocando xuntos. Colaboramos moito durante a carreira; en concreto, o curro que fixemos para o seu proxecto final marcoume moito. Penso que foi o xerme da música que fixemos despois».

 

Tanto a Escola como Barcelona, cidade cosmopolita, diversa e chea de arte, serviron de catalizador da túa carreira? Como lembras esa época?

crnds: «Foi moi incrible todo iso. Aprendín un montón na carreira, sobre todo das miñas compañeiras. Ademais, a cidade é súper nutritiva a nivel cultural; de verdade que boto bastante en falta vivir alí...».

 

Con Cibrán formas Prímula co que ganastes o certame SGAE Galicia Creativa en 2015, un proxecto cun folk diferente pero aínda acústico e no que contastes con Xosé Lois Romero, boa parte de Aliboria e Fran Barcia, entre outros. Foi o teu primeiro contacto co folk ou xa viña de antes? Como definirías ti ese proxecto?

crnds: «Si, comecei a interesarme pola música tradicional a raíz de coñecer a Cibrán; flipábanos currar xuntos e Prímula foi unha consecuencia diso. Ese encontro no certame foi moi enriquecedor para min; Fran Barcia foi un pilar súper fundamental no proxecto despois diso, e as Lilaina estiveron presentes en todo o curro posterior de Prímula. Con Xosé Lois colaboramos novamente no disco de Sandra Monfort».

 

Prímula era máis acústico, pero hai un vídeo de 2018 dunha sesión DJ no marco do Festival Fringe de Edimburgo que apunta xa nesa dirección de mesturar electrónica e música tradicional. Comezaches a ver nesa altura o camiño? Foi o xermolo de crnds?

crnds: «Os primeiros temas de Prímula movíanse nunha onda máis acústica, pero comezamos a traballar con electrónica practicamente desde os inicios. De feito, temos bastantes cousas inéditas que se moven nunha liña próxima ao son de crnds.

Na derradeira etapa de Prímula, antes de desfacernos, faciamos sesións pinchando temas folk e recollidas, mesturados con temas de electrónica. A min flipábame iso. Sen dúbida, esas sesións foron un dos motores do meu disco».

 

 

Por certo que no título dese vídeo, «Pr.mvla_djst_Internet Moon Gallery», xa se deixa ver esa teima de eliminar as vogais... De onde vén? Por que crnds?

crnds: «Porque [crnds] era o nome da carpeta onde gardaba todos os temas que producía eu só; o nome da sesión de Prímula é o do arquivo do master da sesión. Non hai ningunha intención detrás disto».

 

Xa en 2019, tamén con Cibrán Seixo, coproduciches temas en solitario da valenciana Sandra Monfort e a mallorquina Clara Fiol (ambas de Marala). Serviu para consolidar esa liña de amigar música electrónica e folk? Como foi esa experiencia con elas?

crnds: «Cibrán e máis eu xa coñeciamos a Sandra da carreira. No meu último ano en Barcelona reencontreime con ela e comezamos a currar xuntas. Publicamos un dobre single con algún dos temas que estabamos a traballar.

Pouco despois, Sandra propúxonos a Cibrán e a min facer a produ do seu disco e comezamos a colaborar as tres —no medio de todo isto, Sandra presentoume a Clara— e nunha viaxe que fixo a Galiza gravamos “Sa Madona”; foi moi fluído o proceso con ese track; pasou dunha forma súper espontánea».

 

Como crnds debutas con Inerte (2020), un sinxelo gravado en Santiago de Compostela durante o confinamento, onde xa combinas folk e electrónica de vangarda. Que significou este tema? Foi unha especie de manifesto ou de declaración de intencións?

crnds: «En realidade non hai como tal ningún elemento folk neste tema; toda a percu é unha batería sampleada; non hai patróns rítmicos nin melodías tradis.

En xeral, non me gusta a idea de manifesto. Paréceme pretensiosa, unha especie de sentencia sobre que camiño hai que seguir. Eu non teño nin idea de que camiño hai que seguir; fixen este tema porque tiña moitísimo que soltar a nivel emocional nese momento».

 

 

Falando do confinamento, como o levaches? Es deses artistas aos que lle serviu de amplificador creativo ou todo o contrario?

crnds: «Para nada. Empezara co disco en xaneiro e estaba moi a tope, pero no confinamento non o toquei. Poñíame a currar nel, pero non avanzaba, non lle vía sentido... As cousas que necesitaba contar antes da pandemia eran outras. Leveino fatal, supoño que como todas.

Xa antes da pandemia tiña que lidar con que non podía permitirme dedicarlle máis tempo a traballar no disco porque non tiña pasta. No confinamento, ademais, tiven que xestionar a ansiedade como podía. Todo mal. Nun momento dado entendín que tiña que parar co disco e, a verdade, a partir diso empezou a mellorar todo. Fixen “Inerte” e foi desaparecendo o bloqueo».

 

Case un ano despois de Inerte, sorprendes co teu primeiro álbum, CERNADAS (2021), unha colección de nove cancións que se presentan como unha conversa entre a electrónica máis experimental e a música tradicional galega. Con que obxectivo lanzas este diálogo de tradición e vangarda?

crnds: «A verdade é que non o fixen cunha pretensión concreta; a mestura entre electrónica e música tradicional deuse dunha forma bastante casual. CERNADAS é unha especie de expresión do que viña pasando no meu estudo, das colaboracións, dos sons aos que ía chegando. Foi para min un espazo no que deixar saír ideas e experimentos que tiñan a súa orixe nas sesións de DJ que fun facendo tanto con Prímula como eu só».

 

No disco conviven composicións propias con outras baseadas en temas tradicionais. Insistes na idea de que non recolles, senón que empregas materiais xa recollidos como materia prima. Como foi o proceso de escolla deses materiais? En que te fixas, máis no ritmo, na melodía…?

crnds: «Traballo con recollidas coas que conecto dalgún xeito, que me evocan algo. Non busco tanto ritmos ou melodías concretas que encaixen en beats ou ideas previas. En case todos os casos o elemento xerador do tema foi a propia recollida».

 

 

 

Portada de "Santa Sabina". Deseño: Álvaro Chior

 

O single presentación “Santa Sabina” foi recollido en Santa Comba por Fransy González quen tamén o interpreta. Poderías falarnos un pouco máis deste traballo conxunto e por que foi este tema o escollido como single presentación?

crnds: «A idea de “Santa Sabina” saíu pinchando. Estaba soando unha das pistas dun disco de Érik Marchand no que colaborou Fransy; nese momento soltei varios loops e flipei co resultado. Quixen reconstruír dalgún xeito esa atmosfera que se xerara e propúxenlle colabo a Fransy. Unha vez no estudio, o tema colleu unha forma súper diferente.

Creo que “Santa Sabina” resume bastante ben o son do disco, por iso decidín sacalo como adianto».

 

En “Boa” partes dunha gravación de Erminda Miramontes, toda unha institución como informante. Como foi o proceso de transformación do orixinal ata convertelo nun dos temas do disco?

crnds: «Isto ocorreu tamén pinchando! Quedou soando esa muiñeira cantada por Erminda sobre un beat e quixen traballar sobre iso. Contactei con Miro Regueira, que é o autor desa recollida, e grazas a el tiven a sorte de coñecer a Erminda. Empreguei ese mesmo arquivo de audio procesado para producir “Boa”».

 

 

Xa en xeral, traballas con elementos da música tradicional que incorporas á túa propia linguaxe, ritmos de xotas e muiñeiras pasados polo filtro da electrónica. Como adoita ser este proceso?

crnds: «Normalmente cando quero facer a percu para algunha idea na que estou currando, sáeme traballar con patróns de xotas ou muiñeiras. Outras veces curro con samples de percu tradicional e póñoos ao servizo dun beat calquera. Non ten que ser necesariamente algo próximo ao tradi. Creo que non hai unha constante nestes procesos de traballo. Cada caso é diferente».

 

Un trazo característico é o tratamento das voces con efectos de pitch, autotune… Por que facelo deste xeito?

crnds: «Supoño que no caso da miña voz, no momento en que a pitcheo para abaixo ou a someto a calquera outro proceso nesa liña, son capaz de disociarme dela e síntome moi libre».

 

Máis alá da música tradicional... todo músico atopa a súa auga de inspiración ou influencias nalgún regueiro… De cales bebes ti para compoñer os teus temas?

crnds: «Penso que bebo de toda a música que escoito. Flipo especialmente con Arca, desde a primeira vez que souben dela foi unha inspiración».

 

Lemos que a túa obra é descrita como «cibernética da tradición», pero como a describirías ti?

crnds: «A verdade que non sei como o faría; paréceme perfecto que a describan outros».

 

 

Na túa opinión, cres que a «modernización» de pezas tradicionais, mesturando, no teu caso, letras e ritmos tradicionais con acordes electrónicos, máis contemporáneos, axuda a manter viva a nosa música de tradición oral?

crnds: «En ningún caso teño intención de modernizar a música tradicional. Sería irresponsable pola miña parte asumir ese papel. Creo que a música tradicional é un feito colectivo, e por tanto non me corresponde a min levala cara a ningún lado. Non estou seguro de ter a capacidade como individuo, e coa miña proposta, de manter viva a canle de transmisión.

No momento no que estou descontextualizando unha muiñeira, sacándoa dun serán e meténdoa nun escenario, xa a estou convertendo noutra movida. Como moito igual pasa que axudo a que non se perdan unhas coplas, pero non creo que a música tradicional sexan só as súas melodías».

 

Semella que ese diálogo entre música tradicional e electrónica desde diferentes ópticas ou mesmo entre a música tradicional e diferentes estilos (rock, metal, progresiva, pop...) estase a converter en tendencia. Por que pensas que se está a producir?

crnds: «En realidade paréceme súper normal que esteamos todas a tope con iso. Perdeuse o medo a abrir ese diálogo e entendo que se están explorando os límites».

 

 

Como curiosidade, de onde veñen os títulos de “013”, “012” e “015”? Dirías que fan de interludios instrumentais?

crnds: «Levo máis ou menos a conta dos temas que vou acabando desde que firmo como crnds. Todos os que non teñen título quedan co número que lles corresponde. Funcionan totalmente como nexos entre outros temas e, no caso do “013” en concreto, compúxeno porque precisaba un cambio de ton para entrar desde o Alalá en “Plor”».

 

 

Portada de Cernadas. Deseño: Alberto Cernadas 

 

A portada resúltanos curiosa… e ten a súa contraparte nun vídeo na túa canle de YouTube, onde podemos ver a fogueira queimándose aos poucos, mentres soan as cancións do álbum. Ti mesmo fotografaches e filmaches o momento. Que pretendías transmitir con isto?

crnds: «Todo o imaxinario visual do disco xira arredor das cinzas como elemento purificador. Estiven un tempo informándome, xunto a Fran Barcia, sobre os ritos tradicionais que empregan as cinzas para tratar doenzas ou males coma “a sombra”. Materialicei todo isto coa axuda de Álvaro Chior, que realizou o vídeo que acompaña o álbum».

 

 

 

Logo de LindisfarneDeseño: Álvaro Chior

 

Ademais de crear, arranxar e interpretar, tamén levas o teu propio selo, Lindisfarne que, polo de agora, che serve para publicar os teus traballos. A idea será abrilo a máis creadores? Como ves o seu futuro?

crnds: «Seguramente polo de agora non se abra a outras artistas. O que si que é moi posible é que funcione como plataforma para outro tipo de proxectos; aínda nun estado moi inicial».

 

A principios de maio subiches ao escenario do MUTEK xunto a Fransy, nun concerto presentación do álbum. Como foi a experiencia de volver ás táboas e, sobre todo, de facelo neste festival de referencia da vangarda?

crnds: «A verdade é que flipamos. Eu levaba sen tocar un montón de tempo e sentoume incrible, e á xente notábaselle moitísimo que botaba en falta os concertos. Para min foi un pracer poder formar parte da programación do MUTEK xunto a Fransy. Síntome súper agradecido!».

 

Ao fío, a volta da música ao vivo de xeito regular aínda está sendo complicada, con restricións de capacidade, máscaras, protocolos, etc., pero como van ser os directos de crnds? Que live set levas contigo?

crnds: «Os directos de presentación do álbum seguirán moito a liña do que fixemos Fransy e máis eu no MUTEK. Trátase dun set que me permite ir desde momentos de moita interacción coas voces e coa percusión en directo, ata outros moi próximos a unha sesión de DJ».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

crnds: «flora ghost».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

crnds: «James Blake, Arca, Bad Gyal, Ryuichi Sakamoto, Sevdaliza, Juan de la Rubia, Ortiga, 100 Gecs, Oklou, OPN, nese plan».

  noticias