• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

BORRIQUITA DE BELÉM. DIRECTOS XACOBEO’21 EN SALAS. VOL. 6

Borriquita de Belém. Directos Xacobeo’21 en Salas. Vol. 6
19 XUÑO 2021

¡Novo concerto de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.

 

Borriquita de Belém

 

A Borriquita botaba a andar en 1971, formando parte dos inicios da revolución da noite compostelá e, desde entón, leva xa un gran percorrido; os seus centenarios muros de pedra escoitaron a infinidade de artistas, tanto estatais como internacionais, o que termina por convertela nun referente de Santiago. Situada na Cidade Vella, o que comezou sendo un lugar onde tocar jazz pasou a ser o que é hoxe en día, unha sala onde predomina diversidade musical, aínda que sempre mantendo a súa esencia. Se vas, non poderás deixar de probar o seu afamado mojito, do que teñen unha receta segreda que veu desde a mesmísima Cuba.

 

Dirección: San Paio de Antealtares, 22, 15704 Santiago de Compostela (A Coruña)

Facebook: https://www.facebook.com/borriquitadebelemcompostela

 

  

Alejandro Vargas Trío

Perfil en galiciantunes

En 2009, desde Cuba chega a Compostela o pianista Alejandro Vargas, que forma xunto a Jose Manuel Díaz (contrabaixo) e L.A.R Legido (batería) un trío como poucos. O pianista cubano trae consigo jazz, pero tamén moita música popular cubana que, mesturada coa improvisación libre e a incorporación de obxectos sonoros, logra acadar unha creación musical moi enriquecedora que se desmarca dos estándares do xénero. Á súa vez, a espectacular técnica musical fai que cada un dos seus concertos sexa todo un espectáculo para o público. Polo de agora, vai un disco no seu haber como trío, titulado Diablito Baila (2017).

 

 

 

Aló Django

Perfil en galiciantunes

Esta banda galega caracterízase por divulgar a música manouche fusionándoa con notas de jazz e do gypsy swing cuxo máximo expoñente foi Django Reinhardt, a quen renden homenaxe no seu nome. O distintivo do grupo baséase en facer un show que vaia alén do musical, integrando a interacción cómica co público nos seus concertos, ademais de engadir xéneros escénicos de entretemento como o cabaré ou o music hall, tumbando o mito de que o jazz é aburrido. Estes pioneiros da difusión da música manouche en Galicia gravaron un EP chamado Swing and Dance! (2010) e xa levaron a súa proposta musical a escenarios de Barcelona, Madrid ou Portugal.

 

 

Tato Trío

Este trío compostelán arrexuntou a músicos cunha ampla traxectoria como Alex Salgueiro (órgano Hammond), L.A.R. Legido (batería) e Tato Vázquez (guitarra) para homenaxear a algunhas das grandes figuras do soul jazz das décadas dos 60 e os 70. Coas súas composicións musicais acadan reflectir á perfección a frescura e a atmosfera relaxante propias destes xéneros. Destaca o uso do órgano Hammond coa procura de transmitir o ritmo dunha época influenciada pola sonoridade do mesmo. Escoitar a Tato Trío en acción é indispensable para todo amante deste estilo musical.

 

 

El Barullo Tango

Estes dous arxentinos afincados en Galicia, Alejandro Casquero (piano) e Alejandro Szabo (bandoneón), chegaron acompañados polos seus fieis instrumentos para formar un barullo do máis elegante e ben disposto. Nas súas composicións atópase toda unha fusión sonora que implica pinceladas do valse, a milonga, a Guardia Vieja do tango, etc. Pese a comezar a súa andadura en 2018, contan xa cunha traxectoria que os levou a actuar fóra das nosas fronteiras: Alemania, Eslovenia, Hungría e Portugal, entre outros.

 

 

  noticias