• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

FÁBRICA DE ESPEJOS: «GÚSTANOS DEIXAR A INTERPRETACIÓN DAS PALABRAS AOS OÍNTES»

FÁBRICA DE ESPEJOS: «GÚSTANOS DEIXAR A INTERPRETACIÓN DAS PALABRAS AOS OÍNTES»
21 XUÑO 2021

Os seus espellos sonoros reflicten un synth pop fascinante, resultado da mestura new wave británica dos 80, o shoegaze, o dream pop... mesmo a escena indie española dos 90. Desde Chantada, Fábrica de Espejos comezou relucir en 2017, cando Isaac Ferreiro (guitarra, sintetizadores, voz) decidiu dar renda solta ás inquedanzas creativas que non tiñan cabida no grupo do que formaba parte, Terror Erótico Adolescente. Logo duns lixeiros cambios na formación, a banda chantadina complétana actualmente Ángel Novoa (bases rítmicas, sintetizadores), Alex Pacheco (baixo), Humberto Novoa (guitarra) e Leticia Iglesias (voz).

Entre festivais e concursos patrios, Fábrica de Espejos entra en estudio e, un ano despois da súa creación, debuta con Esferas (2018), cinco cortes de pop intenso e emocional. Agora, tres anos e un par de traballos máis tarde, presenta Mundo Incierto (Ferror Records / FaCeLa, 2021), o seu primeiro longo. Ambicioso onde os haxa, o LP constrúe un espello emocional a través dos 11 cortes que o compoñen, con letras espidas como protagonistas e melodías redentoras envoltas en distorsión.

 

 

 

Hai xa catro anos que Fábrica de Espejos reflectiu a súa música por vez primeira en Chantada, aínda que cunha formación lixeiramente diferente. Como, e con que intención, nace o grupo?

Isaac Ferreiro: «Todo comeza coa idea de poder levar ao vivo cancións ou ideas soltas que me roldaban a cabeza e que tocaba, de forma moi rudimentaria (guitarra, unha corda, e un par de sintetizadores) na casa.

Un día, Ángel [Novoa], excompañeiro en Terror Erótico Adolescente, propúxome armalas montando as bases rítmicas. No transcorrer dese proceso, tras unha noite no FaCeLa Fest lucense, Humber (os tres somos veciños da afamada rúa taboadesa Aviación Española) súmase á causa. Coa gravación de Esferas (2018) sumaríase Alex, e, finalmente, Leticia chegou para Astro Rey... en ambos casos, tamén tras “noites de paixón”».

 

 

Seguindo cos vosos inicios, de onde vén o nome? Porque competides con varías cristalerías lucenses...

Isaac: «Achegábase a data de tocar no FiCh, primeiro concerto “oficial”, e non sabiamos como chamarnos. Quizais o son “máis brandiño” que faciamos daquela fixo a Javi Chico (Televisores) propoñernos ese nome, e aceptamos dito bautismo como calquera fillo de nai».

 

Sodes asiduos a varios festivais da provincia de Lugo: o FaCeLa Fest, o FiCh (Festival Internacional de Chantada), onde actuastes mesmo antes de ter nada publicado. Confirmamos pois, que vós si que sodes profetas na vosa terra?

Isaac: «Si, o certo é que nos sentimos moi arroupados tanto en Chantada como en Lugo. Por suposto, mención especial aFaCeLa, que nos está a apadriñar co disco; tamén sentimos moi de preto o agarimo do grupo de Viva Lugo».

 

 

Ser seleccionados como finalistas no concurso Sonidos MANS, organizado por Estudios Mans (A Coruña) empurrouvos, entre festivais, a gravar o voso primeiro EP: Esferas (2018). Como lembrades esa primeira vez? Botando a vista atrás, cambiariades algo... por exemplo, arriscarvos antes a facelo?

Isaac: «Si, Sonidos MANS para nós supuxo un empurrón anímico. O feito de gustarlle e ser seleccionado por alguén que non te coñece ten un valor engadido. Nese momento, no que só tiñamos gravada e publicada unha canción, “No sé qué hacer”, pensamos que se queriamos que nos chamasen para tocar deberiamos ter gravado algo máis. Reservamos unha fin de semana no estudio, preparamos cinco cancións e dixemos: “ata onde alcance”. Aínda que todo era novo, grazas a Arturo que entendeu as intencións (e as moitas limitacións), todo foi sobre rodas».

 

Este EP debut puxo o listón moi alto, sobre todo arredor das letras, ás que dabades o mesmo protagonismo que ao resto dos elementos da canción. Como afrontastes a composición e produción do segundo, tendo en conta o nivel de esixencia que vos autoimpuxestes?

Isaac: «Con Esferas a sensación era a de “facer o que poidamos”. Ensaios e concertos fixeron que fósemos atopando novos matices e definindo o noso son, proceso que tratamos de plasmar en Astro rey.

É posible que se gravásemos agora Esferas soaría máis a Astro rey; penso que iso se reflicte nos concertos».

 

 

Neste Astro Rey (2019) escoitamos xa a Leticia Iglesias; de que xeito engarzastes a voz feminina nos timbres e nas melodías que con tanto detalle mantedes desde o anterior EP?

Isaac: «Precisamente, buscabamos unha voz luminosa como a de Leti aparecendo e desaparecendo sobre ese son saturado. Á súa vez, dános a posibilidade de practicar un xogo de encontros e desencontros entre as dúas voces... Pimpinela marca».

 

Naciades coa intención de «liberarse das palabras para quedarse coas emocións», con todo, tamén son as vosas palabras, espidas e certeiras, as que nos tocan as emocións. En quen, ou onde, se inspira Fábrica de Espejos para compoñer estas letras?

Isaac: «No referente ás letras, hai que dicir que tan só buscamos expresar a través de palabras cousas que realmente foron sentidas nalgún lugar e nun tempo concreto, pero que, á súa vez, permitan ser recoñecibles noutros contextos e poidan ser interpretadas libremente».

 

 

Os vosos espellos sonoros reflicten synth pop, resultado da mestura da new wave británica dos 80, o shoegaze, o dream pop... mesmo a escena indie española dos 90. Como describiriades vós o voso son? Como foi a evolución ata acadalo?

Isaac: «A evolución do grupo vén marcada polo progreso de cada un individualmente —se sabes facer máis cousas podes facer máis cousas— e polo tempo traballando xuntos. A nosa traxectoria poderíase entender como un camiño continuo ata chegar a Mundo Incierto».

 

Ao fío, entre as vosas influencias, que artistas ou grupos tedes como referencia?

Isaac: «Nadadora, Piratas, HVOB, My Bloody Valentine, The Pains of Being Pure at Heart, The Naked and Famous, Nudozurdo e Acuario, Los Planetas, The XX e Triángulo de Amor Bizarro».

 

 

Estades a presentar o voso novo traballo discográfico, e primeiro longa duración!, Mundo Incierto (Ferror Records / FaCeLa, 2021), de novo gravado en Abrigueiro Estudios (Friol, Lugo) e producido por Arturo Vaquero. Como é traballar xunto a el? Como describiriades a experiencia?

Leticia Iglesias: «Arturo fai que as cousas sexan máis doadas. Entendeu, e axudou a construír, rapidamente o concepto do disco e iso fixo que a gravación fluíse.

Sempre tes certo medo cando vas gravar, pero Arturo fixo que nos sentísemos seguros e cómodos desde o primeiro momento no estudio. As horas que pasamos alí fixéronnos medrar como grupo e tamén a cada un de nós de xeito individual».

Ángel Novoa: «Traballar con Arturo supón unha aprendizaxe constante; mira que lle teño feito preguntas e nunca o din pillado!».

 

 

Entre o título, Mundo Incierto, xunto á época na que foi xestado, non podemos evitar preguntar que tanto afectou a pandemia e o que esta implicou, e segue a implicar, no desenvolvemento do álbum?

Isaac: «O nome do disco, como nos demais EPs, é o nome dunha canción que forma parte del. De feito, pensamos en cambiarllo para evitar interpretacións que nos tachasen de oportunistas. En todo caso, gústanos deixar a interpretación das palabras aos oíntes, pois no momento que as emitimos xa non nos pertencen.

Como banda, o confinamento implicou un distanciamento físico, aínda que non creativo. As nosas condicións persoais sempre nos obrigaron a traballar con distancia de por medio; de aí que dispoñer de máis tempo e ter a posibilidade de compartir as ideas que ían xurdindo, aínda que fose virtualmente, permitiunos tratar con moito mimo as once cancións que compoñen o disco».

 

 

Este LP é ambicioso, aínda máis se cabe, e durante as once cancións sodes capaces de fabricar espellos emocionais que reflicten imaxes entre luminescencias de distintas identidades. Como foi o proceso creativo? Seguistes algunha premisa conceptual co gallo de crear estes reflexos?

Isaac: «Cremos que o concepto vai despois da experiencia sonora. Cando topamos un fío simplemente tiramos del; se nos leva a un lugar pracenteiro seguimos tirando; se non, cortamos e buscamos outro. As cancións parten dunha melodía ou unha roda de acordes moi básica sobre a que se constrúe toda a armazón».

 

O single adianto foi “La fiesta”, con videoclip incluído a cargo de Alberto Alcántara e gravado nunha soa toma. Faládenos un pouco de como foi este proceso de gravación e a súa relación coa canción.

Isaac: «A idea xurdiu na terraza dun bar seguindo a mítica estampa dun rapaz cun balón nos pés, rodeado de cativos que llo intentan roubar. Contemplar como conserva o balón salvando os constantes intentos, pero sen outra finalidade que a de manterse con el, pode ser metáfora de moitas cousas.

En mans de Alberto, este comezo evolucionou a un xogo de luces e sombras que, como pasa co resto das cancións, deixamos que sexa interpretado libremente polo espectador. El tamén se encargou do videoclip de “No sé que hacer”, a nosa primeira canción, no que tamén se mantivo fiel á premisa de non aplicar efectos de posprodución».

 

 

Alberto tamén deseñou a portada e o deseño do álbum. Cal é o significado desa imaxe?

Isaac: «Con Alberto atopamos puntos de encontro entre o musical e o visual, sen chegar a expresalo con palabras. Ademais da estética da imaxe, entendemos que a ambigüidade é parte do seu atractivo.

Por outra banda, a nivel técnico, Alberto levou a cabo un xogo de luces, espellos, reflexos e refraccións que lle permitiu manter a norma de non aplicar efecto algún sobre a foto. Estar presente no clic é un momento realmente máxico».

 

 

Logo de dous EPs, agora vos lanzades co voso primeiro longo, cun par de sinxelos polo medio. Como vos decidides por un formato ou outro? É cuestión de repertorio, tempo, loxística...?

Isaac: «Como dixemos máis arriba, o tempo permitiu que os temas estivesen o suficientemente maduros para levar a estudio e que, durante o proceso, xurdisen novas ideas que remataron por converterse en cancións do disco.

Visto o material do que dispoñiamos, e que non dependiamos de prazos, entendemos que podiamos organizar todo como unha soa viaxe con distintas paradas».

 

Ángel, actualmente ti tamén formas parte do grupo techno pop Terror Erótico Adolescente, ademais de liderar o teu propio proxecto persoal en solitario. Musicalmente, retroaliméntanse dalgún xeito os tres proxectos?

Ángel: «Si, cada un dos proxectos achégame algo diferente que fai que, dalgún xeito, non me quede estancado nun só estilo musical».

 

 

Isaac, o teu compromiso coa música faise notar, a través da organización do FiCh desde hai uns anos. Fálanos un pouco deste proxecto e de como levas o cambio de perspectiva.

Isaac: «O FiCh é un festival pequeniño feito con moito cariño. Comandados por Lúa Sálamo, cada ano revolucionamos un pouco o pobo cunha proposta independente con grupos de todo tipo.

Este ano confiamos poder facer algunha actividade que manteña prendida a chama para, se todo vai ben, volver no 2022 con forzas renovadas».

 

Este último traballo foi publicado baixo o selo galego Ferror Records, que nace co propósito de dar saída ás propostas musicais e culturais desde a militancia e a autoxestión. Como chegades ata eles e como está a ser a experiencia?

Isaac: «Unha vez máis a noite lucense foi catalizadora de movementos. O encontro con Sergio (Agostinho DJ, Carrero Bianco) e máis unha escoita da gravación aínda sen rematar de “La fiesta” foron o detonante.

Tamén cómpre dicir que o disco é editado en colaboración por Ferror Records e FaCeLa. Con ambas partes sentímonos moi amparados, con total liberdade creativa e de tempos á hora de producir o disco. Bendita a súa paciencia!».

 

 

O dos festivais este ano está complicado, aínda máis que á volta aos concertos de xeito regular. Como o estades a levar? Que veremos nun directo de Fábrica de Espejos?

Isaac: «Van saíndo cousas; na medida en que as restricións o permitan levaranse a cabo con maior ou menor “normalidade”. Estamos a traballar para que os directos superen as expectativas xeradas co disco... Imos facer moito ruído».

 

Falando do porvir, o derradeiro tema do disco é “Continuará”... é acaso unha mensaxe non moi oculta? Xa hai algún novo proxecto en camiño?

Isaac: «Sempre hai cousas novas roldando na cabeza pero, polo de agora, o presente e o futuro próximo da banda está centrado nos directos e tocar todo o que poidamos!».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Isaac: «Por sorte existe unha escena moi talentosa e variada: Blanco Palamera, Chicharrón (e Pantis), Quant, Garza, Terror Erótico Adolescente, Gancho Sanches, Mundo Prestigio...».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Alex Pacheco: «Nestes momentos na miña lista podes escoitar desde In Flames, Machine Head e Tool ata León Benavente ou Pablo Und Destruction».

Leticia: «“Fiesta” de Rigoberta Bandini, La Bien Querida».

Ángel: «Morcheeba, Dead in Vegas, Bonobo, Whomadewho».

Isaac: «Unidad y Armonía, Lenny Kravitz, El Columpio Asesino, La Costa Brava».

 

 

  noticias