VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XUÑO
Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.
Night Raven, Wanna Dee
De pantera a corvo, con esta transformación audiovisual lanzaba Wanna Dee “Night Raven", videoclip do seu LP Off Me (2020), longo no que se aprecian as súas influencias, desde o R&B e dancehall ata ecos de ritmos latinos, pasando polo trap de Atlanta ou o hip-hop club de Toronto. Con Yago Cobian na dirección e Wanna Dee como condutor noctámbulo, percorremos as frías e húmidas rúas dunha noite de inverno, esas nas que só saen os corvos. En “Night Raven", que ben podería considerarse a secuela de "Rich", Dee volve facer gala dunha fotografía impecable, que, a nivel visual, narra todos e cada un dos detalles que a letra pretende transmitir; unha historia sobre dous eixos, dor e velocidade, e sobre dúas rodas… que podería saír mal?
Golfiño, Margarida Mariño
Do mesmo xeito que os golfiños acarician as ondas do mar, ela fai o propio coas cordas do seu cello. En “Golfiño”, Margarida Mariño mergúllanos nas sonoridades do Atlántico cunha peza inspirada nestes animais que, con sorte, temos oportunidade de ver sucando a ría de Vigo ao atardecer. Cunhas espectaculares tomas elevadas en movemento —obra de Bea Besada, encargado da produción audiovisual— o videoclip foi rodado nas inmediacións do Museo do Mar de Galicia, co sol caendo e a ría de fondo como única testemuña.
Otro gallo cantaría, INDOMABLE
A última vez tivemos que esperar tres longos anos para volver escoitalo; desta, un confinamento provocado por unha pandemia global... e iso que, o primeiro single do seu traballo máis recente rezaba un “Bien, Joder”. INDOMABLE volvía o ano pasado con “Otro gallo cantaría”, corte incluído en El eterno telonero (2019), e o seu correspondente videoclip. Dirixido por Juan García e gravado durante o mes pasado na Coruña, a peza audiovisual amosa, entre luces e sombras, bailes e pelexas, unha actuación típica dun tablao flamenco. Un potente rasgueo de guitarra dá paso a súa voz de vilán, que canta ao desquite, co patriarca e a Dolorosa como espectadores.
Nothing Really Matters, Marem Ladson
A súa voz e a súa forza transfórmase nunha melodía nova e cargada de ritmo, cunha letra na que mesturaba, por vez primeira, o inglés e o castelán. A súa evolución queda patente nunha peza audiovisual onde a natureza e o colorido acompaña a Marem Ladson, dirixida por Nico Pampín e coa propia cantautora ourensá como directora creativa e estilista. “Nothing Really Matters” mostra unha artista que aos poucos vai consolidando a súa carreira, creando un estilo máis ambicioso e contemporáneo sen perder por iso a súa autenticidade.
Tigre de bengala, Xoel López
Producido por Carles Campi Campón, “Tigre de bengala” marcaba o terceiro e derradeiro single adianto de Si mi rayo te alcanzara (2020). Un colorista videoclip de animación, ilustrado e animado por Pedro Perles, rodado e posproducido por Esteban Perles, e dirixido por Maral Kekejian, que reflicte unha viaxe do cantautor coruñés pola imaxinación sobordante que percorre a letra da canción, enchendo de frescura, ritmos bailongos e imaxes oníricas un universo tan real, como animado, tan caseiro como colorista.