• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SALA RUIDO. DIRECTOS XACOBEO’21 EN SALAS. VOL. 7

Sala Ruido. Directos Xacobeo’21 en Salas. Vol. 7
26 XUÑO 2021

Novo concerto de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.

 

Sala Ruido

A emblemática Sala SUPER 8 renaceu, logo do seu peche en 2019, baixo o nome de Sala Ruido; pois iso é o que pretenden, xerar moito barullo e que ti acudas a multiplicalo, conseguindo que a festa da noite ferrolá se escoite en toda Galicia. Este local de concertos con personalidade propia atópase pretiño do porto da cidade, concretamente na rúa Real, convertíndose nun punto de referencia no panorama musical galego, programando unha oferta cultural variada para todos os gustos musicais, e acollendo non só a artistas de renome, senón tamén a bandas emerxentes, dándolles a oportunidade de despuntar na súa carreira.

 

Dirección: R. Real, 223, 15401 Ferrol (A Coruña)

Facebook: https://www.facebook.com/salaruido/

 

 

Nüca

Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes

Detrás de Nüca agóchase Pablo Sáenz Carballeira, un artista ferrolán que, tras deixar pegada nos seus comezos en grupos coma Omadroma ou Vale!Gringo, decidiu lanzar un proxecto personal. Nel, Pablo combina certas esencias das súas primeiras etapas musicais, como o pospunk ou o shoegaze, con inquietudes próximas ao IDM, ambient, deephouse ou músicas experimentais, acompañado dun completo set onde os sintes e drum machines analóxicas o axudan a crear un son retro newwave. Polo de agora son xa dous EP os que leva baixo o brazo: Gnosis (2020) e  (Ferror Records, 2020).

 

 

Miguel Lamas M.E.W

A pesar da súa xuventude, este músico fenés leva xa uns cantos anos de traxectoria musical, nos que lle deu tempo a tocar a batería acompañando a grandes artistas do panorama estatal e internacional, e a acudir como invitado a festivais e eventos por todo o mundo. O seu proxecto en solitario leva dous discos publicados: Melted Lives (2016) e My Expression Way (2018). Este último caracterízase polas cancións con letras en inglés e en castelán e, sobre todo, polo seu aire fresco, mesturando estilos como o funk, o rock e o jazz, onde a improvisación xoga un papel fundamental.

 

 

Eucaria

Desde o máis profundo da capital galega chega esta banda jazz rock para invocar á Pachamama e espertar o instinto máis animal dos seus espectadores. Os chamanes son: Diego Negro (guitarra, voz), J. Ruan (teclados, voz), Sergio Blanco (batería) e Pablo Pazo (baixo, dizi, voz). Levan dúas demos lanzadas e comezan a percorrer o ecosistema musical de Galicia, actuando nos escenarios das mellores salas galegas e propagando a voz da madre natura.

 

 

Andoa

A música deste trío pasa polo folclore dos pobos de raíz celta como son, por suposto Galicia, mais tamén Irlanda ou Escocia. Os seus compoñentes son Iago Boente (bouzouki), Ricardo Mouriño (baixo, chifre, frauta, gaita galega) e Roi Adrio (percusión), quen fan gala dunha mestría adquirida tras unha ampla traxectoria profesional no mundo da música. Xa compartiron escenario con grandes artistas e grupos da escena como Xabier Díaz ou Backwest, e participaron en festivais do talle do Festival Intercéltico de Lorient ou o Festival de Ortigueira.

 

 

 

  noticias