• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SALA CAPITOL. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.9

SALA CAPITOL. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.9
10 XULLO 2021

Novos concertos de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.

 

 

SALA CAPITOL

A súa andaina comeza en 2003, coa reconstrución dun antigo cine dos anos 70 que tiña como intención convertilo nun dos mellores espazos para acoller concertos de música, grazas á súa acústica envexable e á súa gran capacidade. Logo de case vinte anos de traxectoria poderiamos dicir que o obxectivo se cumpriu, xa que a Capitol se converteu nun dos lugares clave do panorama musical de Santiago de Compostela, de Galicia e de España. Ubicada no corazón da cidade, na rúa Concepción Arenal, a sala caracterízase por crear un ambiente ideal que acada unha simbiose única entre os artistas e o público.

 

Dirección: Rúa de Concepción Arenal, 5, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña)

Web: https://www.salacapitol.com/

 

 

 

BUDIÑO

Perfil en galiciantunes

O artista moañés leva anos sendo un dos máximos embaixadores da música galega tradicional, acadando mesmo o statusde lenda grazas a súa gran traxectoria. Con numerosos traballos discográficos nos seus haberes e outros tantos recoñecementos e premios de prestixio grazas a eles, o gaiteiro e cantautor de Moaña levou as súas composicións arredor de todo o planeta: Damasco, Bos Aires, México D.F. ou Shanghai son tan só algunhas das cidades que desfrutaron do músico. Nas súas cancións converxen a música de raíz e sons contemporáneos, resultando nunha catarse de contrarios que funciona cunha naturalidade sorprendente, mesmo arriscou, nestes últimos anos, a poñer voz aos seus temas e facer unha música máis pop.

 

 

 

ANTÍA MUÍÑO

Logo de gañar experiencia participando en diversos proxectos musicais, Antía Muíño decide emprender a súa viaxe en solitario... e termina por desenvolver unha marca persoal íntima e impecable. Esta galega afincada en Donostia consegue pasar pola bossa, o folk pop ou o jazz a través da delicadeza da súa voz, acompañada polas suaves notas da guitarra. Debuta con Carta Aberta, o seu primeiro single, en 2020; un traballo onde a parte vocal é, sen dúbida, protagonista.

 

 

 

MONOULIOUS DOP

Esta banda de Noia nace en 2012 baixo a única premisa de «pasalo ben»; comezan a subir videoclips a internet, mais grazas á gran acollida do público acaban por crear un proxecto máis «serio»… pero sen pasarse! A mellor forma de catalogar a súa música é referirnos a ela como rockcómico e infame, mediante o que buscan troulear e poñer a nota de humor e sátira en salas, festivais ou sesións vermú. En 2017 presentan o seu primeiro LP, LP Padre, e xunto á súa última referencia, Black Album (2020), Monoulious DOP ofrece moitos risos e moita música.

 

 

 

 

 

  noticias