• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SALA KOMINSKY E MOON MUSIC CLUB. DIRECTOS XACOBEO’21 VOL. 21

SALA KOMINSKY E MOON MUSIC CLUB. DIRECTOS XACOBEO’21 VOL. 21
2 OUTUBRO 2021

Si, volvemos facer outro dobrete para desfrutar, un sábado máis, dos Directos Xacobeo’21 (e un sábado menos para que podamos facelo en vivo e en directo!). Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.

 

Sala Kominsky

Esta sala viguesa, que promete «copas e bailes locos», atópase nunha das zonas con máis ambiente musical e nocturno da cidade: Churruca. Nela podemos atopar infinidade de locais que levan anos servindo como templos da música ao vivo, e a Kominsky é un destes santuarios que existen pola convición de que esta arte merece a máxima difusión posible. Pese á súa xuventude, hai quen xa a categoriza como mítica na cidade olívica; caracterízase polo seu apoio aos artistas locais, sobre todo emerxentes, posibilitando que estes teñan un lugar apropiado para poder experimentar, demostrando así o seu amor polo movemento que xorde na cidade.

 

Dirección: Irmandiños, 3, 36201 Vigo (Pontevedra)

Facebook: https://www.facebook.com/Kominsky-238400396855552

 

 

 

Moura

Perfil galiciantunes | Entrevista en galiciantunes

Banda coruñesa de recente despegue na pista da escena musical galega, xa que lanzan o seu primer disco, Moura (Spinda Records, 2020), en abril do pasado ano. O grupo, formado por Diego Veiga (guitarra, harmónica, voz), Fernando Vilaboi (hammond e sintes), Hugo Santeiro (guitarra), Luis Casanova (batería) e Pedro Alberte (baixo), lanza unha proposta musical de rock progresivo, psicodelia e folk galego, afondando na máis arcaica tradición celta, creando uns espectaculares directos cheos de frenesí propios dun aquelarre.

 

Espiño

Perfil en galiciantunes

O compostelán Alfonso Espiño leva máis de 25 anos activo no mundo da música e, logo de   pasar por diversos grupos, como Contrastes, en 2016 decide iniciar unha nova etapa musical en solitario, moito máis persoal. Nesta andaina elabora cancións pop rock, como el di «de toda a vida», pero con influencias da psicodelia que sempre adorou, pinceladas de rock progresivo, pingas de folk rock… e sempre en galego! Gusta de rodearse dun bo equipo humano para acadar unha experiencia aínda máis completa nos escenarios, e que o seu público se mergulla nese mundo de abstracción.

 

Adrián Costa Blues Band

Ser un apaixonado do blues é sinónimo de selo de Adrián Costa. Este músico compostelán é todo un nómada da música: viviu en Madrid, Berlín e mesmo na baía de San Francisco. Trazou unha traxectoria envexable ao longo da súa carreira, a cal comezou á pronta idade de 13 anos. Formou parte de grupos icónicos coma The Red Blues Band ou Los Reyes del K.O., e colaborou con artistas do talle de Mick Taylor ou Buddy Miles. No seu proxecto actual, acompañado da súa guitarra, combina a súa predilección polo blues con notas de punk e soul; o resultado é unha morea de composicións que parecen transportarnos á mesmísima Nova Orleáns.

 

 

Moon Music Club

Santiago de Compostela é o fogar da Moon que, desde a rúa da República Arxentina, se encarga de facer desfrutar do lecer nocturno a novos e non tan novos, tomando como eixo principal a música en directo. No local predomina un ambiente xuvenil, mais opta pola variedade musical na súa programación, sendo conscientes de que a música non entende de idades. A Moon abre as súas portas a todo tipo de artistas e grupos, que se atoparán cunhas instalacións de excelentes condicións técnicas, un gran espazo e mellor equipo. As súas xa case míticas escaleiras son a súa sinal de identidade, o distintitvo que che permite entrar de cheo nun universo envolvente onde luces de neon vermellas e azuis e música se converten en protagonistas.

 

Dirección: República Arxentina, 35, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña)

Facebook: https://www.facebook.com/Moon-Music-Club-359095680404/

 

 

 

Spanish Castle Magic

Unha homenaxe ao lendario artista Jimi Hendrix, facendo versións con mimo e máximo respecto os seus éxitos, así se podería definir Spanish Castle Magic. Alberto Lopo (baixo), David Outumuro (batería) e Rafa Muñoz (guitarra, voz) son un trío de músicos profesionais cunha ampla traxectoria en diversos campos musicais que, con moito empeño, acadou a reprodución fiel da enerxía e os sons orixinais dun xenio musical como é Hendrix. Están máis que dispostos a facernos revivir os anos 60, coa súa música, coa súa estética psicodélica, e coas súas combinacións extravagantes para crear toda unha experiencia que che transportará a esa década de ouro do rockn roll. Cos seus contundentes directos xa revolucionaron salas míticas do panorama galego e incluso festivais coma o Rock in Patos. Longa vida ao rock!

 

Greenwater

Tributo vigués á mitica banda californiana Creedence Clearwater Revival, grupo lendario do rocke country estadounidense e internacional. Este cuarteto ofrece un tributo que se caracteriza por unhas claves enraizadas nun son cru e moita enerxía vocal e instrumental, mesturando o rock ‘n’ roll con reminiscencias blues, country e gospel, que evocan aos inicios do que agora coñecemos coma grunge. A bagaxe dos seus compoñentes revélase no manexo dos seus instrumentos e na súa conexión co público, creando pura maxia no escenario. Recrear a voz do mítico John Fogerty non é pouca cousa… pero Greenwater o consegue!

 

 

  noticias