VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE ABRIL
Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.
Comarea, Belém Tajes
A cor amarela é coñecida polas súas connotacións negativas, unha cor chea de supersticións no mundo das artes escénicas e do espectáculo, pero tamén é a cor da alegría, do optimismo e da enerxía… e o escollido por Belém Tajes neste seu single-clip. “Comarea”, localismo da Costa da Morte que significa «en gran cantidade, moito», é un tema alegre que reivindica o uso do léxico da zona en xeral e desta expresión en particular que, para ela, sempre resultou «moi graciosa». Cos arranxos musicais de MaCheta Supah Sound, produción de Bungalow Studio e realización de Ferga's Project, o clip mostra unha curiosa actuación de Belém Tajes, ao principio agochada tras unha careta da inesquecible Ana Kiro, nun aparcamento subterráneo, rodeada de músicos, bailarinas e carriños da compra. E sen deixar de mover o corpo durante os case catro minutos que dura porque, como ela dixo, «xa que non podiamos saír a ningún sitio, pois para bailar en casa!».
Ya no estás, WÖYZA
O mesmo día que sopraba as velas foi ela quen nos fixo o regalo a nós, un envolto en formato audiovisual. WÖYZA definía “Ya no estás” como «unha das cancións máis nostálxicas que compuxen nunca», froito do tempo de transformación e reflexión que nos brindou 2020 e parte de 2021. Producida por Lhanze, e xunto a Antonio Casado nas guitarras, en “Ya no estás”,a cantante e compositora pretende ser partícipe de todos eses duelos que cada día se batallan na vida das persoas, ademais de manter vivo ese legado. O vídeo, con gravación, edición e montaxe de Andrés Hermelo, quen cedeu as imaxes, é unha espectacular vista aérea de paisaxes naturais en branco e negro, coa letra da canción en amarelo, que evoca nostalxia e dramatismo, pero tamén amor, que é a vida en si mesma, a esencia do todo.
Veleno, Baiuca ft. Rodrigo Cuevas
Era de esperar, unha súplica silenciosa que xacía no subconsciente de moitos se convertía, por fin, en realidade. Baiuca e Rodrigo Cuevas. Galicia e Asturias. Folktrónica, tradición e, mesmo, ecos pop. En “Veleno”, o produtor galego e o artista asturiano fusionan o tradicional e o dixital nun single que se presentaba cal electrizante anacronía sonora, como unha tentativa reivindicación da tradición musical e iconografía propias, aí onde os aquelarres e pistas de bailes se dan a man. Entre cordas místicas, percusións orgánicas ou ventos de inspiración celta, apréciase unha base rítmica próxima ao deep-house que envolve a letra, cantada en galego, asturianu e castelán, como «a serpe que se pasea polo fío dunha espada». Xove e Viveiro serviron de escenario para o ritual de bruxería que é o videoclip, dirixido por Adrián Canoura, para o que supuxo todo un reto poñer en imaxes o imaxinario de “Veleno”, «ao tratarse dunha concepción máis figurativa». A representación da contorna rural máxica partiu da idea da «historia perdida do Célebre Manuel, de afondar en lendas de tradición oral e na construción da cultura espiritual e inmaterial que existe na paisaxe do folclore galego», segundo afirmaba Canoura.
Bootstrap Paradox, Moito!
Moito! lanzaba “Bootstrap Paradox” como single adianto do que será o seu vindeiro disco e primeiro longa duración. Gravado por Carlos Hernández Nombela (Los Planetas, Triángulo de Amor Bizarro, Los Marcianos), o tema é un baile da mesma estrutura nun aditivo bucle, o único que cambia é a intensidade, coa voz de Felipe Castro envolta en capas e capas de guitarras. Brillante e conmovedora, “Bootstrap Paradox” viña acompañada dun videoclip, escrito e realizado por Simón F. Castro, que presenta o día a día dun coello rosa; unha rutina «deprimente, esgotadora e enfermiza» que se repite unha e outra vez en bucle... do que poderá saír?
Hoy no, BALA
Cun primeiro adianto que «axitou» a crítica estatal e internacional, BALA volvía a remexernos, gratamente, co segundo. Cargado de frescura, bo rollo e guitarras afiadas, “Hoy No” presentábase como unha pílula enérxica de rock alternativo no que a banda pontevedresa fai gala, cada vez máis e mellor, desa forza, autenticidade e actitude que as caracteriza. Dirixido por Leo López García, o videoclip segue a Anxela e Violeta en un breve y divertido viaje al pasado en forma de película, a bordo do «seu» Mercedes clásico e uns berros que se resumen en: «reláxate e DESFRUTA, así, en maiúsculas». Se nolo din así... non seremos nós quen nos neguemos!