SONEMERXENTE 2023. ACELERADORA MUSICAL DA XUNTA DE GALICIA E A FUNDACIÓN PAIDEIA
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e a Fundación Paideia Galiza puxeron en marcha a aceleradora de proxectos musicais SONEMERXENTE co obxectivo de acelerar ata 12 proxectos musicais galegos. Concibido como un programa integral de aceleración musical, SONEMERXENTE acolleu finalmente 10 proxectos e constou de dúas fases: unha primeira fase de aceleración, e unha segunda fase de promoción e mercados.
Na primeira fase, os proxectos musicais participantes recibiron servizos de consultoría e mentorización individualizados en diferentes áreas do negocio musical, así como na creación e gravación dun produto musical e o deseño dun plan estratéxico de lanzamento, ou plan de negocio. A segunda incluíu diferentes actividades, como a participación en diferentes circuítos de concertos, festivais e espazos profesionais da industria musical, a nivel galego e nacional, ou o desenvolvemento de actividades de networking e speedmeetings con outros referentes do sector.
Os dez proxectos «graduados» desta primeira promoción realizarán mañá, venres 20, o acto de peche ‘Relatos, encontros e imaxes’, a partir das 18:30 h no Salón Teatro (Santiago de Compostela). A entrada é libre ata completar capacidade, confirma a túa asistencia enchendo o formulario que podes atopar aquí.
ADRIAN TIMMS
Adrian Timms continúa o seu eclecticismo musical logo de autoproducir o seu primeiro disco cento por cento acústico, Part Won (2021), unha mestizaxe cultural entre o indie pop anglosaxón e o folk galego. No seu novo proxecto, Timms embárcase nunha viaxe ás antípodas, experimentando con instrumentos electrónicos de última tecnoloxía. Enriba do escenario, defende as súas cancións de pop alternativo británico nun show en solitario moderno e atípico.
ANI BAIRES
Artista rueira por vocación, Ani Baires leva máis de dez anos acompañada da súa guitarra facendo directos en formato solista. Logo de todo este tempo poñendo voz ás cancións de outros, agora está a traballar en poñerlla ás súas propias; as súas primeiras autorías falan da vida, do amor ou do desamor. As súas letras veñen envoltas nun estilo pop con sons melódicos e acústicos, capaces de crear un ambiente íntimo e próximo onde o que prima é o intanxible.
DE NINGHURES
Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes (31/10/2022)
De Ninghures é unha banda do novo folk galego que nace das inquedanzas de xente nova de diferentes puntos da nosa xeografía. Partindo da tradición galega, presentan un repertorio con claras influencias de músicas doutros pobos da Península Ibérica, América Latina ou o Magreb. AQUÍ (2022) é o seu primeiro traballo discográfico, que recolle temas orixinais nos que conflúen pezas de composición propia con arranxos do repertorio tradicional.
HELENA EGEA
Cantante, compositora e multinstrumentista (violín, piano, guitarra), Helega Egea bebe do soul, jazz, rock e blues con pezas inspiradas en grandes artistas como Aretha Franklin, Ella Fitzgerald, Carole King ou Janis Joplin. O proxecto vén marcado polo seu gusto ecléctico e a súa experiencia previa en distintas bandas, formatos e estilos, ofrecendo un repertorio propio e versións en galego, castelán e inglés. Na actualidade, Helena Egea está a traballar na produción do seu primeiro EP, do que xa se pode escoitar o sinxelo adianto, ‘Glass’.
HYDN
Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes (9/9/2023)
Precursora do galenglish, hydn introdúcenos nun mundo de fantasía, lume e escuridade. hydn crea o que define como main character music, unha música que, como ela mesma di «é unha especie de dark pop electrónico con influenzas de dark R&B, pero en realidade gústame xogar e beber de moitos máis xéneros». Lanzado en xuño, o seu primeiro EP, BaddeR, wicKed (2023), recolle todos os temas que tiña publicados ata a data e dúas cancións inéditas.
LAW
Law é unha artista galega multidisciplinar cuxas composicións combinan as influencias do R&B, o hip-hop, o soul, o funk, o reggae e mesmo melodías con reminiscencias nipoas; así, os seus temas adquiren unha sonoridade única e vibrante. A cantante e compositora pretende atopar o equilibrio entre a música urbana desenfadada, as liñas vocais e letras complexas e coidadas. Mediante a súa obra, Law sinala as desigualdades do mundo ao tempo que explora e desentraña o seu propio.
MONDRA
Artista, cantareiro, bailador e docente. En 2022 lanzou a súa carreira como artista en solitario e agora vén de publicar o seu primeiro álbum de estudio, ARDĒN (2023), o resultado dun proxecto multidisciplinar que integra música, moda, danza e audiovisual. Producido por Berto e Juait, entre outros, os 12 temas que compoñen o longo cabalgan entre a música tradicional e a electrónica, e aborda temáticas relevantes como a sexualidade, a violencia, a saúde mental, o benestar emocional, a defensa da cultura propia ou o empoderamento da mocidade.
PARAÍSO CANTO
Gabi Reboredo (voz, percusións de man) e Martiño Malleiro (clarinete, acordéon, electrónica) son veciños do Verdugo-Oitavén con diferentes traxectorias musicais. Xuntos conforman Paraíso Canto, dúo que parte da música de tradición oral galega procurando un son persoal con arranxos propios, experimentando tamén con outras músicas ibéricas, lusófonas e doutras culturas do mundo.
SAMUDRA TRÍO
Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes (2/1/2023)
Samudra Trío nace do diálogo, da escoita e da curiosidade; un trío que converte a música de cámara nunha linguaxe universal e reivindicativa. As súas tres compoñentes crean unha ponte que, con frescura e sinxeleza, transpórtanos a diferentes paisaxes do planeta, ademais de recuperar obras de compositoras que non foron escoitadas. Desde as súas orixes e vivencias xorden os sons que conforman os tres timbres cos que exploran as súas posibilidades sonoras: vento, corda e tecla; frauta, cello e piano.
ZELTIA IREVIRE
Proxecto de música folk tribal conectada coa natureza e a tribo que se caracteriza pola mestura orgánica dos instrumentos co sentir da voz e a temática das súas composicións. Formado por Zeltia Acuña (voz, guitarra), Migui Carballido (bodhran, percusión, coros) e Cibrán Seixo (violín, moog) presentan o álbum Vacaloura (2023); a viaxe dun espertar musical acompañado por artistas locais e internacionais.
🎧 Bótalles unha orella en: