SUPERBLACK: «SOMOS GALEGOS, ZUMEGAMOS AUGA POR TODAS PARTES»
Aínda que xa compartiran táboas por terras galegas hai anos, non foi ata o confinamento cando «comezamos a mandarnos cousas e a falar da posibilidade de gravar algúns dos temas que quedaran no tinteiro». Catro anos máis tarde, Santi Iglesias (voz), Pablo Seoane (guitarra) e Lois Afonso (guitarra), galegos afincados en Madrid, están a presentar o seu primeiro disco. Os tres músicos veteranos son Superblack, unha banda que xoga coas súas diferentes influencias musicais para crear composicións de rock-metal alternativo, certeiras e impecables.
Despois de anos de traballo, nos que pacientemente escoitamos adianto tras adianto, a banda lanza H2O (2024) ao completo, un álbum de dez cortes que eles mesmos definen como «unha travesía sonora que explora a vida a través da metáfora da auga».
Como chegan Santi Iglesias (voz), Pablo Seoane (guitarra) e Lois Afonso (guitarra) a ser Superblack hai xa catro anos?
Pablo Seoane: «Bueno, a verdade é que realmente todo vén de máis atrás, xa que os tres coincidiramos na última etapa do grupo santiagués Embrace Me Ocean.
Por diferentes motivos acabamos os tres vivindo en Madrid e durante o confinamento comezamos a mandarnos cousas e a falar da posibilidade de gravar algún dos temas que quedaran no tinteiro na época de Embrace. A idea era gravar un ou dous, pero foron xurdindo ideas... e aquí estamos agora, cun disco na man».
Por que o nome? Por que Superblack?
Lois Afonso: «Pois mira, aínda que elixir nome non é fácil, non demos moitas voltas para isto. Foi un termo que escoitei hai anos e quedoume na cabeza como posible nome de grupo. Propúxeno, gustou e aí está. Super black, que realmente se escribe separado e nós xuntámolo para o nome do grupo, é unha especie de pintura que absorbe ata o 99,9% da luz, digamos que é a cousa máis negra que pode haber no mundo [risos]».
Aínda que poderiamos dicir que a banda é de recente creación, os tres sodes xa veteranos nisto da música. Que diriades que achegou a vosa experiencia previa á hora de darlle forma a este novo proxecto?
Santi Iglesias: «O máis importante é que os erros que xa cometiches antes xa non os cometes agora, e como antes foron moitos... [risos]. Tamén está claro que estás máis afeito a todo, a compoñer, a tocar... entón todo váiseche facendo máis normal co tempo; fas todo con máis calma, sabes mellor onde enfocar os esforzos, o que paga a pena e o que non.
Pola contra, seguramente non hai a mesma espontaneidade que cando es máis novo. Supoño que son dous aspectos que se van compensando cos anos».
Malia as vosas diferentes influencias, das que falaremos máis adiante, o que vos une aos tres é o rock. Como definiriades vós o voso rock? Canto de rock (alternativo), e canto de metal (alternativo), hai na música de Superblack?
Lois: «O feito de definilo como rock/metal alternativo ten que ver en parte con non querer delimitar en exceso dentro dun estilo concreto, por iso utilizamos un termo tan amplo para definir o noso estilo, porque realmente estamos abertos a case todo o que poida xurdir, sempre que nos guste a todos.
Todo ou a maioría do que facemos pódese etiquetar ou ben como rock ou ben como metal, pero non me atrevería a concretar moito máis. Penso que o termo “alternativo” é axeitado para a maioría dos temas, xa que intentamos que non sexa un estándar puro, que non sexa rock clásico, nin metal clásico, que haxa elementos que quizais non son os habituais no xénero.
En canto a se hai máis rock ou máis metal, vendo o disco rematado semella que os temas máis antigos son máis metaleiros e os máis recentes teñen un punto máis preto do rock. Pode que sexa casualidade ou quizais evolución, non che sabería dicir, o futuro dirá. O feito de que sexamos varias persoas facendo música pode que sexa o que máis inflúe; temos formas moi diferentes de compoñer, por iso a miña aposta é que seguirá habendo rock e metal no futuro, e seguramente algunha outra cousa».
Canto esas influencias que comentabamos, quen diriades que vos inflúe, ou influíu, no voso xeito de facer música?
Lois: «No meu caso considero que practicamente todo o que escoito me inflúe dalgún xeito. O meu abano foise abrindo moito cos anos; na miña primeira etapa o que máis escoitei foi thrash metal clásico, tanto americano como europeo. Supoño que este estilo influíume máis no xeito de tocar que á hora de compoñer, xa que nesa época o que facía basicamente era intentar tocar temas de grupos dese estilo (Metallica, Megadeth Kreator, Slayer, Testament, Flotsam and Jetsam, etc).
Na composición penso que pesa máis o feito de escoitar moitos tipos de música que ningún estilo en concreto. Escoito diferentes tipos de metal, hard rock americano dos 80/90, grunge, ás veces fuxo un pouco do metal e podo escoitar música instrumental tipo Mike Oldfield, Jean-Michel Jarre ou algo máis clásico como Michael Nyman ou Win Mertens, tamén música cun toque electrónico como Massive Atack, The Prodigy, The Chemical Brothers, Moby ou máis recentemente Pendulum ou The Algorithm. Hai unha parte importante de rock alternativo, grupos como Skunk Anansie ou Guano Apes.
Ao longo dun día calquera podo escoitar cousas tan diferentes como Celtic Frost, Metallica, Alanis Morissette, Madonna, Europe ou Alice in Chains, por exemplo, e penso que todo iso achega algo á miña maneira de facer cancións, unhas cousas máis que outras, obviamente, pero todo inflúe».
Santi: «Os meus gustos musicais son eclécticos. Desde pequeno, Michael Jackson foi unha das miñas maiores influencias e segue a ser unha referencia clave. A súa expresividade e técnica vocal deixaron unha pegada profunda que aínda hoxe me inspira. Co tempo, fun ampliando as miñas influencias cara a xéneros como o rock, o pop rock, o synthpop, o soul, o R&B e ata algo de jazz.
A miña conexión co rock foi unha viaxe longa e intensa. Explorei tanto o seu lado máis enérxico e escuro como as raíces do rock máis clásico. Descubrín o rock alternativo, o grunge, o hard rock, o rock gótico, o metal... Bandas e solistas de todos estes estilos marcaron unha etapa importante para min e seguen a ser referentes, aínda que agora cunha visión máis equilibrada.
A finais dos 90, o disco Euphoria Morning (1999) de Chris Cornell foi un punto de inflexión. Ese álbum abriume a novos estilos, animándome a seguir explorando e expandindo as miñas influencias. Esta procura levoume a integrar matices que hoxe definen a miña identidade musical.
Nos últimos anos recuperei bandas e solistas de influencias máis new wave, rock e pop de anos atrás nos que non afondara o suficiente, e que agora están presentes no meu son achegando un toque melódico e emocional. Ao mesmo tempo, os grandes clásicos do soul e do jazz, xunto con artistas contemporáneos destes xéneros, representan unha forte inspiración. Non limito as miñas influencias a ningún estilo en particular, deixo que todos os xéneros acheguen algo ao meu son, desde o máis clásico ata o máis recente. Grazas á variedade que ofrecen as plataformas dixitais, teño acceso a unha riqueza musical inmensa e penso que esa liberdade para descubrir e mesturar novas influencias é unha das grandes vantaxes de hoxe en día».
Pablo: «Eu vou ser bastante máis conciso; teño influencias das bandas clásicas que empecei escoitando (Iron Maiden, Metallica, Judas Priest)... Hoxe en día os meus gustos son un pouco máis variados, pero case todo vai incluído nas diferentes variantes do rock e o metal».
Escoitámosvos por vez primeira a finais de 2021, cando lanzades un par de sinxelos “Roto” e “Destroza tu fe”, que precedían a “Sin un porqué” en maio de 2022. O primeiro e o terceiro pasaron a formar parte do repertorio do voso primeiro longo, pero non o segundo. Por que non foi incluído finalmente? Foron publicados para tentear o terreo, como unha especie de proba de fogo?
Pablo: «Si e non, é dicir, sempre que sacas un adianto tes que retroalimentarte del, para iso serven entre outras cousas, pero, por outra banda, como xa dixen na primeira pregunta, a idea inicial era gravar un ou dous temas; non sabiamos nese momento que acabariamos gravando un disco enteiro, nin sequera tiñamos a condición de grupo cando empezou todo isto.
En canto á decisión de non incluír “Destroza tu fe”; cando xa decidimos que iamos facer o disco, pensando como consumidores de música quizais, estabamos os tres de acordo en que preferiamos un disco curto. De inicio barallabamos meter nove cancións e sacar a versión de “Afuera” aparte; ao final gustounos moito o resultado de “Afuera” e decidimos incluíla.
Como tiñamos claro que non queriamos meter máis de dez temas no disco de ningunha maneira, había que descartar unha e parecía lóxico facelo cunha das tres que xa estaban editadas en plataformas; e desas tres, tendo en conta tamén a retroalimentación da que falabamos antes, decidimos que quedara fóra “Destroza tu fe”, xa que parece que tanto “Roto” como “Sin un porqué” gustaran máis».
Nestes primeiros temas comezastes unhas colaboracións estelares, e semella que estables, xunto a Dani Mourinho (Halogram) no baixo e Suso Valcárcel (Supernatural) na batería. Como establecestes estas colaboracións, tendo en conta que, daquela, aínda había medidas fronte á COVID? Por que eles?
Santi: «Pois no caso de Dani foi bastante sinxelo, xa que é amigo meu desde sempre, só había que lealo e leámolo; leámolo máis do que el mesmo podía imaxinar [risos]. Simplemente había momentos nos que andaba máis liado con Halogram e outros proxectos que ten, pero ao final, por sorte para nós, sempre sacaba un oco. No caso de Suso, cruzara con el algunha mensaxe en Facebook había tempo, tamén miramos algún outro batería por Internet, pero escribinlle a Suso e funcionou desde o principio; non houbo que buscar máis.
O certo é que tivemos moita sorte neste aspecto, porque poder traballar con comodidade a distancia —nós en Madrid, Suso en Vigo e Dani en Londres— e con músicos que non se coñecen entre eles, é algo moi complicado de conseguir. Ten en conta que desde que comezamos con isto non nos xuntamos nunca os cinco ata que gravamos o vídeo de “Afuera”, que foi en setembro deste ano, se non recordo mal».
Desde maio de 2022 a xuño de 2024 non houbo novos lanzamentos pola vosa parte, foi este o período de incubación do novo disco?
Lois: «Exactamente foi iso. Teño que dicir que gravamos este disco a medida que se compoñía cada tema, non fomos ao estudio con dez temas rematados e gravamos todo en dúas semanas ou tres ou as que sexan.
Si que traballabamos en varios temas ao mesmo tempo, pero cando rematabamos un deles iamos ao estudio e gravabamos só ese tema; e así con todos. Foi todo un pouco máis lento, pero gustounos a experiencia, penso que se miman máis os temas tanto na fase de composición como de gravación. Logo cando gravas sempre xorden cousas que se cambian no momento, pero as cancións xa van moi coidadas de inicio».
Estades a presentar H2O (2024), o voso primeiro traballo discográfico, que chegaba ás plataformas a mediados de outubro logo de meses de adiantos. Como brotou, e comezou a saír, a idea deste álbum?
Pablo: «Pois como che comentaba antes, foi moi aos poucos; non había un concepto inicialmente porque non había nin intención de disco, pero houbo algún tema que comezou a deixar saír o concepto da auga .Posteriormente, con esa idea básica, moi inicial por dicilo así, foron saíndo os temas restantes, que á súa vez permitiron afinar o que acabou sendo o concepto xeral do disco; foi unha especie de retroalimentación entre as cancións e a idea da auga.
Foi moi fluído todo en realidade, somos galegos, zumegamos auga por todas partes. [risos]».
Abre o disco “Vértigo”, que tamén foi o «primeiro» sinxelo adianto, un tema contundente que parece perfecto non só para abrir un álbum senón para abrir, ou pechar, un concerto. Védelo así? Por que escollelo como primeiro tema do disco?
Lois: «Non andas moi desencamiñado, é un tema que pensamos que funciona tanto para comezar como para rematar, estamos de acordo, de feito pode que así sexa. Realmente a elección da orde dos temas no disco foi todo un proceso, démoslle bastantes voltas e todos os temas están no seu lugar por algo.
Por suposto “Vértigo” tamén, con máis razón aínda sendo a que abre o disco. Pareceunos un tema directo e fácil de escoitar, que é o que pensamos que ten que ter un tema inicial dun disco; por suposto houbo outras opcións para ese posto, pero tamén nos pareceu axeitado para facer un videoclip, entón foi todo un pouco da man, directo, accesible e con videoclip, perfecto para comezar o disco».
Presentades H2O como «unha travesía sonora que explora a vida a través da metáfora da auga». De que xeito trasladades esta metáfora ás letras das cancións?
Santi: «Usamos a metáfora da auga para representar a vida mesma, xa que este elemento pode simbolizar multitude de conceptos: fluidez, cambio, profundidade, calma, tormenta... Cada tema do álbum explora diferentes momentos emocionais, desde a serenidade ata a turbulencia, pasando polas correntes imprevistas dos pensamentos e das experiencias que todos vivimos. Así como a auga, as nosas emocións e vivencias son cambiantes, e ás veces, arrástranos, límpanos ou conéctannos de maneiras inesperadas.
Como galegos, a auga sempre estivo presente na nosa vida, e é unha fonte de inspiración que, sen facelo de forma explícita, tamén nos conecta coa nosa identidade. Usamos esta metáfora porque, dalgún xeito, sentimos que é parte da nosa esencia: algo que flúe, que nos move e que sempre está en cambio, pero tamén en constante presenza.
En definitiva, o que queremos transmitir é que, aínda que todos atravesamos momentos de calma ou turbulencia, sempre hai algo que flúe, algo que nos conecta e nos move, tal como fai a auga na nosa vida e na nosa música».
A decena de temas que recolle o longo son dez pasaxes sonoros que reflicten diferentes estados da auga, pero foron estes a principal fonte de inspiración dos temas? Ou navegastes outras ondas na procura de inspiración?
Santi: «A metáfora da auga foi un fío condutor para os temas de H2O, representando a vida e os seus diferentes estados emocionais. Pero a verdadeira fonte de inspiración foron, en primeiro lugar, as nosas vivencias persoais e as das persoas que nos rodean. Cada canción nace de experiencias reais, de momentos de calma ou de tormenta, de loitas internas, reflexións e sentimentos compartidos. A auga, como metáfora da vida, serviu para enmarcar esas emocións e transmitir a idea de que, aínda nas turbulencias ou na serenidade, todo flúe e todo está en constante cambio.
Ao mesmo tempo, como comentaba anteriormente, a auga tamén nos conecta coa nosa terra, co noso ser galego, sen necesidade de falar directamente dela. A través desta metáfora, puidemos reflectir unha parte de nós mesmos e das nosas raíces, sen perder de vista que a verdadeira inspiración xorde das experiencias humanas, tanto as propias como as alleas».
Convidades os oíntes a que se «mergullen» en cada un dos temas do longo, que sintan, por exemplo, como a auga pode destruír, calmar ou purificar. Iso de que as sensacións traspasen letra e melodía semella complicado, non? Como o acadades?
Lois: «Non semella complicado, é complicadísimo! De feito, non sei se o acadamos, non hai xeito de sabelo. A moita xente soaralle a ida de olla total [risos]. O que está nas nosas mans éfacer que a letra e a música de cada canción teñan sentido, explicar un pouco o concepto do álbum para dar unha idea de como xurdiu todo. A partir de aí, as sensacións son diferentes en cada persoa que o escoite, xa non depende de nós».
O disco é unha contundente descarga de enerxía; pero, malia o que poida suxerir o título, “Euforia fugitiva” é o corte máis calmo e, curiosamente, o escoitamos xusto na metade. Supoñemos que non é algo accidental que ocupe ese lugar, non si?
Pablo: «Como xa dicía Lois anteriormente, o lugar de cada tema está moi meditado. “Euforia fugitiva” viámolo como un tema que non se aproxima moito nin ao rock nin ao metal, non fixeramos nada semellante ata ese momento. De feito, cando comezamos con ela non sabiamos o que ía saír de aí [risos]. Digamos que é un tema que está como en terra de ninguén, pareceunos que a metade do disco era a posición axeitada».
Como foi o proceso creativo de H2O? Sendo tres, hai reparto de tarefas á hora de materializar as ideas ata convertelas en cancións?
Santi: «Normalmente comezan os guitarristas xuntando riffs e ideas e cando semella haber un mínimo de estrutura é cando empezo coas liñas de voz e as letras.
Unha vez que a canción está máis ou menos definida, empezamos a traballar nela en grupo, “estresándoa” un pouco para intentar entre os tres mellorala con ideas e arranxos. Temos clara a intención da canción e esbozamos un pouco como queremos que sexa a batería, para que Suso teña unha base coa que traballar e lle dea a súa propia personalidade e a mellore. En canto ao baixo, Dani achega as súas partes unha vez que a batería está lista, imprimindo o seu son e estilo, dándolle a súa propia visión ao tema.
A maior parte do proceso é a distancia porque, aparte de que Suso e Dani viven lonxe de Madrid, tanto Pablo como Lois traballan moito fóra de Madrid. É un proceso moi máis lento e pouco áxil, e traballar sen batería nin baixista é divertido... pero non tanto [risos]. Pero e así ou non é, non temos outra opción polo de agora».
“Afuera” foi o derradeiro adianto, versión do tema do grupo mexicano de rock alternativo Caifanes, publicado en 1994, que fala sobre a dualidade da existencia e a procura da identidade. Que significa para vós este tema como para incluílo como única versión do repertorio?
Pablo: «A verdade e que xurdiu de xeito moi fluído. Queriamos facer unha versión que non fose moi obvia tendo en conta o noso estilo, que non fose dun grupo de metal ou rock duro, que estivese un pouco fóra do noso ámbito para poder sacala un pouco do seu contexto. Saíron varias opcións, non moitas, quizais catro ou cinco; “Afuera” era unha delas, a min gustoume e a Santi e a Lois gustáballes desde os 90, así que comezamos a traballar nela e pareceunos que podía ter un bo resultado».
A versión é moi respectuosa coa orixinal pero, ao mesmo tempo, soa moi diferente. De que xeito acadastes levala ao voso terreo?
Santi: «Dalgún xeito foi xurdindo. A primeira versión tiña a mesma estrutura da orixinal, pero cun son similar ao que acabou tendo ao final. Logo fomos vendo que, ao facela máis cañeira, non nos acababa de funcionar a estrutura, sobre todo a parte central que na orixinal funciona moi ben, pero ao levala ao noso terreo non acababa de convencernos.
Decidimos facer unha parte central igualmente con unha das melodías que xa existían, pero máis acorde coa nosa versión. A medida que avanzabamos fomos cambiando cousas aquí e alá e aí está o resultado. Realmente, como fixemos todo o proceso desde unha copia case igual ao principio para ir evolucionando, quizais pensemos que cambiamos pouca cousa, pero ás veces ao escoitala dáme a sensación de que a puxemos patas arriba [risos]».
Botando unha ollada aos créditos, observamos como, ademais da composición, tamén vos encargastes da produción do disco. Cuestión de orzamento ou de control do produto final? Como lembrades o traballo desde estoutro punto de vista?
Lois: «Pois iso ten máis que ver coa forma de gravar o disco que de orzamento ou de control. Si que nos gusta ter control do que facemos, pero non temos ningún problema en traballar cun produtor, sempre que sume, porque un produtor con experiencia pode achegar moitas cousas boas ás cancións e unha visión externa moitas veces axuda moito.
Pero como xa comentamos, ao non ter idea de gravar disco dende o principio e ir gravando tema por tema con meses de distancia entre eles, nin o pensamos nin o intentamos, pero se lle dicimos a un produtor que imos gravar un disco durante tres anos facendo un tema cada tres ou catro meses, igual non lle parece moi boa idea [risos].
Hai que dicir que tivemos moita sorte con Will, que gravou, mesturou e masterizou o disco, porque tamén ten moita experiencia como produtor e regalounos moitos e moi bos consellos».
Notamos como a produción, a mestura e a gravación, están feitas con moito agarimo. Chámannos a atención varios detalliños mesmo de electrónica que veñen enriquecer sutilmente algún dos temas. Considerades que sodes (moi) perfeccionistas á hora de traballar?
Pablo: «Penso que somos perfeccionistas, pero non obsesivos, quizais máis na fase de composición que na de gravación. Pensamos que non é necesario que todo sexa perfecto, como se parecera feito por unha máquina. Ás veces entre dúas tomas é mellor elixir unha que me transmita máis antes que outra que está mellor tocada ou cantada pero con menos forza, ou con dúbidas... Sempre dentro duns mínimos de calidade; obviamente, se hai un erro moi claro, pois a toma non vale, por moita forza que transmita. Por outro lado, tamén limitan os medios, por suposto, tes os días de gravación que podes pagar e iso tamén decide o perfeccionista que podes ser.
Santi: «Pola miña parte si, nalgunha ocasión cheguei a obsesionarme con certas partes da voz, dando milleiros de voltas ata o punto de ter que desbotar todo e comezar de novo, ou quedándome no mínimo detalle que probablemente só eu notaría».
Ao fío, o proceso de gravación sabemos que foi un pouco complexo, con partes mesmo gravadas a distancia. Como lembrades este proceso?
Lois: «Foi lento, moi lento, pero moi divertido. Cada día que iamos gravar era un bo día, pasabámolo moi ben, a verdade. Ademais, tiñamos moi boa conexión no estudio con Will, que fixo un traballo impecable e foi moi doado traballar con el; houbo moitas risas nese estudio.
Como ben dis, foi feito en gran parte a distancia, as baterías ían de Vigo ao estudo directamente, os baixos gravábaos Dani en Londres e enviábanolos e finalmente nós os tres si que iamos xuntos ao estudio a gravar as voces e as guitarras. Foi complexo, pero pagou a pena».
A vosa estética está moi coidada, de rigoroso (super)negro, pensades que este aspecto tamén é importante para o proxecto?
Santi: «É unha parte moi importante para nós. Penso que, aparte da imaxe, que é o obvio, transmite máis cousas; un mimo e un coidado polo produto, seriedade quizais, non penso que sexa simplemente imaxe. O proxecto ten varios aspectos, o lóxico para nós é coidalos todos do mesmo xeito. Intentamos que se alguén escoita a nosa música e lle gusta, ao vernos teña a mesma sensación; que o feito de vernos sume e non reste».
Como tedes pensado levar H2O aos escenarios? Podemos supoñer que Dani Mourinho e Suso Valcárcel formarán parte da banda en directo? Cando, e onde, poderemos desfrutar do disco ao vivo?
Lois: «O tema do directo está en fase de creación aínda. Gustaríanos introducir unha parte visual que acompañe á música, son cousas que levan tempo e dan moito traballo, pero penso que vai pagar a pena. Non che podo concretar nada máis polo de agora porque estamos a traballar niso, pero o que vai haber seguro son ganas e enerxía.
Que Dani e Suso formen parte da banda en directo sería a opción máis desexable, o que non sabemos é se será posible; sobre todo con Dani, que vive en Londres, con Suso semella bastante máis viable, de feito vimos de ensaiar con el hai uns días. Desde logo todos os esforzos que poidamos facer para que estean, como mínimo no concerto de presentación, farémolos. Cando vai ser? Non sabemos de momento, queda moito traballo por diante aínda, queremos que estea todo ben preparado.
Tardamos máis de tres anos en gravar un disco, non imos correr agora [risos]».
Como describiriades os concertos de Superblack? Que poderá agardar o público dun directo voso?
Pablo: «Penso que nos excedemos na pregunta anterior e xa case contestamos esta [risos]. Ímolo facer todo o vistoso que poidamos, imos levar o espectáculo todo o coidado que estea na nosa man, e vai haber moita enerxía porque morremos coas ganas de tocar».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Superblack: «Por suposto estamos sempre atentos aos proxectos de Dani e Suso, neste caso Halogram e Luciférnaga».
Santi: «Eu diría que STONED AT POMPEII, xusto acaban de publicar case na mesma data que nós o seu novo disco, moi recomendable».
Pablo: «Eu aposto polo traballo incansable de APHONNIC».
Lois: «Estou de acordo cos meus compañeiros, penso que STONED AT POMPEII están a facer moi boas cousas, e non recordo un mal concerto de APHONNIC. Tamén me parecen interesantes Urko, penso que MaCHina tamén tiveron sempre algo que ofrecer e, aínda que por desgracia xa non están activos, recomendaría a Mutant, o disco Pleiades (2016) en concreto paréceme unha marabilla».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Santi: «No meu Spotify hai veces que se repiten certas bandas e solistas, pero se me preguntas
dentro de pouco tempo, probablemente a selección variaría substancialmente. A día de hoxe: Michael Jackson, Donny Hathaway, Lianne La Havas, Sam Cooke, Amy Winehouse, Sade, Billie Ellish, Willow, Raye, Elvis Presley, Frank Sinatra, Chris Cornell, Sananda Maitreya, Michael Kiwanuka, The Doors, The Cure, The Cult, HIM, Incubus, Bad Omens, Depeche Mode, Linkin Park, INXS, U2, Tears For Fears, David Bowie, Fantastic Negrito, Black Pumas...».
Pablo: «Agora mesmo estou con Bad Omens, Linkin Park, Sleep Token e por suposto Superblack [risos]».
Lois: «Non hai vergoña, non te preocupes, é outra cousa que se perde cos anos [risos]. No meu historial aparecen Pain of Salvation, Haken, Katatonia, Leprous, Mastodon, Amorphis, Bush, Gojira, Europe, Scorpions, Metallica, Darude, t.A.T.u., Avenged Sevenfold, Jane's Addiction, Tool, Madonna, Papa Roach, Paradise Lost, Flotsam And Jetsam, Coroner, Sepultura, Rush, Extreme, Ozzy, Roxette, Testament, Estirpe...».