Creador e artista coruñés cunha extensa traxectoria no ámbito da etnografía e das músicas de raíz, Xurxo Fernandes fórmase desde moi novo en baile e canto tradicional tanto de xeito autodidacta como a través do contacto con fontes da sabedoría popular. A súa curiosidade leva ao creador a iniciar, en 1994, unha investigación e recollida polas aldeas de Galicia que mantén ao longo de máis de dúas décadas, tamén nos países do antigo Imperio Otomano. Este traballo de campo, a través de conversas e enquisas, outorga ao artista unha fonda cosmovisión da tradición oral galega e sefardí.“Levaino!” (2021), o seu primeiro traballo en solitario, é a representación desa dualidade que comprende Xurxo Fernandes. É un revelador xogo de espellos no que Galicia e Oriente se reflicten e que, por vez primeira, o artista amosa nun suxerente traballo discográfico. A tradición oral galega, acompañada dun instrumento representativo desta como é a pandeireta, é a base e o punto de encontro de creacións sonoras que se nutren doutras tradicións, acompañados de arranxos modernos e dunha instrumentación moderna que se introduce dun xeito natural.En “Levaino!” atoparemos temas recollidos polo propio artista en Coristanco, Samakov, A Mezquita, Salihli, Tordoia, Larache ou Tel Aviv. Unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas, que comezan no Mediterráneo Oriental e que rematan en Galicia, que explicitan e manifestan os vínculos entre ambas culturas e tradicións orais.
Contratación
Mirmidón Producciones 667 706 241 maruchy.mirmidon@gmail.com