MCarballo, como os ritmos que dan entrada, un, dous, un, dous, tres, estabiliza o seu voo co seu terceiro disco “Mediados de abril”, despois de rodar pola pista de “On your Pillow” e despegar con “You knew it”, impulsado pola experiencia previa dos seus compoñentes. Colle altura con "Mediados de abril", un disco no que, tras comprobar que as dúas experiencias anteriores o puxeran onde quería estar, saca todos os sons e as melodías que non xorden á primeira, senón da madurez. E isto é o que cabe neste disco, non hai a rabia dun grupo que empeza, senón a chegada a un destino que as cancións foron marcando e no que fala melodías interpretadas coa soltura da música natal, propia.Criado en Ourense, á ribeira do río Miño, oíndo o que aos lados do Mississippi cocían as xentes do blues, soubo desprazar os seus oídos a terras máis áridas para oír o country que sae do po do deserto, mollalo coa chuvia galega e, finalmente, como sempre foi desde que o mundo é mundo, desembocar nunha praia galega para cantalo ao mar baixo unha tormenta de sol, rock e auga doce.“Mediados de abril” ofrécenos un son puro, que a distorsión da guitarra consegue manter limpo. Voz, guitarra, baixo e batería. Esa é a esencia, para que máis? Así se empeza. Ás veces a evolución non está no número de instrumentos, senón en saber cantos fan falta para dicir o que se quere. Non a toques xa máis, que así é a rosa, dicía o poeta.
Contratación
Manuel Carballo(+34) 988 234 065 - (+34) 600 569 684 mcarballo@mcarballo.com