• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2024

NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2024
2 XUÑO 2024

 

LFOs & Creatures, Cora Novoa

Cora Novoa poñía o broche de outro ao mes de maio coa publicación de LFOs & Creatures (Turbo Recordings, 2024), segundo disco baixo o selo canadense. Con este novo EP, Novoa segue a poñer a proba as interseccións entre a arte e a tecnoloxía a través de sintetizadores maxistrais e programacións sinistras de batería. O tema que dá título ao disco encabeza a lista de catro cortes cun techno de primera liña ao máis puro estilo Cora Novoa; séguenlle “Digital Identities” e “Self Control”, elevando a enerxía aínda máis, con tons industriais que afondan no groove. Pecha o disco o sinxelo, “Oracle”, baseado en breakbeats contidos e un ambiente suavemente deseñado.

 

 

 

  

Fume santo de loureiro, MOURA

Explorando os ámbitos máis escuros da tradición galega, MOURA pechaba maio coa publicación de Fume santo de loureiro (Spinda Records, 2024). Este novo traballo discográfico é un EP conceptual que foi concibido como banda sonora da curtametraxe Nai, dirixida por Tito Refoxo, co-escrita por Brais do Rei (batería) e presentada no XXI Festival de Cans. Cun título inspirado nun verso exorcizante e sandable utilizando en diversos rituais galegos, o álbum presenta catro cortes —unha intro e tres temas— gravados por Marco Lima nos estudios Hertzcontrol (Portugal) e masterizados por Álvaro Gallego. Ademais de en plataformas dixitais, o EP está dispoñible en CD e nunha edición limitada e numerada en vinilo transparente, cuxo artwork, asinado por Hugo Santeiro, «supón unha ruptura con entragas anteriores: ante a perda e a escuridade... branco».

 

 

 

 

Dark Lady, Stormy Trucks

Case un mes despois do primeiro, e único, adianto, Stormy Trucks lanzaba o disco ao completo. Gravado por José Trincado en Savik Sound (Pontecaldelas), Dark Lady (Struck by Lightning, 2024) son sete cortes, cinco orixinais e dous versións —“Long White Cadillac” de Dave Alvin (The Blasters) e “Jailhouse Rock” de Leiber & Stoller— nos que a banda compostelá dá unha nova volta de torca ao seu xeito de concibir o rock ‘n’ roll. Así, neste segundo álbum, o trío «inxecta frescura a sons clásicos e a composicións impecables» que, ao longo do LP, escoitamos envoltos nun rock de inspiración rockabilly, cru e enérxico.

 

 

 

 

 

Cartografías, Milesios

O pasado venres, Día das Letras Galegas, Milesios rompía sete anos de silencio discográfico co lanzamento do seu novo disco. O grupo folk presenta Cartografías (2024), unha nova viaxe na que seguen a percorrer lugares de Italia, Bretaña, Irlanda e, por suposto, Galicia. Gravado e masterizado por Iván Ferro en Kollapse Studio, este terceiro traballo recolle e reinterpreta melodías tradicionais, arranxadas por eles mesmos, ademais de incluír algunhas composicións propias. Con deseño gráfico e fotografía de Daniel Díaz Trigo, Cartografías está dispoñible para a súa escoita e descarga dixital nas principais plataformas e, en formato físico, a través de Bandcamp ou a súa web.

 

 

 

 

Vorágine, Terror Erótico

Terror Erótico lanza novo traballo, primeiro sen o «adolescente» e logo de catro anos de silencio discográfico. Vorágine (DISCTRL, 2024) é o resultado de dous anos de traballo, «a golpe de bombo e caixa; de sintetizadores, baixos e guitarras», nos que a banda lucense só tiña en mente a pista de baile. Os oito cortes do longo conforman unha homenaxe a todas as noites vividas durante os dez anos de traxectoria da banda, con letras e ritmos que pretenden evocar o universo de Terror Erótico, ese de «terror de serie b en lugares nocturnos e asasinatos na pista de baile». Desde technopop dos 80 e 90 a sons máis punk rock, Vorágine é a banda sonora idónea para calquera noite de «festas privadas, sangue, exceso, subidóns, baixóns, ansiedade, escuridade, berros, luces escintilantes e hedonismo, moito hedonismo».

 

 

 

 

 

Aburrirse es de idiotas, Quant

Quant celebrou o primeiro de maio, Día dos Traballadores, lanzando o seu novo traballo discográfico. O dúo ferrolán composto por Oscar Quant (voz, guitarra, sintetizador) e Alberto Amigo (voz, baixo, sintetizador) veñen de publicar Aburrirse es de idiotas (2024), un álbum que xa se pode desfrutar tanto nas principais plataformas dixitais como en vinilo de 12”. Gravado no estudio caseiro de Sausalito (Ferrol), o disco entrega dez cancións de letras honestas e emocionantes, tinguidas dun son cru e auténtico que amosa, unha vez máis, o renovado xeito de entender a música pop de Quant; desta vez, e segundo sacamos da cita de Violeta Parra que acompaña o lanzamento, desde unha perspectiva rachadora: «escribe como queiras, usa os ritmos que che saian, proba instrumentos diversos, senta no piano, destrúe a métrica, berra en vez de cantar, sopra a guitarra e toca a corneta».

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2024 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2024 cos discos completos!

 

  noticias