• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. SETEMBRO 2024

NOVOS LANZAMENTOS. SETEMBRO 2024
5 OUTUBRO 2024

 

Barullo, Baiuca

Aproxima como nunca antes a música tradicional á pista de baile. Barullo (Raso Estudio, 2024) é o terceiro álbum de Baiuca, un traballo que amplifica e resignifica a idea da «foliada moderna», conectado a música tradicional ibérica con toda licencia electrónica posible. Os temas, con estruturas de pop alternativo, nútrense de xéneros como o breakbeat, deep house, UK garage ou trance, unha combinación que soa tanto a clásicos de rave como a clásicos folktrónicos; composicións que se abren nun abano de sons onde a electrónica foi o concepto sobre o que construír o imaxinario de Barullo. Con colaboracións de artistas da escena musical galega alternativa, como Carlangas, e da música folk, como Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras), Xurxo Fernandes ou Felisa Segade (Leilía), para Barullo, o produtor galego tamén volveu contar cos seus colaboradores habituais: Lilaina e Xosé Lois Romero. Unha vez máis, e como leva a facer desde o seu debut hai seis anos, Baiuca acada retorcer e expandir o seu son sen necesidade de saír do seu círculo de confianza; un son autóctono que recolle influencias de Caribou, Floating Points, Skrillez, Jamie XX, Four Tet, DJ Koze ou Fred Again, sen perder as melodías tradicionais e recuperando coplas folclóricas anónimas tanto de Galicia como de Portugal.

 

 

 

 

 

Salto al vacío, Diego Mar

Os meses de espera remataban o pasado venres, derradeiro de setembro, día en que Diego Mar lanzaba o seu primeiro traballo en solitario asinado co seu propio nome, tras outro en 2023 de electrónica instrumental baixo o heterónimo de Biko. Gravado, mesturado e masterizado por Carlos Gil en Mondariz, Salto al vacío (2024) recolle dez cortes synth pop influenciados polo pop español e americano da década dos oitenta, cargados de atmosferas e sons capaces de transportar o oínte a aquela época. Experimentado no mundo da música nas súas facetas como guitarrista compositor —de feito, coñecémolo como a metade de Principia— neste proxecto, Diego «salta» de cabeza á electrónica e ao ambient, creando un son nostálxico e enérxico ao mesmo tempo; explorando a súa voz e redescubrindo a súa paixón pola música.

 

 

 

 

Flower Panther, Graciela Rodríguez

Ourensá de nacemento, reside en Londres desde hai anos, aínda que medrou e se formou musicalmente en Vigo. Graciela Rodríguez volve ao mercado discográfico despois de tres anos —Sweet Darkness (2021) era o seu traballo máis recente— cun longo que levaba tempo preparando. Composto por 11 cortes, Flower Panther (2024) é unha entrega máis da mestura ecléctica que sempre caracterizou á cantautora galega, co denominador común da verdade e a paixón. “Finally Broke Free” foi a canción escollida como un dos sinxelos presentación, que ademais vén acompañado por un videoclip onde interpreta a peza nunha das praias de Moaña.

 

 

 

 

 

A caída da antorcha humana, O Portughés

Un par de meses despois do derradeiro adianto, “Brilla o branco”, que ofrecía unha mostra da súa evolución musical, O Portughés (Ola Perdida Squad) publicaba A caída da antorcha humana (2024), o seu segundo álbum. O artista, parte do colectivo de hip-hop/trap Los Buenos, entrega un longo que destaca pola súa combinación de sons modernos e tradicionais, con beats asinados por Fat Kingdom, Clioenllamas, Lucas Conde, Yung Denzo e B4 Projects; mentres que para a parte vocal, O Portughés se rodeou dos «mellores»: Dee Cee, Ettore Galiziano, Tempo Norte, Fungo e Amar Traceur, entre outros. Con portada feita por Nubia, A caída da antorcha humana abre un novo capítulo da súa traxectoria musical, prometendo innovación e emotividade a partes iguais.

 

 

 

 

 

High Noon, Willie & Winnie

Tivemos que agardar catro anos para volver desfrutar dun traballo seu e, aínda que levaban un tempo agasallándanos sinxelos, Willie & Winnie asinaban o seu último longo en 2020. O martes 3 de setembro, o dúo ferrolán presentaba High Noon (Ferror Records, 2024), un EP con cinco novas cancións que manteñen esa mestura de experimentación e tradición que xa exploraran nos seus singles máis recentes. Cortes etéreos onde o protagonismo se divide entre voces emocionais e arranxos brillantes evocan, por momentos, a Nick Cave ou Portishead —aos que «o dúo xura non escoitar xamais»— mentres que tamén deixan espazo para bailar entre o jazz e o pop.

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2024 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2024 cos discos completos!

 

  noticias