• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. OUTUBRO 2024

NOVOS LANZAMENTOS. OUTUBRO 2024
2 NOVEMBRO 2024

 

Lágrimas y Milagros, Battosai

Dous anos despois do seu debut, homónimo, Battosai presenta Lágrimas y Milagros (Spinda Records, 2024), un novo traballo de estudio no que se enfrontan ao desafío de continuar a súa evolución musical sen perder esa esencia tan caracterísica; unha na que se combinan elementos de distintos estilos como o rock alternativo, o post-hardcore, o shoegaze ou o indie rock. Producido pola propia banda e Santi García, quen tamén se encargou da gravación en Ultramarinos Costa Brava, este LP é unha crise de madurez, un cruce de camiños onde volver atrás non é unha opción, pero si o é o avanzar e atravesar o medo e a dor para poder renacer.

 

 

 

 

 

Drops: New York, Isidro Vidal

En marzo fixo soar a súa gaita en Nova York (e Nova Jersey) nunha serie de concertos ao longo e ancho da Gran Manzana e deses días na outra beira do Atlántico xorde o novo de Isidro Vidal. Con produción de Adrián Solla, Drops: New York (2024) é un EP de tres pezas de composición propia inspiradas nas rúas e avenidas neoiorquinas que poñen en valor o xeito de (re)interpretar o noso folk tradicional.

 

 

 

 

 

Levantarse, Habitación Vudú

O derradeiro venres de outubro saía o novo de Habitación Vudú e o facía cun título que resoa tanto no espírito do proxecto, xurdido na Limia (Ourense), como na música que recolle. Producido por Juan de Dios, Levantarse (Blanco y Negro Music, 2024) son cinco cortes cargados de potentes guitarras e unha crueza melódica que reflicte a esencia do rock alternativo; pola súa banda, as letras afondan en emocións e exploran temas como a loita persoal, a resiliencia ou o afán de superación. En case vinte minutos, a banda ourensá fía as cinco cancións de tal xeito que converte a súa escoita nunha auténtica catarse, porque Levantarse é un disco non só para escoitalo, senón tamén para sentilo.

 

 

 

 

Vertentes, Garza

Abría outubro con Caras Be (2024), un disco de 22 cancións inéditas que naceron de ensaios e gravacións desde 2019, cando estaba a gravar o seu primeiro EP Alborada, ata este 2024, ano no que publica o seu último disco. Porque Garza remata o mes do mesmo xeito que o comezou, cun novo traballo discográfico. Vertentes (Ferror Recors, 2024) es el segundo longa duración do galego, logo de deixar pegada con aquel Interferencias (Ferror Records, 2022), un LP que destaca por unha proposta dual que navega entre a escuridade electrónica e a claridade melódica, creando un fascinante equilibrio fascinante entre o denso e o directo. As letras da ducia de cortes que recolle o álbum están inspiradas na estrutura minimalista dos haiku e presentan, abertamente, un lirismo que atrapa e suxire máis do que revela. Explorando novas direccións sonoras ao incorporar, por vez primeira, a súa voz, Garza Amosa a súa capacidade para reinventarse sen perder a súa esencia, consolidando un son propio que desafía as súas propias fronteiras.

 

 

 

 

Tomando este camino, El Último Ciclista

«Son 39 minutos, ideal para darlle play no camiño cara a algún lado, que en movemento soa moito mellor»; así convida El Último Ciclista a descubrir o seu novo disco, Tomando este camino (2024). O proxecto musical liderado por Gabrulo García publica o seu primeiro longo, gravado meticulosamente nos estudios Cruz del Sur (Vigo), cun son e instrumentación de liñas clásicas e cancións que exploran un abano de emocións, desde o humor ata a melancolía pasando polo existencialismo. As harmonías sinxelas e letras evocativas características do grupo eríxense ao longo do disco como piares fundamentais para narrar situacións cotiás. Para levar este traballo de indie pop iberoamericano ao escenario, Gabrulo rodeáse de Julián Seijas (baixo), Pablo Leira (guitarra), Sergio M. Puga (batería) e Ale González (teclados).

 

 

 

 

 

H2O, Superblack

O 18 de outubro podiamos escoitar, por fin e logo de meses de adiantos, o álbum ao completo. Superblack presenta H2O (2024), o seu primeiro traballo discográfico que a propia banda define como «unha travesía sonora que explora a vida a través da metáfora da auga». Como fonte de vida, a auga pode destruír coa súa forza imparable; calmar e purificar coa súa serenidade ou evaporarse en liberdade, variacións que o trío de rock metal alternativo plasma en cada unha das cancións que recolle o longo. Unha decena de paisaxes sonoras que reflicten os diferentes estados da auga e da vida e que amosan a diversidade que caracteriza á formación: temas preparados a lume lento e con atención ao detalle, tanto na letra como na melodía. ‘Afuera’ marcou o seu derradeiro sinxelo adianto, unha versión do grupo mexicano Caifanes pertencente a El nervio del volcán (1994).

 

 

 

 

 

Bailódromo Vol.1, Carlangas

No seu segundo álbum, Bailódromo Vol.1 (2024), Carlangas explora un amplo abano de xéneros musicales de baile, desde o disco ata o bolero, pasando polo funk ou o rock, creando así un espazo único tanto musical como emocional. Neste «bailódromo» conflúen diversas influencias e sensibilidades que abren un novo capítulo na traxectoria do compostelán, quen hai só ano e medio debutaba en solitario. Definido por el mismo como un híbrido entre disco e mixtape, o traballo reflicte a versatilidade do artista, que aborda estilos tan dispares como o bolero clásico, o nu-disco, o future funk ou o indie rock. Mentres que da produción de Bailódromo Vol.1 se encargou Luca Petricca, para a gravación, Carlangas contou coa súa banda de confianza dos concertos, Los Cubatas (Mundo Prestigio), e as colabos de Russian Red e Julia del Arco.

 

 

 

 

Diario de la plaga, Auto Sacramental

Son parte dunha nova onda escura, unha mestura entre synth pop catártico e desafiante e post punk de corte experimental; unha combinación sublime que Auto Sacramental entrega en Diario de la plaga (Ferror Records, 2024), titulado así por La Peste (Albert Camus, 1947). O novo disco da banda é a culminación de dous longos anos de traballo que o trío recolle en oito cortes, construídos sobre loops de electrónica experimental e techno aos que incorporan guitarras con delay, sintetizadores analóxicos, caixas de ritmos e a voz característica de Jorge Mills (voz, sintes). Debuxando paralelismos coa obra de Albert Camus que referencia o título, La Peste (1947), na que a peste é unha metáfora sobre o odio e a desconfianza que asolagaron o mundo durante a Segunda Guerra Mundial, as letras do LP falan en primeira persoa do descontento global; para iso, a banda sérvese de termos médicos, sen deixar de lado a simboloxía relixiosa e mística do seu debut, para explorar o malestar contemporáneo. Tan intensa como brillante, Diario de la plaga é unha colección de pezas que radiografía o impacto emocional dun mundo cada vez máis fracturado. Dipoñible en formato dixital e físico, o deseño do vinilo son unha serie de colaxes sobre lenzo do artista Xulián Sambade (Un Conjuro) inspirados en Diario del año de la peste (Daniel Defoe, 1722).

 

 

 

 

 

Blissphony, STONED AT POMPEII

STONED AT POMPEII é unha banda viguesa que entende o rock desde unha perspectiva contemporánea, modernizando o xénero e adaptándoo ao século XXI. Encomiados por crítica e público, os seus sons frescos e melodías actuais, influenciadas ás veces por estilos como o jazz ou a electrónica enchen xa tres discos, o máis recente, publicado a mediados de outubro. Blissphony (2024) é o resultado de tres anos de traballo, un tempo que os vigueses emplearon para compoñer 11 cancións nas que experimentan con novas instrumentacións, dándolle máis peso ás melodías. Con letras que van desde a enerxía e a melancolía ata a esperanza e o inconformismo, o segundo longo de SAP reflicte emocións profundas, explora novos territorios e redefine o rock un son que transcende xéneros e épocas.

 

 

 

 

 

En tu galaxia, ORZÁN

ORZÁN, banda de pop rock con influencias de indie e electrónica, convida o seu público a vivir en primeira persoa unha viaxe sonora, alternando entre a intimidade acústica e a enerxía vibrante do pop, que recolle no seu novo traballo discográfico. Dispoñible en plataformas dixitais desde o 11 de outubro, Galaxia (2024) é o seu primeiro EP; unha coidada colección de tres cancións con letras intimistas e melodías que tocan a alma.

 

 

 

 

 

Máis alá, BREO

BREO é un novo grupo revelación de folk que emana, e bebe, da tradición galega, mesturando a música tradicional e a cultura inmaterial de Galicia con novas sonoridades. O resultado é un una música contemporánea de raíz que comparten enriba dos escenarios cos seus directos potentes e frescos, concertos onde a banda traslada, coa forza de todos e cada un dos seus cinco compoñente, a importante e o valor de que as nosas músicas continúen vivas. Gravado en Estudios Bruar e publicado o 9 de outubro, Máis alá (Xingra, 2024) é o seu debut discográfico, un álbum que se erixe sobre o misticismo galego, os costumes e as lendas galegas; tres motivos que dan inspiración a cada unha das dez cancións que compoñen o longo e que, ademais, ofrecen ao oínte unha lembranza das figuras que acadaron que todos estes coñecementos chegaran aos nosos días: os nosos e as nosas maiores.

 

 

 

 

O neno que fun, Adrián Blanco

Canta historias que non pode contar. Logo duns anos xirando por verbenas galegas e, á vez, estudando guitarra clásica, Adrián Blanco decide sacar á luz cancións que tiña compostas desde había tempo. Agora dá un paso máis na súa carreira musical e publica o seu primeiro disco, O neno que fun (2024), un proxecto que «naceu nun momento de escuridade e rematou por axudarme a ver a luz e reconciliarme co pasado». O EP, composto por media ducia de cortes, conforma un canto á liberdade de amar, de ser, de querer; cantos ao amor, ao desamor, á infancia, á autoaceptación... tinguidos dunha mestura de guitarras, pop rock, indie e influencias latinas.

 

 

 

 

 

Obra social, ORTIGA

É a raíña da nosa cultura popular e el leva anos homenaxeándoa; a verbena, ese espazo íntimo, emocional e simbólico que ORTIGA reivindica desde os seus inicios, recuperando e expandido a música de baile, a cultura das orquestras e esa herdanza da música latina que se instalou con forza en Galicia. No seu terceiro traballo discográfico en solitario, Obra social (Raso Estudio, 2024), o artista compostelán redimensiona xéneros como o merengue, a bachata, a cumbia ou o electro-latino para crear así unha atmosfera de acollida e encontros, un «espazo de unión para os desamparados». Composto entre outubro de 2021 de abril de 2024 en diversos puntos de España, Italia e Marrocos, e gravado e mesturado por Hevi no Laboratorio Soyuz, Obra social presenta un universo onde estes xéneros populares tropicales-galegos se fusionan con estruturas máis propias do pop alternativo, a electrónica ou as músicas urbanas.

 

 

 

 

 

Chaos, Cochè Vil

O último de Cochè Vil, Chaos (2024), chegaba o pasado venres como resultado de meses de traballo; un álbum que foi medrando entre retos e desafíos, o principal deles o de incorporar a guitarra acústica nalgunhas composicións. A selección de sete cortes que recolle o álbum é unha entrega de rock progresivo composto, e interpretado, do xeito máis impecable. Para iso, Cochè contou de novo co colaborador e amigo Leonel Silva, a produción de Sebastián Mato e virtuosas colaboracións de artistas como Marco Minnemann, Jenny B, Derek Sherinian, Brian Petry e Danny Cavanagh. Dispoñible, polo de agora, en YouTube e en formato físico, vía Morgana Music, Chaos vén a reforzar o carácter único da banda como un «disco multifacético onde as diversas influencias e o talento de músicos excepcionais se fusionan para ofrecer unha experiencia musical de alto nivel».

 

 

 

 

Caras Be, Garza

O novo—e o primeiro deste mes—de Garza, Caras Be (2024), presenta cancións inéditas que o artista recolleu durante ensaios e sesións de gravación desde 2019 ata 2024. En total, son 22 composicións propias sen tratar apenas, en bruto, tal e como naceron en estudio; unha nudez que, segundo confesa o propio músico, reflicte o «longo e bonito que é o camiño da produción musical». Ademais dos sintetizadores e os samples, en Caras Be Garza a batería e mesmo a guitarra.

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2024 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2024 cos discos completos!

  noticias