ANTIFRÁGIL: «BUSCAMOS UN EQUILIBRIO ENTRE POTENCIA, EMOCIÓN E HONESTIDADE»

Din que da unión nace a forza e Antifrágil é claro exemplo diso. Liderada por Daniel S. Porritt, a banda con sede en Vigo xorde da xuntanza de músicos procedentes da vibrante escena local (Medusa, Pacífico, Moon Cresta, Glassonion). Grazas a seu cruce de influencias, o son da banda enriqueceuse desde a súa creación ata forxar unha proposta sólida que segue a evolucionar, explorando texturas e emocións intensas.
Logo de cativar ao público en salas e festivais do norte de España e Portugal, e capear a pandemia, a banda volve ao mercado discográfico con Máscaras (2025), o seu novo e agardado EP, que recompila os sinxelos publicados desde 2023 e unha versión inédita de ‘Miedo’ como bonus track.
Foto © Andreia Taboas de sietegatosblancos
Antifrágil comezou hai uns dez anos e pouco como un «exercicio de composición acústica» liderado por Daniel Soler Porritt. Como chega a converterse, pois, na banda que é agora?
Daniel Soler: «Sempre vivín rodeado de música. O meu pai ensinoume a tocar a guitarra desde pequeno e iso marcou un camiño que nunca deixei de explorar e crear.
Fun pasando por distintas bandas e estilos. Nao d’Ire era un proxecto de folk cunha instrumentación moi rica, con arpa, frauta travesa, violín, violoncello, percusión, piano... Eu era o único sen formación clásica e iso fixo que fose unha experiencia de aprendizaxe brutal.
Glassonion foi a banda na que máis tempo pasei. Comezamos con experimentacións musicais máis alternativas, pero co tempo fomos camiñando cara a un son máis próximo ao pop-rock. Nesa época xa experimentaba con sintetizadores e outros instrumentos; a medida que fun ampliando a miña biblioteca musical e os meus recursos compositivos, tamén me metín de cheo na produción musical, creando o meu home studio e comezando a gravar as miñas propias cancións.
O paso máis complicado foi empezar a cantar. Cando compós e interpretas, exposte dun xeito moito máis directo que tocando un instrumento. Pero ao compartir esas cancións cos músicos cos que sentía máis conexión e admiración, todo empezou a coller forma.
O punto de inflexión chegou cando Xácome Alcántara e máis eu comezamos a quedar todos os sábados para xogar coa música. O repertorio foi medrando e, aos poucos, foise sumando xente ao proxecto. Así naceu Antifrágil, como unha evolución natural da amizade e da exploración sonora».
Desde ese proxecto inicial ao Antifrágil actual non só pasaron varios anos, tamén houbo varios cambios no banco... de que xeito diriades que afectaron non só á banda como tal, senón tamén ao seu son?
Dani: «Cada cambio foi unha oportunidade de crecemento. Aprendín moitísimo de cada músico que pasou por Antifrágil, incorporando novos matices e enfoques. Ao mesmo tempo, fun medrando como vocalista e atopando unha identidade máis definida. Co paso do tempo, adquirimos máis confianza á hora de levar as cancións ao directo e puímos o noso son, que se foi endurecendo e volvéndose máis contundente».
Nillo: «A banda gañou forza e personalidade co tempo. O son evolucionou cara a algo máis cañero, máis roqueiro, sen perder a esencia inicial».
Dani. Foto © Andreia Taboas de sietegatosblancos
Por que «Antifrágil»? Que vos fixo escoller este termo para designar á banda?
Dani: «Foi unha casualidade. Ía conducindo e na radio estaban entrevistando a Nassim Taleb, o autor do libro Antifrágil (2012); falaba da idea de que o contrario de fráxil non é resistente, senón algo que mellora co caos e a adversidade. Pensei que esa era unha metáfora perfecta para o que queriamos facer: aceptar o caos, transformalo e saír reforzados del. Así que quedamos con ese nome».
Canto a referentes musicais, quen tivo un particular impacto no voso xeito de entender a música?
Dani: «Sen dúbida, o pop-rock británico foi unha gran influencia para min, con bandas como The Beatles, Radiohead, Kasabian, Stereophonicse o primeiro disco deColdplay, así como Editors e Foals. Ademais, o grunge dos 90 tamén tivo un papel importante, con grupos como Nirvana, Stone Temple Pilots, Alice in Chains e Soundgarden. Tamén destaco cantautores como Glen Hansard coa súa banda The Frames —probablemente o meu artista favorito— especialmente polo xeito no que xoga coas dinámicas. Tamén admiro a Ben Howardeartistas nacionais comoMaga, Niños Mutantes, Vetusta Morla, Standstill e Egon Soda».
Nillo: «Para min, The Beatlese Jeff Buckley son influencias fundamentais, pero tamén o son o grunge e o indie máis actual».
Nando Abril: «No meu caso, Led Zeppelin, Rage Against the Machine,Thelonious Monk e The Meters tiveron un impacto enorme.
Comprender e afondar nestes referentes influíu tanto no noso estilo ao tocar como na nosa forma de compoñer novas cancións».
Nunha entrevista, Daniel mencionaba que, aínda que o obxectivo da banda non era ser mainstream, tivestes que adaptarvos a certos formatos da industria, como cancións de dous ou tres minutos co retrouso ao comezo, para non quedar atrás. Como atopades o equilibrio entre facer a música que realmente queredes e axustarvos a certos estándares do mercado?
Dani:«Atopar o equilibrio sempre é un reto, pero non cremos que sexa necesario sacrificarnos en ningún dos dous sentidos.
Por unha banda, a nosa prioridade sempre foi ser fieis á nosa visión artística, pero tamén somos conscientes de que debemos conectar co público e atopar fórmulas que fagan a nosa música accesible sen perder a esencia. Algúns temas requiren formatos máis concisos, pero non significa que teñamos que traizoar a nosa esencia; buscamos condensar as emocións sen perder autenticidade».
Debutades con Antifrágil (2016) un disco que sacaba á luz cancións que levaban anos cociñándose a lume lento. Como lembrades o desenvolvemento deste primeiro traballo?
Dani: «O noso primeiro EP, Antifrágil (2016), foi unha especie de carta de presentación na que envorcamos cancións que levaban anos madurando. Moitos dos temas naceron en acústico, con guitarra e voz, e fóronse transformando ao longo do tempo ata encontrar o seu son definitivo. Rodeámonos de músicos locais que admirabamos e que viñan de outras bandas e, aos poucos, nos fomos convertendo nun proxecto máis sólido.
Aquel traballo tiña influencias moi diversas; desde o britpop ata a electrónica, pasando por sons máis experimentais e dinámicos. Destacaban as atmosferas envolventes, as guitarras con texturas e unha interpretación moi emocional. Foi unha etapa de aprendizaxe, de definir quen eramos como banda e de empezar a construír o noso camiño.
Presentámolo en directo con moita intensidade e aí foi onde realmente vimos que as cancións cobraban unha nova vida enriba do escenario. Mirando atrás, foi un punto de partida importante que nos permitiu evolucionar ata o que somos hoxe».
Este álbum exploraba terreos psicodélicos, pasaxes progresivas e toques de música electrónica, sen deixar de lado as estruturas pop-rock. Como foi a evolución do voso son ata chegar ao como soades agora?
Dani: «Aquel primeiro EP era unha exploración, un espazo onde mesturabamos todo o que nos influenciaba naquela época: dende a psicodelia e as texturas electrónicas ata estruturas máis clásicas do pop-rock alternativo. Había un gusto polas dinámicas e polos arranxos que creaban atmosferas densas, e iso é algo que aínda mantemos, pero agora de forma máis depurada e directa.
A evolución veu da necesidade de atopar un son máis propio, máis visceral e contundente. As influencias dos 90 fóronse facendo máis evidentes, con máis presenza dos riffs de guitarra e unha interpretación máis crúa e intensa. Co tempo tamén gañamos confianza en nós mesmos, e iso levounos a apostar por temas máis compactos e con máis pegada, sen perder a carga emocional e a intensidade que sempre nos definiu.
Cada novo lanzamento foi afinando esta evolución. Cancións como “Miedo” ou “Mentiras” teñen unha enerxía moito máis inmediata, pero sen perder esa sensación de capas e de evolución dentro do propio tema. Aínda nos interesa xogar coas texturas e cos cambios de dinámica, pero agora buscamos un equilibrio entre potencia, emoción e honestidade».
Nillo:«Fomos camiñando cara a un son máis contundente, directo e roqueiro, sen perder a riqueza que tiñamos ao principio. A evolución foi natural, guiada polas nosas propias experiencias e influencias. Seguimos xogando coas atmosferas e coas dinámicas, pero sen perder impacto».
Foto © Andreia Taboas de sietegatosblancos
Ao fío, a que soa Antifrágil? Como describiriades a vosa música?
Dani: «A nosa música é unha mestura de rock alternativo e pop, con pinceladas de psicodelia e elementos progresivos. Buscamos sempre xerar emocións intensas, cunha sonoridade que teña impacto e que, ao mesmo tempo, convide á reflexión.
Antifrágil soa a intensidade, a emoción e a contrastes. Facemos cancións con envoltorios de texturas e intensidade sonora, aceptamos o caos e saímos a flote na súa tormenta.
A nosa música ten unha base de rock alternativo con moita influencia dos anos 90, pero sen medo a incorporar elementos de post-rock,psicodelia e britpop. Somos pop polas melodías e polas cancións; rock polos riffs de guitarra e a enerxía; e psicodelia polas atmosferas e as texturas sonoras que creamos.
O noso son é directo e emocional, pero tamén cheo de matices. Os nosos temas buscan xerar conexión co público, deixar pegada tanto nos directos como nas gravacións. En definitiva, soamos a algo que quere ser sentido, que golpea e que tamén deixa espazo para respirar e reflexionar».
Logo de sete anos de silencio discográfico, a finais de 2023 lanzabades Irreversible, un EP que contiña un corte homónimo e un par de remixes desa mesma peza. Con todo, “Irreversible”, o tema, xa o escoitaramos anos antes, en 2019, en YouTube. Ademais da pandemia, por que a dilación entre ambos lanzamentos? Foi “Irreversible” concibida para ser parte dun álbum que finalmente non viu a luz?
Dani: «A pausa entre lanzamentos non foi premeditada, pero si necesaria. Irreversible chegou nun momento no que necesitabamos reformularnos como banda, tanto a nivel interno como no noso enfoque artístico. Pasamos por cambios de formación e por unha etapa de procura dun son que realmente nos definise. Durante eses anos estivemos compoñendo, experimentando e tocando en directo, pero sen unha folla de ruta clara para un lanzamento a longo prazo.
Cando gravamos Irreversible no estudio do Náutico de San Vicente en 2019, sentiamos que era un tema clave para marcar a nosa nova etapa. Era unha canción que falaba de cambio, de aceptar o paso do tempo e seguir adiante, e acabou converténdose nunha declaración de intencións. A pandemia atrasou os plans de lanzamento, pero tamén nos deu o tempo para reformular a nosa estratexia e decidir que non tiñamos que apresurarnos para sacar un álbum enteiro».
E xa que falamos dela, a nivel grupo, como vos afectou a pandemia?
Dani: «A pandemia parou toda a engrenaxe de ensaios e directos, pero tamén foi unha época que nos deu tempo para compoñer máis. A situación emocional influíu moito nas cancións, e moitas delas reflicten o que estabamos a vivir.
Ao rematar a pandemia, tiña moitas ideas novas e ganas de entrar no estudio».
Nillo. Foto © Andreia Taboas de sietegatosblancos
Sete días despois do lanzamento de Irreversible, sorprendédesnos coa publicación de “Miedo”, unha peza que presentastes como adianto dun vindeiro traballo. Por que escoller esta canción como carta de presentación do que estaba por vir?
Dani: «“Miedo” foi a elección natural para abrir esta nova etapa porque encapsula moitos dos elementos que queriamos destacar do noso son actual: enerxía inmediata, crueza e intensidade emocional. É unha canción curta, directa e visceral, que reflicte perfectamente a pegada dos noventa que nos caracteriza, pero cun enfoque máis afiado e sen concesións.
Despois do lanzamento de “Irreversible”, que era unha peza máis introspectiva e expansiva, queriamos romper coas expectativas e demostrar que tamén podiamos ser contundentes e explosivos. “Miedo” representa esa sensación de inquietude e loita interna, un tema que fala desa forza que nace do caos, algo que resoa moito connosco e coa esencia de Antifrágil.
Foi a carta de presentación perfecta para a serie de singles que viñeron despois, marcando un cambio de ritmo e unha nova dirección na nosa traxectoria».
En febreiro lanzastes Máscaras (2025), un álbum de cinco cortes que marcaron a vosa última etapa creativa. Como a definiriades?
Nando Vudu: «Penso que estamos a buscar un son “antifrágil”, onde as guitarras se mesturan con ambientes de rock psicodélico, e as letras contan historias que che fan imaxinar situacións familiares».
Dani: «Máis que un disco conceptual, este conxunto de cancións reflicte unha etapa de transformación e reafirmación para Antifrágil, onde fomos construíndo o noso son con cada lanzamento.
Se tivésemos que definir esta etapa, diríamos que foi unha procura da identidade a través da intensidade e da honestidade. Cada tema aborda emocións universais desde un enfoque directo pero tamén evocador, xogando con dinámicas e texturas que nos achegan ao rock alternativo dos noventa sen perder a nosa personalidade.
Tamén foi unha etapa de consolidación visual, xa que cada single veu acompañado dun videoclip cunha narrativa coidada e estética moi cinematográfica. Apostamos por ofrecer unha experiencia completa, onde o son e a imaxe reforzasen a mensaxe de cada canción. Con “Tú y Yo”, que pecha este ciclo, sentímonos preparados para dar o seguinte paso e abrir unha nova etapa na nosa música».
O disco chegou logo de meses de adiantos –unha campaña que comezou con aquel “Miedo” que comentabamos. O de ir publicando tema a tema seguiu algún tipo de estratexia?
Dani: «Si, a decisión de lanzar os temas un a un non foi casualidade, senón unha estratexia moi meditada. Hoxe en día, coa forma en que o público consume música e co ritmo das plataformas de streaming, publicar singles permite manter a atención durante máis tempo e darlle a cada canción o seu momento para brillar.
Cada tema foi unha peza dentro dun proceso máis amplo, onde fomos construíndo a identidade sonora e visual de Antifrágil pouco a pouco. “Miedo” abriu esta etapa cunha explosión de enerxía, “Marioneta” achegou unha faceta máis emocional, “Ausente” xogou coa melancolía e a intensidade, “Mentiras” mergullouse nunha estética sci-fi e “Tú y Yo”pechará este ciclo cun toque máis épico e directo.
Ademais, esta estratexia permitiunos explorar diferentes narrativas nos videoclips, facendo que cada lanzamento fose unha experiencia completa. Máis que lanzar un álbum dunha vez, queriamos que cada canción tivese o seu espazo e que o público puidese ir descubrindo o noso son paseniñamente, xerando unha conexión máis profunda con cada tema».
Foto © Andreia Taboas de sietegatosblancos
Descubrimos que o título, Máscaras, non foi escollido ao azar... cal é a historia detrás del?
Nillo: «As máscaras representan esas diferentes facetas que todos temos. O disco reflexiona sobre como nos mostramos ao mundo e como, a veces, ocultamos o noso verdadeiro eu detrás dunha máscara».
Dani: «[Risos] Realmente hai unha parte de coincidencia cando atopamos que todos os videoclips tiñan unha máscara e que ese símbolo funcionaba perfectamente como fío condutor».
De que xeito trasladades a dualidade da identidade humana que representan as máscaras ás cancións do EP?
Dani: «As letras e os sons do disco exploran esa dualidade constantemente. Cada tema trata de sentimentos contrastados, como o medo e a esperanza, ou a soidade e a conexión».
En cada videoclip, utilizades unha máscara diferente, por que? Que significa cada unha?
Dani: «Cada máscara representa unha emoción ou estado de ánimo distinto que queriamos destacar en cada canción. Así como as máscaras nos ocultan, tamén nos protexen, e xogan con esa idea de transformación.
De todos os xeitos gústanos sempre deixar a porta aberta á interpretación subxectiva do espectador».
Máscaras abraza o caos e convérteo na súa identidade. De onde vén este desorde? Diriades, pois, que é o fío condutor do disco?
Nando Vudu: «É un desorde organizado. Temos un propósito claro: soñar esperto. O caos ás veces é necesario para crear algo con significado».
Nando Vudu. Foto © Andreia Taboas de sietegatosblancos
“Tú y yo” parece contar a historia dunha persoa que chegou a salvarvos. O tema amosa unha visión máis positiva que o resto do álbum; contrasta ao afastarse da incerteza que domina o EP. Foi este contraste intencionado?
Nillo: «Si, foi totalmente intencionado. “Tú y yo” é un respiro de esperanza dentro do caos. Quixemos que esa canción destacase por iso, para dar un punto de luz no medio da escuridade».
Dani: «Si, totalmente. “Tú y yo” funciona como o peche desta etapa e, ao mesmo tempo, como unha luz ao final do camiño. Viña precedida por temas cargados de tensión, medo, ruptura e transformación, polo que queriamos que esta canción achegase unha sensación máis esperanzadora, case como unha redención.
A nivel emocional, representa ese momento no que, despois de atravesar incertezas e loitas internas, atopas unha conexión real e sincera que che dá forzas para seguir. Non é que deixe atrás a intensidade ou a emoción, pero si ten un punto máis cálido e resolutivo, como se toda a viaxe que percorremos co resto dos temas nos levase ata aquí.
Foi un contraste intencionado, porque cremos que, dentro da evolución do EP, tiña sentido rematar cunha mensaxe máis afirmativa. Despois de todo o caos e as sombras, “Tú y yo” chega como unha reafirmación, unha chama que se mantén en pé a pesar de todo».
Dicides que a composición dos vosos temas a facedes entre todos. Como é ese proceso creativo conxunto?
Nillo: «Normalmente partimos dunha idea que alguén trae: unha progresión de acordes, unha frase, ou unha melodía. A partir de aí, imos traballando todos xuntos ata que a canción cobra vida».
Nando Vudu: «O grupo comezou con un compositor, logo dous, e agora todos contribuímos. Traballamos xuntos ata atopar ese punto no que cada un achega algo único á canción».
Foto © Andreia Taboas de sietegatosblancos
En “Ausente” traducides o sentimento de perder algo que nunca chegou a ser. Non é a única emoción que compartides no disco, que alguén definiu como «a banda sonora para quen precisa música que non só se escoite, senón que tamén se sinta». Como de complicado é plasmar sentimentos nas cancións?
Nillo: «É complicado, pero cando consegues emocionarte co que escribiches, sabes que estás no bo camiño. Se che toca a ti, probablemente toque a quen escoite».
Dani: «No meu caso é que as cancións sempre saen dos sentimentos, son esa terapia necesaria para sacar algo que non sería capaz de expresar de outro xeito. E o falar de sentimentos, algo tan universal, está claro que ten que haber outras persoas no mundo que están a vivir unha situación similar».
Gravado exclusivamente con teléfonos móbiles, o videoclip de “Ausente” foi galardoado como Mellor Videoclip nos Premios Maketón de Los 40 Vigo. Que significa este recoñecemento para vós? Agardábalo?
Nando Vudu: «Sempre é unha alegría que che recoñezan o traballo. Máis que agardalo, deséxalo, porque sabes que os demais candidatos tamén están a un nivel moi alto, e estar entre eles xa é un premio en si».
Nando Abril. Foto © Andreia Taboas de sietegatosblancos
Ademais de “Miedo”, no álbum tamén escoitamos “Miedo – Cara B”, unha versión cun inicio menos cru. Por que esa versión atenuada e por que escollela como peche do disco?
Dani:«Realmente esta é a versión orixinal da canción e non queriamos deixala fóra. Tratámola como ese “tema extra” que tes nun EP e non nos singles se chegásemos a facer unha edición física.
A versión inicial co son máis cru xurdiu como proposta do noso produtor Javier Abreu, que quería arrincar cun primeiro tema sorprendente, sen intro de guitarras coa voz como primeiro son a escoitar».
Ponteareas, Vigo, Madrid ou Porriño xa foron testemuña de escoitar Máscaras ao vivo. Como está a ser a acollida do disco en directo?
Nando Vudu: «A acollida está sendo moi boa, tanto para nós como para o público. Estamos sentindo unha conexión moi especial nos concertos».
O Surfing de Lérez, o Vigo Seafest ou o Verdoejo Art Rock Fest son algúns dos festivais nos que tocastes. Se tiverades que elixir: sala ou festival?
Nando Vudu: «Penso que un festival permite crear un ambiente incrible para o noso son. Festival, sen dúbida».
Dani: «Cada escenario ten o seu encanto e depende moito do que queiramos transmitir en cada momento.
Os festivais son unha oportunidade incrible para conectar con novo público, xente que pode non coñecernos e que se deixa sorprender pola nosa proposta. O ambiente é diferente; hai unha enerxía especial e unha sensación de celebración que fai que os concertos sexan moi intensos. Ademais, compartir cartel con outras bandas sempre é enriquecedor e axuda a crear comunidade dentro da escena.
Pero se tivésemos que elixir, probablemente quedaríamos coas salas. A intimidade que se crea nun concerto de sala é difícil de replicar noutro contexto. A proximidade co público fai que cada actuación sexa máis persoal, máis crúa e auténtica. Podemos xogar máis coas dinámicas, coas atmosferas e coa conexión directa cos que están alí.
En definitiva, os festivais danche visibilidade e momentos inesquecibles, pero as salas permítenche contar a túa historia de forma máis profunda e visceral. Ambas opcións son necesarias e complementarias para unha banda como nós».
Nando Abril: «Hai que elixir?? [Risos]».
Foto © Xavi Iglesias
Mencionades que os vosos directos se caracterizan pola vosa enerxía e intensidade. Cando, e onde, poderemos volver desfrutarvos en directo?
Dani: «Temos datas por anunciar en Pontevedra e Vigo. Ademais, temos pendente A Coruña e non descartamos Santiago. Tamén estamos negociando con varios festivais, aínda que non hai nada confirmado polo de agora».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Nando Abril: «Carlos Ares».
Nando Vudu: «Cala Vento, aínda que non son galegos».
Dani: «Eu son fiel aos vellos coñecidos: Eladio y los Seres Queridos (que sacan disco con colaboracións pronto), Holywater, Inerttes, Best Boy (dos que espero ter novas proximamente), Ghost Beast... Podería seguir de forma infinita porque non só hai moitas bandas que me gustan... é que moitos son bos amigos.
Das novas propostas divírtome moito con Treintañeras Cañeras e, hai unhas semanas, coincidimos con Montedapena que agardo se converta no Paco Amoroso galego».
Se abriésemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% sinceridade, 0% vergoña.
Nillo: «Faith No More, Beatles, Jeff Buckley, Foo Fighters... e moita música infantil!».
Nando Abril: «Carlos Ares».
Nando Vudu: «Un pouco de todo: jazz, funk, rock... e algo de electrónica. Desde Radiohead a Primus, Pixies, The Fratellis ou Audioslave».
Dani: «Glen Hansard, Ben Howard, Queens of the Stone Age, Foals, Beatles... Este ano estou escoitando moito a Catriel e Paco Amoroso, e descubrín recentemente a Maestro Espada e Corazones Eléctricos».