NOVOS LANZAMENTOS. OUTUBRO 2025

“Vueltas”, Marvin L
A agarda pagou a pena. Seis anos despois de publicar Marvin’s Room (2019), a súa última referencia, Marvin L regresa con Vueltas (2025). O artista lucense, que comezou no rap e foi expandindo o seu son cara ao R&B, o neo-soul e a electrónica, regresa cun disco máis maduro e atmosférico, no que a produción coidada e a expresividade vocal conviven con letras máis introspectivas. Gravado, mesturado e masterizado por Jahel Piñeiro en 8 Estudios (Lugo), o título non é aleatorio, xa que o álbum semella xirar arredor da idea de cambio e retorno, das voltas vitais e musicais que marcan a traxectoria dun artista que se move con naturalidade entre a melancolía e o groove.

“Bríllanche os olliños”, Sabela
Logo de adiantos como ‘Hi, My Love’, ‘Camponarai’ ou ‘Cerca de ti’, Sabela vén de descubrir o resto do seu agardado novo EP. Bríllanche os olliños (2025) é unha proposta na que a nova artista galega traslada ao ámbito musical a súa afinidade coa vida e o espírito do noso rural, como oficios, lendas ou figuras galegas.. E é que con este disco, Sabela quere reivindicar «o local como concepto do que nace todo» e, desde aí, construír un contexto no que conflúen as distintas facetas da vida na aldea, chegando mesmo á portada, asinada por Pérez, ilustrador e tatuador viveirense. Os seis temas que recolle Bríllanche os olliños navegan polas capas de pop electrónico: desde vertentes máis eufóricas ata ambientacións intimistas, eclécticas e cargadas de experimentalismo. Así o levamos escoitamos desde o primeiro single e así o volve demostrar no derradeiro, ‘Non cho podo dar’ —en colaboración coa súa compañeira de Operación Triunfo, María Escarmiento— unha canción que nace do amar sen culpa, fóra das normas establecidas, acompañada dun videoclip rodado en Cervo (Lugo) que invoca a lenda da Maruxaina como símbolo de liberdade.

“Bokeh”, BALEAS
En “Bokeh”, BALEAS ofrece tres intensas viaxes sonoras —“Gaijin”, “Ammil” e “Hsam”— nun EP que funciona como un desenfoque emocional: borrar o ruído para atopar a luz que salva e reconforta. Inspirado polo efecto fotográfico que lle dá nome, o disco filtra sentimentos de rabia, angustia e esperanza a través dese son que se move entre o pospunk, o shoegaze e a experimentación atmosférica. As guitarras crean espazos densos, as voces navegan entre a vulnerabilidade e a forza, e a produción potencia cada matiz con precisión e calidez. A través das tres pistas do álbum, BALEAS fala de resistir, de manterse á boia nun mundo saturado de escuridade; cada tema é un xeito de canalizar o malestar e transformalo en claridade, como se dun proceso catártico se tratase. Las fotografías de Luján Grassi que serviron de base para as portadas reflicten tamén esa procura interior, ese refuxio no que a banda galega convida a parar, a respirar e lembrar que, mesmo no bokeh, sempre hai unha luz que segue a brillar.
“Ancient Rites (Void+1 Recordings)”, Cora Novoa
En Ancient Rites (Void+1 Recordings) (2025), Cora Novoa presenta un manifesto sonoro contra a homoxeneización do techno contemporáneo, apostando pola “idea” como forza motriz por enriba das tendencias e algoritmos. O EP de catro pistas —“New Romantic”, “Economy of Attention”, “Birmingham” e “Ancient Rites”— combina contundencia rítmica, tensión conceptual e estética cinematográfica, movéndose entre o techno, o IDM e o breakbeat. Composto e producido integramente por Novoa, e masterizado por Nikola Grebovic, o disco destaca pola súa densidade e coherencia, propoñendo unha electrónica reflexiva e visceral que desafía o automatismo da escena actual.

“Motivos Para:”, Naitinain
Lemos por redes que, entre o primeiro sinxelo adianto —“Piedras”— e a publicación do disco completo pasou tanto tempo que un seguidor «estaba en 2º da ESO e agora estou casado e con catro fillos». Non, non tanto, só que o ano entre ambos se fixo eterno para máis dun. Naitinain está a presentar o seu novo, e agardado, traballo discográfico, Motivos Para: (2025), un EP que chega para consolidar a súa identidade sonora, nun punto intermedio entre o pop-rock contemporáneo e a música tradicional galega, á vez que amosa a súa evolución cara sons máis urbanos e electrónicos; sintetizadores que gañan peso e comparten protagonismo coa presenza de gaitas, frautas e pandeiretas. Nesta nova entrega, a banda compostelá presenta unhas letras máis maduras envoltas nunha produción máis ambiciosa e pulida, obra de Chris Indian, escoitamos seis cortes frescos, coidados, recoñecibles, que medran sen romper co pasado.

“Manual de Misturas (Remix)”, Zavala
En marzo deste ano publicaban o segundo volume daquel «pequeno manual para grandes cambios: teoría e práctica», un longo no que Zavala completaba o universo sonoro que comezaran a descubrir dous anos antes. As catorce cancións que conformaban o disco continuaban a explorar as mesmas liñas temáticas e sonoras que o anterior, mesturando electrónica e música tradicional, xogando entre o orgánico e o sintético. Agora, meses despois, o grupo ferrolán vén de lanzar Manual de Misturas (Ferror Records, 2025), EP de —como ben sinala o título— mesturas de cancións recollidas nesa segunda entrega asinadas por Vega Scan e KOS Project.

“El Cuarto Dorado”, CORA
CORA, o dúo de ultrapop formado por @coravelascopedrosa e Carlos Gil, veñen de lanzar El Cuarto Dorado (2025), o seu primeiro disco conxunto. Máis de dous anos de traballo e procura recollidos nun álbum de pop sereno e luminoso que reparten en once cancións: sete delas son da etapa de Cora como solista, tres foron compostas conxuntamente e unha versión do mítico pasodobre ‘Suspiros de España’. En 43 minutos, Cora e Carlos serven un álbum no que conviven o pop, o jazz e a canción de autor, unha fusión que tingue letras nostálxicas, pero tamén festivas, debuxando un mapa emocional que convida o oínte a «percorrelo» sen présas. Para El Cuarto Dorado, CORA contou coas mans expertas de Manu G. Sanz na mestura e o máster, mentres que Plácido Vinseiro fixo o seu como enxeñeiro de guitarras en ‘Un deseo inédito’ e ‘Ahora voy yo’.

“Live at Teatro Colón”, Xosé Miguélez
O saxofonista galego Xosé Miguélez lanza o seu novo traballo discográfico, Live at Teatro Colón (Tiny Moon Records, 2025), que chega tres anos despois daquel Contradictio (Origin Records, 2022). Composto por catro pistas gravadas no emblemático Teatro Colón da Coruña, o álbum ofrece unha mostra de jazz en vivo cargado de emoción e complicidade. O saxo de Miguélez guía o discurso musical con fonda expresividade, dialogando con total liberdade co piano do recoñecido Jean-Michel Pilc. Á «charla», súmanse a solidez do contrabaixo de Carlos Barretto e a intensidade rítmica de Marcos Cavaleiro á batería. Este directo é un grande exemplo da cohesión e madurez dun cuarteto que baila entre a delicadeza melódica e a forza expresiva, mantendo a atención do público ao longo dos seus 40 minutos de duración. Alí enriba, xuntos os catro, conforman un universo sonoro onde a improvisación e a elegancia van da man.

“Momento”, Escuchando Elefantes
O primeiro venres de outubro, e logo de lanzar un par de adiantos, Escuchando Elefantes publicaba o seu novo traballo discográfico, Momento (2025), un álbum conceptual que redefine a despedida, apostando pola beleza dese «instante suspendido no tempo». Nas 11 cancións que recolle o longo, o dúo presenta un son no que conflúen guitarras acústicas, texturas envolventes e unhas voces que cargan co peso da experiencia; un son que arroupa letras melancólicas, esperanzadoras, interpretadas con coa forza e garra que caracteriza a Escuchando Elefantes desde os comezos. Durante os pouco máis de 40 minutos de duración, o dúo tamén deixa espazo ao silencio e a emoción, convertendo cada canción nun reflexo deses «momentos» que dan nome ao disco.
🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!
🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!

