FØ Records é un colectivo de trap, drill e hip-hop de Negreira, Galiza, fundado en 2019. O grupo está formado polos rapeiros Puto Rumeinian (Bogdan Anestiadi), Camel B. (Álvaro Alvite), goodboy.Xd (Raúl Rey) e og coulomb (Jesús Suárez). Ademais de facer música, o grupo dedica especial atención á parte audiovisual, con numerosos videoclips de produción e dirección propia, e unha estética diferenciada e presente durante toda a súa breve traxectoria.O colectivo autoeditou ata o momento dous proxectos e varios sinxelos: en agosto de 2019, lanzan "A porrallada", o primeiro sinxelo e, probablemente, o seu tema máis recoñecido ata o momento. A súa mixtape debut, "O Club do Pitillo", saíu en febreiro de 2020, semanas antes do comezo do estado de alarma provocado polo coronavirus. No primeiro verán durante a pandemia, publican "Lume", corte cun videoclip que os leva a gañar o Premio Youtubeiras 2020 na categoría musical.Xa en 2021, sae "Plăcinte", o segundo proxecto do colectivo e a estrea como protagonista do rapeiro Puto Rumeinian. Durante o verán dese mesmo ano, viron a luz dous temas máis: "Noites de verán", de og coulomb e "Uh, iah!", de Camel B.
Contratación
FØ Records +34 608 093 742 contacto@forecords.gal