Aínda quedan enamorados dos sons analóxicos e crus, amantes da distorsión como Exeria, sendo románticos no detalle e na sutileza. O seu estilo estaría nun punto común entre o grunge, o stoner, o rock dos 90 e mesmo o britpop, todo aderezado con letras en galego. As raíces son importantes para calquera proxecto, e o sentimento de pertenza a un lugar e tempo concretos determina unha mirada e un xeito de crear as súas cancións.Tras a presentación de “Un novo nome” en marzo deste ano, a súa posterior xira por toda Galicia e gañar o concurso de bandas no Trece Roeis Fest 2023, a banda do Condado segue avanzando a pasos axigantados na súa aventura artística.O 27 de outubro estrean o novo sinxelo “Ata que sexamos reis”, que vai acompañado dun videoclip dirixido por Nazaret Pastoriza e protagonizado polas máscaras do recuperado Entroido dos Mudados e Perriñas de Ribadetea (Ponteareas). O tema foi gravado nos estudios Lufs, atopándonos cunha das cancións máis celebradas do seu potente directo. A portada do sinxelo foi deseñada polo artista Adrián Rodríguez Parcel e reflicte á perfección o tema da canción, que trata dos esforzos que realizan os protagonistas para acadar os seus obxectivos —sexan amoríos, conflitos internos ou escaladas de poder— temas que o grupo aborda en clave case pop rock, con retrousos contundentes e partes máis oníricas, ambientais e melódicas.
Contratación
TOXO VERDEClara +34 665 94 95 99 management@toxoverde.gal